Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 12 de agosto de 2022 Páx. 44006

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 1 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento VI435A).

BDNS (Identif.): 643725.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de persoas estranxeiras non comunitarias, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.

b) Ter menos de 35 anos, incluída a idade de 35 anos, no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da correspondente convocatoria.

c) Ter subscrito a partir da data sinalada na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:

– Que a vivenda estea localizada nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de entrada en vigor do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

– Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a 120.000,00 €.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á referida data.

e) Que as rendas anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM.

Este límite será de 4 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de 5 veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

– Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou persoas con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

f) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles revogase nin fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

h) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas, nos termos que se especifiquen na correspondente convocatoria, aquelas ás que, tendo presentado unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda ao abeiro de convocatorias inmediatamente anteriores, lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para a adquisición de vivenda previstas no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, que se tramitarán co código de procedemento VI435A.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2022.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas axudas son as contidas nesta resolución.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.780.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, por un importe total de 2.550.000,00 €, e financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Contía das axudas

1. A contía da axuda para a adquisición será de ata 10.800,00 € por vivenda, co límite do 20 % do prezo de venda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa propietaria, o importe da axuda que puidese recibir un/unha beneficiario/a que adquira unha parte dela determinarase aplicando ao importe da axuda que correspondería da adquisición do 100 % da vivenda a porcentaxe de cota adquirida.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2022 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2022

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
P.A. (Artigo 13.3 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo)
María Ángeles Domínguez Franjo
Secretaria xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo