Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Xoves, 28 de xullo de 2022 Páx. 41556

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300F).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 21 de febreiro de 2022, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e convocalas para o ano 2022 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300F).

A presente convocatoria está cofinanciada no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (…).

Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicadores de produtividade:

CO01-Número de empresas que reciben axudas.

CO02-Número de empresas que reciben subvencións.

b) Indicadores de resultado:

R341G-Número de empresas medianas (entre 50 e 249 traballadores asalariados).

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 8 de setembro de 2022.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2022

Ano 2023

Total

06A1-741A-7700

500.000 €

1.000.000 €

1.500.000 €

Total

500.000 €

1.000.000 €

1.500.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda. En todo caso, a data límite de resolución é o 30 de novembro de 2022.

O prazo de execución dos proxectos de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular non poderá superar o 30 de xuño de 2023.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de novembro de 2022 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de novembro de 2022 ou anterior, e como máis tarde o 30 de xuño de 2023 no resto dos proxectos. Os gastos realizados entre o 16 de novembro de 2022 e o 31 de decembro de 2022 poderán ser imputados ao 2023.

Os beneficiarios da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da subvención, sen que supere o importe da anualidade, no prazo de 3 meses contado desde a concesión da axuda. Os importes anticipados na anualidade 2022 deben xustificarse con gastos realizados e pagados na mesma anualidade.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras das axudas á implantación de solucións avanzadas para
o desenvolvemento da economía circular para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 (en diante, a Axenda), aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas que se van desenvolver pola Administración galega entre os anos 2015 e 2020. A Axenda actualizouse posteriormente para incluír medidas para os anos 2021 e 2022, cun pulo específico á transformación dixital da industria e por extensión de todo o tecido empresarial galego.

Neste intre vense abordando a reconcepción da Axenda de Competitividade para introducir e priorizar os dous piares fundamentais no presente e futuro das estratexias económicas: a sustentabilidade e a dixitalización, en liña coas prescricións da UE nesta materia, que se poden observar en diferentes documentos e publicacións como o Circular Economy Action Plan ou tamén os postulados do programa Next Generation EU por unha Europa ecolóxica, dixital e resiliente.

Son moi salientables as recomendacións establecidas no Circular Economy Action Plan en materia de produtos sustentables e redución de residuos, polo que afectan a industria e as empresas, apostando polo eco-deseño, a circularidade dos procesos e o empoderamento dos consumidores (dereito á reparación, recambios e pezas) no caso dos produtos sustentables; e pola banda dos refugallos: evitar que se produzan, transformalos en materias secundarias de calidade e seguras para o mercado de reciclados e tamén reducir a exportación, tendendo á reutilización in situ.

Pola súa banda, a Estratexia galega de economía circular (EGEC) establece como principios básicos para a transición cara a economía circular as 3Rs (redución, reutilización e reciclaxe) e as estratexias de deseño sustentable (EDS).

As 3Rs son principios claramente transversais que se deben aplicar ao longo de todo o ciclo de produción, consumo e xestión dos materiais ao remate da súa vida útil (devolución de recursos ao sistema produtivo). As 3Rs orientan a forma de implementar a economía circular na práctica. Se as taxas de reciclaxe (o último das Rs) son menores que o fluxo de materiais na produción, a economía circular non será factible.

As EDS inclúen a análise de ciclo de vida, as estratexias de deseño inspiradas na natureza, a bioquímica, e os principios de «berce a berce». Son os catalizadores imprescindibles na fase de deseño de produtos e servizos eco-innovadores. A medio e longo prazo, as EDS permitirán reducir o consumo de materias primas e enerxía e mellorar a reintrodución dos materiais usados de novo ao sistema, aumentando a eficiencia/eficacia das dúas primeiras Rs (redución, reutilización) e evitando a xeración de residuos non reciclables.

A EGEC establece oito eixos de actuación (eco-deseño, actividades e modelos de servizo, educación e sensibilización, industria, produción de alimentos, urbanismo, edificación e obra pública, xestión do ciclo da auga e xestión de residuos). Particularmente, no eixe 4, industrial, formula a proposta 4.1.3. Promover un plan de axudas públicas para a creación de novos modelos de negocio circulares nas empresas industriais de Galicia e o fomento das novas empresas.

O Igape, como entidade pública responsable da promoción económica de xeito transversal recolle os retos establecidos na EGEC cara a potenciar a implantación de solución cara á economía circular nas empresas galegas.

As intensidades de axuda indicadas nestas bases reguladoras atenden o establecido na Comunicación da Comisión relativa ás directrices sobre as axudas estatais de finalidade rexional (2021/C 153/01), publicada no DOUE do 29 de abril de 2021.

Artigo 1. Obxecto e requisitos dos proxectos

1. Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desfeitos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos de simbiose industrial en que un grupo de empresas (cun mínimo de dúas empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto de economía circular para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

b) Proxectos individuais en que unha peme aborda a implantación dun sistema de economía circular, parcial ou integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

2. Os proxectos propostos, tanto na modalidade a) como na b), deben dirixirse a un ou varios dos seguintes obxectivos:

1) Redución do consumo de recursos no proceso produtivo:

• Redución do consumo de recursos naturais, materias primas e semielaborados.

• Mellora da eficiencia enerxética (sistemas de control e optimización intelixente de consumos, excluído todo o relacionado con fontes, xeradores ou produción enerxética).

• Monitoraxe e control de procesos.

• Medición, monitoraxe e redución de pegada de carbono e pegada hídrica.

2) Reducir a xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade dos mesmos e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe:

• Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.

• Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.

• Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.

• Eco-deseño: para a redución, reutilización e reciclaxe.

3) Análise do ciclo de vida do produto:

• Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.

• Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sustentable baseadas no principio «berce a berce».

4) Identificación e implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reutilización e reparación dos produtos.

5) Servitización: redución do consumo de recursos co cambio de enfoque a prestación de servizos.

6) Reacondicionamento, remanufactura e reparación avanzada.

7) Creación de cadeas de valor máis curtas.

No anexo V destas bases reguladoras recóllense as definicións dos conceptos básicos que se utilizan para definir estes obxectivos.

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

3. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables para a empresa solicitante, e ademais das obrigas derivadas da tramitación administrativa das solicitudes, constitúen requisitos de admisión das solicitudes para proceder á súa valoración os seguintes:

– Adecuación do proxecto aos obxectivos da convocatoria.

– Requisitos de personalidade física ou xurídica e actividade económica dos solicitantes para ser beneficiarios.

– Contía total dos investimentos subvencionables superior aos importes mínimos fixados.

Só serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores, procedéndose á súa valoración competitiva conxunta.

4. O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

5. O importe máximo de subvención será de 200.000 € para proxectos colectivos e de 75.000 € para proxectos individuais.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas previstas nestas bases incardínanse nos artigos 14 e 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).

4. A presente convocatoria está cofinanciada no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (…).

Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicadores de produtividade:

CO01-Número de empresas que reciben axudas.

CO02-Número de empresas que reciben subvencións.

b) Indicadores de resultado:

R341G-Número de empresas medianas (entre 50 e 249 traballadores asalariados).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 6 destas bases, cos límites previstos no artigo 5.2.

Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE Euratom) nº 218/1046, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, de acordo co documento en que se establezan as condicións da axuda.

A obtención doutras axudas ou subvencións concorrentes deberá comunicárselle ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 1.b).

3. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder), único interlocutor coa Administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá contemplar como mínimo o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do representante da mesma ante a Administración para os efectos de interlocutor coa mesma.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta descrito no formulario electrónico de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, que se cubrirá no anexo III das bases reguladoras.

g) Declaración de vinculación entre empresas integrantes da asociación, cando esta exista.

h) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán coma unha única a efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas estivesen vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.

b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

d) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento (CE) nº 651/2014).

e) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

5. Os/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme a este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento (CE) nº 651/2014 para considerar unha empresa en crise.

Artigo 5. Conceptos de gastos subvencionables

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto, que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020:

a) Sensores, equipos e sistemas para a medición, monitorizaxe, seguimento e control de parámetros produtivos e ambientais.

b) Hardware e software intelixente para proceso da información cando sirva ao aforro de insumos e de consumo de recursos hídricos ou enerxéticos ou ben para a redución da produción de refugallos.

c) Nova maquinaria e bens de equipo, unicamente para a reutilización ou reciclaxe in situ de refugallos producidos nos procesos da empresa.

d) Colaboracións externas de carácter tecnolóxico, de deseño de procesos ou produtos máis eficientes ou organizativo: asistencia técnica, eco-deseño, reenxeñaría de procesos, adaptación e parametrización de solucións, consultoría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e, polo tanto, non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, nin calquera outro non vencellado directamente ao obxecto da economía circular previsto no proxecto.

Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

Así mesmo, non serán subvencionables aquelas colaboracións externas en que non se indique con claridade o resultado que se obteña, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.

O custo subvencionable das colaboracións externas non poderá superar o 60 % dos custos totais subvencionables.

e) Nos proxectos da modalidade do artigo 1.a), se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto. Ese importe considerarase gasto subvencionable de colaboracións externas e dividirase entre todas as pemes participantes.

2. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar una contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

3. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Para tal efecto, o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda a que se refire o artigo 6 destas bases. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data para a execución dos proxectos establecida na resolución de convocatoria.

5. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

6. Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros.

7. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.

d) Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas non poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, errores idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerase subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios adicionais ao prezo.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

8. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

9. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador. Este requisito acreditarase coa declaración expresa do beneficiario no formulario de solicitude de cobramento.

10. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

11. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

12. Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.

Artigo 6. Contía da axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

1. A subvención será do 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25 % para as medianas.

A subvención será do 50 % dos gastos de colaboracións externas subvencionables para ambas categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no artigo 3.1.f), de existiren, terán a consideración de colaboracións externas.

2. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención e dentro de cada tipo de actuación subvencionable serán os seguintes:

1º. Calidade técnica do proxecto: ata 65 puntos, que se avaliarán con cada un dos seguintes parámetros:

i. Descrición do proxecto (15 puntos):

a. Grao de análise previa da situación: descrición clara e concreta do problema ou a necesidade que se pretende abordar, tanto desde o punto de vista cualitativo como cuantitativo, con identificación tanto dos factores de incidencia (causas) como das consecuencias, así como as condicións de contorno (6 puntos).

b. Claridade na definición e obxectivos (6 puntos).

c. Grao de elaboración e concreción da proposta (3 puntos).

ii. Adecuación do proxecto (15 puntos):

a. Descrición de aspectos claves, actuacións e entregables (5 puntos).

b. Grao de axuste da solución proposta co modelo de negocio da empresa solicitante (2 puntos).

c. Correlación entre os obxectivos de circularidade identificados no proxecto e os investimentos e gastos propostos (2 puntos).

d. Viabilidade técnica, económica e ambiental, custo da solución e tempo de implementación, adecuación do orzamento e dos medios humanos, así como a potencialidade de xerar os suficientes recursos para asegurar a súa autosustentabilidade a medio e longo prazo (6 puntos).

iii. Tipo de solución e melloras esperadas en relación cos obxectivos indicados no artigo 1 (15 puntos):

a. Estimación cualitativa e cuantitativa das melloras esperadas, que se avaliará en función da coherencia entre o proxecto e os resultados previstos (5 puntos).

b. Tipo de solución, valorándose positivamente aquelas que incidan tanto nas causas como nos efectos dos problemas identificados e priorizando os proxectos que se enfoquen na orixe dos problemas fronte aos que aborden unicamente as súas consecuencias (10 puntos).

iv. Coherencia na organización e planificación do traballo (5 puntos).

v. Grao de madurez, nivel tecnolóxico e amplitude da solución proposta (10 puntos):

a. Valoraranse con maior puntuación os proxectos baseados en tecnoloxía máis avanzada, que afecten maior cantidade de ámbitos da empresa, ámbitos máis relevantes, ou desenvolvan con intensidade salientable un ámbito concreto (8 puntos).

b. Valoraranse con maior puntuación os proxectos que están listos para iniciar unha fase de prototipo ou piloto fronte aos que requiren desenvolvemento previo (2 puntos).

vi. Coñecemento e capacidades dispoñibles para acadar os obxectivos (dedicacións propias, subcontratación, consultorías) (5 puntos).

2º. Adecuación dos investimentos e capacidade económica (10 puntos):

i. Identificación de partidas, desagregación dos orzamentos (2 puntos).

ii. Calidade de ofertas e provedores (4 puntos):

• Desagregación e alcance das ofertas.

• Documentación empregada para solicitar a oferta ou anexa a esta.

iii. Viabilidade do proxecto fronte ao volume da empresa: cociente de investimento fronte a facturación declarada na solicitude da axuda (4 puntos).

3º. Alcance do proxecto: ata 15 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i. Número de empresas beneficiarias do proxecto: 1 punto por empresa ata un máximo de 5 puntos (para proxectos individuais: 1 punto).

ii. Alcance. Ata a cantidade máxima de 5 puntos, outorgarase 1 punto por cada un dos obxectivos descritos no artigo 1 aos que o proxecto responda.

iii. Nivel de interacción dos procesos entre empresas: ata 3 puntos, que se asignarán en función da cantidade e importancia de procesos interempresariais aos que se apliquen os obxectivos previstos. Nos proxectos individuais outorgarase 1 punto.

iv. Efecto multiplicador do proxecto, é dicir, a capacidade de ser replicado e escalado: 2 puntos.

4º. Sector ou ámbito de actividade en que se desenvolva o proxecto: 10 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

i. Estratéxicos: agroalimentación, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

ii. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

En caso de coincidir a puntuación de varias solicitudes, utilizarase como criterio de desempate o de maior puntuación sucesivamente nos criterios 1º, 2º, 3º e 4º por esa orde. Se aínda así seguise existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto en que a maioría das empresas participantes teñan implantado un plan de igualdade, identificado no formulario electrónico de solicitude polo seu localizador no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo, de acordo co establecido no artigo 11 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro. No caso de que persista o empate, en último termo terá preferencia a solicitude que teña o número de expediente máis baixo.

Os proxectos deberán acadar as seguintes puntuacións mínimas para poder optar á concesión da axuda en réxime de concorrencia competitiva:

Modalidades dos artigos 1.a): 50 puntos.

Modalidades dos artigos 1.b): 30 puntos.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet
http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. Presentarase unha solicitude por cada tipo de proxecto dos definidos no artigo 1 nas letras a) ou b). No caso de que un proxecto conteña unha mestura dos obxectivos descritos no artigo 1, os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar un único proxecto individual e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

3. Nas solicitudes de axuda realizaranse as seguintes declaracións, que estarán incluídas no devandito formulario no caso dos proxectos individuais, ou no anexo III no caso dos colectivos:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión Europea.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

e) Que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito á cobranza e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida, constituíndo unha infracción moi grave tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e poderanse impoñer as seguintes sancións:

1) Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

2) Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda os 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do número 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os infractores poderán ser sancionados, ademais:

i) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Administración ou outros entes públicos.

ii) Coa prohibición durante un prazo de ata cinco anos para celebrar contratos coa Administración ou outros entes públicos.

iii) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

f) Que a entidade solicitante non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

g) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

i) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos segundo o establecido no artigo 5.8 destas bases reguladoras.

j) Se é o caso, declaración responsable do representante legal de que a empresa ten implantado un plan de igualdade, identificando o código do localizador no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos.

k) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

l) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos obxectivos a que se dirixe o proxecto (artigo 1) e aos criterios de selección aplicables (artigo 6).

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.7 destas bases reguladoras.

c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

d) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 4.3.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou, se é o caso, da persoa partícipe da agrupación.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante ou, se é o caso, da entidade partícipe da agrupación.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

f) Consulta de información do imposto de actividades económicas ampliado da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

j) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

l) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 8.1 das bases da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, da persoa ou entidade partícipe da agrupación. 

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude ou no anexo III de declaracións e comprobación de datos das pemes partícipes da agrupación, e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Artigo 11. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador composto por tres membros de entre o persoal da Área de Competitividade: o/a subdirector/a de Desenvolvemento de Negocio, que actuará como presidente/a, un/unha técnico/a responsable de programas, que actuará como secretario/a con voz e voto, e un/unha técnico/a de servizos xerais. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución. Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia de memoria técnica ou a presentación dunha memoria técnica ilexible non será emendable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, quen elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación, desempate e puntuación mínima establecidos no artigo 6 destas bases.

Artigo 13. Resolución, publicación e notificacións

1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.
http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. No caso de que o beneficiario sexa unha agrupación de pemes, ditarase unha resolución individual para cada peme participante onde constarán as mencións do punto anterior referidas ao seu proxecto concreto segundo se definiu no propio documento da agrupación e no seu formulario específico.

5. A resolución conxunta será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

7. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun acuse de recibo das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, admitíndose, modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis alá das datas límites establecidas na resolución de convocatoria nin aquelas que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 7 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter, de ser o caso, o investimento no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas Europeo, ás comprobacións e verificacións que realizará o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

d) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 6 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario ou as que resulten da normativa aplicable ás axudas concorrentes.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo IV a estas bases.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario (no caso dos proxectos colectivos descritos no artigo 1.a), todos e cada un dos membros da agrupación), dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática
https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Memoria técnica de execución do proxecto en que se poña de manifesto a finalización do proxecto subvencionado segundo o establecido no artigo 1.3. No caso de agrupacións de empresas, esta memoria achegaraa a empresa líder. Esta memoria deberá ter, polo menos, os seguintes contidos:

• Cronograma de desenvolvemento do proxecto.

• Descrición do proxecto realizado e resultados obtidos. En particular, deben recollerse evidencias concretas da consecución dos obxectivos de circularidade descritos na solicitude dentro do prazo de execución do proxecto e unha proxección anual dos resultados esperados durante os cinco anos posteriores á finalización do proxecto.

• Modificacións e desviacións sobre o proxecto orixinal (incluíndo eventuais cambios de provedor).

• Documentación gráfica dos investimentos realizados (fotografías de equipos, capturas de pantalla de aplicacións...).

• Licenzas adquiridas ou contratos de licenzas, de ser o caso.

d) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.7 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

e) A copia, que permita a súa lectura, do material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 16.f) destas bases.

f) Aqueles proxectos en que as colaboracións externas superen os 30.000 € deberán entregar informe dun enxeñeiro colexiado, cualificado no ámbito en que se desenvolva o proxecto e con ausencia de conflito de interese, que se pronuncie sobre a adecuación ao mercado dos prezos aboados polo beneficiario e o efectivo desenvolvemento do proxecto de acordo coa memoria técnica xustificativa e dentro do período de execución. Este informe poderá solicitarse por parte do Igape en proxectos que non cumpran esta condición, cando a súa especial dificultade técnica o aconselle.

6. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 16.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

7. O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 15 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

12. No caso de proxectos colectivos cada peme xustificará os seus gastos conforme o disposto neste artigo, pero o pagamento da axuda queda condicionada á xustificación da realización do proxecto entre as empresas integrantes, o que se fará mediante unha memoria técnica que deberá achegar a empresa líder da agrupación.

Artigo 18. Aboamento das axudas

1. O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

2. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50 % do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente, no prazo máximo de tres meses desde a resolución de convocatoria. Deberán facer constar se optan por esta modalidade na solicitude de cobramento. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Neste suposto exímese os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

Artigo 19. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o investimento subvencionable sexa inferior ao 50 % do concedido.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

h) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, excepto o permitido no artigo 17.11.

i) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

j) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 16.f) destas bases.

k) En proxectos colectivos, que o líder da agrupación non achegue a memoria técnica a que se refire o artigo 17.11 destas bases. Esta causa de reintegro afectará o proxecto no seu conxunto e todas as pemes beneficiarias.

l) En proxectos colectivos, que non cheguen a participar o 20 % das empresas iniciais da agrupación e o mínimo de dúas. Enténdese por participación unha xustificación de execución que non dea lugar a un incumprimento total. Esta causa de reintegro afectará o proxecto no seu conxunto e todas as pemes beneficiarias.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e, se é o caso, deben reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 5.8 destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a continuación:

a) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 16.f) destas bases, ou o plan de igualdade, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

b) Non manter os investimentos ou os arrendamentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

6. Cada peme participante no proxecto é a responsable da execución e xustificación da subvención individual concedida. O incumprimento total ou parcial da parte dunha peme non afectará nin será causa de incumprimento para as restantes pemes participantes, excepto nos supostos previstos nas letras l) e m) do apartado 3 anterior.

Artigo 20. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 21. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 16, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 22. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará da data de inicio a que se refire esta obriga, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

e) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, modificada pola Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro.

f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

i) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

l) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas en que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

m) O resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular na Comunidade Autónoma de Galicia

• Responsabilidade do beneficiario.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e o logotipo do Xacobeo 21-22 e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

• O formato que se utilizará é o seguinte:

PROXECTO COFINANCIADO POLO IGAPE, XUNTA DE GALICIA E FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL DO PROGRAMA OPERATIVO 2014-2020

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego:

a) Breve descrición do proxecto no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e o logotipo do Xacobeo 21-22. Para cumprir con este requisito pode incluírse, integrado no espazo web da empresa, a seguinte imaxe:

missing image file

b) Colocar, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión, incluíndo a imaxe institucional do Igape e o logotipo do Xacobeo 21-22, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

• O formato que se utilizará é o seguinte:

missing image file

• Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo.

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014, da Comisión, do 28 de xullo:

1. O emblema da Unión deberá figurar en cor nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao fondo correspondente se presenten nun sitio web, serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser arial, auto, calibri, garamond, trebuchet, tahoma, verdana ou ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul réflex, negro ou branco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e largura, que o maior dos demais logotipos.

• Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo deste.

missing image file

Ben que, en toda comunicación relativa a fondos europeos deberase incorporar, ademais, unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».

ANEXO V
Definicións

Axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular na Comunidade Autónoma de Galicia

Análise de ciclo de vida: ferramenta de deseño que investiga e avalía os impactos ambientais dun produto ou servizo durante todas as etapas da súa existencia: extracción, produción, distribución, uso e fin de vida (reutilización, reciclaxe, valorización e eliminación/disposición dos residuos/refugallo).

Cadea de valor ou cadea de aprovisionamento: modelo que permite describir o desenvolvemento das actividades dunha organización empresarial xerando valor ao produto final.

Deseño para X: técnicas que se introducen na fase preliminar do deseño co obxecto de que o produto final cumpra unha serie de características desexables (denominadas X) durante o ciclo de vida do produto obxectivo. Por exemplo, «deseño para o transporte» ou «deseño para a reciclaxe».

Eco-deseño: deseño que considera accións orientadas á mellora ambiental do produto ou servizo en todas as etapas do seu ciclo de vida, desde a súa creación na etapa conceptual, ata o seu tratamento como residuo.

Electrificación: substitución de combustibles fósiles e outras formas de enerxía por electricidade.

Pegada de carbono: ferramenta que permite avaliar as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Pegada hídrica: indicador do uso de auga doce que fai referencia tanto ao uso directo da auga dun consumidor ou produtor como ao seu uso indirecto.

Monitoraxe: observación dunha situación de cambios que se poida producir co tempo, para o que se precisa un monitor ou dispositivo de medición dalgún tipo.

Principios «berce a berce»: desde o propio deseño e concepción de calquera produto, estratexia ou política ter en conta todas as fases dos produtos involucrados (extracción, procesamento, utilización, reutilización, reciclaxe...) de maneira que nin sequera sexan necesarios os gastos de enerxía, mesmo que o balance de gastos e achegas sexa positivo.

Residuo ou refugallo: calquera material que o seu produtor ou dono considera que non teñen valor suficiente para retelo e que se diferencia do lixo, que son refugallos producidos polos humanos e que non pode ser reutilizado ou reciclado.

Sustentabilidade: capacidade de satisfacer as necesidades actuais sen comprometer a capacidade de xeracións futuras para satisfacer as súas. Adóitase despregar en tres conceptos derivados: sustentabilidade ambiental, que é aquela que pon o acento en preservar a biodiversidade sen ter que renunciar ao progreso económico e social; a sustentabilidade económica, que se encarga de que as actividades que buscan a sustentabilidade ambiental e social sexan rendibles, e a sustentabilidade social, que busca a cohesión da poboación e unha estabilidade da mesma.

Subproduto: residuo dun proceso ao que se lle pode sacar unha segunda utilidade. Non é un refugallo porque non se elimina senón que se usa para outro proceso.