Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 22 de xuño de 2022 Páx. 35747

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros co Xacobeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código do procedemento PR926E).

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo a que deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás entidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e, sinaladamente, nas áreas formativas, culturais e de mocidade.

Segundo o establecido no artigo 22 do Decreto 109/2021, do 15 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden, como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma no ámbito da emigración e do retorno, as competencias recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e, en particular, as relacións e apoio ás persoas e ás comunidades galegas no exterior, así como o fomento e a promoción da súa actividade e funcionamento.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 109/2021, do 15 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e de tempo libre dirixidas ás persoas vinculadas ás entidades galegas do exterior.

Para realizar todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 109/2021, do 15 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Reencontros co Xacobeo, destinado a promover que persoas maiores de 65 anos vinculadas ás entidades galegas do exterior fomenten os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, de xeito que, unha vez vivida esta experiencia, poidan colaborar como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que as entidades teñen a súa sede (código de procedemento PR926E).

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2022.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Número de prazas convocadas e características do programa

1. Convócanse 205 prazas do programa Reencontros co Xacobeo, dirixido a entidades galegas do exterior. Estas prazas distribúense do seguinte xeito: 94 prazas para entidades galegas radicadas en países de América, 31 prazas para entidades galegas radicadas en países de Europa e 80 prazas para entidades galegas radicadas en España.

A distribución das prazas por países de América e Europa e por comunidades autónomas de España, así como o número máximo de persoas que pode solicitar cada entidade, son as que aparecen reflectidas, respectivamente, nos anexos A, B e C.

2. As persoas propostas por cada entidade deben ter a nacionalidade española e 65 ou máis anos de idade. Así mesmo, deben valerse por si mesmas e estar nun estado físico que lles permita realizar con normalidade as actividades do programa.

3. O programa, que se desenvolverá, previsiblemente, na primeira quincena de outubro, consiste en realizar pequenas etapas do Camiño de Santiago e un achegamento ao patrimonio cultural e natural das respectivas zonas visitadas.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos traslados das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes desde o seu lugar de orixe ata Galicia e dos de regreso. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres en Galicia e do seu aloxamento e manutención.

O tempo de estadía en Galicia das persoas participantes financiado pola Secretaría Xeral da Emigración limitarase exclusivamente ao de duración do programa.

4. Non poderán resultar seleccionadas as persoas que participasen neste programa ou no programa Conecta con Galicia con anterioridade.

5. Na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) informarase das datas definitivas de desenvolvemento, así como das actividades programadas e do lugar de aloxamento.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes.

2. As entidades tan só poderán presentar unha única solicitude, en que indicarán os datos das persoas que propoñen para a participación no programa.

Unha vez rematado o prazo de solicitudes, a entidade solicitante non poderá propor a participación doutras persoas diferentes ás indicadas na solicitude.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas propostas pola entidade que non teñan DNI.

b) Certificado de residencia fiscal emitido en 2022 polas autoridades competentes do país de residencia no suposto de entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español.

c) Unha declaración responsable de cada persoa proposta para participar no programa, conforme o modelo oficial que figura como anexo II, de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, de ser apta para participar con normalidade nas actividades do programa e de aceptación das súas normas de participación.

Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web http://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, o anexo II contén a autorización para publicar estas imaxes.

d) Unha fotografía recente tamaño carné de cada unha das persoas propostas para participar no programa.

e) Para as persoas propostas por parte de entidades galegas de América, certificado médico, segundo o modelo do anexo III, conforme a persoa está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración e a actividade programada.

Así mesmo, as entidades interesadas poderán achegar calquera outro documento que consideren conveniente.

2. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta resolución.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que non está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que está ao día no pagamento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente débeda ningunha coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

De acordo co disposto no artigo 4.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude de xeito presencial poderán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo/a presidente/a ou polo/a representante legal da entidade solicitante.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a entidade interesada ou persoa proposta para participar no programa se opoña á súa consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

b) DNI/NIE das persoas propostas pola entidade para participar no programa.

c) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades ou persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de comunidades galegas.

Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que emitirá informe en que se concreten os resultados da avaliación efectuada e a correspondente proposta de concesión.

Estará formado por tres persoas vocais e unha persoa secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da Comisión de Avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, terase por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución, en execución do disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Transcorrido este prazo elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas, coa listaxe de persoas propostas por cada entidade, que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal).

5. Nos seguintes días elaborarase unha relación das persoas que participarán por cada entidade galega e outra de reserva que serán produto dos seguintes criterios de adxudicación:

a) Países de América e Europa:

1º. En primeiro lugar, será seleccionada directamente a primeira persoa proposta por cada unha das entidades solicitantes de cada país ou agrupación deles.

2º. En segundo lugar, as prazas por país ou agrupación deles que resultasen vacantes no punto anterior serán adxudicadas en sorteo público entre as entidades solicitantes dese país ou agrupación deles.

3º. En terceiro lugar, de quedaren prazas vacantes nun país ou agrupación deles por non haber solicitudes suficientes, serán adxudicadas en sorteo público entre todas as entidades solicitantes da área de América e/ou Europa segundo corresponda.

b) Comunidades autónomas de España:

1º. En primeiro lugar, será seleccionada directamente a primeira persoa proposta por cada unha das entidades solicitantes de cada comunidade autónoma ou agrupación delas. No caso daquelas entidades resultantes dun proceso de unión ou fusión, serán seleccionadas neste punto tantas persoas como entidades formen a unión ou fusión, segundo datos do Rexistro da Galeguidade.

2º. En segundo lugar, as prazas por comunidade autónoma ou agrupación delas que resultasen vacantes no punto anterior serán adxudicadas en sorteo público entre as entidades solicitantes desa comunidade autónoma ou agrupación delas.

3º. En terceiro lugar, de quedaren prazas vacantes nunha comunidade autónoma ou agrupación delas por non haber solicitudes suficientes, serán adxudicadas en sorteo público entre todas as entidades solicitantes da área de España.

6. A data e o lugar en que se levarán a cabo os sorteos mencionados no punto anterior deste artigo serán publicados con antelación na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal).

7. Unha vez realizada a selección, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as resolucións oportunas e publicarase na páxina web (https://emigracion.xunta.gal) a relación definitiva de entidades beneficiarias xunto coa lista de persoas participantes admitidas de cada unha delas, así como a lista de reservas.

8. Publicada a relación definitiva de entidades seleccionadas coa relación de persoas participantes na páxina web (https://emigracion.xunta.gal), as entidades interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles para renunciar á participación nas actividades. As baixas producidas dentro deste prazo serán substituídas por persoas da lista de reserva da mesma entidade galega, se as houber.

Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior debidamente xustificadas e autorizadas pola subdirección xeral competente en materia de comunidades galegas.

Artigo 9. Notificacións

1. As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Excepcionalmente, no caso das entidades domiciliadas fóra do territorio español, de acordo co previsto no artigo 4.1 desta convocatoria, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos; non obstante poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por este medio.

A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar os ditos trámites accedendo a Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.

Artigo 11. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Requirimentos

De acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a realización dos requirimentos que procedan poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.gal

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe indicarse que os prazos de dez días computaranse desde a publicación dos requirimentos na páxina web indicada e non desde a súa comunicación.

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Con carácter xeral, as entidades adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a colaborar coa Xunta de Galicia na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que teñen a súa sede e a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto ás recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas que participen no programa por medio das entidades adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno dos lugares de aloxamento, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. As persoas participantes tamén se comprometen a cumprir a normativa COVID-19 vixente en Galicia durante a súa estadía.

Non cumprir estas normas terá como consecuencia a expulsión do programa.

3. No caso de baixa ou renuncia ao programa dalgunha persoa participante, a entidade galega deberá comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días á realización da viaxe, a causa da renuncia. No caso de non comunicar a súa baixa ou renuncia con antelación á viaxe, poderán ser penalizadas e excluídas de edicións futuras do programa.

Artigo 14. Concorrencia de axudas, seguimento e modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que lle poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora á entidade beneficiaria da axuda, nos casos de incumprimento das bases da convocatoria nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro, considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe do custo por persoa da actividade pagado pola Secretaría Xeral da Emigración, xunto cos correspondentes xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 15. Financiamento

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO A

Prazas ofertadas nos países de América

País

Nº de prazas ofertadas

Nº de prazas máximas que pode solicitar cada entidade galega polo país ou grupo destes en que estea asentada

Arxentina

40

20

Brasil

14

7

Canadá

2

1

Cuba

10

5

Chile

2

1

Costa Rica

1

1

Estados Unidos de América

3

2

México

2

1

Panamá

1

1

Perú

1

1

Porto Rico

1

1

Uruguai

12

6

Venezuela

5

3

Prazas totais

94

ANEXO B

Prazas ofertadas nos países de Europa

País

Nº prazas ofertadas

Nº de prazas máximas que pode solicitar cada entidade galega polo país ou grupo destes en que estea asentada

Suíza-Liechtenstein

14

7

Alemaña

11

5

Resto de Europa

6

3

Prazas totais

31

ANEXO C

Prazas ofertadas nas comunidades autónomas de España

Comunidade autónoma ou agrupación destas

Nº prazas ofertadas

Nº de prazas máximas que pode solicitar cada entidade galega pola comunidade autónoma ou grupo destas en que estea asentada

Andalucía, Ceuta e Estremadura

9

5

Illas Canarias

2

2

Cataluña

20

15

C. Valenciana, Rexión de Murcia, Illas Baleares e Castela-A Mancha

6

4

Castela e León, Asturias, Cantabria, A Rioxa e Aragón

11

7

Comunidade de Madrid

17

8

País Vasco e Navarra

15

8

Prazas totais

80

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file