Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 28 de xuño de 2022 Páx. 36945

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 30 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada para a planta de produción de fariña de Reyes Hermanos, S.L., no concello de Pontevedra (expediente 2020-IPPC-M-26).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

«Memoria de revisión AAI. Planta de produción de fariña de trigo. Reyes Hermanos, S.L. Pontevedra (Pontevedra). Nº E. 101764. Maio 2022.»

Co fin de que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2020-IPPC-M-26.

Peticionario: Reyes Hermanos, S.L.

CIF: B36000818.

Enderezo social: Polígono Industrial O Campiño, rúa Chan de Parafita, 25, 36158 Pontevedra.

Localización da instalación: Polígono Industrial O Campiño, rúa Chan de Parafita, 25, 36158 Pontevedra.

Actividade: planta de produción de fariña de trigo.

Descrición: o proceso que se leva a cabo é o seguinte: recepción e almacenamento de materias primas e auxiliares, antelimpa, limpa e acondicionado do cereal, moenda, almacenamento de fariña e salvado, mesturado de aditivos e fariña, cribado, granulación de salvado, almacenamento de produtos terminados e expedición (ensaque ou distribución a granel).

As augas fecais vértense sen tratamento previo á rede de saneamento municipal. As augas pluviais recollidas nas superficies pavimentadas vértense á rede de pluviais do polígono industrial. Non se xeran augas residuais industriais.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2019/2031 da Comisión do 12 de novembro de 2019 pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) respecto ás industrias de alimentación, bebida e leite, conforme á Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello, sobre as emisións industriais.