Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 27 de xuño de 2022 Páx. 36321

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro de ámbito superior ao municipal ou federacións para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300B).

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de Autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, transitoriamente en vigor de acordo co disposto na disposición transitoria do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Na actualidade, o comercio tradicional está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades.

Por isto, e co obxecto de contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, recóllese un conxunto de obxectivos entre os que cabe subliñar a incentivación da demanda comercial e a mellora da loxística do comercio, así como a consecución dunha imaxe máis competitiva e dinámica do comercio galego polo miúdo.

Polo tanto, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes, de ámbito superior ao municipal ou federacións, sen fins de lucro, que desenvolvan actuacións para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación da demanda comercial, a través de fórmulas conxuntas e integrais que superen a capacidade de actuación das asociacións de comerciantes de ámbito municipal.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destinadas ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro de ámbito superior ao municipal ou federacións para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial.

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2022.

A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

2. Para a concesión destas subvencións destínanse 500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

3. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez recibidas as solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que recaia resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data a ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de que a solicitude requira subsanación, terase en conta a data e hora na que a entidade solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á que o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A proposta de concesión formularase polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención. Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación das solicitudes entre si, polo interese excepcional en promover actuacións que contribúan a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, incentivando a demanda comercial e a mellora da loxística do comercio, así como a consecución dunha imaxe máis competitiva e dinámica do comercio galego polo miúdo.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300B, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo
https://sede.xunta.gal

2. Na páxina web oficial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3. Nos teléfonos 981 54 45 30 e 981 54 55 97 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións, sen fins de lucro, para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial mediante fórmulas conxuntas e integrais que superen a capacidade de actuación das asociacións de comerciantes de ámbito municipal
(código de procedemento CO300B)

Artigo 1. Obxecto e réxime da subvención

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a incentivación da demanda comercial e o incremento das vendas do comercio retallista a través do tícket de dinamización comercial.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e os investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2022 e a data límite de xustificación establecida no artigo 19.1 destas bases reguladoras.

En atención a súa especial natureza e por ter unha continuidade ininterrompida, tamén se considerarán subvencionables as actuacións que se inicien no mes de decembro do ano 2021 e teñan unha continuidade ininterrompida no ano 2022 e, concretamente, as actuacións derivadas da campaña de Nadal 2021/2022.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións establecidas para as actuacións previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.781.1 «Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais» por un importe máximo de 500.000 €.

2. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

4. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma persoa beneficiaria.

No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. A natureza destas subvencións xustifica realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a elas de ata un 50 % da subvención concedida, nos termos establecidos no artigo 7 destas bases reguladoras.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras:

a) As asociacións de comerciantes sen fins de lucro que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia e supere o municipal.

Para os efectos desta orde, entenderase que teñen un ámbito de actuación superior ao municipal, cando, polo menos, o cincuenta por cento dos comercios polo miúdo asociados se atopen en dous ou máis concellos diferentes a aquel onde radique a sede da asociación.

b) As federacións de asociacións de comerciantes que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos desta orde, as federacións de asociacións de comerciantes deberán ter un mínimo de tres asociacións asociadas. Non se terán en conta, para o cómputo, as asociacións que no ano 2021 recibiran axudas da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para a dinamización dos centros comercias abertos.

No caso de que o ámbito territorial da federación non supere o municipio, este deberá contar con máis de 68.000 habitantes.

2. En todo caso, as asociacións e federacións de comerciantes deberán:

– Ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde.

Atoparse ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

3. Para os efectos desta orde, consideraranse asociacións e federacións de comerciantes aquelas nas que o número total dos comercios integrados nelas sexa igual ou superior ao 50 % do número total de membros da entidade. Para estes efectos, teranse en conta os comercios asociados incluídos nos IAE establecidos no anexo VIII, incluídos os salóns de peiteados, segundo os datos obtidos da certificación e da intranet habilitada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as federacións de carácter provincial integradas nunha federación de ámbito autonómico nin as federacións de asociacións das prazas de abastos beneficiarias no ano 2022 de axudas para o mesmo obxecto e finalidade.

Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as empresas en crise, conforme á definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables as actuacións desenvolvidas no marco dun proxecto de incentivación da demanda comercial e do consumo no que as persoas comerciantes e consumidoras sexan as destinatarias finais, a través da posta en marcha das seguintes actividades:

• Campañas de promoción comercial en datas ou períodos comerciais.

• Campañas de dinamización comercial na rúa con participación directa dos comercios asociados e as persoas consumidoras.

• Organización de eventos de promoción comercial.

• Calquera outra campaña de dinamización, animación e promoción comercial.

En todo caso, cada actividade deberá amosar a participación directa das asociacións de comerciantes integradas na entidade beneficiaria ou dos establecementos comerciais asociados, de ser o caso.

2. Gastos subvencionables.

Os gastos subvencionables por campaña son os seguintes:

• Os servizos profesionais externos para o deseño e a posta en marcha da campaña.

• O aluguer de medios técnicos (carpas e análogos, son e imaxe).

• Os seguros de responsabilidade civil derivados da campaña.

• A publicidade nos medios de comunicación (prensa, radio e televisión) directamente vinculada coa campaña.

• O material de promoción e difusión da campaña (cartelaría, folletos, vídeos e outro material promocional online e para as redes sociais).

• Os regalos promocionais cun investimento máximo subvencionable de 5.000,00 €. En todo caso, os regalos promocionais deben estar asociados a unha actividade concreta de dinamización e vinculados a unha venda.

Os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

3. Gastos e actuacións non subvencionables.

Con carácter xeral, non se considerarán subvencionables:

• Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• As actuacións ou, no seu caso, os gastos asociados á actuacións que non inclúan a publicidade do financiamento do proxecto pola Xunta de Galicia de acordo co establecido nos artigos 16.h) e 17 destas bases reguladoras.

• Aqueles investimentos non incluídos na solicitude (tanto no anexo VI como na memoria) ou dos que non se presente a documentación económica completa de acordo do establecido no artigo 6 destas bases reguladoras.

• As actividades de dinamización desenvolvidas unicamente en ámbitos territoriais onde exista un centro comercial aberto subvencionado no ano 2021 pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Así mesmo, non se considerarán subvencionables:

• Os custos de persoal.

• As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, a colaboración ou a axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa das asociacións de comerciantes e, no seu caso, dos establecementos comerciais asociados.

• Os premios resultantes de sorteos ou de calquera outra combinación aleatoria.

• A realización de cócteles e actos análogos.

• As bolsas comerciais.

• A edición e a publicación de revistas, xornais e medios análogos, en soporte físico ou dixital.

• Os regalos promocionais que non leven incluída a publicidade da Xunta de Galicia nos termos establecidos nos artigos 16.h) e 17 destas bases reguladoras.

• A publicidade xenérica da federación ou, no seu caso, asociación, así como das campañas dirixidas á captación de asociados.

• As actuacións promovidas polos centros comerciais abertos ou polas asociacións de praceiros das prazas de abastos.

Artigo 5. Investimentos máximos subvencionables

1. A porcentaxe da subvención acadará o 75 % dos seguintes investimentos máximos subvencionables, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado:

a) 48.000,00 € para as federacións de asociacións de comerciantes.

b) 13.000,00 € para as asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal.

No suposto de que o número de comercios integrados nas federacións ou nas asociacións de ámbito superior ao municipal sexa inferior a 100, o importe da subvención concedida á entidade beneficiaria minorarase nun 50 %. Para os efectos deste cómputo, teranse en conta os salóns de peiteados.

2. As federacións e asociacións de comerciantes deberán realizar un mínimo de catro actividades de dinamización das establecidas no punto 1 do artigo 4 destas bases reguladoras, dentro do período subvencionable, con especial atención naqueles territorios onde non exista un centro comercial aberto.

3. O investimento solicitado non poderá exceder do investimento máximo establecido para cada entidade. En caso de incumprimento, instarase á entidade solicitante para que, no prazo de dez días, reformule a súa solicitude e axuste o investimento solicitado ao establecido nas bases reguladoras coa advertencia de que, de non facelo, entenderase que desiste da súa solicitude.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) Composición actualizada da xunta directiva da entidade solicitante.

d) Orzamento do exercicio corrente da entidade solicitante.

e) Orzamento liquidado pola entidade solicitante no ano 2021.

f) Contas anuais aprobadas pola xunta directiva da entidade solicitante nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

g) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade solicitante que acredite o número total de membros asociados e o número de comercios retallistas asociados.

h) Copia da acta da sesión na que se informe as persoas comerciantes asociadas do proxecto para o cal se solicita a subvención.

i) Memoria do proxecto de dinamización e incentivación do consumo que deberá incluír, polo menos, respecto de cada unha das actividades para as cales se solicita a subvención:

A denominación da actividade.

A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actividade con indicación dos seus obxectivos xerais e específicos.

A localización e as datas previstas para a súa realización.

O número e as características dos/das participantes e beneficiarios/as.

O orzamento total do investimento con indicación das fontes de financiamento e, no seu caso, a porcentaxe e as contías aportadas por cada unha das partes.

O orzamento desagregado e detallado do investimento solicitado coa relación das facturas ou, na súa falta, facturas pro forma dos gastos que se imputan a cada unha das actividades (con identificación do número de orde e concepto segundo o anexo VI).

A memoria deberá presentarse asinada.

j) Anexo VI co orzamento detallado dos gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita a subvención, e facturas ou, na súa falta, facturas pro forma das actividades ou adquisicións para as cales se solicita a subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

j.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

j.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

j.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

j.3.1) Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

j.3.2) Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda.

Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Pagamento anticipado

1. As entidades beneficiarias poderán solicitar, no prazo de dez días hábiles desde a notificación da concesión da subvención, o pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 € nos termos previstos a continuación.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades abonadas a conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando a persoa fiadora preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

A persoa avalista ou aseguradora será considerada parte interesada nos procedementos que afecten directamente á garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A garantía deberá constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

3. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de anticipo, anexo IV, a declaración doutras axudas, anexo III, debidamente asinadas, e no caso de que a subvención concedida sexa superior a 18.000,00 € deberán achegar, ademais, o resgardo orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

En ningún caso poderán realizarse pagos anticipados a entidades beneficiarias cando solicitaran a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento ou se atopen declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou sexan inhabilitadas conforme á Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Atriga.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, correspondéndolle á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase á entidade interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.1 destas bases reguladoras resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co estado, coa comunidade autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na letra d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución que será elevada á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada individualmente ás entidades beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45 da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións notificaranse de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nas notificacións comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

5. As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que non concorran requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente logo da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 11 destas bases reguladoras, en caso de non recibir notificación da aceptación polo órgano concedente no prazo de dez días, entenderase desestimada a modificación.

Artigo 15. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente ou á entidade colaboradora, se é o caso, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando as axudas de minimis obtidas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo ao que fai referencia o artigo 1.2 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento desta e no artigo 17 destas bases reguladoras.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada, no seu caso, durante un período mínimo de tres anos desde a súa concesión.

k) Comunicar con antelación suficiente á Dirección Xeral de Comercio e Consumo os actos de presentación das campañas promocionais para os efectos da asistencia, no seu caso, dunha persoa representante da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

l) Cumprir coas obrigas de información contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 17. Obrigas específicas de publicidade

As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias deberán facer constar o cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en todas as actuacións, actividades e materiais que formen parte do proxecto financiado ao abeiro desta orde de axudas, coa inserción da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido do Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración. No caso de comunicacións ou notas informativas en medios de comunicación, deberá incluírse a referencia de que a actuación foi subvencionada pola Xunta de Galicia.

Artigo 18. Subcontratación

Enténdese que unha entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2. Que a contía contratada polo mesmo ou distinto concepto, non supere os 4.000,00 €.

3. Que se solicite e conceda a súa previa autorización (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 8 da convocatoria e ata o 31 de outubro de 2022, dun dossier de cada unha das actividades realizadas, que incluirá a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento do proxecto de dinamización e incentivación do consumo que deberá incluír, polo menos, respecto a cada unha das actuacións realizadas:

A denominación da actuación.

A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actuación realizada con indicación da valoración dos resultados obtidos segundo os obxectivos xerais e específicos sinalados na memoria da solicitude.

A localización e datas da súa realización.

O número e características dos/das participantes e beneficiarios/as.

O orzamento total da inversión con indicación das fontes de financiamento e, no seu caso, a porcentaxe e contías aportadas por cada unha das partes.

O orzamento desagregado e detallado do investimento realizado coa relación das facturas dos gastos que se imputan a cada unha das actividades (con identificación do número de orde e concepto segundo o anexo VII).

A memoria deberá presentarse asinada.

b) Xustificantes dos investimentos:

Os gastos xustificaranse mediante a presentación das facturas dos provedores, que deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.

Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas, agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, que deberá coincidir coa da relación enviada xunto coa solicitude, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento, segundo o anexo VII.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Material fotográfico que evidencie a realización de cada unha das actividades segundo a descrición da memoria e que amose, de forma clara e inequívoca, o cumprimento das obrigas de publicidade da financiación do proxecto de acordo co establecido nos artigos 16.h) e 17 destas bases reguladoras.

No caso de publicidade en medios de comunicación achegarase un dossier coa dita publicidade nos medios escritos e un certificado das emisións nos medios radiofónicos e audiovisuais asociadas a cada campaña.

d) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a que foron concedidos.

e) Anexo III coa declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa de calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como a declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Anexo III coa declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Atriga, no caso que a entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

h) Anexo V coa información relativa aos indicadores de actuación.

i) De ser o caso, os tres orzamentos exixidos de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto da entidade beneficiaria, agás por causa debidamente xustificada non imputable á entidade solicitante.

3. Sen prexuízo do disposto anteriormente, dentro de cada unha das actividades poderán admitirse desviacións entre o gasto inicialmente orzamentado e o gasto finalmente xustificado cunha variación non superior ao 10 %, sen que en ningún caso a dita desviación supoña un incremento do investimento máximo concedido.

4. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presente a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5. Os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 20. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase nun único pagamento mediante transferencia bancaria ao número de conta designado pola entidade beneficiaria.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou de incumprimento dos deberes contidos nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a orixe do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 22. Control

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

Alén do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, a entidade beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando o importe das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexa de contía inferior a 3.000,00 € non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases reguladoras aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VIII

Epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e refugos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas clases.

646. Comercio polo miúdo de labores de tabaco e de artigos de fumador.

647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral.

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, prendas e enseres ordinarios de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659. Outro comercio polo miúdo.

665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio online, non será subvencionable a comercialización online de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

972. Salóns de peiteados e institutos de beleza.