Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 10 de agosto de 2022 Páx. 43338

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 27 de xullo de 2022 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades que forman parte do Sistema universitario de Galicia para o curso 2022/23.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, regula, nos artigos 26 e 27, o procedemento de verificación dos plans de estudos e establecemento do carácter oficial das titulacións. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola Comunidade Autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á publicación no Boletín Oficial del Estado e á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, a Orde do 20 de marzo de 2012 que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma se fará mediante orde da consellería competente en materia de universidades e se publicará no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que ser sometido a informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

As universidades, logo de autorizadas para implantaren os estudos, quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na sesión ordinaria do 10 de xuño de 2022, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude das universidades do Sistema universitario de Galicia de implantación das seguintes titulacións, unha vez obtidas as resolucións de verificación do Ministerio.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se autorice a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2022/23, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Intelixencia Artificial pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto de coordinación rotatoria e autorizado por esta orde.

2. Grao en Relacións Internacionais pola Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade da Coruña e autorizado por esta orde.

3. Máster universitario en Desafíos das Cidades pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a Universidade de Porto (Portugal), a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal) e a Universidade do Minho (Portugal). Título conxunto coordinado pola UDC e autorizado por esta orde.

4. Máster universitario en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade. A autorización deste máster inicia o proceso de extinción do MU en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético co código RUCT 4315731.

5. Máster universitario en Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías pola Universidade da Coruña, a Universidade de Salamanca e a Universidade de Zaragoza. A autorización deste máster inicia o proceso de extinción do máster coa mesma denominación co código RUCT 4313558 ao darse de baixa a Universidade de Santiago de Compostela.

6. Máster universitario en Intelixencia Artificial pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade da Coruña e autorizado por esta orde.

7. Máster universitario en Métodos Avanzados de Investigación e Innovación na Análise Social autorizado por esta orde.

8. Programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, a Universidade de Porto (Portugal) e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal). Título conxunto coordinado pola Universidade de Vigo e autorizado por esta orde.

9. Programa de doutoramento en Relacións Laborais e Recursos Humanos pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Oviedo e a Universidade de Zaragoza. Título conxunto coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela e autorizado por esta orde.

Artigo 2

Que se autorice a Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2022/23, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Enfermaría. A autorización deste grao inicia o proceso de extinción do grao coa mesma denominación, con código RUCT 2501105.

2. Grao en Intelixencia Artificial pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto de coordinación rotatoria e autorizado por esta orde.

3. Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras autorizado por esta orde.

4. Máster universitario en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade do Minho (Portugal). Título conxunto coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela e autorizado por esta orde.

5. Máster universitario en Desafíos das Cidades pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a Universidade de Porto (Portugal), a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal) e a Universidade do Minho (Portugal). Título conxunto coordinado pola UDC e autorizado por esta orde.

6. Máster universitario en Enxeñaría Ambiental. A autorización deste máster inicia o proceso de extinción do máster coa mesma denominación con código RUCT 4310357.

7. Máster universitario en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras autorizado por esta orde.

8. Máster universitario en Intelixencia Artificial pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade da Coruña e autorizado por esta orde.

9. Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, a Universidade de Porto (Portugal) e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal). Título conxunto coordinado pola Universidade de Vigo e autorizado por esta orde.

10. Programa de doutoramento en Relacións Laborais e Recursos Humanos pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Oviedo e a Universidade de Zaragoza. Título conxunto coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela e autorizado por esta orde.

Artigo 3

Que se autorice a Universidade de Vigo para implantar, no curso 2022/23, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Intelixencia Artificial pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto de coordinación rotatoria e autorizado por esta orde.

2. Grao en Relacións Internacionais pola Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola UDC e autorizado por esta orde.

3. Máster universitario en Desafíos das Cidades pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a Universidade de Porto (Portugal), a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal) e a Universidade do Minho (Portugal). Título conxunto coordinado pola UDC e autorizado por esta orde.

4. Máster universitario en Enxeñaría Biomédica autorizado por esta orde.

5. Máster universitario en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia autorizado por esta orde.

6. Máster universitario en Intelixencia Artificial pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola UDC e autorizado por esta orde.

7. Programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, a Universidade de Porto (Portugal) e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal). Título conxunto coordinado pola Universidade de Vigo e autorizado por esta orde.

Artigo 4

Que se autorice a Universidade Intercontinental da Empresa para implantar, no curso 2022/23, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) autorizado por esta orde.

2. Grao en Administración de Negocios Dixitais autorizado por esta orde.

3. Grao en Enxeñaría en Sistemas Intelixentes autorizado por esta orde.

4. Máster universitario en Dirección e Administración de Empresas (MBA) autorizado por esta orde.

5. Máster universitario en Tecnoloxía e Intelixencia de Datos Empresariais autorizado por esta orde.

Artigo 5

As universidades, logo de autorizadas para implantaren as ensinanzas universitarias, quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico.

Artigo 6

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos do estudantado que se encontre cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades