Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 2 de agosto de 2022 Páx. 42322

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 135/2022, do 14 de xullo, polo que se transforma o instituto de educación secundaria Fermín Bouza Brey nun centro integrado de formación profesional e se trasladan ensinanzas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, competencia que o Decreto 198/2020, do 20 de novembro, atribúe á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional, no seu artigo 79, punto 6, establece que se impulsará a especialización dos centros de formación profesional, a creación de centros integrados e a xeración de redes de especialización intelixente entre eles.

O Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos que deben reunir os centros integrados de formación profesional, concibe estes centros como un instrumento para asegurar unha nova oferta integrada que capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e sirva de recurso formativo permanente á poboación adulta para mellorar as súas condicións de empregabilidade.

O Decreto 266/2007, do 28 de decembro, que regula os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece como accións formativas que se inclúen nestes centros as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral das persoas traballadoras e as dirixidas á formación permanente da poboación traballadora ocupada. En canto á forma de creación dos centros integrados, o dito decreto sinala no seu artigo 3 que poderán ser de nova creación ou proceder da transformación de centros xa existentes.

No curso 2021/22 o Instituto de Educación Secundaria (IES) Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) imparte ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato nas modalidades de ciencias e humanidades e ciencias sociais, e ciclos formativos das familias profesionais de Electricidade e Electrónica, Instalacións e Mantemento, e Transporte e Mantemento de Vehículos.

Non obstante, a maior parte da actividade educativa impartida neste centro son ensinanzas de formación profesional de distintas familias profesionais, mentres que o IES Castro Alobre e o IES O Carril contan cun só ciclo formativo cada un, da familia profesional de Sanidade e de Actividades Físico-Deportivas, respectivamente.

Así mesmo, a localidade dispón dunha alternativa de escolarización adecuada e satisfactoria nas ensinanzas de educación secundaria e bacharelato nos IES Castro Alobre, O Carril e Armando Cotarelo Valledor.

Ademais, esta transformación permite organizar as ensinanzas regradas de formación profesional que se ofertan nos centros, optimizar a oferta formativa, a formación a persoas desempregadas e o establecemento de sistemas de acreditación de competencias profesionais, contribuíndo de forma clave a fomentar a actividade emprendedora dentro dos niveis non universitarios do sistema educativo galego, así como á inserción e orientación laboral para o progreso nos distintos itinerarios formativos e profesionais.

O centro resultante da transformación inclúese na Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia, canle fundamental na consecución de solucións formativas aos principais sectores da economía e base para a formación profesional de calidade na nosa comunidade autónoma.

O artigo 1.3 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, establece que a creación e a supresión destes centros docentes realizarase mediante decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Os centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido polo Decreto 266/2007, do 28 de decembro, serán, ademais, autorizados pola consellería competente en materia de educación e a consellería competente en materia de traballo, logo de ditame do Consello Galego de Formación Profesional.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día catorce de xullo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Transformación dun instituto de educación secundaria nun centro integrado de formación profesional

Transfórmase en centro integrado de formación profesional (CIFP), incorporándose á Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia, o Instituto de Educación Secundaria (IES) Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, código 36013771.

Artigo 2. Cambio de ensinanzas

1. As ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato do IES Fermín Bouza Brey trasládanse ao IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa, código 36019669.

2. Trasládase o ciclo formativo de grao medio de Coidados auxiliares de enfermaría do IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, código 36012471, ao CIFP Fermín Bouza Brey.

3. Trasládase o ciclo formativo de grao superior de acondicionamento físico do IES O Carril de Vilagarcía de Arousa, código 36018380, ao CIFP Fermín Bouza Brey.

4. Trasládanse as ensinanzas da familia profesional de Comercio e Márketing (o ciclo formativo de grao básico de Servizos comerciais, o ciclo formativo de grao medio de Actividades comerciais e os ciclos formativos de grao superior de Comercio internacional, Xestión de Vendas e espazos comerciais, e Márketing e publicidade) do IES Armando Cotarelo Valledor ao CIFP Fermín Bouza Brey.

Disposición adicional única. Situación do profesorado dos centros

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados por este decreto, en aplicación do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo de antigüidade no centro en función das causas de acceso a el e demais normativa de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para executar e desenvolver este decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xullo de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades