Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 17 de xuño de 2022 Páx. 35025

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica LMT, CT e RBT derivada a Piño, no concello da Pobra do Brollón (expediente 2017/04 ATE).

Examinado o expediente instruído a instancia da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida San Luis, 77, 28033 Madrid, aprécianse os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 25 de novembro de 2020, a empresa solicita a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica LMT, CT, RBT derivada Piño, no concello da Pobra do Brollón, presentando o proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 8 de febreiro de 2022. Esta resolución foi publicada no diario La Voz de Galicia do 17 de febreiro de 2022, no BOP de Lugo do 17 de febreiro de 2022 e no DOG do 1 de marzo de 2022, no taboleiro de anuncios da xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello da Pobra de Brollón. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentou alegacións a titular proposta do predio 1, que alegou non ser propietaria do predio, o que se trasladou á empresa e esta achegou novos titulares propostos aos cales se lles notificou a información pública o 7 de marzo de 2022 (xustificante do 9 de marzo de 2022), para que puidesen formular as alegacións oportunas.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes:

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A esta xefatura territorial correspóndelle resolver sobre a presente solicitude. de acordo coas competencias que resultan do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 24/2013, e os regulamentarios previstos nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista do informe técnico e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que procede a autorización da instalación eléctrica.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que, consonte o artigo 151 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Conceder a autorización administrativa á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. para o establecemento da instalación eléctrica denominada LMT, CT, RBT derivada Piño, no concello da Pobra do Brollón, coas seguintes características técnicas principais:

– Liña de alta tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 614 m, con orixe en celosía metálica existente nº 143 da LMT MOF803 A Pobra do Brollón-C.H. Loureiro, condutor tipo LA-56 e final en celosía metálica proxectada nº 143-A-5.

– Liña de alta tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 831 m, con orixe en celosía metálica proxectada nº 143-A-18-3, condutor tipo LA-56 e final en celosía metálica proxectada nº 143-A-18-10.

– Liña de alta tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 320 m, con orixe en paso aero-soterrado proxectado sobre celosía metálica proxectada nº 143-A-18-10, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×95 mm² e final no centro de transformación proxectado Piño.

– Centro de transformación de tipo rural compacto de manobra exterior con envolvente de formigón, cunha potencia de 160 kVA, e relación de transformación de 20.000/400 V.

Segundo. Conceder a autorización administrativa de construción para a execución do proxecto da instalación eléctrica LMT, CT, RBT derivada Piño.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario La Voz de Galicia do 17 de febreiro de 2022, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 17 de febreiro de 2022 e no Diario Oficial de Galicia do 1 de marzo de 2022, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello da Pobra do Brollón. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas poderán formularse as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta Xefatura Territorial de Economía, Industria e Innovación (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LMT, CT, RBT derivada Piño, presentado pola empresa UFD Distribución Electricidad, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial e outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, (BOE núm. 236, do 2 de outubro) cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar, e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Lugo, 25 de maio de 2022

Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo