Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2022 Páx. 34113

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2022 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG414A).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 25 de abril de 2022, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial e convocar para o ano 2022 as axudas en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG414A).

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes partidas orzamentarias e coa seguinte distribución plurianual:

Orzamento inicial 11 meses 

Ano

Dotación partida
06.A1 741A 4803

Dotación partida 06.A1 741A 7800

(Seg. Social por conta da empresa) Partida 06.A1 741A 4840

Total

2022

238.397,50

-

-

238.397,50

2023

907.160,83

25.000,00

21.892,53

954.053,36

 

1.145.558,33

25.000,00

21.892,53

1.192.450,86

Orzamento prórroga 11 meses 

Ano

Dotación partida
06.A1 741A 4803

Dotación partida 06.A1 741A 7800

(Seg. Social por conta da empresa) Partida 06.A1 741A 4840

Total

2023

238.397,50

-

-

238.397,50

2024

907.160,83

12.000,00

21.892,53

941.053,36

 

1.145.558,33

12.000,00

21.892,53

1.179.450,86

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución da bolsa e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de 5 meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; transcorrido este, poderase entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución das bolsas rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de decembro de 2024.

O bolseiro deberá solicitar o pagamento da bolsa nos 15 días hábiles seguintes ao cumprimento de cada período de pagamento indicado no artigo 18.1 e 18.2.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial

O Igape, en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está levando a cabo unha serie de accións no ámbito exterior desde o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior e a captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia.

Na actual situación económica, as pemes galegas necesitan incorporar profesionais cualificados. Os programas de adquisición de competencias profesionais achegan coñecemento ás organizacións en que se integran os profesionais e melloran a súa empregabilidade. Ademais, este programa é complementario coa liña IG166 de xestores de internacionalización, de xeito que bolseiros do programa poden converterse en futuros xestores achegando os seus coñecementos e experiencia internacional ás pemes galegas.

Un dos eixes da estratexia do Igape de internacionalización da empresa galega 2021-2025 é promover unha cultura de internacionalización e lograr un significativo aumento na cantidade, calidade e impacto efectivo das exportacións da empresa galega. É fundamental a formación de capital humano en internacionalización, para proporcionar ao tecido empresarial recursos altamente especializados –con coñecemento dos mercados exteriores e de aspectos clave do comercio exterior– e impulsar a contratación destes como apoio aos directivos e mandos intermedios de empresas en proceso de expansión internacional.

Dentro da súa actividade de fomento da competitividade e da internacionalización, o Igape xera en moitas ocasións oportunidades en que persoas que non tiveron aínda a posibilidade de obter competencias profesionais poidan participar en traballos especializados mediante formación teórico-práctica. Como consecuencia, os participantes teñen ocasión de realizar actividades de difícil acceso no mercado laboral actual.

Coa finalidade de acadar os obxectivos anteriores porase en marcha un programa de formación, titorización e prácticas laborais para adquirir competencias en materia de internacionalización empresarial.

O obxectivo destas bases é formar especialistas no ámbito da internacionalización empresarial mediante bolsas de formación práctica en internacionalización, con destino en organismos de promoción económica, centros de investigación e/ou empresas en Galicia e no estranxeiro en labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización.

A través deste programa téñense formado máis de 370 especialistas en comercio exterior, profesionais logo moi valorados polas empresas, xerando, polo tanto, unha boa empregabilidade.

A convocatoria destas prazas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007.

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é a convocatoria de 37 prazas, 25 para estranxeiro e 12 para Galicia, para a capacitación de profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar bolsas por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

Artigo 3. Natureza e incompatibilidade da bolsa

1. O programa reúne os requisitos previstos no artigo 1 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, polo que a dita norma resulta de aplicación.

2. A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ningunha vinculación laboral entre a persoa beneficiaria e o Igape, nin supón ningún compromiso ou dereito de incorporación ao seu cadro de persoal, e o bolseiro non exerce, en ningún caso, a representación do Igape.

3. As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro. Así mesmo, son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

4. A obtención doutras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a memoria final da bolsa. En todo caso, antes de conceder a bolsa, solicitarase da persoa solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre outras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Requisitos das persoas solicitantes

1. Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1995.

2. Posuír a nacionalidade española e ser nacidas en Galicia, ser nacidas en Galicia e estar nacionalizadas nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación destas bases.

3. Estar en posesión dalgunha titulación universitaria superior de grao e que permita o acceso aos estudos oficiais de máster universitario de acordo co establecido no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establecen a organización do ensino universitario e o procedemento de aseguramento da súa calidade: i. Título universitario oficial de graduada ou graduado español; ii. Títulos procedentes de sistemas educativos que non formen parte do EEES, que equivallan ao título de grao. Así mesmo, é imprescindible acreditar un mínimo de 240 ECTS en todos os casos. A titulación pódese obter e acreditar ata o fin do prazo de solicitude.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster, non se require que estean homologados.

4. Coñecementos de inglés (falado e escrito).

Esta capacidade acreditarase mediante a realización dun exame en que os aspirantes deberán demostrar, como mínimo, o nivel B2 do marco común europeo de referencia para as linguas.

Os aspirantes que non comparezan ou non acaden o nivel mínimo B2 na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.

Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinárense de inglés, poderán indicar na solicitude ata tres idiomas adicionais dos que queiran examinarse, co fin de ter máis puntos no baremo. Os idiomas adicionais dispoñibles son chinés, alemán e francés. A presentación a probas adicionais de idiomas implica a preferencia e a obriga á hora de escoller destinos no estranxeiro.

5. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007 para ser considerada persoa beneficiaria de subvencións.

6. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas con posterioridade ou lles fose determinado un incumprimento total.

7. Non ter gozado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos do Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

8. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario electrónico a declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Condicións da bolsa

1. Duración e destino.

A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de once meses contados desde xaneiro a decembro de 2023. O Igape poderá prorrogala por un máximo de ata 11 meses adicionais en función da necesidade de finalizar ou completar unha parte da formación que xa estivese comezada ou estivese a piques de comezar.

Así mesmo, a prórroga estará condicionada, ademais, á solicitude de prórroga por parte do bolseiro polo menos un mes antes do fin do período inicial da bolsa, ao informe favorable do titor do bolseiro, á posibilidade de desfrute da prórroga no mesmo organismo do período inicial ou noutro destino alternativo, á dispoñibilidade orzamentaria e á súa aceptación por parte do bolseiro.

En caso de prórroga, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a súa duración e o destino asignado.

A formación práctica levarase a cabo no estranxeiro e/ou en Galicia (en oficinas do Igape ou Xunta, oficinas comerciais de España no exterior, cámaras de comercio españolas no estranxeiro, organismos multilaterais, organismos intermedios galegos, centros de investigación, empresas e/ou outros organismos en Galicia ou no estranxeiro), para realizar labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.

Antes do inicio da bolsa e no seu transcurso o Igape reserva para si a posibilidade de cambiar as datas de incorporación, os destinos dos bolseiros e a dotación correspondente, no caso de concorrer causa xustificada.

A formación en Galicia poderá implicar visitas a empresas ou organismos empresariais galegos, que serán realizadas polos bolseiros a través dos seus propios medios (con reintegro dos gastos de desprazamento segundo o indicado no artigo 6.2).

2. Desenvolvemento da bolsa.

O bolseiro deberá aterse aos horarios e á normativa interna de funcionamento das entidades de acollida na cidade de destino da bolsa. No caso de peche das entidades en períodos vacacionais (non festivos), o bolseiro debe informar o Igape para que lle asigne tarefas alternativas que contribúan á súa formación.

O bolseiro poderá dispoñer dos seguintes tipos de permiso:

a) No caso de maternidade ou paternidade, o/a bolseiro/a gozará do correspondente permiso retribuído pola Seguridade Social. Acreditarase mediante copia da partida de nacemento ou da páxina correspondente do libro de familia.

b) Licenza por matrimonio, ou parella en análoga relación de afectividade; o bolseiro deberá comunicalo ao Igape coa maior brevidade posible e presentar o correspondente xustificante.

c) No caso de enfermidade ou accidente, o bolseiro deberá comunicalo ao Igape coa maior brevidade posible e presentar o correspondente xustificante médico.

No caso de que a suma de interrupcións da formación por enfermidade e/ou outros motivos supere os 20 días hábiles, o Igape reserva para si o dereito de rescindir a bolsa, temporal ou definitivamente, ou cambiar o destino se con iso se facilita a reinserción do bolseiro á súa formación.

d) Así mesmo, o bolseiro poderá gozar dun período de 10 días de libre disposición por cada período de 11 meses de bolsa concedida, sen necesidade de xustificación e logo de notificación con antelación ao Igape, cando o destino da bolsa sexa en Galicia. Noutros destinos o bolseiro adaptarase ao establecido por cada organismo ou entidade de acollida, ben que neste caso se aplicará a proporcionalidade con base no tempo da bolsa con destino en Galicia.

A saída, por calquera motivo, do país de destino da bolsa deberá ser informada previamente ao Igape con ao menos 10 días de antelación.

e) Por cambio de destino, o bolseiro poderá gozar de ata 5 días hábiles, no caso de cambio para un país diferente, ou ata 3 días se se trata do mesmo país, pero cambia de entidade de acollida.

O desfrute de calquera dos permisos incluídos neste artigo non suporá unha ampliación do período de duración da bolsa indicado na resolución de concesión.

3. Programa de formación.

A formación que recibirán os bolseiros abrangue:

a) Estudo dos sectores económicos máis importantes dos mercados estranxeiros.

b) Análise dos puntos fortes, debilidades, ameazas e oportunidades dos diferentes sectores estratéxicos de Galicia en relación coa súa internacionalización.

c) Estudo das distintas formas de introdución nos mercados estranxeiros.

d) Para completar a dita formación, o bolseiro contará co apoio do seu titor no organismo de destino e dunha persoa no Igape, a quen lles poderá dirixir as súas dúbidas e preguntas.

Previamente á incorporación á bolsa, o Igape poderá organizar un curso de formación, presencial ou en liña, o que se indicará, se é o caso, na resolución de concesión. A asistencia ao curso é obrigatoria para o desfrute e aceptación da bolsa, incluso por parte daqueles bolseiros que estean nun posto de reserva.

Artigo 6. Contía da bolsa

1. Para a dotación (tanto para a dotación inicial como para a prórroga) terase en consideración os índices do custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas, segundo criterios establecidos pola entidade pública empresarial ICEX España Exportación e Inversiones (ICEX), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Na fase inicial ou no período de prórroga poderá modificarse a dotación da bolsa por flutuacións do tipo de cambio que xustifiquen esta modificación e sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria. A actualización farase a partir do mes seguinte ao da solicitude da persoa beneficiaria e tomaranse como tipos de cambio de referencia o do día da publicación das bases e o do día de solicitude de modificación da dotación. Esta actualización no tipo de cambio farase, como máximo, cuadrimestralmente.

2. O importe máximo de subvención por bolseiro é de 46.500 € por un período de 11 meses ou a súa parte proporcional en función do período da bolsa. As dotacións variarán segundo o destino e o número de meses de estancia en Galicia e no estranxeiro. Desta subvención detraeranse a correspondente retención fiscal e a cota por cotización á Seguridade Social aplicables segundo a lexislación vixente.

Considéranse incluídos dentro do importe da dotación da bolsa –e dentro do límite máximo dos 46.500 €– todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o seu desenvolvemento:

a) Gastos de desprazamento: unha contía semestral máxima de 1.000 € por bolseiro –que se revisará ao termo de cada semestre para os efectos de novas dotacións semestrais en función da execución do semestre anterior e logo de solicitude motivada do bolseiro (anexo II)– en concepto de gastos de taxas de visado e gastos de desprazamento a eventos, empresas ou entidades distintas do destino asignado, relacionados co obxecto da bolsa (avión, tren, autobús, hotel, taxi, aparcadoiro, autopista, compensación por quilometraxe), así como cursos de idiomas no país de destino previa autorización do Igape. Serán tamén subvencionables, logo da autorización do Igape, os seguintes gastos:

– As axudas de custo vinculadas a un evento ou acción autorizados en que participe o bolseiro, ata un límite de 15 euros por día.

– As tarxetas de negocio vinculadas á entidade de destino.

– Os gastos de renovación de pasaporte por exixencias particulares do destino asignado.

– Outros, logo de consulta ao Igape, sempre que se consideren esenciais para o desempeño da bolsa.

Estes importes serán aboados polo Igape ao bolseiro unha vez autorizados polo Igape, realizados e correctamente xustificados. Cando o medio de transporte sexa o vehículo particular, serán aboados os quilómetros percorridos a razón de 0,19 € por km percorrido. O desprazamento mediante vehículo propio só é posible en Galicia.

b) Gastos de viaxe de ida para incorporación a destino e retorno a Galicia unha vez rematada a bolsa en destino, no período inicial ou no período de prórroga –o Igape aboará ao bolseiro os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel, logo de presentación dos correspondentes xustificantes de gastos (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque) ata un máximo de 1.500 euros se é o mesmo continente e 3.000 euros se se traslada a outro continente. Serán subvencionables os gastos de hotel en tránsito ou á chegada ao destino asignado ata un máximo de 2 noites, en réxime de aloxamento e almorzo. Non serán subvencionables os envíos de maletas ou paquetes a maiores dos incluídos no transporte contratado.

c) Gastos de seguro de accidentes e enfermidades ata un máximo de 1.000 €. Esta dotación só se aboará no caso de bolsas con destino fóra de España.

d) Gastos de compra dun portátil para bolseiros con destino no estranxeiro, segundo as condicións establecidas no artigo 16.i).

O Igape poderá aplicar a compensación entre as partidas de gastos das alíneas a), b) e c) anteriores cando as necesidades de gasto de cada bolseiro en relación coas accións que se vaian desenvolver no programa así o aconsellen para o seu correcto desempeño.

Unha vez incorporados aos destinos indicados na resolución, no caso de cambio de destino –mediante nova resolución que implique máis dunha viaxe de ida e retorno previstos na dotación da bolsa, no período inicial ou no período de prórroga– o Igape aboará ao bolseiro os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel, logo de presentación dos correspondentes xustificantes de gastos (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque) ata un máximo de 1.000 euros se é o mesmo continente e 1.500 euros se se traslada a outro continente. Estes importes –ao seren circunstancias excepcionais– non están incluídos dentro do límite máximo da bolsa.

Só se admitirán pagamentos en efectivo para gastos de importe inferior a 1.000 euros, xustificando o pagamento mediante carta de recepción do provedor.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberán cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda; transcorrido este, considerarase que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Considérase que todos os solicitantes dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación (no caso de que estea redactada nunha lingua non oficial en Galicia, deberase presentar acompañada de tradución realizada por un intérprete xurado):

a) Acreditación dos requisitos mínimos segundo o expresado no artigo 4 destas bases.

1º. Currículo.

2º. Copia do pasaporte no caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxería (NIE).

3º. Xustificante de ter pagadas as taxas para a obtención do título de estudos universitarios acadado segundo o expresado no artigo 4.3, na falta de título.

No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados, será preciso que os acrediten cunha copia da homologación concedida polo Ministerio de Educación español (isto non se require para os títulos de máster).

A formación deberá estar finalizada antes da fin do prazo de presentación da solicitude, salvo o disposto na alínea b) seguinte.

b) Acreditación dos requisitos baremables segundo o expresado no artigo 12.2 destas bases:

1º. Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 12.2.f): copia do certificado de realización dun curso completo en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude, agás os másters citados no artigo 12.2.f), que poderán estar finalizados ata o 30 de xullo de 2022 e deberán estar incluídos na solicitude no prazo de 7 días contado desde esa data.

2º. Acreditación, se é o caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 12.2.g): copia do certificado de realización dun curso completo en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, excepto que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa presentación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de empadroamento para acreditar o cumprimento da veciñanza administrativa en Galicia.

d) Título de estudos universitarios acadado, segundo o expresado no artigo 4.3.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Artigo 11. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das prazas será a Área de Internacionalización do Igape e a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

As solicitudes serán avaliadas por un comité de selección, que estará presidido polo subdirector de Internacionalización (ou o seu suplente, en caso de necesidade) e integrado por outros dous membros de entre o persoal técnico do Igape (ou os seus suplentes, en caso de necesidade), designados polo presidente do comité de selección, un dos cales actuará como secretario.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. Todos os aspirantes que presentasen a súa solicitude dentro do prazo establecido na resolución da convocatoria serán convocados a probas eliminatorias de inglés e dos idiomas adicionais indicados na solicitude (chinés, alemán e/ou francés), que constarán dunha parte escrita e outra oral, nas datas, nos horarios e nos lugares de realización que se comunicarán no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, cun mínimo de 5 días de antelación e poderán realizarse en calquera data a partir do día seguinte á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As probas de idiomas terán lugar en Santiago de Compostela, e serán por conta da persoa solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.

Os aspirantes serán cualificados como aptos ou non aptos. Serán aptos os que demostren un nivel mínimo B2 no idioma inglés, tomando como referencia o Marco común europeo de referencia para as linguas, e dentro da cualificación de apto obterase unha puntuación segundo o nivel máximo acadado (nivel B2 ou nivel C1).

Os aspirantes que non comparezan ou non acaden a cualificación de apto na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.

2. O comité de selección realizará unha lista provisional segundo a puntuación obtida conforme o seguinte baremo:

a) Proba de inglés (nivel C1: 10 puntos).

b) Resultado proba de idioma adicional 1 (nivel B1: 6 puntos; nivel B2: 8 puntos; nivel C1: 10 puntos).

c) Resultado proba de idioma adicional 2 (nivel B1: 6 puntos; nivel B2: 8 puntos; nivel C1: 10 puntos).

d) Resultado proba de idioma adicional 3 (nivel B1: 6 puntos; nivel B2: 8 puntos; nivel C1: 10 puntos).

e) Outorgaranse 25 puntos aos graduados en calquera das seguintes ramas de coñecemento: Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Márketing e Dirección Comercial, Márketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, Matemáticas, Física, Química.

f) Formación específica de posgrao en comercio exterior (máximo 20 puntos nesta alínea). Obterá 5 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 10 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 20 puntos por máster en Comercio Internacional, MBA, máster en Márketing, Márketing Dixital, Márketing (en liña ou similar).

Polo que se refire a esta formación, o Igape poderá exixir información adicional para a súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario do curso, formadores...).

g) Outra formación de posgrao relacionada coa xestión empresarial (máximo 15 puntos nesta alínea). Obterá 2 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 4 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 10 puntos por máster. Polo que se refire a esta formación, o Igape poderá exixir información adicional para a súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario do curso, formadores...).

Para os cursos de formación incluídos nas alíneas f) e g), a puntuación máxima para cursos realizados en liña, independentemente do número de cursos realizados, será de 10 puntos.

A suma total das puntuacións será, como máximo, de 100 puntos.

3. A lista provisional, con indicación da puntuación obtida, publicarase na páxina web do Igape, www.tramita.igape.es, e abrirase un prazo de 5 días hábiles para que os interesados poidan presentar alegacións e para presentar a documentación acreditativa das circunstancias alegadas nas solicitudes que faltase.

4. Unha vez analizadas as alegacións, o Igape publicará na súa páxina web:
www.tramita.igape.es, a listaxe de países de destinos e dotacións das bolsas.

A asignación de destinos farase respectando as preferencias do/da candidato/a en función da súa puntuación no baremo e dos destinos dispoñibles. Co fin de facilitar o proceso de asignación de destinos, cada candidato/a deberá manifestar a súa orde de interese por todos os destinos dispoñibles. Das 37 bolsas ofrecidas, 25 serán para destinos no estranxeiro e 12 para Galicia. Na prórroga da bolsa terán preferencia de elección de destino no estranxeiro os que tivesen como destino Galicia no primeiro ano da bolsa, por orde de puntuación no baremo e, posteriormente, tamén por orde de puntuación no baremo, os que estivesen no estranxeiro durante o primeiro ano da bolsa. A repetición de destino na prórroga da bolsa quedará supeditada á conformidade por parte do organismo de acollida do/da bolseiro/a.

En todo caso, en función da dispoñibilidade de destinos, os candidatos que superasen a proba de idioma adicional terán como primeiro destino un país que requira o dito idioma adicional. Unha vez cubertos os destinos vinculados aos idiomas adicionais, o comité de selección adxudicará o resto de destinos seguindo os criterios xerais definidos anteriormente.

No caso de que o número de solicitantes que superen a fase de selección sexa inferior a 37, o Igape publicará unha relación de destinos axustada a ese número inferior.

5. Unha vez asignados os destinos, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección do Igape.

En caso de empate terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución definitiva da convocatoria do programa comprenderá o detalle do baremo aplicado para a avaliación das solicitudes, o número de bolsas adxudicadas con indicación da data de comezo da bolsa, o destino e a súa contía económica e a puntuación alcanzada por cada solicitante. Tamén incluirá a lista de solicitudes denegadas, indicando a súa causa de exclusión, e de solicitudes arquivadas.

Así mesmo, comprenderá unha lista dun máximo de 37 candidatos en postos de reserva (os 37 seguintes por orde de puntuación). Esta lista de reservas servirá para cubrir posibles renuncias, incidencias, incumprimentos ou bolsas adicionais debido a remanentes orzamentarios. Non poderán concederse bolsas da lista de reservas por un tempo inferior a 6 meses tendo en conta o período inicial e o período de prórroga.

2. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución da convocatoria; transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

5. No caso de prórroga, o Igape poderá asignar destino no estranxeiro con preferencia aos que non tivesen destino no estranxeiro no primeiro ano.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Admitiranse modificacións da resolución inicial dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas a calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto.

2. A persoa beneficiaria deberá comunicar ao Igape a modificación das condicións establecidas na resolución. Para solicitar a modificación, deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 7 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 16. Obrigas dos bolseiros

Sen prexuízo doutras obrigas conforme estas bases e demais disposicións aplicables, as persoas beneficiarias das bolsas quedarán suxeitas ás seguintes obrigas:

a) Incorporarse ao seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión. A non incorporación na data establecida na resolución sen que medie comunicación ao Igape suporá renuncia á bolsa. O atraso na incorporación na data prevista suporá o axuste da dotación en proporción aos días de estancia en Galicia e no destino estranxeiro. Neste sentido, o inicio da bolsa producirase o entre o 10 e o 20 de xaneiro de cada ano, e finalizará 11 meses despois, entre o 10 e o 20 de decembro do mesmo ano.

b) Cumprir as normas de conduta da oficina ou entidade de destino do/da bolseiro/a.

c) Elaborar e presentarlle ao Igape os estudos, os informes ou os traballos prácticos durante a duración da bolsa e, antes do remate de cada período (período inicial e –de ser o caso– prórroga), presentar unha memoria final sobre os traballos realizados e, se for o caso, devolver –no prazo de 10 días desde o remate final– o material non funxible entregado polo Igape para o desenvolvemento da bolsa.

d) Xestionar, tramitar e obter os visados, permisos ou autorizacións exixidos polas autoridades do país ou cidade de destino e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.

e) Vacinarse e recibir os tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.

f) Contratar un seguro de enfermidade e accidentes para os casos de destino en estranxeiro por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino. O bolseiro será dado de alta na Seguridade Social desde o Igape, polo que durante a súa estadía en Galicia terá a cobertura sanitaria da Seguridade Social, así como da mutua correspondente no caso de accidente laboral ou enfermidade profesional.

g) Comunicar ao Igape a obtención doutras bolsas ou axudas de carácter similar, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade ao aboamento da bolsa.

h) Proceder ao reintegro da bolsa percibida, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Dispoñer dun ordenador (agás que no destino a que se asigne o bolseiro dispoña de medios informáticos, o que se lle comunicará ao bolseiro antes da súa incorporación ao destino) e conexión á internet durante todo o tempo de desfrute da bolsa, dado que é necesario para a realización dos labores da súa formación. Para os bolseiros asignados a un destino no estranxeiro o Igape cubrirá o custo da compra dun portátil a cada bolseiro/a coas seguintes características ou superiores, ou a actualización que se considere necesaria en cada momento:

Procesador: 64 bits (x86)

Memoria RAM: recomendable 8 GB

Disco duro: 120 Gb Serial ATA a 5400 r.p.m.

DVD+/-RW SATA

Conexión de rede Gigabit Ethernet (10/100/1000 NIC) integrada

Tecnoloxías sen fíos: LAN 802.11a/b/g/N

Portos E/S externos:

Portos USB 2.0

1 x RJ-45

O sistema operativo deberá ser Windows 10 Professional (en ningún caso versións Home) e licenzas de ofimática ou calquera outro software que considere o Igape.

O custo máximo que asumirá o Igape por cada bolseiro/a para a compra do portátil será de 1.000 euros. O/a bolseiro/a deberá xustificar a compra mediante factura e pagamento desta. Se o/a bolseiro/a xa dispón dun portátil que cumpra os requisitos mínimos antes mencionados poderá obviar a compra dun novo portátil, pero deberá achegar declaración xurada de que posúe un cos requisitos técnicos establecidos.

O incumprimento desta obriga poderá dar lugar ao inicio de incumprimento total e á perda da bolsa. O Igape poderá solicitar ao bolseiro unha revisión técnica do portátil antes de outorgar a axuda para a súa compra.

En caso de renuncia antes de 6 meses desde o inicio da bolsa, o Igape reclamará na liquidación por renuncia o 100 % da súa achega ao custo do portátil e o 50 % no caso de renuncia desde os 6 meses ata cumprir un ano da bolsa.

j) Participar nas actividades formativas que organice o Igape durante a bolsa, presenciais (no caso de destino en Galicia) ou en liña.

k) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Xustificación da bolsa

1. Para cobrar a bolsa concedida, o/a bolseiro/a, dentro do prazo establecido na resolución da convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento.

2. Deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatorio incluír os 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o/a bolseiro/a para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da bolsa, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o/a bolseiro/a das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o/a bolseiro/a presentará a seguinte documentación:

a) Para solicitar o cobramento dos pagamentos trimestrais previstos nas letras b) e c) dos artigos 18.1 e 18.2:

1º. Informe actualizado das actividades realizadas no trimestre correspondente, cunha descrición en detalle de cada acción realizada –eventos, visita a feiras sectoriais, reunións destacables polos temas tratados ou polo perfil dos participantes nela, e tarefas singulares levadas a cabo no período que corresponda. Para facilitar a realización deste informe, o Igape facilitará un modelo xeral que cada bolseiro/a adaptará ao seu caso particular.

2º. Informe de vida laboral do/da bolseiro/a durante o período de prácticas formativas que leve executado.

b) Para solicitar o cobramento dos pagamentos finais previsto na letra d) dos artigos 18.1 e 18.2:

1º. Memoria final das actividades realizadas.

2º. Informe de vida laboral do/da bolseiro/a durante o período de prácticas formativas que leve executado.

c) Para solicitar o cobramento dos pagamentos dos gastos indicados no artigo 18.3:

1º. Xustificantes de gastos e do seu pagamento de: taxas de visado e de gastos de desprazamento a eventos, empresas ou entidades distintas do destino asignado, relacionados co obxecto da bolsa (avión, tren, autobús, hotel, taxi, aparcadoiro, autopista, compensación por quilometraxe; mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque e documentos de pagamento) xunto co informe da actividade realizada no caso de desprazamento a eventos ou reunións.

2º. Xustificantes de gastos e do seu pagamento de: viaxe de ida para incorporación a destino e retorno a Galicia unha vez rematada a bolsa en destino, no período inicial ou no período de prórroga (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque e documentos de pagamento).

3º. Xustificantes de gastos e do seu pagamento de: gastos de seguro de accidentes e enfermidades (mediante facturas e documentos de pagamento).

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 7 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada que presenten unha copia auténtica electrónica.

6. Con carácter previo ao pagamento, as persoas beneficiarias deberán presentar unha declaración responsable de estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 18. Aboamento da bolsa

1. A dotación da bolsa aboarase ao/á bolseiro/a segundo o seguinte detalle:

a) Un 30 % da dotación da bolsa, unha vez que o/a bolseiro/a se incorpore ao programa no caso de destino en Galicia e un mes antes da incorporación se o destino é no estranxeiro.

b) Un 30 % da dotación ao termo do primeiro trimestre e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

c) Un 30 % da dotación ao termo do segundo trimestre e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

d) Un 10 % á finalización do prazo de duración da bolsa e cumpridas totalmente as obrigas da bolsa.

2. No caso de prórroga, os pagamentos serán segundo o seguinte detalle:

a) Un 30 % da dotación ao inicio da prórroga e un mes antes da incorporación se o destino é no estranxeiro.

b) Un 30 % da dotación ao termo do primeiro trimestre da prórroga e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

c) Un 30 % da dotación ao termo do segundo trimestre da prórroga e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

d) Un 10 % á finalización do prazo de duración da prórroga da bolsa e cumpridas totalmente as obrigas desta.

O atraso na incorporación á bolsa por causas non imputables ao Igape suporá unha menor duración da bolsa e o axuste proporcional na súa dotación ou ben o inicio do incumprimento total se a demora pode ser considerada excesiva.

3. Exclúense dos anteriores pagamentos a contía para gastos indicados no artigo 6.2.a), b), c) e d). O/a bolseiro/a deberá solicitar o seu cobramento no mesmo prazo que a solicitude de cobramento, marcando a opción correspondente no anexo II.

4. A dotación e o calendario de pagamentos das bolsas outorgadas por renuncias doutros bolseiros estableceranse na resolución de concesión da bolsa en función do período do seu desfrute.

5. A concesión do anticipo, establecido nas letras a) dos números 1 e 2 deste artigo, será obxecto de resolución motivada e poderá chegar ata o 30 % da dotación da bolsa, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 63.Un.1 e 63.3 do Decreto 11/2009. O importe conxunto dos pagamentos á conta e do pagamento anticipado non excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e pode acadar ata o 90 % da subvención logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia nos termos previstos nos artigos 62.2 e 62.4 do dito Decreto 11/2009.

Artigo 19. Certificado da bolsa

Tras a presentación no Igape da memoria final das actividades realizadas, o/a bolseiro/a terá dereito a recibir un certificado de persoa beneficiaria da bolsa concedida. Non se recibirá certificado no caso de renuncia á bolsa antes de que transcorran 6 meses desde o inicio.

Artigo 20. Incumprimento da bolsa

1. Procederá a revogación da bolsa e, se é o caso, o reintegro das cantidades anticipadas e os seus xuros de demora devindicados desde o seu pagamento, cando o/a bolseiro/a incumpra calquera das bases da convocatoria ou os compromisos contraídos na resolución de concesión, así como nos casos previstos nos artigos 33 e concordantes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Ao termo do primeiro semestre, o Igape revisará o cumprimento do programa de formación asignado e reserva para si a facultade de revogar a bolsa se o/a bolseiro/a incumpre as súas obrigas sen que sexa por algunha causa xustificada ou motivo de forza maior.

3. No caso de que o/a bolseiro/a renuncie á bolsa concedida, deberá comunicalo ao Igape por escrito con polo menos 15 días de antelación á data en que abandone o seu posto. Este prazo establécese con carácter xeral sen prexuízo de que por causas xustificadas non poida cumprirse o dito prazo.

Se o/ bolseiro/a renuncia á bolsa antes de que transcorran 6 meses desde o seu inicio por atopar un posto de traballo, unha vez asinado o contrato deberá presentalo no Igape, xunto coa vida laboral actualizada en que se recolla a nova situación –para o caso de terceiros países, a vida laboral poderá ser substituída por documento local análogo. Esta circunstancia dará lugar ao inicio dun procedemento de incumprimento parcial. Nos casos de incumprimento parcial, a cantidade anticipada que se debe devolver obterase pola diferenza entre a dotación percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente desfrutados.

No caso de renuncia antes de que transcorran 6 meses desde o inicio da bolsa por outras causas, considerarase incumprimento total. O incumprimento total implicará a devolución de todas as cantidades percibidas, excepto o aboado en concepto de gastos de desprazamento.

4. En todo o non regulado nestas bases rexerá o disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V, capítulos I e II, do Decreto 11/2009, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 21. Réxime sancionador

Ás persoas beneficiarias das bolsas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 22. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poidan efectuar os órganos competentes da Unión Europea. Neste senso, as persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que sexa requirida polos ditos organismos.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións teñen a obriga de subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Remisión normativa

En todo o non previsto nestas bases será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional única

En canto á obriga de achegar orixinais de facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, contida nas bases reguladoras das axudas do Igape, en que aínda non rematase o prazo para presentar a solicitude de cobramento, non será necesaria a presentación de orixinais ou copia auténtica electrónica das facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente cando non se dispoña de facturas electrónicas, e admitirase a súa presentación mediante copia dixitalizada.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá requirir de maneira motivada a exhibición do orixinal ou a presentación dunha copia auténtica electrónica dos citados documentos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file