Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 24 de maio de 2022 Páx. 30492

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 6 de maio de 2022 pola que se establecen as bases do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia e se convoca para o ano 2022 (código de procedemento CT237A).

As bibliotecas constitúen servizos culturais e informativos da máxima relevancia para unha sociedade avanzada. A través delas posibilítase o cumprimento de importantes mandatos como son o acceso da cidadanía á cultura, á información e á formación libre e gratuíta.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de conformidade co Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, ten atribuídas as competencias de promoción e difusión da cultura, para potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

Así mesmo, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, coordinar a adaptación aos cambios tecnolóxicos, sociais e profesionais que afecten os servizos bibliotecarios, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

Neste sentido e co obxecto de promover e poñer en valor os cambios substanciais que se están a desenvolver nas bibliotecas públicas co fin de satisfacer as necesidades das persoas usuarias, esta consellería pretende recoñecer o labor das bibliotecas coa concesión dun premio aos proxectos ou boas prácticas innovadores que se están a realizar nas bibliotecas públicas galegas.

Establécense dúas categorías en función da poboación do municipio en que se asente a biblioteca, dotada cada unha delas cun premio de igual contía. Desta forma, preténdese favorecer a participación de pequenas bibliotecas, que por ter recursos máis limitados poden atopar dificultades para presentar proxectos que concorran cos dos grandes centros bibliotecarios. Deste xeito, aspírase a impulsar o desenvolvemento de iniciativas innovadoras nos pequenos concellos, que a pesar de contar con menos medios poden ter un impacto relevante a nivel local e servir como exemplo e referente para ser replicadas noutras poboacións, contribuíndo así a espallar os beneficios do acceso á cultura por todo o territorio.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase o Premio á innovación bibliotecaria de Galicia para o ano 2022 e establécense as bases reguladoras polas que rexerá a súa concesión (código de procedemento CT237A).

Artigo 2. Obxectivo

O Premio á innovación bibliotecaria de Galicia ten como obxectivo impulsar e visibilizar os proxectos e boas prácticas innovadoras levadas a cabo polas bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais de Galicia, que busquen resultados positivos para a persoa usuaria e que sexan pertinentes e adecuados ao contexto local onde se implantan.

Artigo 3. Destinatarias

1. Poderán optar a este premio as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os demais requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. As entidades que poden ser beneficiarias poderán presentar a súa solicitude de xeito individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no punto anterior, coas que participen no desenvolvemento de proxectos ou boas prácticas comúns. Neste suposto, todas as entidades solicitantes deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos nesta orde.

En particular, deberán facerse constar expresamente os compromisos asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe do premio que se vai aplicar por cada unha delas, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarias. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, no suposto de resultar premiado, lle corresponden á agrupación.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Proxectos e boas prácticas

1. Poderán concorrer á convocatoria de premio aqueles proxectos ou boas prácticas xa executados e desenvolvidos por algunha das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais galegas de titularidade da entidade solicitante, relacionados con algunha das seguintes áreas:

– Fomento da lectura: novas canles, novas linguaxes e novos lectores.

– Aprendizaxe ao longo da vida e adquisición de competencias informacionais e dixitais.

– Posta en funcionamento de novos servizos ou redefinición dos existentes.

– Difusión da biblioteca e dos seus servizos.

– Participación cidadá, cohesión social e atención á diversidade.

– Igualdade entre homes e mulleres e loita contra a violencia de xénero.

– Contribución aos obxectivos da Axenda 2030 non relacionados directamente coas áreas anteriores.

2. Para os efectos desta orde, considérase:

– Proxecto: o conxunto de actividades concretas, interrelacionadas e coordinadas entre si cun obxectivo común, que se realizan co fin de producir determinados bens ou servizos capaces de satisfacer necesidades ou resolver problemas.

– Boa práctica: unha experiencia ou actividade sinxela e concreta que xorde como resposta a unha situación que é necesario modificar ou mellorar.

Non terán a consideración de proxecto ou boas prácticas as memorias de actividades dunha biblioteca ou a suma de accións individuais sen interrelación entre elas ou coa área elixida para o proxecto.

3. A execución do proxecto ou boa práctica debe estar comprendida no período máximo de tres anos anteriores á publicación da convocatoria.

4. Os proxectos ou boas prácticas deberán orientarse a buscar resultados positivos para a persoa usuaria e ser pertinentes e adecuados ao contexto local onde se implantan. Ademais, deberán ser innovadores, sostibles no tempo e replicables en condicións similares en situacións distintas.

Artigo 5. Premio, contía e financiamento

1. Establécense dúas categorías en función da poboación do concello. Nunha categoría participarán aquelas entidades locais que conten cunha poboación de ata 10.000 habitantes mentres que outra categoría está formada por entidades locais de máis de 10.000 habitantes.

Para a asignación á categoría que corresponda terase en conta a cifra oficial de poboación do concello o 1 de xaneiro de 2021, segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística.

No caso de que concorran varias entidades de forma conxunta, tal como se establece no artigo 3.2, terase en conta a poboación do maior dos concellos participantes.

2. Cada unha das categorías estará dotada cun premio de 3.000,00 € e un distintivo de biblioteca innovadora que se poderá colocar nun lugar visible da biblioteca, no seu blog, páxina web ou outros recursos dixitais.

3. O premio concederase con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.760.3, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 e terá un importe total final máximo de 6.000,00 €.

Artigo 6. Procedemento e normativa reguladora

1. O premio concederase por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

4. En todos aqueles extremos non previstos nas devanditas normas rexerá, con carácter supletorio, a Lei 39/20015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou calquera outra disposición normativa que, pola súa natureza, puidese resultar de aplicación.

Artigo 7. Compatibilidade

Os premios concedidos ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outro premio ou axuda que puidese ser concedida para a mesma finalidade.

Artigo 8. Presentación de solicitudes

1. As entidades locais de Galicia poderán presentar un máximo de dous proxectos ou boas prácticas postos en marcha polas bibliotecas e/ou axencias de lectura da súa titularidade, sexan de forma individual ou de forma agrupada con outras entidades.

2. Cada proxecto presentarase nunha solicitude separada, dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo establecido nesta orde.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo I), unha memoria descritiva do proxecto ou boa práctica, coas seguintes epígrafes:

a) Descrición pormenorizada.

b) Desenvolvemento e resultados.

c) Criterios e procedementos de avaliación da súa efectividade, indicadores utilizados e resultado da súa aplicación, con comparativa entre resultados anteriores ao desenvolvemento da actividade e posteriores.

d) Posibilidades de prolongación e/ou mellora do proxecto.

e) Méritos alegados en todos ou algúns dos aspectos recollidos no artigo 16 desta orde (criterios de valoración).

f) Ligazóns á documentación de interese e ao proxecto presentado.

Os datos do proxecto poderán completarse con fotografías, vídeos, e calquera outro material que sirva para contextualizalo e apoialo documentalmente.

A memoria deberá presentarse en galego, segundo as normas ortográficas establecidas pola Real Academia Galega e non poderá exceder de 15 páxinas, en tamaño A4, con interliñado sinxelo e cun tamaño de letra, como mínimo, de 12 puntos.

Non se aceptarán proxectos que non se adecúen ao esquema descrito.

2. No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de concellos, deberán achegar, ademais:

a) Documento en que se acorde a presentación conxunta da solicitude, a autorización á entidade sinalada como representante para presentar a solicitude en nome do resto e a contía do premio que solicita cada un deles.

b) Declaración de datos de cada unha das entidades solicitantes adicionais segundo o anexo II.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa AEAT.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase ao solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se lle terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Comisión de Avaliación

As solicitudes presentadas serán avaliadas por unha Comisión de Avaliación do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia, coa seguinte composición:

– A persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura ou persoal da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro en quen delegue, que actuará como presidente/a da Comisión.

– A persoa titular do Servizo do Sistema de Bibliotecas (vogal).

– 2 bibliotecarias/os en representación das bibliotecas públicas xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade (vogais).

– 2 bibliotecarias/os en representación das bibliotecas públicas municipais de concellos que non presentaran candidaturas ao premio (vogais).

– 1 representante dunha asociación profesional de bibliotecarios/as (vogal).

– 1 persoa funcionaria da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro que actuará como secretaria/o da Comisión, con voz e sen voto.

Os membros da Comisión serán designados pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura e esta designación publicarase no prazo máximo de dez (10) días desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes na páxina da web da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (https://rbgalicia.xunta.gal).

Artigo 16. Criterios de valoración dos proxectos ou boas prácticas

1. Para a selección dos proxectos e boas prácticas teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Carácter innovador ou orixinalidade (ata 10 puntos).

Valorarase a orixinalidade, creatividade, carácter innovador e pioneiro do proxecto e boa práctica, tendo en conta que impliquen non só unha acción novidosa senón un modo diferente e creativo de realizar prácticas tradicionais ou de reorganizalas.

b) Implicación da comunidade no deseño e desenvolvemento do proxecto ou boa práctica (ata 3 puntos).

Valorarase a participación das seguintes entidades e colectivos:

– Asociacións e institucións culturais e sociais e sector empresarial.

– Centros educativos e de formación.

– Sector sociosanitario.

Asignarase ata un punto pola participación no proxecto de cada un destes sectores ou institucións, podéndose sumar as diferentes categorías ata o máximo de 3 puntos.

c) Alcance e relevancia para diferentes tipoloxías e colectivos das persoas usuarias (ata 5 puntos).

Valorarase a súa utilidade para diferentes colectivos de persoas usuarias:

– Persoas con diversidade funcional (persoas con discapacidade ou limitación física ou motriz, sensorial, intelectual ou psíquica).

– Colectivos con necesidades especiais (migrantes, minorías étnicas, minorías lingüísticas, etc.).

– Persoas en risco de exclusión social.

– Persoas adultas e terceira idade.

– Público infantil e xuvenil.

Asignarase ata un punto por cada unha das tipoloxías e colectivos destinatarios do proxecto, podéndose sumar as diferentes tipoloxías ata o máximo de 5 puntos.

d) Medidas empregadas pola biblioteca para darlle publicidade ao proxecto ou boa práctica e aos resultados obtidos, e repercusión nos medios de comunicación (ata 4 puntos).

– Medidas de difusión nos medios da propia biblioteca (carteis, folletos informativos, páxina web, redes sociais, etc.) (ata 2 puntos).

– Repercusión en medios de comunicación (prensa escrita, radio ou televisión) (ata 2 puntos).

e) Beneficios e resultados obtidos (impacto, indicadores empregados para a avaliación) (ata 4 puntos).

Teranse en conta os indicadores empregados e resultados obtidos pola biblioteca para avaliar os seguintes aspectos:

– Impacto no servizo bibliotecario (aumento do número de visitas, aumento do número de préstamos, aumento do número de socios, etc.) (ata 1 punto).

– Impacto no medio natural (contribución ao aforro enerxético, economía circular, reciclaxe ou reutilización de produtos, etc.) (ata 1 punto).

– Igualdade entre homes e mulleres (ata 1 punto).

– Impacto na contribución de ODS non recollidos nos puntos anteriores (ata 1 punto).

f) Coherencia, grao de detalle e adecuación da memoria (ata 2 puntos).

Terase en conta o grao de axuste da memoria presentada ao esquema do artigo 10.1 e a coherencia entre as distintas epígrafes, achegando información suficiente e comprensible para a adecuada valoración do proxecto.

g) Presentación conxunta do proxecto por varias entidades locais agrupadas (2 puntos).

2. A Comisión de Avaliación recollerá nunha acta a puntuación obtida por todas as candidaturas en cada un dos criterios, e motivará especialmente os méritos apreciados en que resulte gañadora.

Artigo 17. Resolución

1. Á vista da acta da Comisión de Avaliación, a Secretaría Xeral de Cultura fará a proposta de resolución, que elevará á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en virtude do disposto na letra m) do punto primeiro da Orde do 9 de febreiro de 2021, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nas xefaturas territoriais desta consellería.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución, ditará a resolución de concesión do premio en cada unha das categorías gañadoras, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos. Así mesmo, tanto a resolución de adxudicación como as memorias dos proxectos gañadores presentadas coa candidatura faranse públicas no portal da Rede de bibliotecas de Galicia (https://rbgalicia.xunta.gal) e na páxina web oficial de Cultura (https://www.cultura.gal).

4. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo ao vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

5. Publicada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

Artigo 18. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa o/a interesado/a poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou.

Artigo 19. Xustificación e pagamento

O pagamento do premio será tramitado de oficio sen necesidade de que as entidades beneficiarias presenten ningunha xustificación, dado que o requisito de achega da documentación necesaria para o cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Facúltase o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións e instrucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022

O Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file