Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 21 de xullo de 2022 Páx. 40898

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR352A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

De acordo co disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do programa de axudas ás entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas desempregadas.

Corresponde, pois, á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para o exercicio orzamentario 2022, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego e de acordo coa Axenda 20 para o Emprego.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción. Para iso resulta necesario contar coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuír ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da nosa Comunidade Autónoma, á vez que favorecer a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.

Así, para 2022 continúase coa implementación en Galicia dun programa autonómico, que non é outra cousa que unha adaptación do programa estatal, coherente co momento actual e cos requirimentos específicos da realidade do noso mercado laboral, como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade e que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Esta regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que deu ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o punto 2 da disposición derradeira décimo segunda da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, da que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e a execución de novos programas e medidas de políticas activas de emprego adaptados ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán dirixirse ao cumprimento dos obxectivos que se establezan no plan anual de política de emprego (PAPE) de cada ano, requisitos e condicións que se cumpren neste caso.

O obxectivo fundamental desta orde é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional, obxectivo que non se desvirtúa, senón que se potencia, pois concentra os servizos que se van desenvolver e, por tanto, as contratacións, nun sector potencialmente xerador de emprego como é o dos servizos sociais, cada vez máis demandados pola sociedade e que precisan de profesionais con experiencia para cubrir as necesidades cada vez maiores neste ámbito.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 11.04.322C.481.7 polo importe global de 8.500.000,00 euros, recollida na Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica da Área de Emprego, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, autorizada polo Consello da Xunta de Galicia a modificación da porcentaxe e dos importes máximos dos pagamentos anticipados e a exención da obriga de constituír garantías, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social (código de procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, a través dos créditos consignados na aplicación 11.04.322C.481.7 (código de proxecto 2015 00489), polo importe global de 8.500.000,00 euros.

2. Do importe total máximo destinaranse prioritariamente 3.000.000,00 euros para o financiamento da contratación de persoas traballadoras desempregadas en proxectos singulares, definidos no parágrafo 2º do artigo 4. En caso de non se esgotar o crédito reservado nesta epígrafe, o crédito sobrante aplicarase á concorrencia competitiva entre o resto de solicitudes.

3. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, na data de publicación da presente convocatoria, estean inscritas na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en adiante, RUEPSS), cuxa actividade principal estea dirixida a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coas áreas de actuación recollidas no RUEPSS (comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade), sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades deberán dispoñer dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

Artigo 4. Requisitos dos servizos que se vaian prestar

1. Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Seren prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas que se vaian contratar.

c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, esta duración máxima poderá estenderse ata os doce meses.

As subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero terán sempre unha duración de doce meses, que deberá iniciarse dentro do exercicio 2022.

e) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria.

f) Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.

Con tal finalidade, cubrirase a declaración responsable que se contén na solicitude, na cal se fará constar que ningunha das persoas que ocupan funcións directivas na entidade, a partir da data de publicación da presente orde, nin os seus cónxuxes, ascendentes, descendentes ou demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, van ser contratadas ao abeiro da presente subvención.

2. Considérase que os servizos se desenvolven no marco de proxectos singulares se son promovidos por entidades que cumpran, como mínimo, unha das seguintes condicións:

a) Prestar servizos a entidades prestadoras de servizos sociais, no ámbito autonómico.

b) Prestar servizos a colectivos de máis dunha área de actuación (RUEPSS), no ámbito autonómico.

c) Prestar servizos a persoas con discapacidade, inclusión, en risco de exclusión social, comunidade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, e ter 100 ou máis profesionais no seu cadro de persoal.

Artigo 5. Contratos subvencionables

1. Os contratos subvencionables cubrirán os gastos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas.

2. En ningún caso serán cubertos polos contratos subvencionables os seguintes conceptos:

a) A indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores.

b) Os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

c) As vacacións pagadas, pero non desfrutadas.

d) As horas extra ou traballos realizados fóra da xornada habitual de traballo.

e) Custos salariais en caso de baixas temporais.

3. No suposto de baixas temporais:

a) No caso de substitución da persoa traballadora titular, só serán subvencionables os contratos que recollan os custos que ocasiona a persoa traballadora substituta. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.

b) No caso de que non se substitúa a persoa traballadora titular, deberán reintegrarse os gastos salariais correspondentes ao período de baixa.

4. No suposto de reducións da xornada laboral:

a) No caso de contratar unha persoa traballadora adicional, só serán subvencionables os contratos que recollan os custos ata completar a redución da xornada. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.

b) No caso de que non se contrate unha persoa traballadora adicional para completar o período subvencionado, deberán reintegrarse os gastos salariais correspondentes á redución da xornada.

Artigo 6. Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizaren as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar, nos termos previstos no parágrafo seguinte.

2. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme a seguinte escala en que se conteñen os importes máximos subvencionables ao abeiro desta convocatoria:

– Para o grupo de cotización 1: 2.710,00 €.

– Para o grupo de cotización 2: 2.059,00 €.

– Para o grupo de cotización 3: 1.935,00 €.

– Para o grupo de cotización 4: 1.897,00 €.

– Para o grupo de cotización 5: 1.756,00 €.

– Para o grupo de cotización 6: 1.732,00 €.

– Para o grupo de cotización 7: 1.637,00 €.

– Para o grupo de cotización 8: 1.600,00 €.

– Para o grupo de cotización 9: 1.575,00 €.

– Para o grupo de cotización 10: 1.550,00 €.

3. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, a contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada.

4. Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 € mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratada, que reúna os requisitos para percibila.

5. Establécense como límites á contratación de persoas traballadoras, en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, agás no caso de entidades con proxectos singulares, os seguintes:

a) Entidades con proxectos singulares: máximo 9. Este máximo poderá ampliarse ata 14 persoas, en caso de dispoñibilidade orzamentaria unha vez asignadas as solicitudes de persoas traballadoras sen cofinanciamento; neste caso, a entidade deberá cofinanciar o 30 % do custo destas persoas (desde a persoa 10ª ata a 14ª, é dicir, un máximo de 5 persoas cofinanciadas pola entidade, segundo os límites recollidos no punto 2 deste artigo, as cales deberán estar contratadas a xornada completa durante 9 meses).

b) Entidades de ámbito autonómico con 3 ou máis centros de traballo localizados en 2 ou más provincias da Comunidade Autónoma de Galicia: máximo 6. Este máximo poderá ampliarse ata 8 persoas, en caso de dispoñibilidade orzamentaria unha vez asignadas as solicitudes de persoas traballadoras sen cofinanciamento; neste caso, a entidade deberá cofinanciar o 30 % do custo destas persoas (a 7ª e a 8ª persoa, é dicir, un máximo de 2 persoas cofinanciadas pola entidade, segundo os límites recollidos no punto 2 deste artigo, as cales deberán estar contratadas a xornada completa durante 9 meses).

c) Entidades de ámbito autonómico que non cumpran os criterios da alínea b): máximo 4.

d) Entidades de ámbito provincial con 3 ou máis centros de traballo: máximo 4.

e) Entidades de ámbito provincial que non cumpran os criterios da alínea d): máximo 3.

f) Entidades de ámbito comarcal ou municipal: máximo 2.

Establécese un límite máximo da contía da subvención por entidade de 210.000,00 €.

No caso de existiren remanentes orzamentarios tras a aplicación da repartición establecida no parágrafo anterior, poderanse incrementar os máximos establecidos nunha contratación adicional, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

7. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, que non procedan de fondos de políticas activas de emprego, doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A entidade deberá indicar no formulario normalizado o grupo de cotización a que pertencen as persoas traballadoras solicitadas. Para cada unha das persoas traballadoras solicitadas deberase consignar na solicitude o CNO de 4 díxitos, que facilite e axilice o proceso posterior de selección. Ademais, recoméndase que os CNO solicitados teñan dispoñibilidade de persoas solicitantes de emprego nas comarcas solicitadas ou en comarcas anexas, para o cal se pon á disposición das entidades a listaxe orientativa de persoas solicitantes, coa codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións (CNO) de 4 díxitos, na páxina web https://emprego.xunta.gal/portal/gl/buscador-ocupacions.html, para que as entidades poidan adaptar a solicitude á dita listaxe.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

3. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras, e supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa beneficiaria dela.

5. Cada entidade só poderá presentar unha solicitude, ben para desenvolver proxectos singulares ou ben para outros proxectos. No caso de presentación de varias solicitudes, só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación da entidade, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta onde se determine a dita representación, segundo o modelo recollido na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html).

b) Certificado de xestión da calidade vixente na data de publicación da convocatoria, avalado por un organismo de acreditación recoñecido a nivel nacional.

c) Para os efectos de presentarse polo suposto de proxectos singulares do artigo 4.2.c), xustificarase a condición de entidade con 100 ou máis profesionais no seu cadro de persoal, mediante documentos de cotización acreditativos do cadro de persoal do mes anterior á publicación da presente convocatoria.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a sua achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas e/ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) A disposición de financiamento suficiente para sufragar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.

h) Que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas non está afecta ao desenvolvemento dunha actividade económica e está destinada á prestación de servizos de interese xeral e social, en relación co contido do servizo que se vai realizar.

i) Que a entidade solicitante non ten ánimo de lucro.

j) Que a actividade principal da entidade está dirixida a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas de conformidade coas áreas de actuación recollidas no RUEPSS (comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade).

k) Que a entidade dispón dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

l) Que a información da entidade recollida no RUEPSS é certa e está actualizada.

m) A área de actuación da entidade establecida no RUEPSS, a que se refire o artigo 13.4 na letra a).

n) O nivel de inserción laboral das persoas participantes nas tres convocatorias anteriores, a que se refire o artigo 13.4 na letra b). As ordes que se terán en conta son as do 18 de xullo de 2017 (DOG núm. 148, do 4 de agosto: TR352C 2017); do 2 de maio de 2018 (DOG núm. 92, do 15 de maio: TR352C 2018); do 10 de xullo de 2018 (DOG núm. 139, do 20 de xullo: TR352A 2018); do 9 de maio de 2019 (DOG núm. 98, do 24 de maio: TR352C 2019); do 12 de setembro de 2019 (DOG núm. 184, do 27 de setembro: TR352A 2019), e do 31 de xullo de 2020 (DOG núm. 162, do 13 de agosto: TR352A 2020).

o) O número de centros e a súa localización, inscritos no RUEPSS, a que se refire o artigo 13.4 na letra c).

p) A calidade e xestión das actuacións, a que se refire o artigo 13.4 na letra d).1º, xustificada mediante certificación emitida por organismo de acreditación recoñecido a nivel nacional.

q) Que a partir da data de publicación da presente orde, ningunha das persoas que ocupan funcións directivas na entidade nin os seus cónxuxes, ascendentes, descendentes ou demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, van ser contratadas ao abeiro da presente subvención.

5. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os devanditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes respecto dos cales nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación, non se considerarán desestimados e o órgano instrutor teraos en consideración en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da Comisión de Valoración.

Para estes efectos, a Comisión de Valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá, e como vogais, a persoa responsable do Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao Servizo de Programas de Cooperación, que realizará as funcións de secretario ou secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe o órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades, que cumpran os requisitos sinalados no artigo 4, farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Os servizos de maior interese xeral e social, segundo a área establecida no RUEPSS. Ata 30 puntos.

– Entidades prestadoras de servizos nas áreas de discapacidade e dependencia do RUEPSS: 30 puntos.

– Entidades prestadoras de servizos na área de inclusión do RUEPSS: 25 puntos.

– Entidades prestadoras doutros servizos de interese xeral e social, nas áreas de maiores, familia, infancia, igualdade, menores e comunidade do RUEPSS: 20 puntos.

b) Maior nivel de inserción laboral. Ata 30 puntos. Entenderase por «inserción laboral» aquela que supoña a contratación por conta allea, pola entidade solicitante da subvención, das persoas traballadoras que participaron en proxectos aprobados nas tres últimas convocatorias inmediatamente anteriores, en programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro dirixidos a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional, sempre que a duración do contrato sexa como mínimo de seis meses, cunha xornada laboral de, polo menos, o 50 %, e que a contratación fose formalizada dentro dos doce meses seguintes á finalización do contrato subvencionado. As ordes que se terán en conta son as do 18 de xullo de 2017 (DOG núm. 148, do 4 de agosto: TR352C 2017); do 2 de maio de 2018 (DOG núm. 92, do 15 de maio: TR352C 2018); do 10 de xullo de 2018 (DOG núm. 139, do 20 de xullo: TR352A 2018); do 9 de maio de 2019 (DOG núm. 98, do 24 de maio: TR352C 2019); do 12 de setembro de 2019 (DOG núm. 184, do 27 de setembro: TR352A 2019), e do 31 de xullo de 2020 (DOG núm. 162, do 13 de agosto: TR352A 2020).

Ás entidades que non recibiron subvención para a contratación de persoas desempregadas, nas tres últimas convocatorias, outórgouselles 3 puntos.

Valorarase a inserción laboral indefinida ata 20 puntos, e a inserción laboral temporal ata 10 puntos, conforme os seguintes criterios:

1º. Entidades que recibiron subvencións para a contratación de 5 ou menos persoas desempregadas, de maneira acumulada nas tres últimas convocatorias:

i. Por cada persoa con contratación indefinida: 10 puntos.

ii. Por cada persoa con contratación temporal: 5 puntos.

2º. Entidades que recibiron subvencións para a contratación de entre 6 e 12 persoas desempregadas, de maneira acumulada nas tres últimas convocatorias:

i. Por cada persoa con contratación indefinida: 6 puntos.

ii. Por cada persoa con contratación temporal: 3 puntos.

3º. Entidades que recibiron subvencións para a contratación de 13 ou máis persoas desempregadas, de maneira acumulada nas tres últimas convocatorias:

i. Por cada persoa con contratación indefinida: 4 puntos.

ii. Por cada persoa con contratación temporal: 2 puntos.

c) Segundo o ámbito xeográfico de actuación: ata 10 puntos. Valorarase tendo en conta o ámbito xeográfico recollido no RUEPSS, agás no caso de entidades con proxectos singulares:

1º. Entidades con proxectos singulares: 10 puntos.

2º. As entidades de ámbito autonómico ou superior: 10 puntos.

3º. As entidades de ámbito provincial: 8 puntos.

4º. As entidades de ámbito comarcal ou municipal (segundo o RUEPSS): 7 puntos.

d) Que correspondan a entidades cunha mellor valoración en relación coa calidade e xestión das actuacións da presente convocatoria e das levadas a cabo ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través de programas de cooperación nas últimas dúas convocatorias: ata 10 puntos. Valorarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Actuacións realizadas a prol da calidade e a súa xestión, levadas a cabo ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través de programas de cooperación nas últimas dúas convocatorias: ata 4 puntos. Valorarase:

– A dispoñibilidade dun certificado de xestión da calidade vixente na data de publicación da convocatoria, avalado por un organismo de acreditación recoñecido a nivel nacional: 1 punto.

– A dispoñibilidade dunha metodoloxía ou plan para a acollida e adaptación das persoas incorporadas ao posto de traballo: 1 punto.

– O desenvolvemento de enquisas de calidade das actuacións, e definición de accións de mellora: 1 punto.

– O desenvolvemento de enquisas de seguimento da inserción das persoas desempregadas, unha vez finalizada a subvención: 1 punto.

2º. Dirección do proxecto e a titorización do persoal subvencionado, por persoal técnico da propia entidade: ata 4 puntos. Valorarase que o titor teña unha ocupación ou categoría profesional igual (2 puntos) ou superior (4 puntos) á da persoa traballadora titorizada.

3º. Complementariedade da práctica profesional das persoas traballadoras contratadas con formación ocupacional/información profesional impartida pola propia entidade: ata 2 puntos.

Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. De persistir o empate, prevalecerán as solicitudes segundo a orde cronolóxica de entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 80 puntos. Adxudicaranse, co límite fixado no artigo 6, dentro do crédito dispoñible, aquelas que obteñan maior valoración en aplicación dos criterios.

6. Nas solicitudes achegadas pola vía de proxectos ordinarios, é dicir, as non incluídas nos supostos do parágrafo 2º do artigo 4, a adxudicación efectuarase do seguinte xeito:

1º. Nunha primeira fase, adxudicaráselles inicialmente un contrato subvencionado a todas as solicitudes admitidas segundo os requisitos dos artigos 3 e 4.1 desta orde, que acaden unha puntuación mínima de 45 puntos, ordenadas de maior a menor puntuación segundo os criterios de avaliación establecidos no punto 4 deste artigo.

2º. Nunha segunda fase, adxudicarase o resto de contratos entre as solicitudes ordenadas de maior a menor puntuación, segundo os criterios de avaliación establecidos no punto 4 deste artigo, e ata o esgotamento do crédito.

As contratacións adxudicadas ás entidades beneficiarias, sumadas as dúas fases precedentes, non poderán exceder os límites de número de contratos recollidos no punto 5 do artigo 6.

Artigo 14. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que resolverá a concesión ou denegación da axuda, mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa responsable da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

2. O prazo máximo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo de presentación de solicitudes. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a data de inicio dos servizos (a data límite de realización de todas as contratacións establécese no 10 de decembro de 2022), o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e os demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

4. A determinación da contía da subvención, correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, que reúnan os requisitos para percibilo, previsto na Orde do 2 de maio de 2006 pola que se regula o programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia (DOG núm. 89, do 10 de maio), realizarase, se é o caso, mediante resolución complementaria da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no prazo dun mes computado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, daqueles proxectos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e no Rexistro de Subvencións, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Requisitos para a selección das persoas traballadoras

1. As persoas traballadoras que sexan contratadas para a realización dos proxectos polos cales se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego.

2. Non poderán ser contratadas, con cargo ás axudas previstas nesta orde, as persoas traballadoras que fosen contratadas por un período igual ou superior a seis meses, ao abeiro das axudas concedidas polas ordes da Consellería de Economía, Emprego e Industria (actual Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade), no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro en materia de políticas activas de emprego, para a contratación de persoas traballadoras desempregadas, que a seguir se relacionan:

– Orde do 2 de maio de 2018 (DOG núm. 92, do 15 de maio: TR352C 2018).

– Orde do 9 de maio de 2019 (DOG núm. 98, do 24 de maio: TR352C 2019).

– Orde do 31 de xullo de 2020 (DOG núm. 162, do 13 de agosto: TR352A 2020).

– Orde do 3 de agosto de 2021 (DOG núm. 159, do 19 de agosto: TR352A 2021).

3. Así mesmo, non poderán ser contratadas con cargo a esta orde as persoas desempregadas que tivesen traballado para a entidade beneficiaria durante máis de tres meses, dentro dos últimos doce meses anteriores á data de contratación que derive desta orde, ou ben traballasen para a entidade beneficiaria durante os dous meses anteriores á devandita data de contratación.

Tampouco poderán ser contratadas con cargo a esta orde as persoas cónxuxes, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, das persoas que ocupen funcións directivas na entidade.

4. Os anteriores requisitos (os previstos nos parágrafos 1, 2 e 3) deberán cumprirse no momento da selección e da contratación, e a súa concorrencia deberá ser comprobada polas entidades beneficiarias, sen prexuízo dos controis que a posteriori efectúe o órgano xestor das axudas.

Artigo 16. Criterios para a selección das persoas traballadoras

1. A partir do momento de comunicación da resolución de concesión por parte da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, as entidades beneficiarias poderán iniciar o procedemento de selección das persoas desempregadas que se van contratar, mediante calquera das tres seguintes modalidades:

A) Selección mediante unha oferta de emprego específica presentada na oficina correspondente do Servizo Público de Emprego de Galicia, segundo os modelos normalizados para o efecto, e farán referencia aos requisitos e características que deben reunir as persoas traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados.

B) Selección directa pola entidade beneficiaria, logo de publicación da listaxe de entidades beneficiarias por parte do órgano xestor das axudas no Portal de emprego de Galicia (https://emprego.xunta.gal).

C) Selección mixta, en que a entidade beneficiaria pode empregar simultaneamente as dúas modalidades de selección anteriormente indicadas.

2. Para a primeira das modalidades, prevista no parágrafo 1.A (selección mediante oferta de emprego específica na oficina do Servizo Público de Emprego de Galicia), atenderanse os seguintes criterios:

1º. Con carácter xeral, as entidades deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións.

As ofertas achegaranse, necesariamente, a través de medios telemáticos (sede electrónica da Xunta de Galicia ou por correo electrónico), na oficina de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado. Cando unha entidade dispoña de centros de traballo que se correspondan co ámbito territorial de máis dunha oficina de emprego, poderá concentrar a tramitación de todas as ofertas na oficina a que lle correspondan máis postos de traballo ofertados.

Achegarase, xunto coa oferta de emprego, a resolución de concesión da subvención.

Presentarase unha oferta por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións (CNO) de 4 díxitos, de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos neste artigo ou que trate de favorecer os colectivos enumerados nel.

b) En ningún caso se poderá incluír nin admitir como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.

c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos a titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes co proxecto presentado pola entidade.

2º. Realizada a sondaxe pola a oficina de emprego, achegaranse á entidade os datos das persoas candidatas para cada posto ofertado, que non poderán ser inferior a dúas nin superior a dez.

A remisión de novas persoas candidatas só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

3º. Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral.

4º. Realizada a selección definitiva por parte da entidade beneficiaria, esta deberá notificar o resultado á correspondente oficina de emprego.

3. Para a segunda das modalidades, prevista no parágrafo 1.B (selección directa logo da publicación da listaxe de entidades beneficiarias no Portal de emprego de Galicia), atenderanse os seguintes criterios:

1º. O órgano xestor das axudas publicará, no Portal de emprego de Galicia, todos os postos de traballo concedidos ás entidades beneficiarias, indicando os datos de contacto das devanditas entidades para a remisión das candidaturas por parte das persoas interesadas na oferta.

2º. Recibidas as candidaturas, a entidade efectuará a selección das persoas desempregadas que contratará para cada ocupación, cun estrito cumprimento dos requisitos establecidos nesta orde e, en especial, dos recollidos nos catro primeiros parágrafos do artigo 15.

3º. Unha vez realizada a selección, e con carácter previo á contratación, a entidade remitirá á oficina de emprego correspondente os datos identificativos das persoas seleccionadas (nome e apelidos, DNI/NIE).

4º. A oficina de emprego rexistrará unha oferta específica, comprobará a inscrición como demandante de emprego e a situación laboral de non ocupada das persoas seleccionadas, e remitirá á entidade beneficiaria o código identificador da oferta que deberá empregar obrigatoriamente na comunicación da contratación a través da aplicación Contrat@.

4. No suposto de que as entidades beneficiarias non consigan cubrir algún dos postos de traballo concedidos, mediante calquera das tres modalidades de selección previstas no punto 1º deste artigo, logo de comunicación á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, poderá substituílo por outro CNO dentro do mesmo grupo de cotización ao inicialmente concedido, sempre e cando garde relación coa actividade que desenvolve a entidade e cos colectivos a que atende. Neste caso, a selección unicamente poderá efectuarse a través dunha oferta de emprego específica presentada no Servizo Público de Emprego de Galicia, segundo o establecido no parágrafo 1.A deste artigo.

Artigo 17. Contratación das persoas traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras, empregando calquera das tres modalidades previstas no artigo anterior, a entidade beneficiaria contrataraas utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo coas cláusulas específicas de contratos para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral, tendo en conta que os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, como data límite o 10 decembro de 2022.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá autorizar o inicio dos servizos con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse ao Servizo Público de Emprego, a través da aplicación Contrat@, na cal se sinalará, de xeito obrigatorio, o indicador da oferta facilitado pola oficina de emprego (en calquera das tres modalidades de selección).

5. Con carácter previo á comunicación dos contratos de traballo, deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran os requisitos para seren beneficiarias destes programas.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo coas cláusulas específicas para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral (códigos 405 ou 505).

c) Que se indique o número da oferta de emprego no campo correspondente da aplicación Contrat@.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas, de conformidade co disposto no artigo 23.

Artigo 18. Substitución de persoas traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato ou a redución da xornada antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado e/ou durante a redución da xornada, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días naturais seguintes ao da baixa/redución de xornada na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días naturais, a substitución só será posible logo de comunicación á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, con indicación da causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días hábiles desde a correspondente contratación. Na notificación, a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

– No caso de extinción do contrato ou redución de xornada, recollido no número 1, parte da baixa ou modificación na Seguridade Social da persoa substituída, e no suposto de baixa temporal a que fai referencia o número 2, xustificación de duración superior a 30 días naturais mediante o correspondente parte de baixa ou informe médico.

– Parte de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC), e contrato de traballo coas cláusulas específicas de contratos para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral da persoa substituta, formalizado e debidamente comunicado.

– Certificado de selección da persoa substituta, a que se refire o artigo 20.1.c) desta orde.

– Documento de información da subvención e declaración responsable a que se refire o artigo 20.1.g) desta orde, debidamente asinado pola persoa substituta.

4. Tanto no caso de extinción, como de substitución por suspensión do contrato ou por redución de xornada, a selección da nova persoa traballadora deberá levarse a cabo polo mesmo procedemento e requisitos establecidos nos artigos 15 e 16 desta orde.

No suposto de que o procedemento de selección empregado fose unha oferta de emprego, a entidade beneficiaria poderá contratar algún dos candidatos incluídos na devandita oferta inicial, e non seleccionados, sempre e cando reúnan os requisitos exixidos no artigo 15, e a oferta inicial siga vixente.

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo sexa inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á devolución do remanente da subvención polo importe correspondente. En ningún caso poderá producirse un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.

Artigo 19. Pagamento

1. Poderase realizar o pagamento anticipado, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos previstos neste artigo.

O importe do pagamento anticipado será dun 90 % da subvención concedida. Para realizar este pagamento anticipado, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Realizarase o pagamento final polo resto da subvención concedida, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, que se xustificará mediante a presentación, na forma e nos prazos previstos nesta orde, da documentación xustificativa do pagamento final establecido no artigo 20.

3. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 20. Xustificación do pagamento final

1. O pagamento final da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, no prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá exceder o 31 de decembro do 2022:

a) Contratos de traballo, na modalidade de cláusulas específicas para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral, formalizados e debidamente comunicados.

b) Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado de selección asinado pola persoa responsable da entidade beneficiaria, no modelo recollido na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade:

https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html

d) As retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social. De ser o caso, deberanse identificar as persoas traballadoras obxecto de cofinanciamento.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas e/ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, segundo o modelo recollido na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade:

https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html

f) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 22.1.

g) Documentos de información e declaración responsable de cada unha das persoas traballadoras contratadas ao abeiro da subvención, debidamente asinados, no modelo recollido na páxina web da Consellería de Promoción del Emprego e Igualdade:

https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia, na ligazón:

https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html

2. No suposto de non achegarse a devandita documentación, ou resultar incompleta, efectuaráselle un requirimento á entidade beneficiaria, para que a achegue no prazo de dez días hábiles seguintes ao da súa notificación, segundo o establecido no artigo 45.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O aboamento da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das traballadoras contratadas beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero farase efectivo unha vez que se comprobe que reúnen os requisitos para acceder a el e unha vez ditada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola Intervención.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

c) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer no momento do seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos proxectos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Nomeadamente, someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada ou segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación semanal permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e á distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

e) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, nun prazo de 5 días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

g) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 23 desta orde.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Seguimento

1. No lugar onde se realicen os servizos, deberá figurar de forma visible un cartel informativo, no modelo normalizado establecido e publicado pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0043.html, no cal constará o cofinanciamento por parte dos servizos públicos de emprego.

2. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma, as entidades beneficiarias das axudas deberán:

a) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no prazo máximo de dous meses, unha vez finalizada a execución dos proxectos subvencionados, a seguinte documentación:

– Unha memoria final sobre as actividades realizadas e a práctica profesional adquirida polas persoas traballadoras contratadas, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón:

https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html

– Extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

– Un certificado final de verificación da subvención, xunto cos anexos correspondentes, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón:

https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html

– Nóminas aboadas ás persoas traballadoras que se contraten e boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras, ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias, imprescindibles no caso das nóminas) e mais o modelo 190 (en concreto, os certificados individuais das retencións e ingresos á conta do IRPF das persoas traballadoras subvencionadas).

Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deberá reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

d) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable axeitada, establecida no artigo 22.2.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) En caso de ausencia total de pista de auditoría, establecida no artigo 22.2.b), reintegro do 100 % do gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 22.2.c): no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se deba reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

g) Incumprimento do prazo establecido na resolución de concesión, e no requirimento efectuado nos supostos recollidos no artigo 45.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalado nos puntos 1 e 2 do artigo 20: perda do dereito ao cobramento do pagamento final e reintegro total do anticipo que se percibise.

Se a documentación achegada é incompleta ou contén erros, a porcentaxe de penalización modularase sobre o importe da subvención xustificada segundo a gravidade do incumprimento, debidamente motivada, partindo dun 10 %.

h) Incumprimento da obriga de satisfacer mensualmente, mediante transferencia bancaria, os pagamentos de carácter salarial, con independencia do cobramento da axuda: reintegro do 100 % sobre o importe obxecto de atraso no aboamento.

i) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 22.1: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

j) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

k) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

l) En caso de baixa temporal das persoas subvencionadas, e se a entidade beneficiaria non devolveu o importe do salario en concepto de remanente, procederá o reintegro do importe dos días correspondentes á baixa temporal.

m) Incumprimento da obriga de manter unha planificación permanentemente actualizada, de conformidade co artigo 21.d): procederá o reintegro do 10 % da subvención.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 11.04.322C.481.7, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa responsable da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinalados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime disposto na disposición adicional segunda do Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade.

Disposición adicional terceira

Para os efectos de que poidan ser tidas en conta na valoración de solicitudes de exercicios posteriores, as oficinas de emprego comunicarán á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social as incidencias que se poidan producir nos procesos de selección, así como a relación de entidades que non lles comuniquen os resultados da selección, de conformidade co establecido no artigo 16.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file