Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 17 de xuño de 2022 Páx. 34785

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 7 de xuño de 2022 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP Dual (código de procedemento ED202A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, obxectivos, contidos, títulos e validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español. E, concretamente, no artigo 42 determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece, no seu artigo 9, que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do Sistema educativo de Galicia, dispón no seu artigo 15 que o currículo dos ciclos formativos incluirá un módulo de formación en centros de traballo que non terá carácter laboral.

O Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos, establece que todos os ciclos de formación profesional básica tamén incluirán un módulo de formación en centros de traballo.

O Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe, e se establecen as bases da formación profesional dual, pretende crear as bases para a implantación progresiva da formación profesional dual en España, entendida como o conxunto de accións e iniciativas formativas que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas, combinando os procesos de ensino e aprendizaxe na empresa e no centro de formación.

Polo exposto, e considerando que a formación práctica tanto no módulo de formación da FCT como na FP Dual teñen un gran valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo sociolaboral no cal se vai desenvolver a súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover cara ao cumprimento dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.

A mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países permite a mellora das competencias sociais dos individuos mediante a aprendizaxe da comunicación e a vida en sociedade, aumenta o respecto á diversidade e fomenta o aumento das competencias lingüísticas e profesionais. A realización, total ou parcial, en empresas doutros países do módulo profesional de formación en centros de traballo ou da FP Dual contribúe á adquisición destas competencias.

No ámbito profesional, a mobilidade é un medio privilexiado de lograr un espazo de emprego e traballo europeo, xa que lle dá a cada individuo a posibilidade de adquirir coñecementos teóricos, prácticos e de comportamento e, dun xeito máis amplo, competencias e cualificacións adaptadas ao espazo sen fronteiras da Unión Europea.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades puxo en marcha o plan de calidade en formación profesional do sistema educativo e o plan de dinamización da FP Dual de Galicia que pode ser obxecto de cofinanciamento polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, e o Fondo Social Europeo polo que se incorpora a esta convocatoria o alumnado de FP Dual que realice formación na empresa.

Tendo en conta a importancia desta formación e coa finalidade de compensar parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das actividades que se desenvolven na empresa correspondentes ao módulo de FCT ou á FP Dual, considérase necesario convocar axudas económicas para este alumando.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas, esta Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Convocar axudas económicas para a realización en empresas do módulo profesional de FCT e da FP Dual en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento ED202A), nas seguintes modalidades:

1. Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio e grao superior de formación profesional inicial, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos que realice a FCT ou a FP Dual dentro do territorio español.

2. Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, cursos de especialización, de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas que realice a FCT ou a FP Dual fóra do territorio español co fin de mellorar as competencias lingüísticas e profesionais.

Artigo 2. Requisitos

1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou algún ciclo formativo de FP Dual.

2. O alumnado que concorra a esta convocatoria de axudas deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP Dual antes do 31 de decembro de 2022.

3. Non poderá ter a condición de persoa beneficiaria das axudas previstas nesta orde o alumnado que incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O/a solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:

1. O primeiro prazo, trinta e un (31) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro 2021-marzo 2022 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2022.

Acollerase a este primeiro prazo o alumnado de FP Dual.

O alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2022 e que anticipase o período de FCT non se acollerá a este primeiro prazo.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 15 de outubro e o 15 de novembro de 2022, para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2022. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2022. O alumnado que teña horario flexible con autorización da Dirección Xeral de Formación Profesional e remate despois do 31 de decembro de 2022 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.

3. As solicitudes xunto co resto dos anexos requiridos serán facilitados ao alumnado polo centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo ou FP Dual. Toda esta documentación xerarase a través da aplicación informática www.edu.xunta.gal/fct

4. As solicitudes xunto co resto dos anexos presentaranse no centro educativo onde o alumnado estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo ou a FP Dual.

Artigo 4. Documentación complementaria

1. O alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará a seguinte documentación:

– Declaración do enderezo de residencia durante o período de realización da FCT ou de FP Dual, segundo o anexo II desta orde.

2. A documentación complementaria presentana o alumnado no centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo ou FP Dual.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Orzamento

O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 10.30.422M.480.0 dentro do exercicio orzamentario do ano 2022, da Dirección Xeral de Formación Profesional, ata un importe máximo de 800.000 € (oitocentos mil euros. Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2022, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se a contía total da suma das solicitudes supera o crédito do que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Formación Profesional para axustar proporcionalmente os importes solicitados por cada solicitante, de xeito que a suma total dos importes de todas as persoas solicitantes de Galicia non supere a contía do crédito dispoñible.

Reservarase un 85 % do orzamento para o primeiro prazo, un 15 % para o segundo, e será acumulable o orzamento excedente do primeiro período para o segundo.

Artigo 7. Contía da axuda e número de xornadas

1. Contía da axuda.

a) Alumnado que realice a FCT ou a FP Dual dentro do territorio español.

a.1) Na comunidade autónoma:

Ata un máximo de 375 € cando se cumpran as seguintes condicións:

• O concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo.

• O concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello de residencia do/a alumno/a durante o período de realización da FCT ou da FP Dual.

A contía que percibirá o alumnado establecerase en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou no caso da FP Dual do número de xornadas de permanencia na empresa.

a.2) Fóra da comunidade autónoma.

Percibirán unha cantidade fixa de 200 € aínda que realice a FCT ou a FP Dual en varios centros de traballo.

b) Alumnado que realice a FCT ou a FP Dual fóra do territorio español.

b.1) Unión Europea:

País

Contía base

Contía por semana

Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Malta, Romanía

120 €

72 €

Alemaña, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovenia, Grecia, Holanda, Luxemburgo, Portugal, República Checa

180 €

120 €

Austria, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Suecia

240 €

150 €

b.2) Non integrados na Unión Europea:

País

Contía base

Contía por semana

Europeos

180 €

120 €

Outros continentes

240 €

150 €

A contía base é para todo o alumnado con independencia das semanas de estadía no estranxeiro.

2. Número de xornadas.

O número mínimo de xornadas que se deben realizar para percibir esta axuda será do 80 % das correspondentes a cada ensinanza ou do mínimo establecido na Resolución do 27 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do período de formación en empresas nas ensinanzas de formación profesional, ensinanzas artísticas e ensinanzas deportivas, na situación excepcional actual de pandemia derivada da COVID-19. No caso de que se adoptasen medidas preventivas de saúde pública que obrigasen á súa suspensión, aboaranse as xornadas realizadas ata ese momento.

O límite máximo de xornadas obterase dividindo entre oito o número de horas do módulo de FCT e, no caso da FP Dual, o número de xornadas de permanencia na empresa.

Para o alumnado que realice a FCT en xornada de horario flexible, segundo o artigo 14, letra f) da Orde do 28 de febreiro de 2007, o máximo de xornadas será o correspondente ás da ensinanza que se curse e só será posible acollerse á orde de axudas que regule o período final das súas prácticas, se estas se prolongan ao longo de máis dunha convocatoria de axudas.

O alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e non complete o número total de horas do módulo de FCT do ciclo formativo correspondente deberá completar as restantes horas dentro do territorio español con anterioridade ou posterioridade.

Non terá dereito á axuda convocada nesta orde:

– O alumnado de FP Dual en cuxos proxectos se inclúan axudas por desprazamento e aloxamento.

– O alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e teña concedida unha axuda Erasmus + KA102; Fundación Paidea, ou calquera outra que financie totalmente o período de FCT, polas xornadas realizadas fóra do Estado español.

Ao alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e teña concedida ou solicitada calquera outra axuda para a mesma finalidade concederáselle o 50 % da axuda correspondente ás xornadas realizadas fóra do Estado español, e a parte proporcional da axuda das xornadas realizadas dentro do territorio español, sempre dentro do límite establecido no artigo 14.

Ao alumnado que realice a FP Dual fóra do territorio español concederáselle o 50 % da axuda correspondente ata un máximo de 1.500 €, sempre dentro do límite establecido no artigo 14.

Artigo 8. Documentación que tramitarán os centros

1. Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas a aplicación informática que determine e subministre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e, ademais, proporcionaranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional todos aqueles documentos ou datos previstos nesta orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da FCT ou da FP Dual ou nas instrucións remitidas aos centros.

2. A dirección do centro cargará os datos e tramitará todos os documentos a través da páxina web http://www.edu.xunta.gal/fct, da cal se obterá unha listaxe provisional de todo o alumnado que solicitase axuda no seu centro. Esta listaxe provisional de solicitantes, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno/a, asinada polo/a director/a e o/a secretario/a, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O centro abrirá un prazo de dez días naturais, contados a partir da publicación da listaxe provisional, para a presentación de reclamacións por parte das persoas solicitantes.

4. Rematado o prazo de reclamacións, a dirección do centro resolveraas e elaborará unha listaxe definitiva de persoas solicitantes, asinada polo/a director/a e o/a secretario/a, que fará pública no taboleiro de anuncios do centro.

5. O centro, a través do/da coordinador/a de FCT, unha vez finalizada a estadía do alumnado en centros de traballo, indicará na aplicación informática o alumnado que ten dereito á axuda.

6. Posteriormente, o/a director/a e o/a secretario/a certificarán a relación do alumnado que realizou a FCT ou a FP Dual, cos importes que lle corresponda a cada un e o total. Esta certificación será xerada na aplicación informática www.edu.xunta.gal/fct unha vez que rematen todas as persoas solicitantes o período de FCT ou de FP Dual.

Artigo 9 Arquivamento da documentación

1. O centro arquivará a seguinte documentación en papel como mínimo por un período de 5 anos.

a) Solicitudes orixinais (anexo I).

b) Declaracións de residencia (anexo II).

c) Copia do DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

d) Declaracións responsables complementarias segundo dispón o artigo 12, alínea 2 desta orde (anexo IV), de ser o caso.

e) Certificación de realización das prácticas.

2. No caso de centros privados con ensinanzas concertadas, a aceptación de participación como entidade colaboradora na xestión das axudas (anexo III), deberase asinar dixitalmente con certificado dixital ou Chave 365 e remitirse por correo electrónico a fct@edu.xunta.gal, antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 10. Adxudicación das axudas

Á vista das certificacións dos centros e do crédito dispoñible, a Dirección Xeral de Formación Profesional elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas e enviaralla á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que resolverá o que proceda, e nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 11. Comunicación e publicación das axudas

1. Mediante orde da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicarase o anuncio da exposición das listaxes definitivas das persoas beneficiarias, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno/a, no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Neste caso a publicación das persoas beneficiarias producirá os mesmos efectos ca notificación segundo se establece no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, del procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As persoas interesadas poderán entender desestimadas as solicitudes de non se ditar resolución expresa no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 12. Pagamento das axudas

1. As axudas faranse efectivas nun só pagamento directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria indicada para tal efecto.

2. A persoa beneficiaria presentará no centro, no momento da finalización da estadía no centro de traballo, unha declaración responsable complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade (anexo IV), das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

3. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicarlle á entidade concedente ou, se é o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 de Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Compatibilidade das axudas

Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada sen prexuízo do sinalado no artigo 7.2 desta orde.

Artigo 15. Perda das axudas

1. A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. A persoa beneficiaria está obrigada ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A persoa beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007 utilizarase a declaración responsable recollida no anexo IV desta orde.

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Os trámites posteriores ao inicio do procedemento deberán realizarse no centro educativo onde estea matriculado o alumnado. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites que poderán ser empregados por elas.

Artigo 18. Adaptación

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file