Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 9 de agosto de 2022 Páx. 43155

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 27 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2022/23 (código de procedemento TU200A).

BDNS (Identif.): 642847.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar estas bolsas os/as alumnos/as que reúnan os requisitos académicos e económicos que establece esta resolución e teñan feito, se procede, a reserva de praza.

2. No caso de que non se outorguen a totalidade das bolsas incluídas para a convocatoria do curso 2022/23, poderán outorgarse ao alumnado do resto de cursos, sempre que reúnan os requisitos establecidos para a obtención das bolsas no artigo 4 destas bases, salvo o de cursar o primeiro curso.

En todo caso, só poderán obter bolsa neste suposto os/as alumnos/as que non obtivesen bolsa en ningunha ocasión anterior e superen o curso nas convocatorias de xuño a excepción do stage.

Segundo. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula, en réxime de concorrencia competitiva, para os/as alumnos/as que cursen as titulacións que imparte o CSHG, para o curso 2022/23, código de procedemento TU200A.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2022/23 (código de procedemento TU200A).

Cuarto. Clases e contías das bolsas

1. As bolsas supoñen un desconto no prezo da matrícula ordinaria por titulación en réxime externo, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do CSHG (DOG núm. 128, do 8 de xullo), modificada pola Orde do 3 de outubro de 2019 (DOG núm. 199, do 18 de outubro).

2. As bolsas serán de dous tipos, ao abeiro do disposto no artigo 6.2 da Orde do 4 de xullo de 2014, modificada pola Orde do 3 de outubro de 2019:

Tipo I. Supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación.

Tipo II. Supoñen un desconto do 50 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación.

3. Conforme as titulacións que se imparten no CSHG a través da presente convocatoria outorgaranse as seguintes bolsas para o curso 2022/23:

a) 6 bolsas tipo I para o 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

b) 15 bolsas tipo II para o 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sexto. Aboamento e xustificación

A bolsa non supón a entrega efectiva de diñeiro ao/á alumno/a que lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido segundo o tipo de bolsa.

Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula segundo o tipo de bolsa que lle foi concedido.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia