Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Xoves, 11 de agosto de 2022 Páx. 43573

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de xullo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA463G).

A evidencia científica dispoñible indica que a estratexia máis axeitada para diminuír o impacto sanitario e social dos trastornos adictivos no contexto actual é actuar mediante unha combinación de medidas que interveñan de xeito simultáneo nos ámbitos da exposición e accesibilidade ás substancias psicoactivas e ás condutas potencialmente adictivas, do seu consumo e da redución do dano asociado.

A Xunta de Galicia é unha Administración sensible ao problema xerado polos trastornos adictivos e vén traballando neste tema desde hai máis de 30 anos. No ano 1986 nace o Plan autonómico sobre drogodependencias, froito da necesidade de reordenar e vertebrar a loita contra as substancias psicoactivas que ata aquel momento se desenvolvía en Galicia. Este plan intentaba reunir todas as accións que se estaban a desenvolver para abordar e reducir os problemas derivados do consumo destas substancias. Desde o seu inicio buscaba dirixir os esforzos da Administración autonómica en tres direccións: a organización, a planificación xeral e a coordinación das actuacións das diversas administracións, institucións e organismos implicados na loita contra as adiccións.

No ano 1996 apróbase a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, que establece no seu capítulo II que a planificación dos obxectivos, das prioridades e das estratexias de actuación que en materia de drogodependencias se realicen na nosa Comunidade Autónoma se preverán nun Plan de Galicia sobre drogas. Esta lei indica, ademais, cales son as accións que se levarán a cabo nas áreas de prevención, asistencia, incorporación social, formación, investigación, coordinación e outras que consideren oportunas as distintas administracións públicas, asociacións e organizacións non gobernamentais.

A planificación estratéxica vixente en Galicia en materia de trastornos adictivos segue, ademais, as prioridades e liñas de actuación definidas tanto pola Estratexia nacional sobre drogas como pola Estratexia da Unión Europea en materia de loita contra a droga (e os seus plans de acción).

Ambas as estratexias sinalan que unha das liñas de actuación prioritaria no ámbito da redución da demanda se refire á implantación de medidas dirixidas a mellorar a dispoñibilidade e eficacia dos programas de prevención e fomentar a sensibilización da poboación respecto do risco que supón o consumo de substancias adictivas legais e ilegais e das súas consecuencias. Con este fin, as medidas de prevención deben incluír a detección e intervención temperás, o fomento de estilos de vida saudables e a prevención específica (selectiva e indicada) dirixida tamén a familias e comunidades.

Outra liña incide no esforzo que se debe realizar na elaboración e implantación de medidas de redución da demanda eficaces e diferenciadas, e que sexan apropiadas para as necesidades específicas de determinados grupos, patróns ou modalidades de consumo específicos, con atención especial aos grupos máis vulnerables e marxinados.

Por último, estas estratexias animan tamén a fomentar a participación e implicación activa e significativa da sociedade civil (incluídas as organizacións non gobernamentais, as persoas consumidoras de substancias adictivas e as persoas usuarias dos servizos relacionados co consumo destas substancias) na loita contra este problema de saúde pública.

As fontes de información dispoñibles seguen a sinalar que as tres substancias máis consumidas pola poboación galega son as bebidas alcohólicas, o tabaco e o cannabis (segundo os últimos datos o 63,9 %, 36,4 % e 6,6 % da poboación galega de 15 a 64 anos refire que as consumiu nos últimos 30 días, respectivamente).

No caso das bebidas alcohólicas, a proporción de persoas que as consumen de xeito ocasional mantense relativamente estable desde o ano 2005, e obsérvase unha baixada significativa na porcentaxe das persoas que refiren consumo diario, que se reduciu case nun 60 %. No caso da mocidade, tamén se observa unha redución nas cifras de botellóns, borracheiras e binge drinking nos últimos anos.

A serie histórica amosa un incremento, respecto a 2011, no consumo ocasional tanto de tabaco como de cannabis na poboación de 15 a 64 anos. Non obstante, é preocupante o feito de que 4 de cada 10 persoas que consumen cannabis cumpren criterios de consumo problemático.

Respecto ao xogo e ao uso da internet e das TIC, o informe 2020 sobre adiccións comportamentais do Plan nacional sobre drogas indica que case dúas de cada 100 persoas teñen problemas co xogo e case 4 de cada 100 problemas co seu uso da internet.

Tendo en consideración todo o anterior e salientando a importancia de promover a participación social e a cooperación institucional entre os diferentes organismos e institucións que levan a cabo accións neste tema, esta orde pretende fomentar e dar continuidade ás políticas de prevención do consumo de substancias psicoactivas levadas a cabo polas entidades locais galegas.

A orde conta cun total de 30 artigos, 3 disposicións adicionais e 2 disposicións derradeiras. Ten como obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas, e poderán concorrer á concesión destas axudas todos aqueles concellos, agrupacións de concellos e mancomunidades de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver un proxecto obxecto da presente orde.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas realizados por entidades locais galegas (código de procedemento SA463G).

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e a resolución axustaranse ao previsto nesta orde.

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán concorrer á concesión destas subvencións todos aqueles concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver, individualmente ou agrupados, un proxecto de prevención de condutas adictivas e que reúnan os requisitos sinalados no artigo 4.

A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada concello e mancomunidade, agás no caso das agrupacións de concellos, en que se asignará unha única subvención para realizar un proxecto común. Nestes casos, a entidade solicitante actuará como representante do proxecto e interlocutora ante a Consellería de Sanidade.

Ningunha entidade local poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual. De darse o caso, prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.

Artigo 4. Requisitos

1. A existencia, ou creación, de ser o caso, dunha unidade de prevención de condutas adictivas, que contará coa infraestrutura física e de medios axeitada para o desenvolvemento dos programas e as actividades que deberá levar a cabo.

2. A unidade a que fai referencia o número 1 estará constituída, polo menos, por unha persoa con titulación universitaria e formación específica en condutas adictivas, que actuará como representante técnica do proxecto ante a Consellería de Sanidade, e que deberá estar dispoñible durante todo o período subvencionable.

En cumprimento da prohibición establecida no número 5 do artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, as entidades beneficiarias da subvención garantirán que as persoas traballadoras que vaian participar en programas cuxo desenvolvemento implique contacto directo con persoas menores de idade non posúan antecedentes penais por delitos sexuais. A Consellería de Sanidade reserva para si o dereito de requirir durante a fase de resolución os certificados que acrediten esta situación.

3. Presentar un proxecto de actuación para os anos 2022, 2023, 2024 e 2025 orientado á prevención das condutas adictivas.

4. O proxecto de prevención incluirá entre 4 e 8 dos programas definidos no artigo 6, que abranguerán, cando menos, 2 dos 3 ámbitos de intervención principais: escolar, familiar e xuvenil.

5. Se a Consellería de Sanidade actualiza a carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas, o compromiso de realización de programas a que se refire o número 4 estenderíase aos programas equivalentes incluídos na nova carteira. De ser o caso, e co fin de facilitar a transición, a Consellería establecería unha táboa de equivalencias entre programas antigos e novos, de xeito que se garantiría a continuidade das actividades programadas.

6. Estar inscrita, no momento da solicitude da subvención, no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas, regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro. No caso das solicitudes de agrupacións ou mancomunidades de concellos, será suficiente con que este requisito sexa cumprido por unha das entidades locais.

7. O proxecto presentado deberá abranguer unha área de actuación mínima de 10.001 habitantes, que poderá ser de carácter municipal ou abarcar varios concellos para os cales se presente un proxecto común. A poboación destinataria do proxecto comprobarase no último padrón municipal publicado polo Instituto Galego de Estatística na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8. O custo medio do proxecto de actuación, calculado por programa e 1.000 habitantes, non poderá superar os 400 € no caso das entidades de clase 1 e os 600 € para as da clase 2.

O cálculo farase de acordo coa fórmula seguinte:

Custo do proxecto

CMP = Número de programas *1000

Poboación

9. A entidade solicitante optará necesariamente á clase que lle corresponda en función da poboación que abranga o seu proxecto.

10. As intervencións que se desenvolverán neste proxecto preventivo non poderán dirixirse a poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares realizadas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.

11. As entidades solicitantes deberán ter remitido ao Consello de Contas as contas xerais do último exercicio a que estean legalmente obrigadas, de acordo co disposto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Este requisito deberá cumprirse antes do final do prazo de presentación de solicitudes. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, este requisito deberá ser cumprido por cada un dos concellos integrantes.

12. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, este requisito deberá ser cumprido por cada unha das entidades integrantes.

13. Presentar a solicitude no prazo e na forma que establece o artigo 13.

14. Os materiais e as publicacións (en formatos impresos ou electrónicos) que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde deberán incorporar de forma visible o seu financiamento público, ser previamente revisados e aprobados pola Consellería de Sanidade e axustarse aos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Ademais procurarán, en todo caso, transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, así como empregar unha linguaxe inclusiva.

Artigo 5. Convenios reguladores das agrupacións de entidades locais

1. As entidades locais poderán agruparse e presentar de maneira conxunta unha solicitude de subvención para realizar un proxecto común.

2. Esta agrupación de entidades locais deberá ser regulada mediante un convenio de colaboración cuxo obxecto sexa o desenvolvemento conxunto do proxecto e que conteña o seguinte contido mínimo:

a) O compromiso solidario de execución do proxecto e de aplicación solidaria da subvención. No caso de que algunha das entidades integrantes da agrupación cause baixa nela, as restantes comprométense a desenvolver o proxecto inicialmente proposto na súa área de influencia.

b) As achegas económicas e os compromisos de execución asumidos polas entidades agrupadas.

c) O compromiso de non disolver a citada agrupación mentres non transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. O convenio de colaboración subscrito polas partes deberá achegarse no prazo máximo dun mes contado desde a notificación da resolución de concesión da subvención, aínda que se poderá presentar coa solicitude de subvención.

Artigo 6. Contidos dos proxectos

De acordo co establecido na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas:

1. Serán programas básicos os seguintes:

a) Ámbito escolar: PPCDE/Saúde na escola e Non pasa nada ¿pasa algo?

b) Ámbito familiar: Máis que un teito, En familia todos contan e Entre todos.

c) Ámbito xuvenil: Activa.

2. Serán programas complementarios:

a) Os seguintes programas da carteira de servizos: Ao alcance, Cine e saúde, Odisea, Cambio de sentido, Creative (sempre que sexa desenvolvido con medios propios da entidade), Acais, Información-sensibilización e Formación de mediadores.

b) Calquera outro que a entidade solicitante considere oportuno desenvolver.

Poderanse presentar ata un máximo de 3 programas complementarios. Neste caso terán unha especial valoración as actividades relacionadas coa prevención do consumo de cannabis, o xogo patolóxico e os problemas relacionados co uso da internet e das TIC.

Os programas da carteira de servizos Alternativa, Sísifo, Itínere e Penélope non serán valorados nesta convocatoria de axudas.

3. Todos os programas e actividades que se planifiquen deberán prever necesariamente a perspectiva de xénero.

Artigo 7. Funcións da unidade de prevención de condutas adictivas

Serán funcións da unidade de prevención a que se refire o número 1 do artigo 4 as seguintes:

1. Executar e avaliar os programas de prevención de condutas adictivas incluídos no proxecto presentado, así como rexistrar as actividades realizadas na aplicación informática SAPIS.

2. Comunicar as variacións que se poidan producir na execución das actividades planificadas ou no cadro do persoal asignado, así como solicitar a autorización daquelas modificacións das actividades que afecten de xeito significativo a planificación inicial.

3. Ser un nexo de unión entre a Dirección Xeral de Saúde Pública e calquera entidade ou institución que teña relación coa prevención das condutas adictivas e atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación sobre este tema no seu ámbito territorial. Do mesmo xeito, deberá difundir á sociedade as actividades preventivas que se estean realizando.

4. Detectar no seu ámbito posibles incumprimentos da normativa sobre promoción, publicidade, venda, subministración e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco, incluíndo aqueles que poidan ter que ver con publicidade sexista relacionada con este tema.

5. Atender as indicacións da Dirección Xeral de Saúde Pública derivadas dos principios e directrices do plan de trastornos adictivos vixente.

6. Elaborar os informes que permitan o seguimento e a avaliación dos proxectos preventivos segundo os procedementos que determine a Dirección Xeral de Saúde Pública.

7. Colaborar coas organizacións e institucións que a Dirección Xeral de Saúde Pública designe para monitorizar e avaliar as actividades e os programas preventivos desenvoltos.

8. Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 8. Dispoñibilidade orzamentaria

1. A contía total das subvencións concedidas ao abeiro desta orde ascende a 2.513.463,00 euros, e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en catro anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2022: 418.910,50 €.

b) Ano 2023: 837.821,00 €.

c) Ano 2024: 837.821,00 €.

d) Ano 2025: 418.910,50 €.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

No caso de que se producise este incremento de crédito, procederase do seguinte xeito:

a) O incremento de créditos repartirase entre as entidades que, superando o limiar mínimo de puntuación, non recibisen subvención ou non acadasen o 100 % do solicitado na asignación ordinaria.

b) Para calcular as contías das subvencións resultantes desta nova repartición aplicaranse os criterios establecido no artigo 12.

c) A xustificación deste novo crédito dispoñible efectuarase de conformidade co disposto no artigo 27.

3. En calquera caso, a concesión destas subvencións limitarase á dispoñibilidade orzamentaria existente no momento da súa resolución. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional, estarán suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento ás entidades destinatarias para exercicios sucesivos.

4. O ritmo de execución das actividades ao longo do período subvencionable deberá axustarse á dispoñibilidade orzamentaria de cada anualidade, tal e como se detalla no artigo 28.

Artigo 9. Normas xerais sobre as subvencións

1. A contía solicitada será, como máximo, o 95 % do orzamento do proxecto, correspondéndolle á entidade solicitante a achega mínima con fondos propios do 5 % restante en concepto de cofinanciamento. En ningún caso a contía da subvención solicitada poderá ser superior ao crédito orzamentario dispoñible na súa clase.

2. A subvención en ningún caso superará a contía solicitada nin o 95 % do orzamento do proxecto. Ademais, o importe máximo desta subvención non poderá superar o custo das actividades que desenvolva/n a/s entidade/s beneficiaria/s, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

3. A entidade solicitante poderá establecer un esforzo de cofinanciamento superior ao mínimo establecido no número 1. A porcentaxe de cofinanciamento calculada a partir do orzamento achegado no anexo I (solicitude) será vinculante e establecerá o límite máximo da contía dos pagamentos regulados no artigo 28. Deste xeito, na solicitude deberá especificarse a contía total do proxecto que se desenvolverá, resultado de sumar a subvención que se solicita, a contía do cofinanciamento que a entidade solicitante achega ao proxecto e, se for o caso, outras axudas recibidas para este mesmo fin.

4. Os proxectos presentados de forma agrupada serán inadmitidos ou excluídos se se detectase que non hai unha realización conxunta das actividades e que, polo tanto, supoñen actuacións independentes en cada integrante da agrupación.

5. Subvencionaranse os programas e as actividades recollidos no proxecto e desenvolvidos entre o 1.7.2022 e o 30.6.2025.

6. Só se subvencionará un proxecto, presentado individualmente ou por unha agrupación ou mancomunidade de concellos. Por iso só se poderá concorrer a unha das clases especificadas no artigo 10. No caso dos proxectos cuxa área de actuación se enmarque en varios concellos, asignarase unha única subvención para realizar un proxecto común.

7. Dentro de cada clase os proxectos serán seleccionados con base na puntuación que acaden en aplicación dos criterios de baremación especificados no artigo 11.

8. Só serán seleccionados para a adxudicación da subvención aqueles proxectos que acaden unha puntuación mínima de 45 puntos na fase de baremación.

9. Para o procedemento de selección de proxectos e asignación de contías aplicarase o procedemento especificado nos puntos 5 e 6 do artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no previsto nas presentes bases.

10. Se se dá o caso de que 2 ou máis proxectos que acadasen a mesma puntuación na fase de baremación teñen que desempatar, farase conforme os seguintes criterios:

a) O que obteña maior valoración no número 1 do artigo 11.

b) O que obteña maior valoración no número 8 do artigo 11.

c) O que obteña maior valoración no número 9 do artigo 11.

d) De persistir o empate, resolverase por sorteo simple.

11. A subvención que se conceda para cada proxecto será aboada de conformidade co establecido no artigo 28.

Artigo 10. Clases e contías das subvencións

1. Clase 1. Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais, agrupacións ou mancomunidades de concellos que abrangan unha poboación igual ou superior aos 70.001 habitantes.

Destínase a esta clase o 30 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 8.1 (754.038,90 €).

2. Clase 2. Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais, agrupacións ou mancomunidades de concellos que abrangan unha poboación entre 10.001 e 70.000 habitantes.

Destínase a esta clase o 70 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 8.1 (1.759.424,10 €).

Artigo 11. Criterios de baremación

Os criterios de baremación que se aplicarán á hora de seleccionar os proxectos presentados son os seguintes:

1. Calidade técnica do proxecto de prevención de condutas adictivas (ata 46 puntos). Valorarase con ata 5,75 puntos cada un dos programas presentados (de acordo co establecido no artigo 6).

Os programas relacionados coa prevención do consumo de cannabis, o xogo patolóxico e os problemas relacionados co uso da internet e das TIC verán aumentada a puntuación da súa valoración técnica nun 20 % (con tope na puntuación máxima para cada programa).

Para a avaliación dos programas e o cálculo da súa correspondente puntuación, cada un deles computará nun índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo de 5,75 puntos alcanzables por cada programa. Este cálculo farase convertendo as unidades en puntos mediante regra de tres simple.

2. Pola mera presentación dunha solicitude conxunta de varias entidades locais nun proxecto común (xa sexan agrupados ou en mancomunidade), nos termos e requisitos que se establecen nesta orde: 10 puntos.

3. Coa fin de fomentar a agrupación de entidades locais, incentivaranse con ata 10 puntos aqueles proxectos que promovan o asociacionismo mutuo presentando un proxecto común, agrupados ou en mancomunidade, de acordo coa seguinte puntuación:

a) Polo número de entidades locais agrupadas:

1º. Proxecto que agrupe 2 entidades: 1 punto.

2º. Proxecto que agrupe 3 entidades: 2 puntos.

3º. Proxecto que agrupe 4 entidades: 3 puntos.

4º. Proxecto que agrupe 5 entidades: 4 puntos.

5º. Proxecto que agrupe 6 ou máis entidades: 5 puntos.

b) Polo número de poboación total das entidades locais agrupadas:

1º. De 10.001 a 15.000 habitantes: 1 punto.

2º. De 15.001 a 20.000 habitantes: 2 puntos.

3º. De 20.001 a 30.000 habitantes: 3 puntos.

4º. De 30.001 a 40.000 habitantes: 4 puntos.

5º. Máis de 40.000 habitantes: 5 puntos.

4. Valorarase con ata 10 puntos a presentación dunha memoria de aforro de custos das solicitudes formalizadas conxuntamente (agrupadas ou en mancomunidade), respecto da formalizada de modo individual.

5. No caso de que unha entidade resultante dunha fusión municipal ou en proceso de fusión presentase unha solicitude, outorgaránselle os 30 puntos previstos nos números 2, 3 e 4 pola simple presentación desta.

6. Poboación escolarizada. Valorarase con ata 6,5 puntos o alumnado escolarizado nos ciclos de educación infantil, primaria e ESO na área xeográfica de actuación do proxecto preventivo. A puntuación asignarase en cada clase do seguinte xeito:

a) Clase 1:

1º. 5.001 a 10.000 escolares: 1 punto.

2º. 10.001 a 15.000 escolares: 2 puntos.

3º. 15.001 a 20.000 escolares: 3 puntos.

4º. 20.001 a 25.000 escolares: 4 puntos.

5º. 25.001 a 30.000 escolares: 5 puntos.

6º. Máis de 30.000 escolares: 6,5 puntos.

b) Clase 2:

1º. 1.001 a 2.000 escolares: 1 punto.

2º. 2.001 a 3.000 escolares: 2 puntos.

3º. 3.001 a 4.000 escolares: 3 puntos.

4º. 4.001 a 5.000 escolares: 4 puntos.

5º. 5.001 a 6.000 escolares: 5 puntos.

6º. Máis de 6.000 escolares: 6,5 puntos.

O número de escolares matriculados no/s concello/s en que se desenvolve o proxecto será comprobado na información publicada polo Instituto Galego de Estatística sobre alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos segundo o sexo en educación infantil, primaria e ESO. A consulta da información farase o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e referirase ao último ano académico do cal se teñan datos.

7. Experiencia no desenvolvemento de programas de prevención de condutas adictivas, expresada en anos de colaboración coa Consellería de Sanidade ou co Servizo Galego de Saúde:

a) Tempo de colaboración igual ou superior a 15 anos: 4 puntos.

b) Tempo de colaboración entre 10 anos e menos de 15 anos: 3 puntos.

c) Tempo de colaboración entre 5 anos e menos de 10 anos: 2 puntos.

d) Tempo de colaboración inferior a 5 anos: 1 punto.

No caso das solicitudes presentadas conxuntamente, só se valorará esta epígrafe unha vez, asignándoselle os puntos da entidade con maior tempo de colaboración.

8. Titulación e xornada laboral do persoal con que vaia contar a entidade beneficiaria para levar a cabo o proxecto. Valorarase do seguinte xeito, con ata 7 puntos, o persoal contratado a xornada completa:

– Por cada persoa con título universitario oficial de grao: 1,5 puntos.

– Por cada persoa con título de técnico superior: 1 punto.

– Por cada persoa con título de bacharel, de técnico ou graduado en educación secundaria obrigatoria: 0,5 puntos.

Para valorar as xornadas laborais definidas neste punto, considerarase xornada completa a de 7,5 horas diarias ou de 37,5 horas semanais. A valoración das xornadas parciais calcularase de forma proporcional en función da xornada declarada para cada un dos niveis profesionais, segundo as puntuacións expresadas nas alíneas anteriores e redondeando a puntuación a 2 decimais.

9. Porcentaxe de cofinanciamento do proxecto asumido pola entidade solicitante. Valorarase con ata 6 puntos do seguinte xeito:

a) Máis do 37 %: 6 puntos.

b) Máis do 30 % e ata o 37 %: 5 puntos.

c) Máis do 24 % e ata o 30 %: 4 puntos.

d) Máis do 18 % e ata o 24 %: 3 puntos.

e) Máis do 13 % e ata o 18 %: 2 puntos.

f) Desde o 7 % e ata o 13 %: 1 punto.

10. A existencia nas entidades locais de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan, entre outras medidas, o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, valorarase con 0,5 puntos.

No caso das agrupacións e mancomunidades, a máxima puntuación outorgarase cando todas as entidades que as integran conten con plans de igualdade. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % dos concellos contan con plan de igualdade: 0,15 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % dos concellos contan con plan de igualdade: 0,25 puntos.

– Máis do 70 % dos concellos contan con plan de igualdade: 0,5 puntos.

Artigo 12. Cálculo das contías das subvencións

1. No caso de non resultar seleccionado ningún proxecto nalgunha das clases, o orzamento global destinado a esa clase sumarase ao orzamento da outra clase.

2. Para realizar a asignación económica descrita neste artigo realizarase en primeiro lugar o cálculo das contías da clase 1 e, cando esta estea rematada, procederase coa clase 2.

3. O mecanismo de asignación dentro de cada clase farase do seguinte xeito:

a) Dividirase o crédito orzamentario dispoñible na clase entre o total de puntos dos proxectos seleccionados, así se obterá o valor en euros de cada punto. A contía que se asignará a cada proxecto obterase de multiplicar o valor en euros de cada punto polos puntos obtidos por cada proxecto.

b) Se, despois destes cálculos, a contía resultante é superior á solicitada, asignaráselle esta última de acordo co establecido no artigo 9.2 e, en consecuencia, xerarase un resto orzamentario coa diferenza entre ambas as cantidades.

c) Os posibles restos que poidan ter xurdido en aplicación do exposto no punto anterior reasignaranse entre os proxectos que aínda non acadasen o 100 % da cantidade solicitada. Esta reasignación realizarase calculando un novo euro/punto con base na suma das puntuacións destes proxectos que aínda non acadaron o 100 % da contía solicitada e o resto orzamentario dispoñible. Se, finalizadas estas operacións, segue existindo algún resto orzamentario, volvería repartirse de acordo coa metodoloxía expresada neste parágrafo ata que este resto se esgote ou que todos os proxectos teñan asignado o 100 % solicitado.

4. De darse o caso de que todos os proxectos de clase 1 acadasen o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este sumaríase integramente á cantidade que se vaia repartir na clase 2.

5. De darse o caso de que todos os proxectos de clase 2 acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este quedará sen asignar.

Artigo 13. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

3. Ningún concello poderá figurar nunha solicitude conxunta (agrupación ou mancomunidade) e subscribir outra individual. De darse o caso, prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.

Artigo 14. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar, xunto co formulario de solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

a) No caso de que a solicitude sexa presentada por un concello de forma individual ou por unha mancomunidade:

1º. Memoria explicativa do proxecto de prevención, que se axustará ás características definidas no anexo VII desta orde.

2º. Autorización da solicitude da subvención, a través do certificado emitido pola persoa titular da secretaría da entidade local, segundo o formulario normalizado no anexo III, en que se faga constar:

– O acordo do órgano competente da entidade local polo que se solicita a subvención para os gastos que se pretenden executar ao abeiro desta orde.

Neste acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

– A remisión ao Consello de Contas das contas da entidade local do último exercicio a que está legalmente obrigada.

No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.

b) No caso de solicitudes conxuntas presentadas por unha agrupación de entidades locais:

1º. Memoria explicativa do proxecto de prevención, que se axustará ás características definidas no anexo VII desta orde.

2º. Autorización da solicitude da subvención, a través do certificado emitido pola persoa titular da secretaría da entidade local representante da agrupación, segundo o formulario normalizado no anexo III, en que se fará constar que, segundo os acordos adoptados polos órganos competentes de cada unha das entidades locais agrupadas e/ou os certificados emitidos polas persoas titulares da secretaría de cada unha delas, os integrantes da agrupación acordan:

– O compromiso solidario da execución e da aplicación solidaria da subvención.

– Solicitar a subvención para os gastos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e aceptar expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

– Nomear a persoa titular da alcaldía ou presidencia representante como coordinadora, interlocutora, perceptora e xustificadora da axuda.

– Que remitiron ao Consello de Contas as contas xerais do último exercicio a que están legalmente obrigadas.

No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.

Os acordos orixinais emitidos polas entidades locais integrantes da agrupación, así como as certificacións emitidas polas persoas titulares da secretaría de cada unha destas, deberán quedar en poder da entidade local representante para a súa achega no procedemento de subvencións, no caso de que sexan requiridos polo órgano tramitador.

3º. Copia do convenio de colaboración subscrito polas partes (potestativo no momento da solicitude).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, as declaracións incluídas nos anexos I e II serán suficientes para acreditar que a entidade local está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Emendas da solicitude

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Saúde Pública responsables da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións reguladas nesta orde comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, requirirase o concello interesado para que, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos nun prazo máximo de 10 días con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa solicitude, e procederase conforme o establecido no citado artigo.

Artigo 17. Instrución

1. Órganos competentes.

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Dirección Xeral de Saúde Pública. A Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, a través do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. Comisión de Valoración.

Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración, que terá como función controlar e validar o proceso de revisión das solicitudes presentadas, a avaliación técnica dos proxectos preventivos e a asignación de puntuacións, a selección das entidades que recibirán subvención e o cálculo das contías correspondentes. Unha vez finalizado este proceso, a Comisión elaborará un informe que remitirá ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerza a presidencia, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza a secretaría e, polo menos, a metade das persoas que a compoñen. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación examine as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída na forma en que se establece máis adiante neste artigo.

Para o seu funcionamento a Comisión rexerase polo establecido nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, relativos aos órganos colexiados.

A Comisión de Valoración, facendo a motivación oportuna, poderá requirir ás entidades solicitantes das axudas a información ou a documentación adicional que, non estando en poder da Administración, sexa relevante para unha avaliación correcta das solicitudes.

A Comisión de Valoración terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, ou persoa en quen delegue.

b) Vogalías:

1º. A persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, ou persoa en quen delegue de igual rango.

2º. Unha persoa do persoal técnico do devandito servizo, que exercerá as funcións de secretaría.

3º. O persoal técnico da Dirección Xeral de Saúde Pública que para o efecto designe a persoa que teña atribuídas as funcións de presidencia da Comisión, como persoas responsables da avaliación, se é o caso.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de homes e mulleres.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes e á vista do informe da Comisión de Valoración, a Dirección Xeral de Saúde Pública formulará a proposta de resolución debidamente motivada, a cal non crea ningún dereito a favor da entidade beneficiaria proposta mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 18. Resolución

1. A proposta de resolución será remitida polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade que, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva, que deberá ser motivada. Esta resolución conterá, de maneira expresa, a relación das entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución das axudas será de cinco meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes.

3. Poderán existir circunstancias que, como consecuencia da alteración ou incumprimento das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, dean lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Infórmase ás entidades interesadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. A aceptación ou renuncia da subvención farase mediante a presentación do formulario normalizado proposto no anexo IV ou por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a Consellería de Sanidade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Se non se achegase coa solicitude, as agrupacións de entidades locais deberán remitir, no prazo dun mes contado desde a notificación da concesión, o convenio de colaboración subscrito polas partes, co contido especificado no artigo 5.

Artigo 21. Reformulación

1. En aplicación do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe da axuda da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar a entidade beneficiaria para que, nun prazo de dez días, reformule a solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención proposta e/ou formule as alegacións que considere pertinentes para estes efectos. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer a viabilidade do programa, polo cal se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

2. O contido da reformulación, unha vez aceptada, marcará os compromisos económicos e de actividade que asumirá a entidade beneficiaria durante o desenvolvemento do proxecto de actuación.

Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Recursos

1. A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa e contra ela as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ao concello interesado.

2. Igualmente, procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non for así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non se poderá acudir á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei 29/1998, do 13 de xuño, poderase requirir previamente o órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderíase rexeitado se non é contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 25. Subcontratación

Enténdese que unha entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiras persoas ou empresas a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En ningún caso a entidade beneficiaria concertará a execución parcial ou total das actividades subvencionadas con persoas ou entidades que recibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

As entidades beneficiarias poderán subcontratar ata o 75 % da contía total concedida.

Artigo 26. Conceptos subvencionables

1. Consideraranse gastos subvencionables unicamente aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 9.5.

As subvencións outorgadas nesta convocatoria dirixiranse a financiar gastos correntes, isto é, aqueles necesarios para o desenvolvemento das actividades programadas; quedan excluídos os gastos de capital.

2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:

a) Gastos de persoal da entidade.

Custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á entidade. Soamente serán subvencionables os gastos do persoal que figuren relacionados na memoria da solicitude do proxecto preventivo, e soamente serán subvencionables na porcentaxe imputada que se corresponda co número de horas dedicadas ao proxecto indicados na dita memoria, excepto que por necesidades debidamente xustificadas sexa necesario modificala. Calquera modificación deberá ser comunicada nun prazo máximo de 30 días desde o momento en que se produza. No caso contrario non se aceptará o gasto.

Soamente terán consideración de subvencionables os custos en que incorran as entidades beneficiarias respecto ao persoal en situación de incapacidade laboral temporal cando:

1) A baixa non supoña a paralización da actividade, mediante substitución da persoa de baixa, reasignación das súas tarefas ou subcontratación puntual. Este feito deberá ser informado á Dirección Xeral de Saúde Pública.

2) A baixa, aínda supoñendo a paralización da actividade, non supere os trinta días para un mesmo contrato laboral durante o período de execución do programa.

b) Gastos de persoal en réxime de arrendamento de servizos.

Este tipo de contrato soamente se admitirá no caso de que non resulte adecuado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate por persoal suxeito á normativa laboral vixente.

En consecuencia, procederá en supostos de contratación de persoas que exerzan profesións liberais para as cales se exixa colexiación e outras persoas expertas pertencentes ao terceiro sector social, cando concorran as seguintes circunstancias:

– Que estean dadas de alta segundo o modelo 036 de declaración censual.

– Que non estean dentro do ámbito da organización da entidade subvencionada ou reciba instrucións concretas desta no referente ao modo de execución do traballo encomendado.

– Que non estean suxeitas a un horario fixo.

– Que asuman os riscos derivados da prestación do servizo.

c) Axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 5 % do importe total subvencionable do programa, excepto que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe. O importe subvencionable de cada axuda de custo ou gasto de viaxe será, como máximo:

– Aloxamento: 65,97 €.

– Manutención: 37,40 €.

– Quilometraxe: 0,19 €/km.

d) Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución.

e) Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, tales como os correspondentes aos alugueiros dos locais, asesoría, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo ou comunidade.

Os gastos de alugamento, así como os correntes de subministracións (auga, luz...) non poderán ser imputados ao 100 %, agás que se certifique que ese gasto corresponde de maneira exclusiva á realización da actividade do programa subvencionado. No caso contrario, soamente se poderá imputar unha porcentaxe proporcional ao custo do desenvolvemento do programa sobre o orzamento da entidade.

f) Gastos materiais. Neste sentido admitiranse gastos derivados da difusión e visualización do proxecto, así como gastos de material preventivo ou divulgativo.

g) Custos indirectos, sempre que sexan imputados á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda.

h) Gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos periciais, se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a súa preparación ou execución.

i) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando o/s concello/s beneficiario/s desta axuda os aboen efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptibles de recuperación ou compensación.

j) En ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.

4. Considerarase gasto realizado o que fose recoñecido como obriga ou efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Artigo 27. Xustificación

1. Coa fin de realizar as propostas de pagamento da subvención concedida, as entidades beneficiarias remitirán, nas datas sinaladas no artigo 28, a conta xustificativa da subvención. A presentación farase obrigatoriamente por medios electrónicos e a través dos formularios normalizados dispoñibles na Carpeta cidadá da persoa que solicitase a subvención en nome da entidade beneficiaria (procedemento SA463G), na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. A conta xustificativa estará composta pola seguinte documentación:

a) Memoria técnica xustificativa da actuación subvencionada. Especificará as principais actividades realizadas e os resultados obtidos, así como a súa relación directa cos gastos realizados na execución dos programas financiados que se imputen á subvención, conforme a desagregación orzamentaria establecida. A memoria deberá recoller os puntos indicados no anexo VIII. A memoria detallada das actividades realizadas incluirase na aplicación web corporativa SAPIS.

b) Certificado doutras axudas e ingresos recibidos para a mesma finalidade e de non atoparse incursa nas prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o formulario do anexo II, asinado pola persoa representante da entidade local beneficiaria da subvención.

c) Certificado de secretaría sobre o cumprimento da finalidade da subvención, de gastos totais realizados e da súa toma de razón na contabilidade da entidade, segundo o formulario do anexo V e asinado pola persoa titular da Secretaría da entidade local, co visto e prace da persoa titular da alcaldía ou presidencia desta.

d) Ficheiro en formato folla de cálculo coa relación de todos os gastos da actividade, que incluirá a información contida no anexo VI.

3. No caso de solicitudes conxuntas, será a entidade local representante da agrupación e perceptora da subvención a que deberá presentar a conta xustificativa, e entenderase feita de acordo coa documentación emitida pola persoa titular da alcaldía ou presidencia de cada unha das entidades locais integrantes da agrupación.

4. Segundo o artigo 9.5, as actuacións que se subvencionan deberán efectuarse desde o 1.7.2022 e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento que soporten as ditas actuacións poderán referirse unicamente a gastos xerados a partir desa data.

5. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total do proxecto que vaia desenvolver o beneficiario.

Artigo 28. Pagamento e xestión económica

1. O cálculo dos pagamentos definidos neste artigo farase tomando como referencia:

a) A contía dos gastos declarados pola entidade solicitante en cada unha das xustificacións presentadas.

b) A porcentaxe de cofinanciamento comprometida no anexo I (solicitude), que marcará as contías que deberán asumir a entidade beneficiaria e a Consellería de Sanidade.

2. Os pagamentos reduciranse proporcionalmente con respecto á contía inicialmente concedida (sempre que estea garantida a consecución do obxecto da subvención):

a) Se o gasto xustificado é inferior á contía que resulta de sumarlle a cada un dos pagamentos a parte correspondente do cofinanciamento comprometido no anexo I (solicitude).

b) Se se producise a concorrencia con outras subvencións ou axudas.

3. O recoñecemento da obriga e o pagamento posterior da subvención á entidade beneficiaria faranse sempre que esta xustifique, de acordo coa normativa aplicable, a realización do obxecto da subvención e o cumprimento das condicións e as súas finalidades.

4. Todo pagamento da subvención outorgada exixe a acreditación de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 6.2 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, e farase efectiva do seguinte xeito:

a) Anualidade de 2022.

Primeiro pagamento anticipado, por importe equivalente ao 100 % da contía outorgada para o ano 2022. Efectuarase unha vez ditada a resolución de concesión, tras a aceptación da subvención concedida e a remisión do anexo II (declaración de axudas) debidamente cuberto. Este pagamento deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do primeiro pagamento á conta.

b) Anualidade de 2023.

Primeiro pagamento á conta, por importe de ata o 50 % da contía outorgada para o ano 2023. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 27 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2022 e o 30.6.2023. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2023.

A presentación desta xustificación é obrigatoria. Se a entidade beneficiaria presentase unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este primeiro pagamento á conta completo, o crédito non aboado sería anulado e, se é o caso, tería que reintegrar total ou parcialmente a contía recibida no primeiro pagamento anticipado.

Segundo pagamento anticipado, por importe equivalente ao 50 % da contía outorgada para o ano 2023. Efectuarase a partir do 1.8.2023, unha vez remitido o anexo II (declaración de axudas) debidamente cuberto. Este anticipo deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do segundo pagamento á conta.

c) Anualidade de 2024.

Segundo pagamento á conta, por importe de ata o 50 % da contía outorgada para o ano 2024. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 27 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2023 e o 30.6.2024. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2024.

A presentación desta xustificación é obrigatoria. Se a entidade beneficiaria presentase unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este segundo pagamento á conta completo, o crédito non aboado sería anulado e, se é o caso, tería que reintegrar total ou parcialmente a contía recibida no segundo pagamento anticipado.

Terceiro pagamento anticipado, por importe equivalente ao 50 % da contía total outorgada para o ano 2024. Efectuarase a partir do 1.8.2024, unha vez remitido o anexo II (declaración de axudas) debidamente cuberto. Este anticipo deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do pagamento final.

d) Anualidade de 2025.

Pagamento final, por importe de ata o 100 % da contía outorgada para o ano 2025. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 27 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2024 e o 30.6.2025. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2025.

A presentación desta xustificación final é obrigatoria. Se a entidade beneficiaria presentase unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este pago final completo, o crédito non aboado sería anulado e, se é o caso, tería que reintegrar total ou parcialmente a contía recibida no terceiro pagamento anticipado.

Artigo 29. Obrigas das entidades beneficiarias, compatibilidade e reintegro

1. As entidades interesadas quedan obrigadas a:

a) Someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, de acordo co establecido no artigo 27.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Ter subscrita unha póliza de seguro de accidentes e de enfermidade e de responsabilidade civil a favor do persoal voluntario que participe nos programas subvencionados, conforme o previsto nos artigos 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

f) Calquera outra obriga imposta ás entidades beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

2. As subvencións serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade, que deberá ser comunicada ao órgano concedente nos tempos establecidos nos artigos 14 e 27.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 30. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia rexerá o disposto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional primeira. Información básica a persoas interesadas sobre protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/os modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/dos procedemento/s regulado/s nesta disposición poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do/dos modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Información ás persoas interesadas

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Órgano responsable

A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, a avaliación, a difusión e a execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Táboa de gastos

A relación dos gastos efectuados durante o período que se vaia xustificar achegarase nun ficheiro electrónico que seguirá as seguintes directrices.

1. Características técnicas.

a) O formato será en folla de cálculo (Microsoft Office ou LibreOffice).

b) O ficheiro levará por nome o NIF da entidade beneficiaria seguido dun guión baixo e a identificación do pagamento a que se refira: 1PA, 1PC, 2PA, 2PC, 3PA e PF (por exemplo «A1234567B_1PA.ods»).

2. Estrutura e contido.

O ficheiro incluirá 2 pestanas. Na primeira incluiranse os gastos xerais e na segunda os gastos de persoal.

a) A primeira pestana levará por nome «Gastos xerais» e incluirá os seguintes campos:

Nome do campo

Tipo

Lonxitude máxima

Observacións

Nome ou razón social do acredor

Texto

75

Concepto de gasto

Texto

75

Número de factura

Texto

25

Importe

Numérico (moeda en euros)

Enteiro con separador de miles e dous decimais

Formato 1.234,00 €

Data de emisión

Data

10

Formato dd/mm/aaaa

Data de recoñecemento de obriga ou pagamento efectivo

Data

10

Formato dd/mm/aaaa

Porcentaxe do importe imputado á xustificación

Numérico

Enteiro con dous decimais

Formato 123,00 % 

b) A segunda pestana levará por nome «Gastos de persoal» e incluirá os seguintes campos:

Nome do campo

Tipo

Lonxitude máxima

Observacións

Nome e apelidos

Texto

25

Concepto

Texto

75

Data de inicio do período de liquidación

Data

10

Formato dd/mm/aaaa

Data final do período de liquidación

Data

10

Formato dd/mm/aaaa

Líquido que se percibirá

Numérico (moeda en euros)

Enteiro con separador de miles e dous decimais

Formato 1.234,00 €

Seguridade Social

Numérico (moeda en euros)

Enteiro con separador de miles e dous decimais

Formato 1.234,00 €

IRPF

Numérico (moeda en euros)

Enteiro con separador de miles e dous decimais

Formato 1.234,00 €

Total (líquido, Seguridade Social e IRPF)

Numérico (moeda en euros)

Enteiro con separador de miles e dous decimais

Formato 1.234,00 €

Porcentaxe do total imputada á xustificación

Numérico

Enteiro con dous decimais

Formato 123,00 % 

ANEXO VII

Memoria explicativa do proxecto de prevención

A memoria explicativa do proxecto seguirá as seguintes directrices:

1. Características técnicas.

a) O formato do arquivo será de texto ou PDF.

b) O documento estará formateado obrigatoriamente con marxes de 2 cm, letra tipo arial, tamaño 11 puntos e interliñado sinxelo.

2. Estrutura.

A memoria contará de 2 partes:

a) Descrición xeral do proxecto. Incluirá, nun espazo máximo de 5 páxinas, as seguintes epígrafes:

1º. Descrición detallada da unidade de prevención: localización, infraestrutura física e medios técnicos dispoñibles e descrición de todo o persoal que a compón (con toda a información sobre o número, o sexo, a vinculación contractual, a titulación e a xornada laboral necesaria para calcular a puntuación definida no artigo 11).

2º. Orzamento detallado do proxecto.

3º. Memoria do aforro de custos que supón a presentación conxunta en comparación coa presentación individual das entidades implicadas (esta epígrafe incluirase só no caso de solicitudes de agrupacións ou mancomunidades).

b) Descrición de cada programa. A continuación incluirase unha epígrafe individual para cada un dos programas que compoñen o proxecto preventivo que incluirá, nun espazo máximo de 3 páxinas por programa, as seguintes partes:

1º. Nome do programa.

2º. Xustificación da necesidade da intervención.

3º. Poboación obxectivo detallada.

4º. Modelo teórico de referencia.

5º. Finalidade, metas e obxectivos.

6º. Descrición detallada das actividades que se desenvolverán.

7º. Cronograma detallado das intervencións.

8º. Equipo que desenvolverá a intervención.

9º. Materiais que se utilizarán.

10º. Monitorización e avaliación.

Os ordinais 2º, 4º e 5º desta alínea b) só se cubrirán se o programa non está incluído na carteira de servizos.

ANEXO VIII

Memoria técnica xustificativa da actuación subvencionada

A memoria técnica xustificativa seguirá as seguintes directrices:

1. Características técnicas:

a) O formato do arquivo será de texto ou PDF.

b) O documento, que terá unha extensión máxima de 5 páxinas, estará formateado obrigatoriamente con marxes de 2 cm, letra tipo arial, tamaño 11 puntos e interliñado sinxelo.

2. Estrutura:

a) Encabezamento con identificación da entidade subvencionada e do periodo de tempo a que se refire a memoria.

b) Detalle de cada un dos programas levados a cabo. Para cada un deles incluirase a seguinte información:

i. Nome do programa.

ii. Resumo do contido.

iii. Período de execución do programa e localizacións.

iv. Actividades realizadas, especificando os colectivos destinatarios, desagregados por sexo, segundo a seguinte táboa:

Actividade

Tipo de colectivo beneficiario

Número de destinatarios varóns

Número de destinatarios mulleres

Data de inicio

Data de fin

v. Obxectivos previstos e obtidos (cuantificados), segundo a seguinte táboa:

Obxectivo

Indicador

Resultado esperado

Resultado obtido

vi. Desviación respecto á planificación prevista.

vii. Incidencias destacables.