Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 27 de xuño de 2022 Páx. 36562

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1.

A disposición adicional primeira do Decreto 225/2020, do 23 de decembro (DOG núm. 260, do 29 de decembro), e Decreto 62/2021, do 8 de abril (DOG núm. 73, do 20 de abril), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2020 e 2021, establece que se poderán convocar nun único proceso selectivo as prazas correspondentes á oferta de emprego público de anos anteriores, cuxo proceso selectivo non se convocou.

En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

Nesta convocatoria non se prevé a promoción interna, ao estar prevista a promoción interna para o persoal funcionario dos corpos xerais como unha convocatoria independente.

Por conseguinte, de conformidade co establecido no Decreto 62/2021, do 8 de abril (DOG núm. 73, do 20 de abril), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir setenta e cinco (75) prazas no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1), correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2021, á cal se acumulan as provenientes de oferta de 2020, segundo se detalla:

– Oferta de emprego público do exercicio 2020, aprobada polo Decreto 225/2020, do 23 de decembro (DOG núm. 260, do 29 de decembro): corenta e cinco (45) prazas de acceso libre, das cales tres (3) están reservadas á quenda de persoas con discapacidade.

– Oferta de emprego público do exercicio 2021, aprobada polo Decreto 62/2021, do 8 de abril (DOG núm. 73, do 20 de abril): trinta (30) prazas de acceso libre, das cales dúas (2) están reservadas á quenda de persoas con discapacidade.

O sistema selectivo será o de oposición.

I.1.1. De conformidade co Decreto 225/2020, do 23 de decembro, e co Decreto 62/2021, do 8 de abril, do total de prazas convocadas reservaranse cinco (5) para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 %.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar cada exercicio e o proceso elaborarase unha relación única na cal se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola cal participasen.

I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberano indicar expresamente na solicitude. De non o indicaren, entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberanse realizar no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. A este proceso selectivo seranlle aplicables o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas aos procesos selectivos, as persoas aspirantes deberán posuír o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter, o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), o título universitario oficial de grao. Tamén poderán acceder a este corpo as persoas que estean en posesión das titulacións de licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou equivalente.

Para os efectos desta convocatoria, o termo de equivalente entenderase referido exclusivamente ás titulacións que, como consecuencia da implantación de novos estudos adaptados ás sucesivas reformas educativas substituíron as titulacións extinguidas.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de Dereito da Unión Europea.

I.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.5. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

I.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, na data de publicación desta convocatoria.

I.2.7. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence ao mesmo corpo e grupo obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365), e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que se empregarán para as súas solicitudes.

Unha vez completados os datos dos solicitantes, poderase iniciar o proceso de inscrición.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame», se o texto do exercicio se deberá entregar en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se encontren relativas ao pagamento de taxas:

As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se producise o feito causante e, en calquera caso, nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio en que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza, durante a realización do exercicio, de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia auténtica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

I.3.3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.

c) Xustificante da condición de familia numerosa no caso de estar expedida por outra comunidade autónoma.

d) Os datos relativos á exección de taxa consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan á consulta da documentación; para iso deberano indicar no cadro correspondente e achegar a seguinte documentación:

Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición.

Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego na cal conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas para os efectos. Se non dispón de copias auténticas, deberá xerar o anexo de documentación e achegar, coa súa solicitude, orixinal ou copia debidamente compulsada dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se encontren.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste punto, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, e os fillos dos feridos e falecidos.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

I.3.4. Para o pagamento da taxa deberán actuar do seguinte xeito:

Pagamento electrónico: deberán introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e, nese momento, obterán o xustificante 730 correspondente.

Pagamento electrónico-Con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e, nese momento, obterán o xustificante 730 correspondente.

Pagamento presencial: deberán seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lles facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos, validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

A Administración devolveralles o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningún das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Do mesmo xeito, a Administración devolveralles o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes que acadasen un posto na mesma categoría, corpo, grupo ou escala en virtude do proceso selectivo que se encontre en execución e que na data da publicación desta convocatoria non estivese rematado, e así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito en que soliciten a devolución e no cal consten o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade, ou ben presenten un certificado expedido pola entidade financeira no cal figuren eses datos. Esta documentación deberase dirixir ao Servizo de Selección da Dirección Xeral da Función Pública. A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos, onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

As persoas aspirantes afectadas poderán acceder á solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola cal se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participaren no proceso selectivo. Cando, da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo a esta resolución. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que figura no anexo e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento oitenta (180) preguntas tipo test, relacionado co anexo do programa.

O exercicio dividirase en dúas partes:

A primeira parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de cincuenta (50) preguntas da parte xeral-bloque I.

O exercicio disporá de tres (3) preguntas de reserva.

As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta.

A segunda parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico e práctico de cento trinta (130) preguntas da parte xeral-bloque II, das cales cen (100) preguntas serán de contido teórico e trinta (30) preguntas serán sobre un suposto práctico tipo test, sobre un ou varios textos propostos polo tribunal.

O exercicio disporá de seis (6) preguntas de reserva, das cales dúas (2) serán sobre un suposto práctico.

As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e contido dos temas que integran o programa. Na elaboración das preguntas deste exercicio respectarase a orde establecida no parágrafos anteriores.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de douscentos vinte (220) minutos.

O exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.

Superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De se dar o caso de que o número de aspirantes que superaron este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo, en cada unha das partes do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes, publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Este exercicio realizarase no prazo máximo de sesenta (60) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non terá lugar antes dos seis (6) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

O exercicio poderá ser coincidente co primeiro exercicio do proceso selectivo de estabilización que se convoque, ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, para o ingreso no mesmo corpo e grupo contido nesta resolución.

II.1.1.2. Segundo exercicio.

As persoas aspirantes deberán desenvolver por escrito dous (2) temas, que se elixirán entre catro (4), obtidos mediante sorteo polo tribunal de entre os que forman o contido da parte específica do programa que figura como anexo desta resolución, do seguinte xeito:

– Un (1) tema que se elixirá entre dous (2) obtidos por sorteo dos correspondentes aos bloques I, II e III.

– Un (1) tema que se elixirá entre dous (2) obtidos por sorteo dos correspondentes aos bloques IV e V.

O exercicio terá unha duración máxima de catro (4) horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

O tribunal cualificará o exercicio valorando os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de sete (7) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de sesenta (60) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio.

Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo co nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio, que posuían o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes na cal figurarán aquelas que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de sete (7) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de sesenta (60) días hábiles.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aquelas cuxo primeiro apelido comece pola letra Y, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 29 de xaneiro de 2021 (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 18 de xaneiro de 2021 (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro).

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberanse presentar a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, ao xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradoras.

II.1.2.4. En calquera momento, as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberase realizar dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con dez (10) días naturais, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes ao da realización do exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas ou modifica o modelo de corrección de respostas, publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal pola cal se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporalle a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a orde que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.

II.1.2.11. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, de se produciren renuncias das persoas que superaron o proceso selectivo antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano que convoca poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación as propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP, o artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e o Decreto 95/91, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberanse abster de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no artigo 59.2 da Lei 2/2015, do emprego público de Galicia, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas mediante a Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de abril de 2007, e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberalles solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non se encontraren incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola cal se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberase realizar nun prazo máximo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a Presidencia e a Secretaría, ou de quen as substitúa.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia.

III.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes, e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberanse adoptar sen coñecer a identidade das persoas aspirantes a que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen se deberá limitar a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizaren os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se, durante a realización do proceso selectivo, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador, realizada segundo o disposto na base III.1, implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderao ampliar baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propor o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.1.2.11.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada, ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición. No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida nos exercicios da oposición pola súa orde de realización.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade ou equivalente. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos no caso de que non fosen presentados ou validados previamente:

A) Copia auténtica do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

B) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

C) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán ademais acreditar, no caso de que coa solicitude se opoñan á consulta, tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitaralle ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

Poderán autorizar a Administración para a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.

IV.3. As persoas aspirantes estarán exentas de xustificar documentalmente as condicións e os demais requisitos xa probados para obteren o seu anterior nomeamento.

IV.4. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.6. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

IV.7. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderán impugnala directamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

A) Parte xeral.

Bloque I.

1. Constitución española do 27 de decembro de 1978.

2. Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional.

3. Lei orgánica 3/1981, do Defensor do Pobo.

4. Lei orgánica 2/1982, do 12 de maio, do Tribunal de Contas.

5. Lei 50/1997, do 27 de novembro, de organización, competencia e funcionamento do Goberno.

6. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

7. Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia.

8. Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia.

9. Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo de Galicia.

10. Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

11. Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

12. Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

13. Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Bloque II.

14. Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia.

15. Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega. (títulos preliminar a V).

16. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

17. Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

18. Real decreto 5/2015 polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

19. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

20. Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

21. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Títulos II e IV.

22. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar, capítulo V, sección 1ª e capítulo VIII do título I e título II.

23. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

24. Lei 9/2017 de contratos do sector público. Libros I e II.

25. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

26. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

B) Parte específica.

Bloque I. Teoría xeral do dereito e dereito administrativo xeral.

1. As fontes de dereito: teoría xeral e regulación no Código civil. Articulación do sistema de fontes: principios de xerarquía e competencia.

2. O dereito obxectivo. As normas xurídicas; caracteres, estrutura e clases. Interpretación, aplicación e eficacia das normas xurídicas.

3. O tempo no dereito obxectivo: ámbito temporal das normas. O tempo en relación cos dereitos subxectivos e as accións: prescrición e caducidade. Cómputo do tempo. Eficacia espacial das normas.

4. A persoa como suxeito do dereito. A personalidade xurídica. Persoas físicas: adquisición e perda da personalidade. Capacidade de obrar. As persoas xurídicas.

5. O Dereito civil galego. A Lei de dereito civil de Galicia. Principais institucións do dereito civil galego.

6. As fontes do dereito administrativo. A lei: concepto e clases. Disposicións do executivo con forza de lei: decretos leis e decretos lexislativos.

7. O regulamento: concepto e clases. Fundamento e límites da potestade regulamentaria. Regulamentos ilegais: a súa impugnación. Regulamentos dos órganos constitucionais.

8. O ordenamento xurídico de Galicia: leis de Galicia. Decretos lexislativos. Regulamentos. O réxime xurídico do exercicio das competencias autonómicas. Aplicación do dereito galego.

9. A relación xurídico-administrativa: concepto e suxeitos da relación xurídico-administrativa. As administracións públicas. O administrado. A súa capacidade xurídica e de obrar. As situacións xurídicas do administrado en xeral. Situacións xurídicas de carácter activo: potestades do administrado. Situacións xurídicas pasivas: situación de suxeición e deber do administrado.

10. O principio de legalidade da Administración: a súa construción técnica. As potestades administrativas: concepto. A atribución de potestades. Potestades regradas e potestades discrecionais. O control da discrecionalidade: en especial, o control do fin e a desviación de poder. O principio de autotutela.

11. O acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Normativa de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia. Sede electrónica. Identificación e autenticación. Rexistros, comunicacións e notificacións electrónicas. A xestión electrónica dos procedementos.

12. A atención á cidadanía na Comunidade Autónoma de Galicia. A transparencia na actividade administrativa.

13. A protección de datos de carácter persoal. Normativa reguladora. Principios informadores e dereitos das persoas en materia de protección de datos. A Axencia Española de Protección de Datos.

14. Actos administrativos en particular: a licenza, autorización ou permiso; réxime xurídico. Referencia á concesión e as súas clases.

15. O servizo público. Formas de xestión dos servizos públicos. Xestión directa e indirecta.

16. A expropiación forzosa. A súa xustificación e natureza. Lexislación vixente: a repartición competencial. Suxeitos, obxecto e causa da expropiación. O procedemento expropiatorio xeral. Particularidades do procedemento de urxencia. A reversión do ben expropiado. Garantías do expropiado. O Xurado de Expropiación Forzosa de Galicia.

17. As propiedades administrativas en xeral. Clases. Os bens patrimoniais da Administración: particularidades e réxime común cos bens demaniais. O dominio público: concepto, natureza xurídica, elementos e réxime xurídico.

18. O patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Tráfico xurídico do patrimonio. Utilización e aproveitamento do patrimonio. Xestión do patrimonio. Protección e defensa.

Bloque II. Unión Europea.

19. A Unión Europea tras o Tratado de Lisboa: o Tratado da Unión e o Tratado de funcionamento da Unión. As cooperacións reforzadas.

20. A organización da Unión Europea (I): o Consello Europeo, o Consello e a Comisión Europea. Composición e funcións. O procedemento decisorio. A participación dos Estados membros nas diferentes fases do proceso.

21. A organización da Unión Europea (II): o Parlamento Europeo. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea. O Tribunal de Contas. O Banco Central Europeo.

22. O orzamento comunitario. Os fondos estruturais. A cohesión económica e social.

23. As fontes do dereito da Unión Europea. Dereito orixinario. Dereito derivado: regulamentos, directivas e decisións. Outras fontes. As relacións entre o dereito da Unión Europea e o ordenamento xurídico dos Estados membros.

Bloque III. Dereito autonómico xeral e dereito local.

24. A Administración xeral do Estado. A súa organización e funcionamento: órganos superiores e órganos directivos. A Administración periférica do Estado. Os delegados e os subdelegados do Goberno nas comunidades autónomas.

25. O Goberno. A súa composición. Nomeamento e cesamento. As funcións do Goberno. O presidente do Goberno. Os ministros. A Administración pública: concepto. Principios constitucionais informadores. Goberno e Administración: control dos actos políticos.

26. O poder xudicial. O Consello Xeral do Poder Xudicial. A organización xudicial española. O Ministerio Fiscal.

27. A Administración institucional. Entidades que a integran: os organismos públicos. Os organismos autónomos. As entidades públicas empresariais. As axencias.

28. A autonomía política. Principios xerais: xurisprudencia constitucional. Vías de acceso á autonomía. Os estatutos de autonomía: contido. Procedemento de elaboración e reforma dos estatutos.

29. A posición xurídico-constitucional do Estatuto de autonomía: o Estatuto no sistema constitucional; o Estatuto como norma autonómica e como norma do Estado; o Estatuto como norma subordinada á Constitución; posición do Estatuto respecto ás demais normas do Estado e da Comunidade Autónoma.

30. Organización política das comunidades autónomas. As institucións de autogoberno de Galicia: descrición. Sede. A Administración de xustiza en Galicia.

31. A interpretación do Estatuto. A súa reforma; a rixidez estatutaria; as súas garantías. Os supostos de reforma; os seus respectivos procedementos.

32. As competencias da Xunta de Galicia: a reserva de competencias ao Estado do artigo 149. A atribución estatutaria de competencias; a cláusula de peche do artigo 149.3. Os límites xerais das competencias; a súa efectividade.

33. As competencias exclusivas. As competencias normativas: as leis da Comunidade Autónoma; o seu rango e posición constitucional. O principio de competencia nas relacións entre o ordenamento estatal e autonómico.

34. A concorrencia normativa entre o Estado e a Comunidade Autónoma. Normativa básica e normativa de desenvolvemento: elementos formais e materiais no concepto de lexislación básica; estrutura da normativa básica; a relación bases-desenvolvemento; o problema de rango das dúas normativas.

35. A execución autonómica da lexislación do Estado: significación desta fórmula; extensión da competencia do Estado; atribucións da Comunidade Autónoma. A coordinación entre as dúas ordes.

36. A colaboración entre o Estado e a Comunidade Autónoma: o seu desenvolvemento na doutrina do Tribunal Constitucional. Os elementos de colaboración; en especial, as conferencias sectoriais e os convenios de colaboración. O control da actividade da Comunidade Autónoma.

37. Conflitos constitucionais entre órganos do Estado. Conflitos coas comunidades autónomas. Impugnación de disposicións e resolucións das comunidades autónomas.

38. O municipio: organización e competencias. A provincia: organización e competencias. Outras entidades locais.

Bloque IV. Dereito administrativo especial.

1. Organización territorial. Competencias da Xunta de Galicia en materia de réxime local. Lexislación galega vixente en materia de réxime local.

2. Orde e seguridade cidadá: competencias da Xunta de Galicia; réxime xeral. A Policía de Galicia. As policías locais; a súa coordinación. Competencias da Xunta de Galicia en materia de protección civil, emerxencias, xogos e apostas.

3. A planificación económica de Galicia. A intervención administrativa en materia de institucións de crédito.

4. A Administración e o ambiente. Competencias da Xunta de Galicia. Avaliación de impacto ambiental e réxime dos residuos. Os espazos naturais protexidos. A caza e a pesca fluvial. Competencias da Xunta de Galicia.

5. Ordenación do territorio. O deseño competencial na materia. Réxime urbanístico do solo. Clasificación. Plans de ordenación.

6. Acción administrativa en relación coa vivenda. Competencias da Xunta de Galicia. O Instituto Galego da Vivenda e Solo. Normativa autonómica en materia de vivenda.

7. As obras públicas: competencias da Xunta de Galicia. Estradas: competencias da Xunta de Galicia. Réxime xurídico xeral. Transportes: competencias da Xunta de Galicia e réxime xurídico xeral.

8. Augas terrestres. Competencias da Xunta de Galicia. O dominio público hidráulico. Utilización do dominio público hidráulico.

9. Costas. Competencias da Xunta de Galicia. Delimitación, protección e utilización do dominio público marítimo-terrestre. Os portos. Competencias da Xunta de Galicia.

10. O comercio interior. A delimitación competencial entre o Estado e a Xunta de Galicia. Réxime xurídico da actividade comercial en Galicia.

11. A intervención administrativa en materia de consumo. O Estatuto galego do consumidor e usuario.

12. Investigación, desenvolvemento e innovación. A intervención administrativa no sector industrial e enerxético. Minas. Competencias da Xunta de Galicia. Clasificación e réxime de explotación.

13. A Administración da Xunta de Galicia e o ensino. Competencias da Xunta de Galicia. O sistema educativo. Os centros docentes. A autonomía universitaria. O sistema universitario galego.

14. A sanidade pública. Competencias da Xunta de Galicia e servizos traspasados. A ordenación sanitaria e farmacéutica de Galicia. O Servizo Galego de Saúde: organización e competencias.

15. A cultura. Competencias da Xunta de Galicia. O Consello da Cultura Galega. O patrimonio histórico-artístico. Arquivos, bibliotecas e museos. O turismo. Competencias da Xunta de Galicia.

16. Traballo e emprego. Delimitación de competencias estatais e autonómicas. Cooperativas. Competencias da Xunta de Galicia.

17. Servizos sociais. Infancia; familia; maiores; dependentes.

18. Discapacidade. A definición de discapacidade segundo a Organización Mundial da Saúde. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: consideración de persoa con discapacidade e dereitos. A normativa reguladora do procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade.

19. Políticas públicas para a igualdade de xénero. Disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Políticas contra a violencia de xénero. A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

20. Acción administrativa en materia de agricultura e gandaría. Competencias da Xunta de Galicia. Estruturas agrarias. Concentración parcelaria. Desenvolvemento rural. Vías pecuarias.

21. Os montes: disposicións xerais e competencias da Xunta de Galicia. Clasificación e réxime xurídico dos montes. Xestión, conservación e protección forestal. A prevención de incendios forestais. Os montes veciñais en man común.

22. Pesca, marisqueo e cultivos mariños. Competencias da Xunta de Galicia. Ordenación xurídica e réxime das sancións.

23. As telecomunicacións: o seu réxime xurídico. Especial referencia á radio e á televisión; a Corporación Radio e Televisión de Galicia. A emigración. Os deportes.

Bloque V. Dereito orzamentario e dereito tributario, laboral e seguridade social.

24. O orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia: concepto e natureza. Contido. Estrutura. Elaboración. Aprobación.

25. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. A función interventora.

26. Xestión dos gastos de persoal: retribucións dos empregados públicos. Devindicación e liquidación. Os gastos de clases pasivas.

27. Xestión dos gastos contractuais: tipos de contratos. Autorización e compromiso de gastos contractuais. Recoñecemento da obriga. Pagamento. Control dos gastos contractuais.

28. Xestión dos gastos de transferencias. Xestión das subvencións.

29. O sistema tributario español. O imposto. Concepto, clases, principios e efectos. Os impostos directos: concepto, caracteres e clases. Os impostos indirectos: conceptos, caracteres e clases.

30. Os tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia. As taxas: natureza; normas básicas do seu réxime xurídico; principais supostos. Os prezos públicos.

31. Seguridade e hixiene no traballo. A Lei de prevención de riscos laborais. Actuacións das administracións públicas: competencias. Dereitos e obrigas dos traballadores e empresarios en materia de prevención. Os servizos de prevención de riscos. Participación dos traballadores.

32. O dereito do traballo. A súa especialidade e caracteres. As fontes do dereito do traballo. O principio de xerarquía normativa. Os convenios colectivos de traballo. Concepto e natureza. Réxime xurídico. Partes. Procedemento. Contido.

33. O contrato de traballo. Concepto. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico.

34. Modalidades do contrato de traballo. A duración do contrato de traballo.

35. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo.

36. Réxime de representación de persoal. Órganos de representación.

37. Concepto e principios da Seguridade Social. O sistema da Seguridade Social: estrutura e ámbito. Réxime xeral e réximes especiais da Seguridade Social. A xestión da Seguridade Social: entidades xestoras e servizos comúns.