Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 27 de xuño de 2022 Páx. 36698

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2022, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a resolución pola que se deixa sen efecto a Resolución do 16 de febreiro de 2021 pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06, así como o proxecto de construción denominado fomento da mobilidade sustentable, nova senda na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090-3+780, de clave OU/19/135.06.1.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), ditou o 3 de marzo de 2022 a seguinte resolución:

Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se deixa sen efecto a Resolución do 16 de febreiro de 2021 pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, punto quilométrico 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06, así como o proxecto de construción denominado fomento da mobilidade sustentable, nova senda na OU-402, treito Reza, punto quilométrico 1+090-3+780, de clave OU/19/135.06.1.

Antecedentes de feito:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 65, do 4 de abril, publicouse o Anuncio do 21 de marzo de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto do itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, punto quilométrico 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06, para os efectos do establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo citado proxecto.

Segundo. No DOG núm. 59, do 29 de marzo, publicouse o Anuncio do 23 de marzo de 2021 para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, punto quilómetrico 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06, así como o proxecto de construción denominado fomento da mobilidade sustentable, nova senda na OU-402, treito Reza, punto quilómetrico 1+090-3+780, de clave OU/19/135.06.1.

Terceiro. Con data do 4 de marzo de 2021, o Consello da Xunta de Galicia aproba o Decreto 43/2021 polo que se declara a utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo dito proxecto (DOG núm. 50, do 15 de marzo).

Cuarto. Con posterioridade á aprobación da información pública e do proxecto de construción da actuación xurdiron novas necesidades para atender as reclamacións das protestas sociais sobre a utilización da senda por ciclistas.

A publicación no ano 2021 da Instrución 3/2021 para o deseño de sendas da Axencia Galega de Infraestruturas abre a porta para non incluír zonas ciclistas nas sendas compartidas e así poder axustar o deseño a sendas estritamente peonís nos proxectos que se desenvolven. Con base nisto, pódese volver estudar a sección transversal da actuación reducindo as súas dimensións e non estenderse máis alá do dominio público actual, o que leva consigo que moitas parcelas afectadas pola anterior expropiación deixen de ter terreos ocupados.

Quinto. Con data do 7 de febreiro, comunícaselle ao Concello de Ourense a proposta de resolución por se considera adecuado formular alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 109.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que as administracións públicas poderán revogar, mentres non transcorrese o prazo de prescrición, os seus actos de gravame ou desfavorables, sempre que tal revogación non constitúa dispensa ou exención non permitida polas leis, nin sexa contraria ao principio de igualdade, ao interese público ou ao que establece o ordenamento xurídico.

De acordo con todo o exposto, e dado que está previsto a redacción dun novo proxecto,

RESOLVO:

Deixar sen efecto a resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se aproba o expediente de información pública e o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, punto quilométrico 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06 e o proxecto de construción denominado fomento da mobilidade sustentable, nova senda na OU-402, treito Reza, punto quilométrico 1+090-3+780, de clave OU/19/135.06.1.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público, para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas