Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 42052

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Censo do patrimonio cultural de Galicia a embarcación tradicional denominada Chasula.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española, e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, LPCG.

O título V da LPCG regula o patrimonio cultural inmaterial de Galicia, co fin de salvagardalo mediante distintas medidas dirixidas a garantir a súa visibilidade, como a identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos.

O Decreto 52/2019, do 9 de maio, polo que se declaran ben de interese cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira (DOG núm. 99, do 27 de maio), en diante Decreto 52/2019, declara ás técnicas construtivas da carpintaría de ribeira como unha manifestación inmaterial do patrimonio cultural de Galicia. Este decreto establece, no seu anexo II, as medidas de salvagarda para as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, entre as que se atopa o Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia.

Antecedentes:

1. O 12.3.2021 o interesado solicita a anotación da embarcación denominada Chasula, da tipoloxía Tarrafa, no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, como manifestación das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

2. O mestre carpinteiro de ribeira emite un informe, o 10.3.2021, en que conclúe que a barca denominada Chasula pode ser considerada unha embarcación tradicional galega.

3. O 12.1.2022 a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira emite un informe en que declara que a barca denominada Chasula pode ser considerada unha embarcación tradicional galega.

4. Na reunión celebrada o 20.4.2022, o órgano de xestión para as medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira acorda recoñecer como embarcación tradicional galega a barca denominada Chasula.

Consideracións xurídicas:

1. A competencia para resolver no presente expediente corresponde á directora xeral de Patrimonio Cultural, segundo o artigo 19.1 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo).

2. O artigo 14 da LPCG regula o Censo do Patrimonio Cultural e o seu punto terceiro establece o seguinte: «a inclusión dun ben no Censo do patrimonio cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben. O censo servirá como elemento de referencia para a emisión dos informes que sexan competencia da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, servirá como instrumento complementario para os responsables da xestión sustentable dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico».

3. O artigo 91.1 da LPCG define o patrimonio etnolóxico protexido legalmente do seguinte xeito: «para os efectos desta lei, integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia».

As técnicas construtivas da carpintaría de ribeira constitúen, pois, manifestacións inmateriais dese patrimonio etnolóxico obxecto de protección, e o seu réxime xurídico complétase co Decreto 52/2019, polo que se declara ben de interese cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, que no punto 2 do seu anexo II establece que: «Para o coñecemento e difusión das embarcacións que teñan a consideración de embarcación tradicional galega e dos barcos históricos de Galicia, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xestionará un censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, de rexistro voluntario, no cal as embarcacións serán anotadas, despois do informe do órgano de xestión ou os informes técnicos que correspondan, que avaliará a antigüidade, autoría ou correspondencia cos modelos tipolóxicos. Este censo, entendido como unha sección do Censo do Patrimonio Cultural, conterá información sobre a súa denominación, a súa tipoloxía, os datos descritivos e dimensionais básicos, e a localización do seu porto habitual.

Así pois, a embarcación denominada Chasula, á vista dos informes que constan no expediente administrativo, e segundo o acordo acadado polo órgano de xestión para as medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, na súa xuntanza de data 20.04.2022, reúne os requisitos para a súa inclusión no Censo do patrimonio cultural de Galicia.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Anotar no Censo do patrimonio cultural de Galicia, na sección Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, a embarcación denominada Chasula, cuxa descrición figura no anexo.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas.

Cuarto. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO

Descrición do ben

1. Denominación: Chasula.

2. Indicativo de matrícula: 6ª VILL-4-1-05.

3. Categoría: embarcación tradicional galega.

4. Tipoloxía: tarrafa.

5. Datos descritivos e dimensionais básicos: ten unha dimensión de 13,50 (T) de eslora; 3,45 de manga e 1,35 de puntal. Así mesmo, posúe unha tonelaxe de 14,99 T.R.B.

6. Localización do seu porto habitual: O Grove.