Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Venres, 27 de maio de 2022 Páx. 31148

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 11 de maio de 2022 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS508C).

BDNS (Identif.): 628415.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Voluntariado sénior desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de outubro de 2022.

Segundo. Obxecto e finalidade

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior, que realicen proxectos do dito programa desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2022, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro dos sectores de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 11 de maio de 2022 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS508C).

Cuarto. Orzamento

A contía global da convocatoria é de cen mil euros (100.000,00 €), dos cales, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.460.0, corenta e cinco mil euros (45.000 €) se destinarán ás entidades locais e, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0, cincuenta e cinco mil euros (55.000 €) se destinarán ás entidades de acción voluntaria.

En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 2.400 euros, que correspondería a un proxecto de 8 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días; ou a cantidade de 6.000 euros, que correspondería a un proxecto de 20 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

Quinto. Outros datos

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Coa solicitude presentarase o proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha destas persoas e do número de días que participará cada unha, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva seguindo a orde de prelación pola puntuación obtida. Requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social