Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 15 de xuño de 2022 Páx. 34497

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 105/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a bandeira do Concello de Soutomaior (Pontevedra).

O Concello de Soutomaior (Pontevedra) considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro, que aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar a bandeira do Concello de Soutomaior, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

De azul, o castelo de branco, todo orlado dun xaquelado de dúas ordes de amarelo e vermello.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

missing image file