Dentro das actividades programadas para o ano 2022 no plan de formación aprobado polo seu Consello Reitor, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de tres edicións do curso básico de auxiliares de policía local, conforme as seguintes bases:
1. Datos da actividade.
Denominación: básico de auxiliares de policía local.
Tipo: curso.
Horas lectivas: 24.
Modalidade: presencial.
Obxectivos: dotar aos auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que os capacite para o posterior desempeño da súa función como auxiliares temporais dos corpos de policía local.
Contido:
– Intervención policial.
– Tráfico e seguridade viaria.
– Policía administrativa.
– Primeiros auxilios.
– Aplicacións policiais básicas do dereito penal e procesual-penal.
– Relacións co cidadán.
2. Desenvolvemento da convocatoria.
Destinatarios/as:
– Persoal seleccionado e proposto polos concellos, que puidese prestar servizo como auxiliar de policía local de forma temporal, de acordo co previsto nos artigos 47 a 48 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
– Persoal seleccionado dentro do proceso selectivo unitario que desenvolve a Agasp dentro dos convenios asinados cos concellos.
– Persoal integrante da lista de contratación creada ao abeiro dos procesos selectivos unitarios dos anos precedentes e que o curso realizado fose anterior ao ano 2018.
Para estes efectos, como se recolle no artigo 48.2 do citado decreto, non terán a obrigación de facer o curso as persoas que o superasen nos últimos 4 anos, é dicir, a partir do ano 2019.
Prazas ofertadas: 50 prazas por edición.
3. Solicitudes de participación.
Prazo de inscrición e presentación: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación comezará ao día seguinte da publicación desta resolución no DOG.
Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito asinado polo/a alcalde/sa á Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada (fax 886 20 61 22), en que figure a lista de persoas seleccionadas segundo o artigo 47 do Decreto 243/2008, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.
O alumnado procedente do proceso selectivo unitario, será inscrito automaticamente pola Agasp.
Listaxe de solicitudes seleccionadas: antes do comezo de cada edición do curso básico publicará no sitio web http://agasp.xunta.gal, o persoal admitido para a súa realización.
4. Desenvolvemento da actividade.
Presentación: as persoas admitidas a este curso deberán presentarse ás 10.00 horas do día que comece o curso.
Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.
Horario lectivo: das 10.00 ás 14.00 e das 15.30 ás 20.30 horas.
Datas:
1ª edición: 3, 4 e 5 de xuño de 2022.
2ª edición: 6, 7 e 8 de xuño de 2022.
3ª edición: 3, 14 e 15 de xuño de 2022.
Certificado de superación do curso: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as probas que se determinen de ser o caso.
5. Modificacións e incidencias.
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 20 de maio de 2022
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública