Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 22 de agosto de 2022 Páx. 44691

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 146/2022, do 4 de agosto, polo que se crea o Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse mediante o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, sobre asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de colexios oficiais ou profesionais.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da dita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 15, a modificación do ámbito territorial dos colexios profesionais, por segregación, deberá ser aprobada mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

En termos similares, o artigo 4 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, sinala que a segregación será promovida polos propios colexios, de acordo co disposto nos respectivos estatutos, e requirirá aprobación por decreto, logo de audiencia dos demais colexios afectados.

Mediante o Real decreto 907/2021, do 19 de outubro, autorizouse a segregación da Delegación Rexional da Comunidade Autónoma de Galicia do Colexio Nacional de Ópticos-Optometristas. A disposición adicional única do citado real decreto dispón que a segregación terá efectividade a partir da entrada en vigor da norma autonómica de creación do Colexio de Ópticos-Optometristas correspondente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste contexto, a Delegación Rexional da Comunidade Autónoma de Galicia do Colexio Nacional de Ópticos-Optometristas solicitou, ante a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a creación dun colexio autonómico, coa seguinte denominación: Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia.

As razóns que xustifican esta segregación baséanse en criterios de eficacia e eficiencia na consecución dos obxectivos que deben cumprir como corporacións de dereito público, tanto en relación coa defensa dos intereses das persoas colexiadas como das persoas consumidoras e usuarias, á vez que favorece a interlocución coas administracións públicas, co sector empresarial e coa sociedade no seu conxunto, promovendo unha mellor ordenación das actividades de servizos e o desenvolvemento da economía en xeral.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante este decreto créase, por segregación, o Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia.

O decreto consta de seis artigos relativos á creación e ámbito territorial, estrutura, ámbito persoal, relacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, igualdade de xénero e composición equilibrada e uso do galego nas comunicacións, tres disposicións transitorias e unha disposición derradeira.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de agosto de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación e ámbito territorial

1. Créase o Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia, por segregación do Colexio Nacional de Ópticos-Optometristas.

2. O colexio resultante da segregación, como corporación de dereito público, terá personalidade xurídica e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins consonte o establecido neste decreto, e exercerá as súas funcións dentro do ámbito territorial correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Terá a sede, dentro do seu ámbito territorial, no lugar que establezan os seus estatutos.

Artigo 2. Estrutura

A estrutura interna e o funcionamento do colexio resultante da segregación serán democrático, e rexerase nas súas actuacións pola lexislación básica do Estado, pola Lei de colexios profesionais de Comunidade Autónoma de Galicia, polo presente decreto, polos seus propios estatutos e polas demais normas internas que aprobe o Colexio.

Artigo 3. Ámbito persoal

O Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia estará integrado por todas as persoas colexiadas pertencentes ao Colexio, así como polas que con posterioridade sexan incorporadas a el por reuniren os requisitos exixidos para a súa colexiación.

Artigo 4. Relacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia

O Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia relacionarase coa Administración autonómica a través da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de colexios profesionais e, no relativo ao contido da profesión, coas consellerías competentes por razón da actividade profesional.

Artigo 5. Igualdade de xénero e composición equilibrada

1. No contido dos estatutos aprobados ao abeiro deste decreto terase en conta a perspectiva de xénero e a promoción da igualdade por razón de xénero na profesión de óptico-optometrista, que, así mesmo, será un principio informador de toda a actividade do Colexio.

2. Terase por non posta calquera disposición e por nulo calquera acordo dos órganos de goberno do Colexio que vulneren o establecido no punto anterior.

3. Os estatutos definitivos procurarán unha composición paritaria entre mulleres e homes nos órganos colexiados de goberno e responsabilidade do Colexio.

Artigo 6. Uso do galego nas comunicacións

O Colexio resultante procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións, tanto internas coma externas, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na regulación de normalización lingüística.

Disposición transitoria primeira. Comisión Xestora

1. A Xunta de Goberno da Delegación Rexional da Comunidade Autónoma de Galicia, do Colexio Nacional de Ópticos-Optometristas, quedará constituída en Comisión Xestora do novo Colexio.

2. A Comisión Xestora exercerá as funcións de impulso e coordinación do proceso de segregación e actuará como un órgano colexiado. Tomará as súas decisións, cando menos, por maioría absoluta do número legal dos nembros que a compoñen.

3. A Comisión Xestora, no prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor deste decreto, presentará os estatutos provisionais do Colexio resultante da segregación, nos cales se regulará o proceso electoral, a composición e o funcionamento da asemblea colexial constituínte e a forma de designación do órgano de goberno, así como as súas funcións. Os estatutos provisionais remitiránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para verificar a súa adecuación á legalidade e ordenar, de ser o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia mediante orde.

Disposición transitoria segunda. Constitución do colexio resultante

1. No prazo de dous meses desde a publicación dos estatutos provisionais, a Comisión Xestora convocará a asemblea constituínte do colexio resultante da segregación, integrada por todas as persoas colexiadas, con dereito a voto, cuxo domicilio profesional único ou principal radique na Comunidade Autónoma de Galicia, na cal se procederá, por esta orde, á elección dos membros do respectivo órgano de goberno do novo colexio e á aprobación dos estatutos definitivos, de conformidade co previsto nos estatutos provisionais.

A convocatoria da asemblea constituínte deberá anunciarse, como mínimo, con dous meses de antelación á data da súa realización, no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión de Galicia.

2. O colexio territorial resultante terá personalidade xurídica desde o momento en que entre en vigor a súa norma de creación e capacidade de obrar desde o momento en que se constitúa o seu órgano de goberno.

3. Os estatutos definitivos, xunto coa certificación da acta da reunión da correspondente asemblea constituínte e o certificado da composición do órgano de goberno, serán presentados ante a consellería competente en materia de colexios profesionais para a verificación da súa legalidade, aprobación definitiva mediante decreto e inscrición no Rexistro de Colexios, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Disposición transitoria terceira. Subrogación

O Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia subrógase nas relacións e situacións xurídicas do Colexio Nacional de Ópticos-Optometristas conforme a distribución que ambas as partes determinen de mutuo acordo.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de agosto de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes