Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 8 de xullo de 2022 Páx. 39302

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ACORDO do 10 de maio de 2022 polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Mandelos (Crecente).

Procedemento: aprobación de polígonos agroforestais de iniciativa pública.

Expediente: PA-21-05.

Antecedentes.

1. O concello de Crecente carece de zonas de concentración parcelaria (en execución ou rematadas), o que ocasiona que o parcelario non se axuste ás necesidades actuais, compoñéndose por parcelas con extensións moi reducidas e accesos limitados, a maior parte por servidumes de paso desde outras parcelas. Isto orixina unha tendencia ao abandono ou infrautilización da propiedade, o que, a maiores da perda de terra agraria, tamén comporta a proliferación de incendios forestais.

2. Entre as medidas que se van desenvolver tras a aprobación da Lei de recuperación de terra agraria de Galicia, encóntrase a posta en marcha de polígonos agroforestais en zonas pertencentes a denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas, para incrementar a superficie aproveitable dedicada a fomentar a produción primaria de calidade certificada.

3. O concello de Crecente conta con gran tradición vitivinícola, é por isto polo que se atopa incluído na denominación de orixe das Rías Baixas, contando con gran volume de actividade económica vinculada a este sector. Este sector atópase actualmente en crecemento, demandando cada vez máis infraestrutura sobre a cal se poida desenvolver, mais este crecemento vese freado pola problemática que presenta o parcelario agrario da zona.

4. Persoal técnico da Agader conxuntamente con autoridades e técnicos do concello de Crecente fan unha visita o 8.5.2019 a diferentes zonas do concello de uso tradicional agrícola que na actualidade presuman dun avanzado estado de abandono ou infrautilización. Como resultado desa visita proponse o estudo dun perímetro na parroquia de Vilar na contorna da aldea de Mandelos como un posible proxecto de polígono agroforestal.

5. Por acordo do 15.10.2021 da presidencia da Agader, CVE iRTOo4Iwm9 verificable en http://sede.xunta.gal/cve, abriuse un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e a conveniencia ou non de iniciar o procedemento para o desenvolvemento do polígono agroforestal de Mandelos (Crecente).

6. Por Resolución do 2.5.2022 da presidencia da Agader, CVE xD0eUPOVed11 verificable en https://sede.xunta.gal/cve, resolveuse a conveniencia de iniciar o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Mandelos (Crecente).

Consideracións legais e técnicas.

1. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con CIF Q-1500273F, creouse pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).

O artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, dispón que é a axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

De conformidade co artigo 8 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, adscrita á consellaría competente en materia de medio rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente. O réxime xurídico interno da Axencia regúlase polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo rexerase polo dereito privado, agás cando se exerzan potestades administrativas, caso en que se rexerá polo dereito público. Gozará do tratamento fiscal aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O artigo 7.1.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia establece que é competencia da Agader «deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos nesta lei para tal fin», entre os que se atopan os polígonos agroforestais, que se rexen polo disposto nos artigos 67 a 72 e 83 a 109 do dito corpo normativo.

3. Obxecto ou finalidades do polígono agroforestal (artigos 67 e 68.5 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O polígono agroforestal de Mandelos (Crecente) ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

4. Causas que xustifican o desenvolvemento do polígono agroforestal (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

Ademais da recollida no punto 1 dos antecedentes, que damos por reproducidas para evitar innecesarias repeticións, procede desenvolver o polígono agroforestal por:

– Existir unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal (artigo 68 da lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación de terra agraria de Galicia), de conformidade co informe emitido o 3.5.2022 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE 1vCmLveovl39 verificable en https://sede.xunta.gal/cve

– A zona delimitada está na área de actuación da denominación de orixe de viñedo das Rías Baixas.

– Dispor de documentos de manifestación do acordo das persoas titulares do 64,45 % da superficie das terras incluídas no perímetro proposto as cales indicaron a conformidade coa adhesión ao proxecto, o 5,93 % non se manifestaron nin a favor nin en contra e o 29,62 % restante da superficie do polígono agroforestal corresponde a propietarios ilocalizables cos que non se puido contactar. Ningunha persoa titular manifestou a súa oposición ao proxecto. O feito de que que case un terzo da superficie do perímetro estea en mans de persoas que non se poden localizar, xustifica a conveniencia para iniciar o procedemento de investigación da titularidade, de acordo co artigo 90 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

5. Caracteres xerais e requisitos de desenvolvemento do polígono (artigo 68 e 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O desenvolvemento do polígono agroforestal efectuarase mediante iniciativa pública a través da Agader, para o que ha de dispor do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono, de conformidade co artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. De non se alcanzar esa porcentaxe mínima, resolverase o arquivamento do procedemento de aprobación do proxecto por incumprimento dos seus requisitos básicos.

O perímetro proposto é o que consta no certificado emitido o 3.5.2022 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE vFa3KGK99x57 verificable en https://sede.xunta.gal/cve

No polígono agroforestal existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal, de conformidade co informe emitido o 3.5.2022 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE 1vCmLveovl39 verificable en https://sede.xunta.gal/cve. Non procede a excepción deste requisito por non darse os casos previstos no artigo 68.2.a) ou b).

No que se refire ao previsto no artigo 68.6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, ningún monte veciñal en man común participa no polígono agroforestal.

6. O desenvolvemento dos polígonos agroforestais de iniciativa pública realízase mediante procedementos de concorrencia competitiva nos termos previstos no artigo 69 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

7. Zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública (artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

No presente caso concorre a circunstancia para darlle carácter preferente prevista no artigo 70.2.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

8. Prazo da elaboración do estudo de viabilidade (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

O prazo para elaborar o estudo de viabilidade, que debe determinarse neste acordo de inicio ao abeiro do artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, é de 3 meses.

Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitirase á persoa titular da dirección xeral da Agader para a súa aprobación, consonte co previsto no artigo 84.2 da citada lei.

9. Para os efectos do establecido no artigo 21.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Agader, o prazo máximo para a resolución do procedemento e para a notificación dos actos que lle poñan termo é de dous anos, contado desde o día seguinte do acordo de inicio, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Se transcorre o prazo sinalado sen que se teña ditado e notificado a resolución correspondente, o procedemento caducará, e acordarase o arquivamento das actuacións, de conformidade co artigo 25.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. Competencia.

O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público dispón que «se algunha disposición atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que debe exercela, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio. Se existise máis dun órgano inferior competente por razón de materia e territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderá ao superior xerárquico común destes».

O órgano competente para a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal é o Consello da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O órgano competente para a aprobación do proxecto básico do polígono agroforestal e dos pregos de condicións que rexan o procedemento de concorrencia e a súa apertura é a persoa que exerza a presidencia da Agader, de conformidade co artigo 94.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Finalmente, o órgano competente para a aprobación do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Agader, de conformidade co artigo 96.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e polo tanto, tamén para acordar o seu inicio.

Isto exposto,

ACORDO:

O inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Mandelos (Crecente).

Este acordo constitúe un acto de trámite, contra o que non cabe recurso ningún, podendo unicamente, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022

José González Vázquez
Presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural