Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 2 de agosto de 2022 Páx. 42317

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 133/2022, do 7 de xullo, polo que se aproba a creación da Facultade de Deseño, da Facultade de Dirección e Xestión Pública, e da Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O artigo 7 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que as universidades públicas estarán integradas por escolas, facultades, institutos universitarios de investigación, escolas de doutorado e por aqueles outros centros ou estruturas necesarios para o desempeño das súas funcións e o artigo 5 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, recolle a estrutura das universidades, da cal forman parte as escolas e facultades na súa condición de centros e unidades docentes.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, sinala no seu artigo 17 que a creación de centros docentes na Comunidade Autónoma de Galicia será aprobada pola Xunta de Galicia, logo do informe do Consello Galego de Universidades, sexa por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da Universidade, sexa por iniciativa da universidade, mediante proposta do Consello de Goberno, en ambos casos co informe previo favorable do Consello Social.

O Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece, con carácter xeral, o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Universidade de Vigo, na sesión ordinaria do Consello de Goberno do 27 de xullo de 2021, aprobou a creación da Facultade de Deseño, da Facultade de Dirección e Xestión Pública e da Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, e o pleno do Consello Social da citada universidade, reunido o 29 de xullo de 2021, emitiu informe favorable á súa creación.

A creación da Facultade de Deseño xustifícase na mellora en aspectos relacionados coa oferta formativa na Universidade de Vigo; este centro vén poñer as bases dunha formación integral que permita desenvolver estudos especializados no campo do deseño a todos os niveis, principalmente a partir da proposta de implantación da titulación de grao en Deseño dentro dos acordos alcanzados no SUG relativos á implantación de novas titulacións de grao. O centro poderá albergar tamén futuras titulacións, tanto de grao coma de mestrado, relacionadas co ámbito do deseño. Dada a especificidade destes estudos, ausentes ata o momento no SUG, decídese a creación dun novo centro que ofreza unhas garantías de crecemento futuro para completar os diferentes niveis de formación no ámbito do deseño e os potenciais beneficios achegados ao ámbito socioeconómico da comunidade.

A creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública permitiría albergar as dúas titulacións que se están a impartir actualmente na Facultade de Ciencias Sociais, nas súas modalidades presencial e virtual, que concentran na Comunidade Autónoma galega os estudos sobre xestión e administración pública e liderado institucional, fomentando a súa unidade e, simultaneamente, a súa idiosincrasia identificativa para os/as estudantes que queiran formarse nas ditas disciplinas.

Igualmente convén destacar que a implementación, absolutamente nova nos estudos de grao do SUG, dunha modalidade exclusivamente virtual, require dunha dirección, coordinación e xestión específicas que entronquen co seu carácter diferencial e claramente identificativo.

A creación da Facultade de Relacións Internacionais responde á necesidade de mellorar a singularidade da oferta no Campus de Ourense e complementar a oferta de titulacións existentes na devandita rama do coñecemento.

O novo centro contribúe a achegar a oferta á demanda social e ás previsións profesionais e laborais. Cómpre ter en conta que, ao contrario da súa crecente importancia, as relacións internacionais non existen como tal dentro da Comunidade Autónoma de Galicia. A especialización que se implantará no novo centro abre unha porta ampla para afondar na internacionalización do tecido produtivo galego e nacional, a través do fomento da economía social e a formación no desenvolvemento e na xestión de proxectos e de empresas internacionais.

De acordo co establecido no artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, do 18 de setembro, polo que se regula o Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT) e o artigo 18.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, unha vez acordada a creación do centro, a Xunta de Galicia dará traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, co informe preceptivo do Consello Galego de Universidades e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do sete de xullo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación da Facultade de Deseño

Autorizar á Universidade de Vigo a creación da Facultade de Deseño.

Artigo 2. Creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública

Autorizar á Universidade de Vigo a creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública.

Artigo 3. Creación da Facultade de Relacións Internacionais

Autorizar á Universidade de Vigo a creación da Facultade de Relacións Internacionais.

Artigo 4. Inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT)

Dar traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para que no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades