Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 27 de xullo de 2022 Páx. 41409

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades locais, a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e a asociacións de pais e nais para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento SI436A, SI436B e SI436C).

O Plan Corresponsables é unha nova política pública promovida polo Ministerio de Igualdade, concretamente na Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, que ten por obxecto iniciar o camiño cara á garantía do coidado como un dereito en España desde a óptica da igualdade entre mulleres e homes, ao abeiro da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. O artigo 14 establece que lles corresponde aos poderes públicos o establecemento de medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar das mulleres e dos homes, así como o fomento da corresponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia, e no artigo 44 sinala que os dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral se lles recoñecerán aos traballadores e ás traballadoras de forma que fomenten a asunción equilibrada das responsabilidades familiares, evitando toda discriminación baseada no seu exercicio.

No marco das políticas da Unión Europea, nas súas diferentes normas e documentos de programación e planificación –como a Estratexia europea para a igualdade de xénero 2020-2025 e a Directiva UE 2019/1158 do Parlamento Europeo e do Consello, relativa á conciliación da vida familiar e da vida profesional dos proxenitores e das persoas coidadoras, que introduce normas mínimas para os permisos familiares e as fórmulas de traballo flexible e promove a repartición equitativa das responsabilidades asistenciais entre ambos os proxenitores– recóllese que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes segue a ser un valor fundamental, con referencia explícita á necesidade de avanzar e promover a mellora da conciliación da vida laboral e privada para mulleres e homes ao longo de toda a súa vida.

Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, establece que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación dos galegos na vida política, económica, cultural e social.

Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia recoñece, tanto nas leis de igualdade, hoxe recollidas tanto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, como na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e na Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, a importancia da corresponsabilidade na vida familiar, particularmente no mantemento, coidado e educación dos fillos e fillas, e comprométese a promover a igualdade de mulleres e homes no acceso ao mundo laboral e na asunción das tarefas familiares, mediante actuacións que procuren a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Así, «mellorar a conciliación da vida familiar e laboral e promover a corresponsabilidade entre mulleres e homes para contribuír a acadar o principio de igualdade por razón de xénero en todos os ámbitos e á revitalización demográfica» é un obxectivo estratéxico na nosa comunidade autónoma.

O fomento da conciliación da vida familiar, laboral e persoal está presente na acción de goberno e nos instrumentos de planificación da Xunta de Galicia, como no Plan estratéxico de Galicia 2021-2030, que inclúe no eixe prioritario 4, Cohesión social e territorial, unha prioridade de actuación PA 4.2 Facer que o crecemento chegue a toda a cidadanía, en particular ás persoas máis desfavorecidas e apoiar a integración socioeconómica da poboación retornada e inmigrante, no que se inscribe un obxectivo estratéxico OE 4.2.5, Acadar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, impulsando unha maior e mellor participación das mulleres en todos os ámbitos sociais e profesionais e nos procesos de toma de decisións, contando entre as súas liñas de accións principais as destinadas a eliminar a discriminación por razón de sexo e favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, á vez que se promove un modelo de sociedade corresponsable en que homes e mulleres compartan de maneira equilibrada as responsabilidades domésticas e familiares e realicen un uso equitativo dos tempos e das medidas de conciliación, entre outras.

No VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, recóllese, así mesmo, entre os seus ámbitos de actuación o 3, relativo á conciliación e corresponsabilidade nos usos do tempo, en que se formula como reto avanzar nunha organización social favorable á conciliación e a un cambio cultural nos usos do tempo que permita que mulleres e homes compaxinen en igualdade a esfera privada e profesional.

Esta prioridade e compromiso do Goberno galego tamén se reflicte de forma exhaustiva e singularizada nos instrumentos de planificación, concretamente no Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, aprobado polo Consello da Xunta na súa sesión do día 5 de abril de 2018.

Coa finalidade de mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal, a través do Plan Corresponsables, a Secretaría Xeral da Igualdade desenvolverá, entre outras actuacións, un marco de axudas públicas para o financiamento de medidas e actuacións para desenvolver o Plan Corresponsables por parte da Secretaría xeral da Igualdade, que serán desenvolvidas polas seguintes entidades:

– Entidades locais, de forma individual ou mediante o sistema de xestión compartida.

– Entidades de iniciativa social.

– Asociacións de nais e pais.

Ao abeiro de tres liñas de axudas ou programas: a) Plan Corresponsables coas entidades locais de Galicia; b) Plan Corresponsables coas entidades de iniciativa social que desenvolvan a súa actuación en Galicia; c) Plan Corresponsables para levar a cabo por parte das asociacións de nais e pais de alumnado de centros educativos de Galicia.

Recoñécese o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, como idóneo para desenvolver accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a través das medidas de conciliación incluídas no Plan Corresponsables, que serán complementarias ás desenvolvidas no marco das axudas do Programa de conciliación do ámbito local da Secreataría Xeral da Igualdade (código de procedemento SI435B). Nesta materia vénse traballando coas entidades locais no marco da colaboración e coordinación, para avanzar na consecución do obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes. Pola súa vez, promóvese e impúlsase un marco de xestión compartida no ámbito da colaboración e cooperación entre concellos para dotar dunha maior eficacia e eficiencia os servizos e as actuacións en materia de igualdade no ámbito territorial de Galicia.

A Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario colaborar e cooperar no desenvolvemento de actuacións das entidades de iniciativa social que, polos seus fins ou actividades, contribúan á consecución dos obxectivos previstos. Considera tamén necesario desenvolver programas específicos de apoio á conciliación da vida familiar, laboral e persoal a través destas entidades, pola súa experiencia nestes programas e a súa proximidade e accesibilidade para moitas familias e o coñecemento e experiencia na xestión de programas destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que, pola súa vez demandan e precisan estas bolsas de coidados para fillos e fillas de ata 16 anos, para enfrontar o seu desenvolvemento persoal e profesional que lles permita participar en pé de igualdade na sociedade e conciliar o dereito á maternidade coa educación e a familia. Faise fronte, así, a unha dobre discriminación: unha, a que radica no feito de ser muller, e outra, o embarazo, que reduce aínda máis as posibilidades de se integraren no mercado de traballo.

Así mesmo, o papel das familias para remover os estereotipos e conseguir unha repartición equilibrada das tarefas domésticas e mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal é un fío condutor incluído no Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, que está incluído, entre outras, na medida 2.3. Sensibilizar e implicar as familias no fomento dos valores da corresponsabilidade para unha repartición das tarefas domésticas e de coidados libre de condicionamentos de xénero. Polo tanto a Secretaría Xeral da Igualdade insta as asociacións de nais e pais de alumnado dos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de actuacións en desenvolvemento do Plan Corresponsables, consistentes en bolsas de coidado para familias con fillos ou fillas de ata 16 anos, polo que serán dirixidas ás ANPA de alumnado de escolas infantís e de centros educativos non universitarios das etapas e niveis escolares de ata 16 anos.

De acordo co previsto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e segundo o establecido no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndenlle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, as funcións de planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no eido persoal, familiar e laboral, así como tamén propor medidas, programas e normas dirixidos á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural, e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

Este desenvolvemento das políticas de igualdade adquire unha relevancia maior no contexto da crise sanitaria mundial que está a incidir de forma específica e negativa na igualdade de xénero e nos dereitos das mulleres, en canto que son elas as que, de forma maioritaria, asumen no noso país a carga de coidados familiares e domésticos. As mulleres traballadoras dedican catro horas ao coidado e educación de fillas e fillos fronte ás dúas que dedican os homes, e empregan dúas horas diarias a tarefas domésticas fronte a unha hora os homes. Destaca que no grupo de idade de entre 25 a 49 anos un 20,3 % das mulleres ten xornada parcial por dedicarse ao coidado de menores ou de persoas adultas enfermas, con discapacidade ou maiores, fronte a un 5,8 % dos homes.

Nese sentido, para xerar unha redistribución das tarefas e dos tempos de coidado, o importe consignado para o desenvolvemento do Plan Corresponsables destínase ao financiamento de actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a creación de emprego de calidade no sector dos coidados, a posta en marcha dun sistema de habilitación para o recoñecemento da experiencia laboral formal ou non formal no sector dos coidados de menores, que habiliten para o acceso ás bolsas de coidado profesional e para a formación en corresponsabilidade e coidados para os homes no marco das actuacións do Plan Corresponsables.

Estas actuacións destinaranse ao coidado de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, e con carácter prioritario en caso de vítimas de violencia de xénero en todas as súas manifestacións familias monoparentais, mulleres en situación de desemprego para realizar accións formativas ou procura activa de emprego, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

No que atinxe á contratación de persoal, terase en conta o establecido na disposición adicional novena do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, publicado no BOE núm. 313, do 30 de decembro de 2021, que recolle expresamente:

«1. As administracións públicas e, de ser o caso, as entidades sen ánimo de lucro poderán realizar contratos para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral no marco dos programas de activación para o emprego previstos neste texto refundido da Lei de emprego, cuxa duración non poderá exceder dos doce meses.

2. As persoas traballadoras maiores de 30 anos que participen en programas públicos de emprego e formación previstos neste texto refundido da Lei de emprego poderán ser contratadas mediante o contrato formativo previsto no artigo 11.2 do Estatuto dos traballadores».

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizado por acordo do Consello da Xunta a concesión de anticipos de ata o 50 % da subvención concedida nas diferentes liñas e programas, sen constitución de garantías, en uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto regular a concesión de subvencións destinadas a desenvolver e financiar o desenvolvemento do Plan Corresponsables, consistente en actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a creación de emprego de calidade no ámbito dos coidados e a formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados.

2. As subvencións recollidas nesta resolución parten da implantación dunha nova política pública no sector dos coidados, alicerce fundamental de calquera sociedade, e teñen como finalidade favorecer a corresponsabilidade nas familias con nenas, nenos, mozas e mozos de ata 16 anos inclusive, no ámbito de Galicia, para mellorar a vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal. Ademais, preténdese fomentar a creación de emprego de calidade no sector dos coidados, para garantir a calidade dos servizos prestados a través das bolsas de coidado profesional.

3. Coas ditas finalidades establécense as seguintes liñas de subvencións::

a) Liña do Plan Corresponsables no ámbito local, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento SI436A).

b) Liña do Plan Corresponsables para desenvolver polas entidades de iniciativa social (código de procedemento SI436B).

c) Liña do Plan Corresponsables para desenvolver polas asociacións de nais e pais de centros sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais (código de procedemento SI436C).

Nas liñas b) e c), para o caso de que non se esgote o importe máximo logo da valoración de todas as solicitudes presentadas ao abeiro deste programa, o remanente de crédito destinarase ao financiamento das solicitudes da outra liña, ao estar vinculado o seu financiamento a nivel de concepto na aplicación 11.02.312G.481.2 e 11.02.312G.481.1, respectivamente.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e, a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario, coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

5. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

6. Nas actuacións que se desenvolvan ao abeiro desta resolución fomentarase a incorporación da perspectiva de xénero, de cara á eliminación de estereotipos sobre os diferentes roles que persisten na sociedade sobre comportamentos e aptitudes de mulleres e homes e, especialmente, no ámbito dos coidados. As actuacións acompañaranse con accións de sensibilización sobre a igualade entre mulleres e homes e no eido da corresponsabilidade e da conciliación.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de seis millóns seiscentos noventa e dous mil douscentos setenta e tres euros con setenta e nove céntimos (6.692.273,79 euros), distribuídos en tres liñas, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes do orzamento xeral da Comunidade Autónoma para o ano 2022:

Liña-procedemento

Aplicación

Cód. do proxecto

Crédito 2022 (euros)

Artigo 1.3.a)-Liña do Plan Corresponsables no ámbito local (SI436A)

11.02.312G.460.1

2021 00175

4.492.273,79

Artigo 1.3.b)-Liña do Plan Corresponsables para que o desenvolvan as entidades de iniciativa social (SI436B)

11.02.312G.481.2

2021 00175

1.500.000

Artigo 1.3.c)-Liña do Plan Corresponsables para que se desenvolvan as asociacións de nais e pais (SI436C)

11.02.312G.481.1

2021 00175

700.000

Total convocatoria

6.692.273,79

As axudas dos tres programas son financiadas con fondos finalistas dos orzamentos xerais do Estado (PXE) procedentes do Ministerio de Igualdade, no marco do Plan Corresponsables, a través da liña de actuación 00524-Plan Corresponsables.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado aos programas e subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, en su caso, previa aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinaranse á concesión daqueloutras solicitudes que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

4. A concesión das subvencións previstas nesta resolución estará suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas e ingresos xerados

As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución serán compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que o seu importe, illadamente considerado ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, non supere o custo da actividade subvencionada. Todo iso sen prexuízo do que, respecto diso, puidese establecer a normativa reguladora das outras subvencións concorrentes.

Artigo 4. Contía da subvención

1. A contía da subvención que se concederá determinarase en función do número de persoas que se vaian contratar, de acordo cos perfís e requisitos establecidos nesta resolución, para desenvolver as bolsas de coidado e/ou os plans de formación recollidos no artigo 5 de accións subvencionables, tendo en conta os límites máximos da subvención establecidos para cada procedemento nos artigos 6, 7 e 8, respectivamente:

– Contía de ata 26.900,00 euros por persoa contratada a tempo completo, para o período desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2022, período subvencionable segundo a presente resolución, incluídas as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial ou por período inferior ao ano completo.

2. A contía da xudas por persoa contratada incrementarase en 3.000,00 euros cando a persoa contratada estea nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

– Mulleres maiores de 45 anos.

– Mulleres vítimas de violencia de xénero.

– Persoas con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

Para o caso de mulleres contratadas vítimas de violencia de xénero, a acreditación documental da súa circunstancia recollerase na fase de xustificación das axudas, coa documentación acreditativa desta situación segundo o previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

Para o caso de persoas contratadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, a acreditación documental da súa circunstancia recollerase na fase de xustificación da axudas, coa certificación acreditativa desta situación no caso de que esta non fose emitida pola Xunta de Galicia.

Artigo 5. Actuacións subvencionables

1. Considéranse subvencionables as actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con fillas e fillos menores de ata 16 anos de idade mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a través da creación de emprego de calidade no sector dos coidados e plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.

2. As actuacións destinaranse ao coidado de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, e con carácter prioritario en caso de vítimas de violencia de xénero en todas as súas manifestacións, especialmente cando teñan que acudir a interpor denuncias, procesos xudiciais, citas médicas e terapéuticas, ou outros trámites burocráticos; familias monoparentais; mulleres en situación de desemprego para realizar accións formativas ou procura activa de emprego; mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

3. Nos procesos de valoración de acceso aos servizos postos en marcha con cargo aos fondos recibidos deberán considerarse como criterios de valoración o nivel de renda e as cargas familiares das persoas que soliciten a participación neles.

4. Ao abeiro do disposto na presente resolución, serán subvencionables as seguintes tipoloxías de proxectos:

4.1. Bolsas de coidado profesional de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos de idade, coa posibilidade de desenvolver unha ou máis das seguintes modalidades:

a) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade que poidan prestarse en domicilio por un número determinado de horas semanais.

b) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade, que poidan prestarse en dependencias públicas convenientemente habilitadas para o efecto, tales como escolas, centros municipais, multiúsos, polideportivos, ludotecas, entre outros, cumprindo coas garantías sanitarias, así como coa normativa que lle sexa de aplicación.

4.2. Plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias: implementación de plans e actuacións de formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias, para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no ámbito de coidados.

5. Subvencionaranse actuacións de nova creación ou ampliación e mellora das existentes. Queda excluído o financiamento de gastos que se materialicen en prestacións económicas directas a persoas e/ou familias, ou gastos relativos á dotación de persoal dos centros de educación infantil.

6. Subvencionaranse, así mesmo, as actuacións complementarias para dar a coñecer as medidas do Plan Corresponsables, como accións de difusión e información das actuacións recollidas no Plan Corresponsables e edición de material didáctico, xunto a actuacións de asesoramento, avaliación e estudo para a implantación das medidas do Plan Corresponsables, que supoñan un gasto máximo de ata o 3 % do importe da subvención.

7. Requisitos das entidades beneficiarias:

7.1. Poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades que se encontren na situación que fundamenta a concesión da subvención ou nas cales concorran as circunstancias previstas nas bases reguladoras e na convocatoria.

As entidades beneficiarias terán que acreditar o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Encontrarse ao día nas obrigacións tributarias coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social, así como ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

b) Non estaren incursas en ningunha das outras circunstancias que determina o artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 18 de xullo, de subvencións de Galicia.

c) Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) O persoal que vaia desenvolver as bolsas de coidados de menores en familias con fillos e fillas de ata 16 anos, terá que ter algún dos perfís profesionais establecidos no Plan Corresponsables: perfís de técnica/o superior en Animación Socio-cultural e Turística (ou Tasoc, técnica/o en actividades socio-culturais), técnica/o superior en Integración Social, monitoras/es de Lecer e Tempo Libre, Tafad (técnica/o superior en Ensinanza e Animación Socio-deportiva), técnica/o superior en Educación Infantil, auxiliares de Gardaría e Xardín de Infancia. Deberá cumprir, o resto de requisitos establecidos no artigo 9.1 desta resolución.

e) Comprobar que as persoas que vaian contratar as entidades dispoñen do correspondente certificado de inexistencia de antecedentes por delitos de natureza sexual, así como do certificado negativo de antecedentes penais relacionados con delitos contra a infancia.

f) Dispor dun plan de prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

g) Non ser sancionadas, en virtude de resolución administrativa ou sentenza xudicial firme, pola comisión de infraccións graves ou moi graves en materia de prevención de riscos laborais no ano anterior a esta resolución.

h) Non ser obxecto de sanción por resolución administrativa firme ou condenada por sentenza xudicial firme por levar a cabo prácticas laborais consideradas discriminatorias pola lexislación vixente, salvo cando se acredite cumprir coa sanción ou a pena imposta e elaborar un plan de igualdade ou adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes. Corresponderalle ao órgano competente en materia de igualdade dar a súa conformidade a estas medidas.

i) Dispor da estrutura técnica e capacidade financeira suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos.

8. Cando as entidades teñan establecido o pagamento dunha taxa, os ingresos obtidos das cotas para o acceso das familias con maiores ingresos económicos deberán reverter no propio Plan Corresponsables e recollerse na xustificación que se vaia presentar.

Artigo 6. Liña Plan Corresponsables no ámbito local, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento SI436A)

1. Poderán ser entidades beneficiarias desta liña de subvención os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e as condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións, comúns ou derivados, se é o caso, da presentación dunha solicitude para a xestión compartida dun proxecto ou servizo.

3. Por outra banda, para poder ser beneficiaria desta liña de axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2020 ao Consello de Contas de Galicia.

4. As entidade locais, ao abeiro desta liña poderán presentar solicitude individual ou de xestión compartida. As solicitudes individuais serán as presentadas por un concello. Terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as presentadas por agrupacións de varios concellos.

5. As entidades locais que opten pola solicitude de xestión compartida terán que estender esta modalidade a todas as medidas para as cales solicitan subvención, no caso de presentar solicitude de subvención para máis dunha medida do Plan Corresponsables.

Así mesmo, deberán:

a) Presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor.

Se non achegan o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega, logo do requirimento efectuado para o efecto, considerarase que desisten da súa solicitude.

b) Nomear a persoa titular dunha das alcaldías para a representación única, tanto na coordinación como na interlocución, ante a Secretaría Xeral da Igualdade, que será a que reciba e xustifique a subvención.

c) Reflectir os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que forman parte da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se aplicará a cada unha delas.

d) Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento dentro do prazo concedido para o efecto.

7. Procederá a exclusión ou inadmisión daquelas solicitudes de xestión compartida nas cales non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para o cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Sen prexuízo do anterior, considerarase que cumpren o requisito de xestión compartida cando na memoria xustificativa se acrediten os beneficios da solicitude conxunta, tales como licitacións conxuntas, razóns de economía de escala, racionalización do gasto, criterios de eficiencia e eficacia e colaboración técnica e administrativa, entre outros.

8. Cada entidade local, individual ou agrupada, poderá presentar unha única solicitude de subvención, que pode abranguer unha ou dúas das actuacións descritas no artigo 4. Deberase especificar tal aspecto na solicitude e presentar unha memoria para cada unha.

9. Serán gastos subvencionables os derivados da realización das medidas de Plan Corresponsables definidas no artigo 4, referidas a custos directos de persoal e custos indirectos, nos termos establecidos no artigo 9 desta resolución.

Serán subvencionables os gastos xerados entre o 1 de xaneiro de 2022 e ata o 31 de decembro de 2022, ambos os dous incluídos.

10. Para determinar o gasto subvencionable e o importe da subvención, teranse en conta os custos directos de persoal dos/das profesionais que leven a cabo as medidas de Plan Corresponsables, definidas no artigo 4, máis un 10 % para o financiamento doutros custos indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado. Estes gastos indirectos non requirirán unha xustificación adicional.

En todo caso, a contía máxima da axuda será de 150.000,00 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 225.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

11. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do custo de persoal. En todo caso, non se xerará dereito ao cobramento da subvención, e procederá o reintegro do anticipo, cando as xustificacións non acaden como mínimo o 25 % do custo do persoal.

Artigo 7. Liña do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades de iniciativa social (código de procedemento SI436B)

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta liña de subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, que cumpran os requisitos, condicións e obrigas previstas nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

1º. Estaren inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

2º. Ter domicilio social ou delegación en Galicia.

3º. Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

2. Serán gastos subvencionables os derivados da realización das medidas do Plan Corresponsables, definidas no artigo 4 referidas a custos directos de persoal e custos indirectos, nos termos establecidos no artigo 9 desta resolución.

Serán subvencionables os gastos xerados entre o 1 de xaneiro e ata o 31 de decembro de 2022, ambos os dous incluídos.

3. Para determinar o gasto subvencionable e o importe da subvención, teranse en conta os custos directos de persoal dos/das profesionais que leven a cabo as medidas do Plan Corresponsables, definidas no artigo 4, máis un 10 % para o financiamento doutros custos indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado. Estes gastos indirectos non requirirán unha xustificación adicional.

En todo caso, a contía máxima da axuda será de 20.000,00 euros.

4. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do custo de persoal. En todo caso, non se xerará dereito ao cobramento da subvención, e procederá o reintegro do anticipo, cando as xustificacións non acaden como mínimo o 25 % do custo do persoal.

Artigo 8. Liña do Plan Corresponsables que van desenvolver as asociacións de nais e pais, de escolas infantís e de centros educativos sostidos pola Xunta de Galicia, federacións e confederacións de nais e pais (código de procedemento SI436C)

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta liña de subvención as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

2. Tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

3. Serán gastos subvencionables os derivados da realización das medidas do Plan Corresponsables, definidas no artigo 4, referidas a custos directos de persoal e custos indirectos, nos termos establecidos no artigo 9 desta resolución.

Serán subvencionables os gastos xerados entre o 1 de xaneiro de 2022 e ata o 31 de decembro de 2022, ambos os dous incluídos.

4. Para determinar o gasto subvencionable e o importe da subvención, teranse en conta os custos directos de persoal dos/das profesionais que leven a cabo as medidas de Plan Corresponsables, definidas no artigo 4, máis un 10 % para o financiamento doutros custos indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado. Estes gastos indirectos non requirirán unha xustificación adicional.

En todo caso, a contía máxima da axuda será de 20.000,00 euros.

5. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do custo de persoal. En todo caso, non se xerará dereito ao cobramento da subvención e procederá o reintegro do anticipo, cando as xustificacións non acaden como mínimo o 25 % do custo do persoal.

6. Todos os requisitos e condicións exixidos nesta resolución para as tres liñas de subvención previstas deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no punto a).3 do artigo 5.

Artigo 9. Gastos subvencionables

Para as tres liñas de axudas comprendidas nesta resolución serán gastos subvencionables os derivados das medidas, actuacións e programas obxecto da axuda, realizados nos prazos e períodos de referencia e que respondan a algúns dos seguintes conceptos e categorías:

1. Gastos directos de persoal: teranse en consideración os gastos directos de persoal que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e que, polo tanto, se refiran de forma inequívoca e constatable a ela.

1.1. Gastos directos de persoal: serán subvencionables en concepto de custos directos de persoal as retribucións salariais brutas totais do persoal contratado para o desenvolvemento das bolsas de coidados ou dos plans de formación, correspondentes ao tempo efectivo dedicado á execución da actuación ou medida subvencionada, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

1.2. No caso de contratación mercantil ou externa, serán subvencionables os custos de persoal que formen parte da prestación do servizo externo, sempre que o persoal e o custo pola súa contratación estean claramente identificados e detallados na factura.

1.3. Para determinar os custos directos de persoal, terase en conta soamente o tempo efectivo dedicado á execución da medida subvencionada. Para estes efectos, non se computarán as situacións con dereito a retribución en que non se presta servizo efectivo, como as ausencias ou as incapacidades temporais, nin as situacións recollidas no artigo 37.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

1.4. Serán requisitos obrigatorios dos gastos de persoal para desenvolver as bolsas de coidados de menores en familias con fillos e fillas de ata 16 anos os seguintes:

a) Terán que ter algún dos perfís profesionais establecidos no Plan Corresponsables: perfís de técnica/o superior en Animación Socio-cultural e Turística, (ou Tasoc, técnica/o en actividades socio-culturais), técnica/o superior en Integración Social, monitoras/es de Lecer e Tempo Libre, Tafad (técnica/o superior en Ensinanza e Animación Socio-deportiva), técnica/o superior en Educación Infantil, auxiliares de Gardaría e Xardín de Infancia.

b) Persoas con experiencia laboral formal e non formal no sector dos coidados de menores habilitadas pola Administración da Xunta de Galicia para o acceso ás bolsas de coidado profesional de menores que se presten en domicilio, especialmente mulleres maiores de 45 anos.

c) A modalidade de contratación non poderá destinarse a cubrir postos de traballo que existisen previamente, salvo que se mellore ou amplíe a xornada. Deberá acreditarse esta circunstancia mediante certificado da persoa titular da Secretaría ou da Intervención da entidade.

d) A contratación deberá formalizarse na categoría profesional e no grupo de cotización correspondente ao posto de traballo ofertado. A entidade debe aboarlle á persoa contratada, polo menos, o importe proporcional que lle corresponda segundo o salario fixado como salario mínimo interprofesional que estea en vigor.

1.5. En todo caso, os contratos de traballo subscritos no marco deste programa –tamén aqueles nos cales se amplíe ou mellore a xornada– deberán incluír a cláusula seguinte: «Este contrato será obxecto de financiamento a través do Plan Corresponsables».

1.6. Así mesmo, subvencionaranse os custos salariais e a cotización empresarial á Seguridade Social das persoas que sexan contratadas para a tramitar os expedientes administrativos e/ou a coordinación derivados da xestión do Plan Corresponsables, ata un máximo do 6 % da contía de axuda asignada a cada entidade.

2. Gastos indirectos: tamén serán subvencionables, en concepto de custos indirectos, os gastos correntes que non se corresponden en exclusiva á operación subvencionada por teren carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento: gastos en bens consumibles e en material funxible, gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade, etc).

3. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de recuperación ou compensación.

Artigo 10. Procedemento de selección do persoal para a bolsa de coidados

1. A selección do persoal para as bolsas de coidados deberá axustarse ao procedemento establecido na lexislación de réxime local, na concordante de emprego público e na normativa laboral, que garantan o principio de igualdade, mérito e capacidade.

2. As persoas que se van contratar deberán achegar o certificado de inexistencia de antecedentes por delitos de natureza sexual, así como o certificado negativo de antecedentes penais relacionados con delitos contra a infancia.

3. As persoas que se van contratar deberán pertencer a algún dos seguintes perfís profesionais:

Persoas con perfís profesionais correspondentes a perfís técnica/o superior en Animación Socio-cultural e Turística, (ou Tasoc, Técnica/o en actividades socio-culturais), técnica/o superior en Integración Social, monitoras/es de Lecer e Tempo Libre, Tafad (técnica/o superior en Ensinanza e Animación Socio-deportiva), técnica/o superior en Educación Infantil, auxiliares de Gardaría e Xardín de Infancia, tanto para bolsas de coidados de menores que se presten en dependencias convenientemente habilitadas para o efecto como para coidados en domicilio.

4. As mulleres que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero terán preferencia se teñen o perfil profesional do posto de traballo que hai que cubrir, conforme a oferta de emprego presentada pola entidade beneficiaria.

Cada entidade deberá reservar un mínimo do 15 % da contía asignada para a contratación deste colectivo, salvo que non exista un número suficiente de mulleres para alcanzar a citada porcentaxe.

En ningún caso poderán introducirse na selección das persoas para contratar criterios que poidan impedir a libre circulación de persoas traballadoras, tales como o empadroamento nunha determinada entidade local. En todo caso, o procedemento de selección deberá garantir a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, sen discriminación por razón de sexo, raza ou orixe étnica, relixión ou conviccións, en relación coas persoas participantes que cumpran os requisitos de acceso.

Artigo 11. Contido e requisitos dos contratos para as bolsas de coidados

1. Os contratos de traballo do persoal profesional deberán reunir os seguintes requisitos para seren subvencionables:

a) A modalidade de contratación non poderá destinarse a cubrir postos de traballo que existisen previamente, salvo que se mellore ou amplíe a xornada. Deberase acreditar esta circunstancia mediante certificado da persoa titular da Secretaría da entidade ou da Intervención no caso de entidades locais.

b) A contratación deberá formalizarse na categoría profesional e no grupo de cotización correspondente ao posto de traballo ofertado.

2. En todo caso, os contratos de traballo subscritos no marco deste programa –tamén aqueles nos cales se amplíe ou mellore a xornada– deberán incluír a cláusula seguinte: «Este contrato será obxecto de financiamento a través do Plan Corresponsables».

Artigo 12. Subcontratación

1. As entidades locais beneficiarias, as entidades de iniciativa social e as ANPA poderán subcontratar ata o 100 % da execución das actuacións e actividades obxecto de subvención, de conformidade co disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 novembro, xeral de subvencións, e co artigo 27 da Lei 9/2007, do 18 de xullo, de subvencións de Galicia.

2. Cando a actividade obxecto de subvención sexa concertada con terceiras persoas, deberase presentar documento subscrito entre a entidade beneficiada e a entidade subcontratada, no cal deberán reflectirse a especificación das actividades que se subcontraten, as persoas encargadas do seu desenvolvemento, a duración, calendarización, determinación do que achega cada unha das partes, o importe total da subcontratación e declaración responsable por parte da entidade subcontratista de que non está incursa en ningunha das causas de prohibición establecidas no artigo 29.7 da citada Lei xeral de subvencións, e co artigo 27.7 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A entidade subcontratada quedará obrigada só ante a entidade local, entidade de iniciativa social ou ANPA beneficiada, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración autonómica.

Artigo 13. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 14. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I.1, I.2 ou I.3, segundo a liña de subvención) a documentación común e a específica de cada liña de subvención que se relaciona a continuación:

a) Anexo II.1, anexo II.2 e anexo II.3: certificación do órgano competente da entidade ou da asociación/federación de asociacións de nais e pais en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro da correspondente liña de subvención e do compromiso do financiamento do custo da actuación ou medida obxecto de axuda naquela parte que exceda o importe da subvención para a súa completa realización.

b) Anexo II-bis (só no caso da liña de subvención a) descrita no artigo 5 desta resolución para as agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do órgano competente do concello representante en que se fagan constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo en relación cos requisitos e condicións previstos no artigo 5 desta resolución.

c) Anexo III: memoria descritiva do programa/medida para que solicita a subvención: memoria descritiva da medida que se propón e das actuacións que se vaian realizar para desenvolvela, con indicación da duración, das datas de comezo e finalización estimadas, do importe dos custos directos de persoal, número estimado de familias e nenos, nenas, mozos e mozas de ata 16 anos que se estima que participen nas bolsas de coidados.

Especificarase o lugar en que se vai realizar cada unha das actividades descritas que se prevén desenvolver de bolsas de coidados, concretando se van ser nos domicilios dos menores das familias con fillos e fillas de ata 16 anos ou en dependencias habilitadas para efecto de carácter público ou de uso público.

Así mesmo, incluirase unha relación detallada do persoal que se vai contratar para o desenvolvemento das bolsas de coidados, que terá que pertencer a un dos perfís profesionais exixidos no artigo 4, co detalle do perfil/titulación de cada unha, o tipo de contrato, o número de horas, meses e contía das súas retribucións para cada unha das persoas profesionais que se pretendan contratar, acordes co establecido no artigo 9, debidamente asinada pola persoa que exerza a representación da entidade solicitante.

Cada entidade presentará unha memoria descritiva detallada para o caso de que opte á solicitude de máis dunha das dúas tipoloxías de accións subvencionables descritas no artigo 4.

d) Copia do convenio de colaboración (só para a liña a) descrita no artigo 5, no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).

e) Memoria de aforro de custos respecto da realización do programa ou actividade de forma individualizada (só para a liña a) descrita no artigo 5 no caso de agrupación ou asociación de concellos).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para tramitar estes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro que corresponda habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Así mesmo, tamén se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 19. Instrución do procedemento

1. A instrución dos procedementos previstos nesta resolución correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

2. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa, logo de tela requirida e emendada, de ser o caso.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. De conformidade co previsto no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por proposta do órgano instrutor e logo da fiscalización por parte da Intervención Delegada, a resolución destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificar será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos nas partidas orzamentarias fixadas no artigo 2 desta resolución.

4. De conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

5. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar, no prazo de dez (10) días, a súa aceptación e comprometerse a executar o programa, medida ou actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidos na convocatoria. A dita aceptación realizarase no anexo IV correspondente. O libramento do anticipo da subvención realizarase soamente a aquelas entidades que teñan aceptada a subvención expresamente na sede electrónica.

6. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintas ás previstas no número 3 deste artigo desta resolución practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e segundo o seguinte:

a) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

c) As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

d) Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpor recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 22. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar as modificacións nos supostos en que proceda, atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 23. Solicitude de pagamento, prazo e xustificación da subvención

1. O pagamento da presente resolución realizarase da forma seguinte:

Un primeiro pagamento do 50 % do importe da subvención concedida realizarase en concepto de anticipo, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución. As entidades beneficiarias desta resolución están exoneradas da obriga de constitución de garantía. As entidades beneficiarias estarán obrigadas a presentar con data do 15 de decembro do ano 2022 a xustificación dos gastos realizados con cargo a este anticipo.

Un segundo pagamento, equivalente ao tanto por cento restante, librarase unha vez xustificado o anticipo e o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención.

Para realizar o pagamento do anticipo a entidade que resulte beneficiaria terá que presentar o anexo IV de aceptación da axuda, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade.

No anexo IV, así mesmo, incluirase a declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Conforme o establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da medida subvencionada que se relaciona no número 3 deste artigo, e dentro do prazo establecido para cada un dos programas, segundo o seguinte:

Para as tres liñas de subvencións, o prazo para presentar a xustificación final da execución da medida subvencionada ao abeiro desta resolución finaliza o 10 de febreiro de 2023.

De acordo co sinalado no artigo 14 desta resolución, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A xustificación dos gastos de persoal para as tres liñas de subvencións realizarase a custo real mediante a presentación das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente acreditativos de todos os gastos das actuacións subvencionadas.

3. Deberase presentar dentro do prazo sinalado no número 2 deste artigo a seguinte documentación xustificativa común para as tres liñas de subvencións:

3.1. Anexo V: certificación do gasto subvencionable:

Nesta certificación do gasto subvencionable reflectiranse, respecto de cada un/unha dos/das profesionais que desenvolveron as bolsas de coidados, os custos reais correspondentes aos gastos directos de persoal polo tempo efectivamente traballado para a execución da actividade subvencionada. Incluiranse, así mesmo, o persoal administrativo ou de apoio descrito no artigo 9 e o persoal contratado para o desenvolvemento das actuacións de formación en materia de corresponsabilidade.

Os gastos directos de persoal subvencionables a custo real (nóminas, facturas...), xerados entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2022, deberán estar efectivamente pagados na data de finalización do prazo de subvencionabilidade: 31 de decembro de 2022.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario.

Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso en período voluntario. En todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

3.2. Anexo VI: se for o caso, certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control, no caso da entidade local, ou da persoa que exerza a secretaría da entidade, nas outras dúas liñas, do cumprimento da normativa de contratación do sector público vixente na tramitación do procedemento de contratación de persoal para a prestación do servizo. Ou do cumprimento da normativa de contratación laboral segundo a normativa vixente no ámbito laboral.

3.3. Para xustificar o custo real dos gastos directos de persoal terá que presentarse copia dos seguintes documentos:

Respecto do persoal propio da entidade beneficiaria, de ser o caso:

– Contrato de traballo.

– Nóminas e recibos de liquidación de cotizacións, así como os modelos TC-2 e documentos bancarios que acrediten a súa realización.

No caso de contratación mercantil dos gastos de persoal: facturas ou documentos con valor probatorio equivalente polo importe correspondente ao persoal contratado, así como os correspondentes xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento. No xustificante bancario deberán constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura. Así mesmo, terase que achegar o expediente de contratación segundo a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

– Modelo 190 de resumo anual e retención de ingresos á conta do IRPF (modelo 111) correspondentes ao período durante o cal se desenvolveu a medida ou actividade subvencionada, unha vez que se dispoña deles segundo o indicado no último parágrafo da alínea a) do punto 3.1 deste artigo, e xustificantes bancarios do ingreso do modelo 111 do IRPF.

3.4. Anexo VII: memoria xustificativa da medida subvencionada, con descrición detallada da execución das bolsas de coidados, incluíndo a relación de servizos realizados, as persoas profesionais que desenvolveron os servizos, as familias a que prestaron os servizos de bolsas de coidado e as persoas mozas de ata 16 anos que se beneficiaron directamente desas bolsas de coidados.

Incluiranse a descrición da tipoloxía e lugar onde se desenvolveron os servizos das bolsas de coidado.

No que respecta aos datos das persoas, necesariamente teranse que desagregar por sexo, e incluiranse as desagregacións por colectivos prioritarios destas bolsas de coidado e do persoal para levalas a cabo segundo o explicitado no artigo 4.1 desta resolución.

3.5. No caso de que se desenvolvesen accións de formación, engadirase unha memoria detallada das actividades e dos módulos das actividades de formación de coidados e de corresponsabilidade dirixidos aos homes e ás familias, coa relación delas e das persoas participantes.

3.6. Unha relación numerada das persoas participantes. A dita relación deberá estar asinada pola persoa responsable do programa acreditativa da atención recibida no modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Para o caso de que as persoas participantes sexan menores de idade, a dita relación referirase aos proxenitores, preferentemente nai, pai ou ben a persoa que exerza a tutela. Esta relación será única para todas as actuacións e actividades da medida subvencionada, con independencia de que os fillos ou fillas participasen nunha ou varias das actuacións.

3.7. Un exemplar de todos os materiais elaborados: carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías, capturas de pantalla e outros documentos, onde deberán figurar a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co logo do Plan Correponsables, para os efectos de acreditar o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no Plan Corresponsables.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito á subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención concedida e deberá reintegrar a contía percibida en concepto de anticipo e os xuros de demora.

5. Procederá a minoración do importe da subvención concedida e a perda do dereito ao seu cobramento nos termos e nos casos previstos para cada unha das liñas de subvención nos artigos 6, 7 e 8 desta resolución, e nos demais supostos previstos no artigo 26 e na normativa de aplicación relacionada no artigo 27.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, os requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as condicións e obrigas establecidas nesta resolución e as demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización do programa, actuacións e actividades que fundamentan a concesión da subvención, dentro do período e dos prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas terá que constar a condición de financiada pola Secretaría Xeral da Igualdade e polo Ministerio de Igualdad, ao abeiro do Plan Corresponsables.

4. Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos) na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as persoas destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.

5. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

6. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

7. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 25. Responsabilidade

A organización e a materialización das accións obxecto de subvención serán responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 26. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Polo anterior, ademais do disposto na normativa xeral de aplicación a estas axudas, procederá a minoración da subvención concedida ou a perda do dereito ao seu cobramento e, de ser o caso, ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, nos supostos establecidos nos artigos 6, 7 e 8 respecto ás correspondentes liñas de subvención previstas nesta convocatoria.

3. Así mesmo, procederá a minoración dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas no artigo 25, números 2 e 3 desta resolución.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 27. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 28. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 29. Identificación da fonte de financiamento

As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público destas subvencións e informar as persoas destinatarias que a actividade é levada a cabo con fondos procedentes do Plan Corresponsables e, para iso, as entidades beneficiarias deberán cumprir con algunha das medidas de difusión previstas no artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e incluír en todos os documentos e nas posibles actuacións de publicidade ou difusión que leven a cabo relacionadas con estas subvencións os logotipos da Xunta de Galicia, da Secretaría Xeral da Igualdade e do Ministerio de Igualdad e da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, xunto coa imaxe gráfica do Plan Corresponsables.

Artigo 30. Información ás entidades interesadas

Sobre os procedementos administrativos asociados a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de Igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://igualdade.xunta.gal; no teléfono 981 95 76 89 ou no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.gal, ou plan-corresponsables.igualdade@xunta.gal ou presencialmente.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

A Secretaría Xeral de Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file