Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 8 de xullo de 2022 Páx. 39284

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ACORDO do 10 de maio de 2022 polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Vences (Monterrei).

Procedemento: aprobación de polígonos agroforestais de iniciativa pública.

Expediente: PA-21-08.

Antecedentes.

1. Na parroquia de Vences (Monterrei) levouse a cabo un proceso de reestruturación parcelaria rematada no ano 2010, a ZCP Vences-Estevesiños-Nocedo do Val.

2. Persoal técnico da Agader, conxuntamente con técnicos do concello de Monterrei, fixeron unha visita o 25.3.2021 a diferentes zonas do concello de uso tradicional agrícola, que na actualidade presentan un avanzado estado de abandono ou infrautilización. Como resultado desa visita propúxose o estudo dun perímetro na parroquia de Vences como un posible proxecto de polígono agroforestal.

3. O 13.8.2021 asinouse o convenio entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo (a través da Axencia Turismo de Galicia), a Consellería do Medio Rural (a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias), a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Deputación de Ourense e os concellos de Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín, Laza, Castrelo Do Val, Vilardevós, Riós, A Gudiña, A Mezquita e a Fundación Juana de Vega para elaborar o Plan estratéxico de actuación integral para a recuperación, dinamización e valorización territorial da área suroriental de Ourense para a mellora da resiliencia do territorio fronte ao lume e a súa dinamización turística. Entre as liñas estratéxicas de actuación no marco do devandito convenio están as accións de impulso da xestión e dinamización do territorio baseada en actividades agrogandeiras, forestais e turísticas sustentables.

4. O 3.10.2021, a Consellería do Medio Rural, a Agader e representantes do concello participaron nunha reunión con veciños do concello de Monterrei en que informaron do procedemento de aprobación e execución dos instrumentos de recuperación de terras reflectidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, centrándose nos polígonos agroforestais.

5. Polo Acordo do 15.10.2021, da presidencia da Agader, CVE JnEkgXJMi0 verificable en https://sede.xunta.gal/cve, abriuse un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e a conveniencia ou non de iniciar o procedemento para o desenvolvemento do polígono agroforestal de Vences.

6. Pola Resolución do 2.5.2022, da presidencia da Agader, CVE S84PMlmlOgO1 verificable en https://sede.xunta.gal/cve, resolveuse a conveniencia de iniciar o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Vences.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con CIF Q-1500273F, creouse pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).

O artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, dispón que é a axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, a que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia, reguladas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

De conformidade co artigo 8 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, adscrita á consellería competente en materia de medio rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente. O réxime xurídico interno da Axencia regúlase polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo rexerase polo dereito privado, agás cando se exerzan potestades administrativas, caso en que se rexerá polo dereito público. Gozará do tratamento fiscal aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O artigo 7.1.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, establece que é competencia da Agader «deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos nesta lei para tal fin», entre os que se atopan os polígonos agroforestais, que se rexen polo disposto nos artigos 67 a 72 e 83 a 109 do dito corpo normativo.

3. Obxecto ou finalidades do polígono agroforestal (artigos 67 e 68.5 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O polígono agroforestal de Vences ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, e recuperar deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

4. Causas que xustifican o desenvolvemento do polígono agroforestal (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

Procede desenvolver o polígono agroforestal polas seguintes razóns:

– Existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal (artigo 68 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia), de conformidade co informe emitido o 3.5.2022 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE MLczAPqnXEU2 verificable en https://sede.xunta.gal/cve

– A zona delimitada está na área de actuación da denominación de orixe viñedo de Monterrei.

– Dispón de documentos de manifestación do acordo das persoas titulares da superficie que representa, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono (artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia), de conformidade co punto 6 das consideracións legais e técnicas da Resolución do 2.5.2022, da presidencia da Agader, CVE S84PMlmlOgO1 verificable en https://sede.xunta.gal/cve, da conveniencia de iniciar o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Vences.

5. Caracteres xerais e requisitos de desenvolvemento do polígono (artigo 68 e 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O desenvolvemento do polígono agroforestal efectuarase mediante iniciativa pública a través da Agader, para o que debe dispor do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono, de conformidade co artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. De non se alcanzar esa porcentaxe mínima, resolverase o arquivamento do procedemento de aprobación do proxecto por incumprimento dos seus requisitos básicos.

O perímetro proposto é o que consta no certificado emitido o 3.5.2022 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE zFMyoYPv7Jj2 verificable en https://sede.xunta.gal/cve

No polígono agroforestal existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal, de conformidade co informe emitido o 3.5.2022 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE MLczAPqnXEU2 verificable en https://sede.xunta.gal/cve. Non procede a excepción deste requisito por non darse os casos previstos no artigo 68.2.a) ou b).

No que se refire ao previsto no artigo 68.6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, ningún monte veciñal en man común participa no polígono agroforestal.

6. O desenvolvemento dos polígonos agroforestais de iniciativa pública realízase mediante procedementos de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 69 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

7. Zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública (artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

No presente caso, cúmprense os requisitos para ser considerada zona prioritaria para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública previstos nos puntos 1.c) e 2.c) do artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

8. Prazo da elaboración do estudo de viabilidade (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

O prazo para elaborar o estudo de viabilidade, que debe determinarse neste acordo de inicio ao abeiro do artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, é de 3 meses.

Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitirase á persoa titular da dirección xeral da Agader para a súa aprobación, consonte o previsto no artigo 84.2 da citada lei.

9. Para os efectos do establecido no artigo 21.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Agader, o prazo máximo para a resolución do procedemento e para a notificación dos actos que lle poñan termo é de dous anos, contado desde o día seguinte do acordo de inicio, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Se transcorre o prazo sinalado sen que se ditase e notificase a resolución correspondente, o procedemento caducará, e acordarase o arquivamento das actuacións, de conformidade co artigo 25.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. Competencia.

O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público dispón que «Se algunha disposición atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que debe exercela, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio. Se existise máis dun órgano inferior competente por razón da materia e do territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderá ao superior xerárquico común destes».

O órgano competente para a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal é o Consello da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O órgano competente para a aprobación do proxecto básico do polígono agroforestal e dos pregos de condicións que rexan o procedemento de concorrencia e a súa apertura é a persoa que exerza a presidencia da Agader, de conformidade co artigo 94.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Finalmente, o órgano competente para a aprobación do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Agader, de conformidade co artigo 96.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e, polo tanto, tamén para acordar o seu inicio.

Por todo o exposto,

ACORDO:

O inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Vences.

Este acordo constitúe un acto de trámite, contra o que non cabe recurso ningún, poderase unicamente, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022

José González Vázquez
Presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural