Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2022 Páx. 34209

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO da aprobación inicial do estudo de detalle para o reaxuste de aliñacións nas rúas de Eduardo Blanco Amor e Estrigueiras (2022/ESTDETALLE/000001).

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o 16 de maio de 2022, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Prestar aprobación inicial ao proxecto denominado Estudo de detalle para a reordenación de aliñacións nas rúas Blanco Amor-Estrigueiras (Pontevedra), de decembro de 2021, formulado polo Concello de Pontevedra, instrumento urbanístico redactado pola arquitecta María del Consuelo González García, datado en decembro de 2021, que tivo entrada no Rexistro Xeral do Concello o 2 de febreiro de 2022, baixo o número 2022004896 e conformado pola arquitecta municipal da OTAP.

Segundo. Someter a información pública o amentado estudo de detalle, durante un prazo dun (1) mes, mediante anuncio que se publicará, por conta do Concello promotor, no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de edictos do Concello, na sede electrónica do Concello, www.sede.pontevedra.gal, e nun dos xornais de maior difusión da provincia, con notificación individualizada aos titulares catastrais afectados e, en xeral, ás persoas propietarias dos terreos afectados e/ou que estremen coas vías referidas, para os efectos de que durante o dito período poidan examinar o expediente e formular as alegacións e suxestións que se consideren oportunas, computando o remate do mencionado prazo de alegacións desde a data de publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia ou notificación individual se for posterior, dilixenciándose a documentación exposta pola Secretaría da Administración Municipal.

Terceiro. Remitir certificación do presente acordo, xunto co instrumento urbanístico inicialmente aprobado, debidamente dilixenciado, á Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea da Dirección Xeral de Aviación Civil, dado que o estudo de detalle se atopa abranguido no eido das servidumes aeronáuticas establecidas no Plan director do aeroporto de Vigo, para que emita, de ser necesario, o informe previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 2591/1998, do 4 de decembro, de ordenación dos aeroportos de interese xeral e a súa zona de servizo, en relación co artigo 29.2 do Decreto 584/1972, do 24 de febreiro, de servidumes aeronáuticas.(...)».

Durante o prazo dun mes, contado a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, calquera interesado poderá examinar o expediente no Servizo Municipal de Urbanismo, Medio Ambiente e Patrimonio Histórico (rúa dos Ferreiros, número 28-30, 1º andar), con cita previa, que deberá ser solicitada no teléfono 886 40 51 53 ou ben na sede electrónica do Concello de Pontevedra, sede.pontevedra.gal (para o que deberá de seleccionar a opción Oficina: Urbanismo. Trámite: Planeamento e Xestión Urbanística e Ordenación do Territorio) e formular as alegacións e as xustificacións que considere procedentes.

Así mesmo, infórmase que no día de hoxe xa se atopa publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (ligazón exacta no día de hoxe: http://www.pontevedra.gal/areas/urbanismo-eterritorio/planeamento-urbanistico/planeamento-en-tramitacion/) o contido íntegro do documento aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local, en cumprimento do disposto no artigo 7 da Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Pontevedra, 18 de maio de 2022

Miguel A. Fernández Lores
Alcalde