Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 24 de maio de 2022 Páx. 30537

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2022 pola que se modifica a Resolución do 16 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2022), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se amplía o prazo de presentación de solicitudes (código de procedemento IG622A).

No DOG núm. 53, do 17 de marzo de 2022, publicouse a Resolución do 16 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2022), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Na letra a) do punto 1 do artigo 5 establecíase un límite máximo de gasto subvencionable de 8.000,00 € por solicitude de axuda para as accións de difusión. Tendo en conta que o material promocional se utiliza principalmente para a repartición nas feiras internacionais no estranxeiro, que na convocatoria do ano 2020 desta liña de axudas, segundo a modificación publicada no DOG núm. 131, do 3 de xullo de 2020, se eliminou o límite de gasto subvencionable para accións de difusión, e que moitas empresas acudiron a feiras durante os meses de xaneiro, febreiro e parte de marzo, previamente á publicación da convocatoria de axudas polo que xa tiñan realizado gastos neste concepto, para os cales tomaron como referencia a eliminación dos límites da última convocatoria publicada nese momento, a do ano 2020, incorrendo en custos moi superiores ao límite establecido na convocatoria do ano 2022, de 8.000,00 €, considérase necesario ampliar o límite máximo de gasto subvencionable para as accións de difusión a 20.000,00 €.

Na letra d) do punto 1 do artigo 5 establecíanse os gastos subvencionables para as accións de operatividade da internacionalización: d.1) gastos de asistencia xurídica, técnica e servizos para a tradución de documentación e d.2) gastos de pólizas de seguros de crédito á exportación. Tendo en conta que a subvención máxima por solicitude é de 91.000,00 € e que o desequilibro dos proxectos en favor das accións de operatividade non favorece o incentivo doutras accións de promoción exterior xeradoras de maiores vantaxes competitivas para a internacionalización da peme, como son as accións de difusión, accións de promoción e accións de prospección, considérase necesario limitar na convocatoria vixente do ano 2022 o gasto subvencionable para as accións de tipo d.2), ao importe menor de entre 25.000,00 € por solicitude ou do 40 % do importe de gasto subvencionable total do proxecto.

No punto 1 do artigo 6 establecíase para os gastos do artigo 5.1.b.1), no caso de accións de participación presencial en feiras e eventos expositivos, que só se poderán realizar 3 accións ao ano como máximo por área xeográfica e soamente 2 accións ao ano nun mesmo país dentro da mesma área xeográfica. Tendo en conta que, tras a cancelación durante dous anos de numerosos eventos expositivos internacionais pola emerxencia sanitaria da COVID-19, neste ano 2022 as pemes están a multiplicar os seus programas de internacionalización para recuperar os seus niveis de exportacións; e considerando que, debido a que en diferentes áreas do planeta persiste a ameaza pola COVID-19, é notable a concentración do calendario de feiras internacionais en determinados países nos cales o índice de vacinación é moi elevado; co obxecto de non prexudicar as pemes galegas na súa procura da internacionalización, considérase necesario eliminar o límite de accións por área xeográfica e por país.

No punto segundo do resolvo establecíase que o prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Tendo en conta que a introdución novidosa nesta convocatoria de axudas do método de custos simplificados baseado en sumas a tanto global comporta un período de difusión e asimilación por parte das pemes, e tempo de reflexión para facer as súas reformulacións de participacións presenciais en feiras e outros eventos expositivos, considérase conveniente ampliar o prazo de presentación de solicitudes en 15 días hábiles.

No punto 2 do artigo 1 establecíase que só se poderá presentar unha solicitude por beneficiario, e que en caso de presentar máis de unha solicitude atenderase á primeira presentada no caso de non mediar desistencia ou renuncia da anterior. En coherencia co indicado no parágrafo anterior, dado que as empresas poden reformular as súas accións de participación en feiras e outros eventos, para darlles unha maior flexibilidade, e en prol da seguridade xurídica, considérase conveniente atender á última solicitude presentada pola empresa.

Por todo o anterior, coa intención de mitigar os prexuízos ocasionados por estas circunstancias e apoiar os esforzos realizados polas empresas na súa internacionalización, e de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da Resolución do 16 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2022), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG622A)

Un. O punto 2 do artigo 1 queda redactado do seguinte xeito:

«2. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por beneficiario, en que se poderán incluír varias accións das mencionadas nas letras a) a d) deste artigo. No caso de presentar máis de unha solicitude entenderase implícita a desistencia ou renuncia da anterior».

Dous. A letra a) do punto 1 do artigo 5 queda redactada do seguinte xeito:

«a) Gastos subvencionables para accións de difusión:

O límite máximo de gasto subvencionable para accións de difusión é de 20.000,00 € por solicitude de axuda.

a.1) Gastos subvencionables para accións de difusión citadas na letra a.1) do artigo 1.1. Só se subvencionarán os gastos de compra de espazos publicitarios e insercións en medios de comunicación.

a.2) Gastos subvencionables para accións de difusión citadas na letra a.2) do artigo 1.1. Só se subvencionarán os gastos de deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión de material promocional para a súa difusión nos mercados estranxeiros».

Tres. A letra d) do punto 1 do artigo 5 queda redactada como segue:

«d) Gasto subvencionable para accións de operatividade da internacionalización:

d.1) Gastos de asistencia xurídica, técnica e servizos para a tradución de documentación.

d.2) Gastos tanto de novas pólizas de seguros de crédito á exportación, como de renovación destas, contratadas dentro do período de execución. O límite máximo de gasto subvencionable é o importe menor de entre 25.000,00 € por solicitude ou do 40 % do importe de gasto subvencionable total do proxecto».

Catro. O punto 1 do artigo 6 queda redactado do seguinte xeito:

«1. A subvención será do 70 % dos gastos relacionados no artigo 5, excepto para os gastos do artigo 5.1.b.1) no caso de accións de participación presencial en feiras e eventos expositivos, nas cales as intensidades de axuda e importes de subvención variarán segundo a área xeográfica en que se desenvolva a acción, de acordo co seguinte cadro:

Área xeográfica

Límite subvención

9.627,65 €

Porcentaxe axuda

Importe subvención

España e Portugal

30 %

2.888,29 €

Toda a Unión Europea, excepto Finlandia, Suecia, Dinamarca, Estonia, Letonia e Lituania

60 %

5.776,59 €

Finlandia, Suecia, Dinamarca, Estonia, Letonia e Lituania

70 %

6.739,35 €

Todo o resto de Europa fóra da Unión Europea, excepto Rusia e Reino Unido

70 %

6.739,35 €

Rusia

80 %

7.702,12 €

Reino Unido

75 %

7.220,74 €

Estados da costa leste dos Estados Unidos e de Canadá. Todo México

80 %

7.702,12 €

Estados do centro de EE.UU e de Canadá (non costa)

90 %

8.664,88 €

Estados da costa oeste de EE.UU. e de Canadá

90 %

8.664,88 €

Toda América Central e do Sur

80 %

7.702,12 €

China e Xapón

100 %

9.627,65 €

Resto de Asia

80 %

7.702,12 €

Oceanía

90 %

8.864,88 €

Toda África, excepto Sudáfrica

80 %

7.702,12 €

Sudáfrica

80 %

7.702,12 €

Neste tipo de accións non se establecen límites para o número de accións por país ou área xeográfica.

Para as accións incluídas nesta convocatoria a subvención máxima será de 91.000,00 € por solicitude e beneficiario (gasto subvencionable máximo de 130.000,00 €)».

Artigo 2

Amplíase en 15 días hábiles, ata o 15 de xuño de 2022, o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto segundo do resolvo da Resolución do 16 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica