Mediante a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 15 de febreiro de 2022 (DOG núm. 34, do 18 de febreiro), resolveuse o concurso para a provisión de postos vacantes da Administración xeral da Xunta de Galicia.
De acordo co punto terceiro desa resolución, diferíronse os prazos posesorios derivados da resolución do concurso ata a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se indique a data de inicio dos ditos prazos.
Polo exposto, no uso das competencias que ten atribuídas segundo o artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, e de conformidade co previsto na base X da convocatoria, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. A apertura do prazo de toma de posesión que se establece no punto terceiro da Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 15 de febreiro de 2022.
Segundo. De conformidade co previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, o prazo da toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.
O cesamento deberá efectuarse o día 6 de xuño de 2022.
Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será vinte días hábiles e empezará a computarse o día 7 de xuño de 2022.
Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde esa mesma data ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública