Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 10 de agosto de 2022 Páx. 43319

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 144/2022, do 27 de xullo, polo que se autoriza o inicio de actividades da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), a desadscrición do Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa (IESIDE) da Universidade de Vigo, a creación da Facultade de Administración de Empresas e Dereito e a Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial, e se aproban as normas de organización e funcionamento.

A Universidad Intercontinental de la Empresa, recoñecida como universidade privada pola Lei 12/2021, do 15 de xullo, de recoñecemento da universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, solicita autorización para o inicio de actividades no curso académico 2022/23 e a aprobación das súas normas de organización e funcionamento, logo de exame da súa legalidade, segundo o disposto no artigo 6.5 da Lei orgánica de universidades.

O inicio de actividades da universidade, de acordo co disposto no artigo 3.1 da Lei 12/2021, de recoñecemento da universidade, e no artigo 4.4 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, será autorizado polo órgano competente da Comunidade Autónoma, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos legais exixidos pola normativa estatal e autonómica vixente. Segundo o establecido no artigo 15 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, o inicio da actividade requirirá autorización mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de universidades.

A autorización do inicio da actividade docente da UIE supón o inicio do cesamento de actividades e a extinción das ensinanzas do centro IESIDE, adscrito polo Decreto 445/2009, do 23 de decembro, á Universidade de Vigo, tal e como recolle a Lei de recoñecemento da UIE na súa disposición transitoria primeira. Para isto, a entidade promotora deberá respectar o previsto sobre extinción de ensinanzas no Convenio de desadscrición asinado coa Universidade de Vigo o 14 de decembro de 2021, e en todo caso deberá garantir que o alumnado que teña iniciado os seus estudos nese centro poida finalizalos ata completalos ou esgotar as convocatorias que correspondan ao seu plan de estudos e nas condicións acordadas, tendo en conta as normas de permanencia dos estudantes na Universidade de Vigo.

É necesario, polo tanto, realizar a desadscrición do IESIDE da Universidade de Vigo e regular o período transitorio que se iniciará tras a autorización da Comunidade Autónoma de Galicia para a posta en funcionamento da Universidad Intercontinental de la Empresa para o curso 2022/23.

Este decreto inclúe tamén a aprobación das normas de organización e funcionamento da Universidade, de conformidade co artigo 6.5 da Lei orgánica de universidades, unha vez realizado o exame previo de legalidade.

Complementariamente, solicítase a creación da Facultade de Administración de Empresas e Dereito e a Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial, aprobada en reunión que tivo lugar o 14 de setembro de 2021, polo Padroado da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa (FUIE).

Para estes efectos, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) emite informe favorable de valoración dos índices legais de calidade para a creación das citadas facultades de acordo co establecido no Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Real decreto 640/2021, do 27 de xullo, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios.

Posteriormente á aprobación e publicación no Diario Oficial de Galicia das anteditas solicitudes, darase traslado ao Ministerio de Universidade para os efectos de inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos segundo o artigo 18.4 da Lei 6/2013.

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, co informe preceptivo do Consello Galego de Universidades e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e sete de xullo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización de inicio de actividades

Autorizar, con efectos do curso académico 2022/23, o inicio de actividades da Universidad Intercontinental de la Empresa nos termos establecidos na Lei 12/2021, do 15 de xullo, de recoñecemento como universidade privada.

Artigo 2. Aprobación das normas de organización e funcionamento

Aprobar as normas de organización e funcionamento da Universidad Intercontinental de la Empresa, cuxo texto se recolle no anexo que acompaña este decreto.

Artigo 3. Desadscrición e cesamento de actividades do IESIDE

Autorizar a desadscrición, o inicio de cesamento de actividades e a extinción progresiva das ensinanzas que se veñen impartindo no centro privado IESIDE, centro de educación superior adscrito a Universidade de Vigo nos termos previstos no convenio subscrito entre a entidade titular do dito centro e a dita universidade.

Artigo 4. Creación e inicio de actividades das facultades

De conformidade co disposto no artigo 2.2 da Lei 12/2021, do 15 de xullo, de recoñecemento da universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, autorizar, con efectos do curso académico 2022/23, o inicio de actividades das facultades de Administración de Empresas e Dereito e de Enxeñería e Tecnoloxía Empresarial, que se encargarán da organización e dos procesos académicos, administrativos e de xestión das ensinanzas no seu ámbito.

Artigo 5. Sede da universidade

A Universidad Intercontinental de la Empresa terá a súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia, na cidade de Santiago de Compostela, Rúa Nova, 33, e dous campus académicos, na Coruña e Vigo.

Calquera cambio na sede autorizada deberá ser comunicada con carácter previo ao órgano competente en materia de universidades co fin de que se proceda á súa autorización.

Artigo 6. Inspección e control

A universidade deberá someterse ao procedemento de supervisión e control previsto no artigo 6 da Lei 12/2021, do 15 de xullo, de recoñecemento da universidade.

Así mesmo, a universidade deberá someterse ás medidas de control establecidas no artigo 12 do Real decreto 640/2021, do 27 de xullo, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios, ou os establecidos na norma que o substitúa.

Artigo 7. Garantías

A consellería con competencias en materia de universidades poderá requirir a universidade para que constitúa as garantías que se consideren necesarias para asegurar o seu funcionamento, de acordo co artigo 5 da Lei 12/2021, do 15 de xullo, de recoñecemento da universidade.

Artigo 8. Inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT)

Darase traslado ao ministerio con competencias en materia universitaria para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para, que no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades