Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 22 de agosto de 2022 Páx. 44698

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de agosto de 2022 de aprobación definitiva do Plan básico municipal de Trabada (Lugo).

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva do Plan Básico Municipal do concello de Trabada (Lugo), mediante Orde do 5 de agosto de 2022, que figura como anexo.

Unha vez inscrito o Plan Básico Municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra do mesmo, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demáis documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_

action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2327&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2327

ANEXO

Orde do 5 de agosto de 2022 de aprobación definitiva
do Plan Básico Municipal de Trabada (Lugo)

O 17 de marzo de 2017 o Concello de Trabada remitiu escrito á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en que solicitaba a redacción dun plan básico municipal (PBM) por parte da consellería competente en materia de urbanismo.

Analizado o documento redactado e tramitado regulamentariamente, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O artigo 63.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, define os plans básicos municipais como os instrumentos de planeamento urbanístico dun termo municipal completo, que se redactarán en desenvolvemento do plan básico autonómico para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral.

2. Eses plans básicos teñen por obxecto a delimitación dos núcleos rurais existentes e dos terreos que reúnan os requisitos exixidos para ser clasificados como solo urbano consolidado, e a categorización do solo rústico, segundo as delimitacións das afeccións establecidas no Plan básico autonómico. Así mesmo, poden remitir a ordenación detallada de determinadas áreas a un plan especial aprobado con anterioridade e declaralo subsistente.

3. O Plan básico autonómico foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo. Mediante a Resolución do 21 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, apróbase a súa actualización (Diario Oficial de Galicia do 28 de xaneiro) coa corrección de erros do 14 de marzo de 2022 publicada no DOG do 30 de marzo de 2022.

4. O Concello de Trabada conta con 1.114 habitantes en 1 de xaneiro de 2021 segundo información do Instituto Nacional de Estatística (INE) e non ten aprobado ningún instrumento de planeamento xeral. Polo tanto, cumpre cos requisitos da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), para a redacción dun PBM.

5. Urben Consultores, S.L. resultou adxudicataria do contrato para a redacción do PBM de Trabada, de acordo co expediente de contratación do primeiro contrato baseado (expediente 32/2019U) no acordo marco con varios consultores para a redacción dos PBM (expediente 16/2018U).

II. Contido e determinacións do PBM.

1. En cumprimento do artigo 63.3 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e do artigo 150 e seguintes do seu regulamento (aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, en diante RLSG), o PBM de Trabada conta cos seguintes documentos: memoria xustificativa das súas determinacións; análise do modelo de asentamento poboacional; planos de información; planos de ordenación urbanística; Catálogo de elementos que se deben protexer e normativa urbanística.

2. Así mesmo, incorpora: documentación do trámite ambiental estratéxico simplificado; zonificación acústica; estudo da paisaxe e ficha de vixencia de planeamento.

3. No tocante ás determinacións do Plan básico municipal:

• O PBM de Trabada clasifica dous ámbitos de solo urbano consolidado (artigo 63.2.b) da LSG) denominados Trabada e Pedrido. Consta instrumento de delimitación do solo urbano aprobado o 8 de maio de 1978 que delimita estes asentamentos, ben que Pedrido aparece identificado como ría de Abres.

• Delimita 52 núcleos rurais (artigo 63.2.a) da LSG), dos cales 41 son tradicionais (39 mononucleares e 2 de tipo polinuclear), 1 é común e os 10 restantes combinan partes tradicionais e comúns (3 deles de tipo polinuclear).

No núcleo da Fórnea, na parroquia do mesmo nome, consta unha delimitación de núcleo rural aprobada o 10 de novembro de 2016 que o PBM declara subsistente, ao abeiro do artigo 149.a) do RLSG, incorporando a súa delimitación física e os seus parámetros urbanísticos.

• Categoriza o solo rústico tendo en conta as afeccións sectoriais delimitadas no PBA (artigo 63.2.c) da LSG) e as consideracións dos informes sectoriais preceptivos.

• Fixa o trazado da rede viaria pública existente e sinaliza as aliñacións (artigo 63.2.d) da LSG) tendo en conta os informes sectoriais das administracións titulares das vías.

• Delimita 1 contorno de protección do territorio histórico; e cataloga 21 elementos arqueolóxicos, 23 arquitectónicos, 14 etnográficos e 4 artísticos.

• A normativa reproduce no seu anexo I as ordenanzas reguladoras do Plan básico autonómico que resultan de aplicación (artigo 63.2.e) da LSG), sen prexuízo de incorporar normativa específica do PBM con base no estudo pormenorizado do territorio e nas indicacións dos informes sectoriais preceptivos (artigo 149.1.e) do RLSG).

III. Tramitación.

1. O procedemento para a aprobación dos plans básicos municipais regúlase no artigo 64 LSG e no 156 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro (RLSG).

2. O 9 de xullo de 2020 remíteselle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático escrito en que se solicita iniciar a avaliación ambiental estratéxica simplificada do PBM de Trabada, achegando o borrador do plan e o documento ambiental estratéxico.

3. O 22 de xullo de 2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático inicia polo prazo de dous meses o período de consultas previas á formulación do informe ambiental estratéxico e, simultaneamente, consulta as administracións públicas afectadas. Constan:

• Deputación de Lugo, informe do 14.8.2020.

• Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), informe do 19.8.2020.

• Augas de Galicia, informe do 27.8.2020.

• Dirección Xeral de Mobilidade, informe do 27.8.2020.

• Dirección Xeral de Enerxía e Minas, informe do 1.9.2020.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, informe do 11.9.2020.

• Concello de Trabada, informe do 22.9.2020.

• Instituto de Estudos do Territorio (IET), informe do 5.10.2020.

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, informe do 9.10.2020.

• Dirección Xeral de Patrimonio Natural, informe do 11.11.2020.

• Servizo de Montes de Lugo, informe do 23.2.2021.

No trámite ambiental non se recibiu resposta da Confederación Hidrográfica do Cantábrico Occidental (CHCO), nin da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

4. Tras este período de consultas, o 20 de outubro de 2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu resolución pola que se formulou o informe ambiental estratéxico (IAE) do PBM do Concello de Trabada, no cal conclúe non someter ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria a este PBM.

5. Solicitáronse os informes sectoriais preceptivos previos á aprobación inicial: Augas de Galicia; Demarcación de Estradas do Estado; Confederación Hidrográfica Cantábrico Occidental; Dirección Xeral da Costa e o Mar; e Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio.

O 25 de agosto de 2020 o Servizo Provincial de Costas solicitou a remisión do PBM traducido ao castelán, que foi enviado o 14 de setembro de 2020, ben que o organismo sectorial non chegou a emitir informe.

O 28 de agosto de 2020 recibiuse o informe favorable da Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio.

Así mesmo, solicitouse certificado do Catastro mineiro de Galicia, que foi achegado o 25 de novembro de 2021.

6. O PBM de Trabada foi aprobado inicialmente mediante resolución da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 23 de marzo de 2021.

7. O 25 de marzo de 2021 solicitáronse os informes sectoriais preceptivos ás administracións competentes e o informe determinante do concello. Ademais, enviouse a comunicación preceptiva prevista no artigo 189 da Lei 3/2003, de patrimonio das administracións públicas, e a prevista no artigo 101 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Simultaneamente, someteuse a información pública no DOG do 12 de abril de 2021 durante un prazo de 2 meses, publicitando o documento a través da web de documentos en información pública da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Así mesmo, o 12 de abril de 2021 foi publicado o anuncio nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia.

8. No relativo aos informes sectoriais preceptivos, foi recadado o pronunciamento favorable dos seguintes organismos sectoriais nas datas indicadas:

Organismo/Administración

Data de recepción do informe

Deputación Provincial de Lugo

16.2.2022

Delegación del Gobierno en Galicia. Área de Fomento

29.6.2021

Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Subdirección Xeral de Planificación, Rede Transeuropea e Loxística

20.4.2021

Ministerio de Defensa. Subdirección Xeral de Patrimonio

20.4.2021

Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas

29.6.2021

Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

31.3.2021

Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Confederación Hidrográfica do Cantábrico

11.3.2022

Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual

8.9.2021

Instituto de Estudos do Territorio

9.11.2021

Axencia Galega de Infraestruturas

18.3.2022

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

23.2.2022

Augas de Galicia

10.6.2021

Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

6.4.2021

Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

29.3.2021

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

7.9.2021

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Subdirección Xeral de Recursos Minerais

8.4.2021

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

Redes de Telecomunicación Galegas-Retegal, S.A.

30.3.2021

Consellería de Facenda e Administración Pública.

Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio

2.8.2021

Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (no ámbito da súa competencia en materia do Plan de ordenación do litoral)

23.2.2022

Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (no ámbito da súa competencia en materia de costas)

5.5.2022

Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Dirección Xeral da Costa e o Mar

16.6.2022

Ademais, solicitouse informe sectorial á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e á Demarcación de Estradas do Estado, sen que emitisen informe.

9. Consta Resolución da Alcaldía de Trabada do 8 de abril de 2022 que ratifica o informe favorable do arquitecto municipal ao PBM de Trabada do 8 de abril de 2022.

10. No relativo ás alegacións recibidas durante o período de información pública, recibíronse un total de 170. Consta no expediente informe das alegacións recibidas do 8 de xullo de 2022, e foron estimadas total ou parcialmente un 74 %.

11. O 29 de xullo de 2022 a Xunta Consultiva en materia de ordenación do territorio e vivenda emitiu informe favorable sobre o documento do PBM de Trabada.

IV. Análise e consideracións.

1. A documentación do PBM de Trabada cumpre coas determinacións establecidas polos artigos 63.2 da LSG e 149 do RLSG, e está adaptado ás determinacións das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

2. O PBM de Trabada atende ou xustifica as cuestións e determinacións relacionadas nos informes e consultas recibidos durante a súa tramitación.

3. En conclusión, o PBM de Trabada é un documento completo e axustado á lexislación vixente para os efectos de acadar a súa aprobación definitiva.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans básicos municipais correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 156.4 do Decreto 143/2016, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

V. Resolución.

En consecuencia e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan básico municipal de Trabada, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

2. Notificar esta orde ao Concello de Trabada.

3. De conformidade co disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo publicará o acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia (DOG) e a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da provincia.

4. De conformidade co disposto no artigo 88 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e no artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PBM de Trabada no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Trabada, 5 de agosto de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda