Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Luns, 1 de agosto de 2022 Páx. 42234

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2022 pola que se modifica a Resolución do 25 de xaneiro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras e se realiza a convocatoria para o ano 2021 das axudas para proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs de innovación dixital que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia (programa Conecta Hubs), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (códigos de procedemento IN852B e IN852C).

A Resolución do 25 de xaneiro de 2021, da Axencia Galega de Innovación (DOG núm. 30, do 15 de febreiro), estableceu as bases reguladoras das axudas para proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs de innovación dixital que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia (programa Conecta Hubs), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeu á súa convocatoria para o ano 2021.

A citada resolución contén, en distintas partes do texto, indicacións diferentes sobre o prazo máximo en que as entidades subvencionadas deben presentar os documentos acreditativos do pagamento daqueles gastos cuxos pagamentos se deben efectuar nun momento posterior, por axustárense aos calendarios de recadación. Este sería o caso dos ingresos á conta do IRPF ou das cotas de seguros sociais, liquidables con posterioridade á data de xustificación. É preciso, por tanto, modificar esta resolución para aclarar de xeito coherente o prazo máximo en que as entidades beneficiarias destas axudas deben presentar a xustificación destes gastos.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

A modificación da Resolución do 25 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se establece a convocatoria para o ano 2021 das axudas para proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs de innovación dixital que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia (programa Conecta Hubs), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (códigos de procedemento IN852B e IN852C).

Artigo único

Modifícase a letra g) do artigo 32.1, que queda redactada nos seguintes termos:

«g) Para a xustificación do custo de persoal destinado ao proxecto, deberá achegarse:

1º. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos, co visto e prace do representante legal da empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades do proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao organismo de investigación/empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social), segundo a dedicación de cada traballador ás actividades do proxecto.

2º. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao proxecto subvencionado asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable da entidade. Estas follas acompañaranse dun resumo onde conste o número total de horas efectivamente dedicadas ao programa no período subvencionable (total de meses e de traballadores).

3º. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador de que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

4º. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do proxecto, xunto cos modelos 111 e cos seus correspondentes xustificantes bancarios.

5º. Copias das nóminas do persoal dedicado ás actividades do proxecto e copias dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos.

6º. Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dous meses desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

No caso de traballadores autónomos, deberanse achegar nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento, así como xustificantes de pagamento das cotas á Seguridade Social.

7º. Informe de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación e que comprenda toda a anualidade. No caso de persoal autónomo, certificado de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación.

8º. No caso de persoal de nova contratación, deberá achegarse copia do contrato de traballo en que poida verificarse a exclusividade ao proxecto e o resto dos requisitos exixidos nesta convocatoria, xunto coa certificación da súa titulación académica.

9º. Declaración responsable da non participación do persoal dedicado ao proxecto, financiado con cargo ás axudas desta convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación ao proxecto, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo (anexo XIII) que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación