Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 20 de xullo de 2022 Páx. 40743

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2022 pola que se modifica a Resolución do 22 de xuño de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, da escala de axentes de inspección das especialidades de vixilancia de estradas e de dominio público hidráulico.

No Diario Oficial de Galicia número 121, do 27 de xuño de 2022, foi publicada a Resolución do 22 de xuño de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, da escala de axentes de inspección das especialidades de vixilancia de estradas e de dominio público hidráulico.

En relación co contido da convocatoria publicada, na base II.2.1. Experiencia profesional, obsérvase que non se ten recollido como mérito a valoración da experiencia na especialidade de dominio público hidráulico, polo que procede a súa modificación, manténdose o resto desta base II.2.1 nos termos establecidos na convocatoria.

Polo exposto, en uso das competencias que ten atribuídas no artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, esta dirección xeral

DISPÓN:

Engadir na epígrafe a) na base II.2.1. Experiencia profesional, quedando como segue:

a) No caso da especialidade de vixilancia de extradas. Experiencia profesional, entendida como os servizos efectivamente prestados como persoal laboral na categoría 031 do grupo IV, no ámbito do V Convenio colectivo de persoal da Xunta de Galicia.

Engadir o apartado b) á base II.2.1. Experiencia profesional, quedando como segue:

b) No caso da especialidade de dominio público hidráulico. Experiencia profesional, entendida como os servizos efectivamente prestados como persoal laboral na categoría 007 do grupo IV, no ámbito do V Convenio colectivo de persoal da Xunta de Galicia.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela 12 de xullo de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública