Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 12 de agosto de 2022 Páx. 44028

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario na categoría de facultativo especialista de área das especialidades de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, e Medicina Interna.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro), aprobáronse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

Mediante a Resolución deste mesmo centro directivo, do 31 de maio de 2022 (DOG núm. 109, do 8 de xuño), publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e aprobouse a oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022.

O número 8 da Resolución de bases establece que as persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaran, con carácter definitivo, os/as admitidos/as e excluídos/as para participaren neste concurso e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e os destinos provisionalmente asignados.

A situación actual, na cal se está a evidenciar un déficit de profesionais das especialidades de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, e Medicina Interna, que resulta máis acusado nos centros hospitalarios de ámbito comarcal, obriga, entre outras medidas, a anticipar a resolución do concurso de traslados aberto e permanente actualmente en tramitación, nas especialidades mencionadas, co obxecto de poder resolver este proceso e a seguir poder incorporar os novos seleccionados no concurso-oposición en curso nestas especialidades, asegurando unha resposta coordinada ás necesidades asistenciais no conxunto do Servizo Galego de Saúde e, en consecuencia, unha adecuada atención sanitaria da poboación dos distintos distritos de saúde, sen que tal medida afecte o desenvolvemento do concurso aberto e permanente das restantes categorías/especialidades incluídas na mesma convocatoria, cuxa resolución se publicará no último trimestre do ano.

De conformidade co previsto nas bases 3.5.1), 8.3) e 8.4) da Resolución do 20 de novembro de 2017 pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 227, do 29 de novembro), logo de finalizada a análise das reclamacións presentadas contra a listaxe provisional de admitidos/excluídos, así como a baremación dos méritos alegados e acreditados polos/as concursantes, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación definitiva de solicitantes admitidos/as e excluídos/as no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario na categoría de facultativo especialista de área das especialidades de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, e Medicina Interna.

Segundo. Declarar resolto provisionalmente o dito concurso, coa publicación das puntuacións e dos destinos provisionalmente asignados.

As listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as na categoría de facultativo especialista de área das especialidades de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, e Medicina Interna, e as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais, se é o caso, asignados, están publicadas á disposición das persoas interesadas na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas excluídas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Cuarto. De conformidade coa base oitava da Resolución do 20 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, os/as concursantes admitidos/as disporán dun prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formularen reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.

Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará a autoridade convocante e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos