Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 22 de agosto de 2022 Páx. 45338

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ACORDO do 8 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter a información pública e transparencia a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas.

A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, recolle no capítulo VIII do seu título II unha serie de previsións no tocante ás infraestruturas verdes e á conectividade e a restauración ecolóxicas, impoñendo a obriga das consellerías con competencias afectadas de elaborar conxuntamente unha estratexia galega nesta materia que respecte a estratexia estatal aprobada para o efecto.

Esta participación na elaboración da estratexia galega é unha mostra máis das numerosas previsións contidas nesta lei para facer efectiva a integración da consideración ambiental nas demais políticas sectoriais, exixencia derivada do propio Tratado de funcionamento da Unión Europea, no seu artigo 11.

O artigo 86 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, dispón que a consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural elaborará, no prazo máximo de tres anos, contado desde a aprobación da estratexia estatal ao respecto, unha Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas, logo da súa consulta coas consellerías afectadas.

Ademais da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, participarán na elaboración desta estratexia, polo menos, os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou as entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias nas seguintes materias: forestal, agrícola, infraestruturas, augas, ordenación do territorio, enerxía, minaría e paisaxe.

Cabe destacar que o Goberno galego impulsou unha colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, para a elaboración dun documento de análise e cálculo dos servizos ecosistémicos, así como a identificación dos compoñentes da infraestrutura verde. Ese traballo deu como resultado as bases científico-técnicas que serviron de referente para a elaboración da Estratexia galega.

Posteriormente, iniciouse un proceso de participación pública para o deseño e redacción da Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas no cal destacaron dous grandes fitos:

1. Participación cidadá, organizacións, institucións privadas e públicas en xeral e organismos sectoriais asociados: tras o acto de presentación da estratexia na Cidade da Cultura, leváronse a cabo as xornadas de presentación e os encontros (comarcais e sectoriais) realizados ao longo dos anos 2017 e 2018 para o deseño dunha Estratexia da Infraestrutura verde de Galicia.

Os encontros comarcais foron levados a cabo co fin de que a poboación xeral, o persoal técnico e políticos dos concellos de toda Galicia estivesen informados e participasen na elaboración da estratexia. Nos 47 encontros comarcais realizados participaron 957 persoas e entidades das 7.948 que foron contactados.

Realizáronse 7 encontros sectoriais co fin de que axentes de diversa procedencia e que traballan no mesmo ámbito temático e, polo tanto, con elevados coñecementos específicos sobre unha determinada cuestión puidesen pór en común os seus pareceres sobre a Estratexia da Infraestrutura verde de Galicia, para obter así unha visión de conxunto sobre as temáticas en cuestión. O número total de participantes nos encontros sectoriais foi de 150 persoas das 858 contactadas.

Neste ámbito houbo tamén un proceso de participación pública a través dun formulario posto á disposición ao inicio do proceso na páxina web creada para tal fin.

2. Consultas realizadas nas consellerías da Xunta de Galicia. Para dar cumprimento ao Marco normativo galego que sinala o artigo 86 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, fixéronse dúas consultas:

A primeira no ano 2021, na cal a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitiu por medios electrónicos o borrador da estratexia para que, nun prazo de 15 días hábiles, se remitisen as alegacións que se considerasen oportunas xunto coa ligazón onde poder consultar a documentación.

Esta consulta fíxoselles a todas as consellerías da Xunta de Galicia (non exclusivamente as de competencias que sinala o artigo en prol dunha maior transparencia).

Coa finalidade de chegar ao máximo consenso do documento da Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade, durante o presente ano 2022 fíxose unha segunda consulta aos seguintes organismos públicos da Consellería do Medio Rural: Agader, Fogga, Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

A Estratexia da Unión Europea sobre biodiversidade para 2030, aprobada en 2020, recoñeceu e reforzou o desenvolvemento da Infraestrutura verde como unha das ferramentas principais para o logro dos obxectivos ambientais da UE, algo que tamén se enmarca na Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable.

No período de información pública que se inicia agora, o conxunto da sociedade poderá coñecer o contido da Estratexia galega e facer achegas que permitan acadar os obxectivos e metas que se propoñen nela.

Polo exposto e continuando coa súa tramitación, de conformidade co previsto na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, co fin de garantir unha maior participación da cidadanía neste trámite administrativo,

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública, durante un prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas.

Segundo. O texto da Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas poderá consultarse no portal de transparencia da Xunta de Galicia https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Igualmente, infórmaselles ás persoas interesadas que poden enviar as súas alegacións ou suxestións, ademais de a través da dita ligazón de transparencia, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: departamento.xuridico.iet@xunta.gal, poñendo no asunto «Acordo do 8 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter a información pública e transparencia a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas», ou ben alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido ao Instituto de Estudios do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural