Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 21 de xuño de 2022 Páx. 35699

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se acorda someter a información pública a revisión do Plan de emerxencia exterior de punta Promontoiro.

En aplicación do disposto no artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, e do disposto nos artigos 4 e 5 do Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control de riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, deben someterse ao correspondente procedemento de información pública os plans de emerxencia exterior dos establecementos en que estean presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ás especificadas na columna 3 das partes 1 e 2 do anexo 1 do citado Real decreto 840/2015.

Atendendo á documentación remitida polos industriais a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior revisou o Plan de emerxencia exterior de punta Promontoiro.

En consecuencia e de conformidade co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Primeiro. Someter ao trámite de información pública por un período de vinte (20) días hábiles, contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a revisión do Plan de emerxencia exterior de punta Promontoiro, en Mugardos, co obxecto da presentación de cantas alegacións se consideren oportunas.

Para os efectos de cumprir o previsto no artigo anterior, o Plan de emerxencia exterior estará dispoñible na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na rúa Roma, 25-27, do polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela, e pode ser tamén consultado no enderezo web http://cpapx.xunta.es/plans-de-emerxencia

Segundo. As alegacións deberán dirixirse en igual prazo á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na rúa Roma, 25-27, do polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela, e serán presentadas na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior