Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 20 de xullo de 2022 Páx. 40738

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 8 de xullo de 2022 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante no organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo que se detalla no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a ela os funcionarios ou funcionarias que reúnan as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I desta orde.

Terceiro. As solicitudes dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de 15 días contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, podendo empregar para a presentación electrónica calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán achegar coa petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.

Os méritos alegados e non probados segundo se indica no parágrafo anterior non se terán en conta.

Quinto. Esta convocatoria resolverase pola Consellería de Facenda e Administración Pública. A resolución publicarase no DOG e, se se considera oportuno, poderá declararse deserto o posto.

Sexto. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso o servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse na data que se determine xustificadamente mediante orde da persoa titular da consellería convocante publicada no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á comunidade autónoma, para o caso de funcionarios doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita data.

Sétimo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, conforme a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 15.12.2021, DOG do 24 de decembro)
Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio da Consellería
de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Denominación do posto: secretario/a do/a director/a xeral.

Código: FC.A01.00.000.15770.001.

Nivel: 18.

Dependencia: Instituto Galego de Estatística.

Localidade: Santiago de Compostela.

Grupo: C1-C2.

Corpo/escala: xeral

Adscrición administracións públicas: AXG (adscrición exclusiva a persoal funcionario da Administración da Xunta de Galicia).

missing image file