Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 5 de xullo de 2022 Páx. 38240

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Toén no núcleo rural da Verea.

O Concello de Toén, conforme o disposto no artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O concello de Toén dispón do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 30.6.2003, que tivo ata o momento unha modificación puntual.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• O 14.11.2019 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditou resolución, publicada no DOG do 27.11.2019, na cal resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación puntual, e xunta os informes correspondentes ás consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Constan informes municipais técnico, do 25.9.2020, e xurídico, do 28.9.2020.

• O Concello Pleno do 3.10.2020 aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios nos diarios La Voz de Galicia e La Región e no DOG do 29.10.2020. Houbo dúas alegacións.

• O acordo de aprobación inicial foi notificado individualmente aos titulares catastrais do ámbito. O 14.1.2021 foi presentada unha alegación relativa a un camiño.

• Consta informe do 13.1.2021, do Servizo de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no cal se sinala que non procede o informe sectorial da Dirección Xeral de Urbanismo e Ordenación do Territorio.

• Consta informe favorable, do 26.1.2021, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

• Consta informe, do 2.2.2021, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade en que se sinala que non procede emitir informe.

• Consta informe favorable, do 8.2.2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

• Consta informe favorable, do 9.2.2021, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, en que se sinala que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Consta informe favorable, do 9.2.2021, do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural.

• Consta informe favorable, do 12.2.2021, do Servizo de Enerxía e Minas de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

• Consta informe favorable, do 23.2.2021, da Deputación Provincial de Ourense, con condicións.

• Consta informe favorable, do 16.4.2021, do Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, cunha xustificación que se incorporará no documento.

• Consta informe favorable, do 4.9.2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con medidas que hai que ter en conta.

• Consta informe favorable, do 15.10.2021, de Augas de Galicia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

• Constan informes, do 19.2.2021 e do 15.4.2021, de Viaqua, sobre a suficiencia de infraestrutura e servizo urbanístico que confirma a viabilidade da subministración de auga no ámbito.

• Consta informe, do 19.2.2021, da Unidade de Ourense da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, en que se sinala que non procede o citado informe.

• Consta informe favorable, do 22.2.2021, da Secretaría de Estado do Ministerio de Defensa.

• Consta informe favorable, do 29.3.2021, da Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia.

• Consta informe favorable, do 12.4.2021, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

• Consta informe favorable, do 11.6.2021, da Confederación Hidrográfica del Miño-Sil do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

• Consta informe favorable, do 26.11.2021, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

• Constan informes municipais técnico, do 20.12.2021, e xurídico, do 12.1.2022.

• O Pleno Municipal do 29.1.2022 acordou desestimar as tres alegacións presentadas e aprobar provisionalmente a modificación puntual.

• O 10.3.2022 o Servizo de Urbanismo requiriu o concello e sinalou deficiencias que había que emendar.

• Constan novos informes municipais técnico, do 25.4.2022, e xurídico, do 6.5.2022.

• O Pleno Municipal do 14.5.2022, aprobou de novo provisionalmente a modificación puntual, coas correccións efectuadas no documento.

II. Análise da modificación puntual e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación é o núcleo rural da Verea e o seu contorno inmediato, situado entre os núcleos da Gradeira e A Reitoral, ao sueste da capitalidade municipal, e moi próximo a esta, con acceso desde a estrada provincial OU-0518.

Afecta, segundo o PXOM vixente, solo de núcleo rural tradicional (2.155,10 m2), solo de núcleo rural de expansión (10.438,00 m2) e solo urbanizable non delimitado residencial (17.070,20 m2). A superficie total do ámbito é de 29.663,30 m2.

II.2. O obxecto da modificación puntual é a redelimitación do núcleo rural da Verea para posibilitar e garantir as condicións urbanísticas e xurídicas ás edificacións preexistentes, regular o modelo de asentamento proposto, amparar a realidade existente e as actuacións futuras, e limitar o desenvolvemento urbanístico, permitindo un crecemento sustentable.

O proxecto amplía a delimitación do núcleo, distingue unha parte como NRT e outra como NRC, e sinala as novas edificacións. Así mesmo, regúlanse as condicións de uso e de edificación, incorporando un elemento catalogado.

II.3. No documento corrixido emendáronse todas as observacións formuladas anteriormente:

• O plano de información 03 referente ás afeccións sectoriais recólleas sobre unha base cartográfica axeitada en que figura o núcleo da Verea.

• O plano que recolle a situación do ámbito da modificación puntual conforme o planeamento vixente incorpórase aos planos de información como plano de información 05-plano 2.1-(folla 8) do PXOM.

• Corrixíronse os planos da ficha do núcleo rural en que se reflicte o perímetro do núcleo rural en vez do ámbito da modificación puntual.

• Modificouse a ordenanza de solo de núcleo rural tradicional axeitando as condicións de edificación á tipoloxía de vivenda acaroada ou entre medianeiras (tipoloxía predominante segundo a análise do asentamento poboacional).

• Na ordenanza de solo de núcleo rural común tamén se modificou a pendente máxima de cuberta permitida para adaptala ao estudo do núcleo do punto 1.2.3 da memoria.

• Xustificouse a inviabilidade de dotar de acceso rodado dúas parcelas incluídas en solo de núcleo rural común, situadas ao sueste do solo de núcleo rural tradicional.

III. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Toén no núcleo rural da Verea.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo