Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 13 de xullo de 2022 Páx. 39724

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 4 de xullo de 2022 pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020, 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS403C).

O 18 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 33 a Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020, 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS403C).

Esta convocatoria de axudas está dirixida á posta en marcha, a partir do ano 2020 ao 2023, de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade.

Dentro do marco do compromiso económico da Orde do 20 de decembro de 2019, a presente modificación ten por obxecto incrementar a contía da prima destinada ao apoio destas iniciativas, establecida no número 2 do artigo 7, referido ao tipo de axudas e contías, nun 10 % nas anualidades 2022 e 2023, para promover que as persoas titulares destes proxectos poidan continuar mantendo a viabilidade das casas niño e manter o servizo nunhas condicións óptimas que permitan compensar o incremento experimentado polos prezos das subministracións e outros gastos correntes que repercuten no custo das prazas.

Así mesmo, para a dotación da suficiente liquidez fronte aos gastos, coa presente modificación increméntase o anticipo anual da prima para as ditas anualidades 2022 e 2023.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020, 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS403C).

A Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020, 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS403C) queda modificada como segue:

Un. O número 2 do artigo 7, referido aos tipos de axuda e contías, queda redactado como segue:

«2. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andaina. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

Para os exercicios 2022 e 2023, a prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andaina consistirá nunha achega económica de 21.560 €/ano. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de desenvolvemento».

Dous. O número 2 do artigo 22, referido ao pagamento, queda redactado como segue:

«2. En relación co pagamento da prima polo desenvolvemento do proxecto, as persoas beneficiarias percibirán na primeira anualidade, con anterioridade á xustificación da axuda, un pagamento de ata o 100 % da cantidade da subvención que lles corresponda pola atención relativa á dita anualidade en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo a partir da comunicación de autorización de inicio da actividade.

Nas sucesivas anualidades realizarase, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, un pagamento anticipado de ata o 75 % da subvención que corresponda por este concepto, agás na anualidade 2023, en que se realizará un pagamento anticipado de ata o 90 %.

O importe restante librarase nas sucesivas anualidades logo de que as persoas beneficiarias xustifiquen o desenvolvemento do proxecto piloto nas condicións exixidas e a súa comprobación establecidas nesta orde. O importe total da subvención establecerase en función dos meses efectivos de funcionamento.

Por solicitude da persoa beneficiaria, realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva, cuxo importe total non poderá superar o 90 % da contía anual da subvención concedida. En todo caso, deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas en cada anualidade con data límite do 5 de decembro de cada unha delas».

Disposición adicional única. Prazo de presentación de solicitudes

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude