Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 16 de xuño de 2022 Páx. 34611

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

EXTRACTO da Resolución do 2 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta co Xacobeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR938A).

BDNS (Identif.): 633172.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta co Xacobeo, destinado a promover que persoas entre os 18 e os 64 anos de idade, vinculadas ás entidades galegas do exterior, fomenten os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago co obxectivo de que, unha vez vivida esta experiencia, colaboren como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que as entidades teñen a súa sede (código de procedemento PR938A).

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta co Xacobeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR938A).

Cuarto. Importe

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración