Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 23 de agosto de 2022 Páx. 45364

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 9 de agosto de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 135/2022, do 14 de xullo, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional e se trasladan ensinanzas.

Por medio do Decreto 135/2022, do 14 de xullo, transformouse o instituto de educación secundaria Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa en centro integrado de formación profesional.

Como consecuencia desta transformación, as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato do IES Fermín Bouza Brey (36013771) trasládanse ao IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa (36019669).

Así mesmo, no Decreto 135/2022, do 14 de xullo, trasládanse ao centro integrado de formación profesional Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa (36013771) as seguintes ensinanzas:

– O ciclo formativo de grao medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría do Instituto de educación secundaria Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa (36012471).

– O ciclo formativo de grao superior de Acondicionamento Físico do instituto de educación secundaria Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía de Arousa (36018380).

– As ensinanzas da familia profesional de Comercio e Márketing (o ciclo formativo de grao básico de Servizos Comerciais, o ciclo formativo de grao medio de Actividades Comerciais e os ciclos formativos de grao superior de Comercio Internacional, Xestión de Vendas e Espazos Comerciais, e Marketing e Publicidade) do instituto de educación secundaria Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa (36019689).

A disposición adicional única do citado decreto establece que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados por este decreto, en aplicación do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el, e demais normativa de aplicación.

Resulta necesario, pois, regular o proceso de adscrición do persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario e mestres afectados polo decreto.

A disposición derradeira primeira do Decreto 135/2022, do 14 de xullo, habilita a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para ditar as disposicións que procedan no desenvolvemento e execución deste.

Na súa virtude, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ACORDA:

Primeiro. Cesamento no instituto que se transforma en centro integrado de formación profesional

1. O persoal docente do corpo de mestres e dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, das especialidades comprendidas entre os códigos 590001 e 590061, ambas incluídas, agás a especialidade 590018 –Orientación Educativa–, con destino definitivo no instituto de educación secundaria Fermín Bouza Brey, cesa neste instituto con efectividade do 31 de agosto de 2022.

2. Exceptúase do establecido no punto anterior o persoal docente que poida continuar adscrito con carácter definitivo ao instituto de educación secundaria Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, como consecuencia das prazas que neste centro se publican como anexo da presente orde.

Segundo. Cesamento no instituto de educación secundaria Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa e no instituto de educación secundaria Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa

1. O persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional, das especialidades de Procesos Sanitarios –590118– e Procedementos Sanitarios e Asistenciais –591220–, cesa no instituto de educación secundaria Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, con efectividade do 31 de agosto de 2022.

2. O persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional, das especialidades de Organización e Xestión Comercial –590110– e Procesos Comerciais –591221–, cesa no instituto de educación secundaria Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa, con efectividade do 31 de agosto de 2022.

Terceiro. Adscrición do persoal de corpo de catedráticos e profesores de ensino secundario

O persoal do corpo de catedráticos de ensino secundario e do corpo de profesores de ensino secundario, das especialidades relacionadas no punto primeiro, que teña destino definitivo para o curso académico 2022/23 no IES Fermín Bouza Brey poderá continuar adscrito neste centro ou poderá adscribirse con carácter definitivo no instituto de educación secundaria Armando Cotarelo Valledor, nun número por especialidade igual ao que se publica como anexo desta orde. A adscrición no centro receptor de ensinanzas terá efectividade do 1 de setembro de 2022.

Cuarto. Criterios de adscrición

1. A prioridade do persoal docente para continuar adscrito con carácter definitivo no centro de procedencia, ou para adscribirse con carácter definitivo no centro receptor das ensinanzas ou para quedar suprimido ou desprazado por falta de horario virá determinada pola especialidade da praza de que é titular e, en segundo lugar, pola aplicación dos criterios establecidos no Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el. Para estes efectos, terase en conta que un catedrático soamente terá prioridade cando no centro receptor de ensinanzas non haxa catedrático ou catedrática da especialidade.

2. O persoal funcionario docente non poderá optar por quedar suprimido ou desprazado por falta de horario se quedan prazas da súa especialidade sen cubrir no centro de orixe ou no centro receptor de ensinanzas.

Quinto. Adscrición noutra especialidade da cal se é titular

O persoal docente que non pode quedar adscrito definitivamente no centro receptor das ensinanzas pola súa especialidade de destino poderá, voluntariamente, adscribirse a prazas doutra especialidade da cal sexa titular en que haxa vacantes.

Sexto. Opción do profesorado non adscrito

O persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario que non poida quedar adscrito definitivamente deberá optar por quedar suprimido ou con destino definitivo no centro receptor de ensinanzas. Neste último suposto, este persoal funcionario docente quedará desprazado por falta de horario e deberá participar obrigatoriamente, cando sexa o caso, na adxudicación provisional de destinos e nos concursos de traslados ata a obtención dun novo destino.

Sétimo. Procedemento de adscrición

O persoal docente formulará a súa solicitude de integrarse con destino definitivo no centro receptor de ensinanzas ou de pasar á situación de suprimido ou desprazado por falta de horario nunha reunión convocada pola dirección do centro do cal se trasladan as ensinanzas, facendo constar a opción de cada unha das funcionarias e funcionarios docentes, e remitiraa á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e unha copia á xefatura territorial correspondente.

Oitavo. Profesorado titular das especialidades que imparten ensinanzas de formación profesional específica

1. O profesorado adscrito definitivamente en 1 de setembro de 2022 a prazas das especialidades de Procesos Sanitarios e Procedementos Sanitarios e Asistenciais no instituto de educación secundaria Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa quedará adscrito con carácter definitivo, coa mesma data, ao centro integrado de formación profesional Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa.

2. O profesorado adscrito definitivamente en 1 de setembro de 2022 a prazas das especialidades de Organización e Xestión Comercial e Procesos Comerciais no instituto de educación secundaria Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía, quedará adscrito con carácter definitivo, coa mesma data, ao centro integrado de formación profesional Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa.

Noveno. Adscrición do persoal do corpo de mestres

O persoal funcionario docente do corpo de mestres adscrito definitivamente en 1 de setembro de 2022 no IES Fermín Bouza Brey quedará adscrito con carácter definitivo coa mesma data no IES Armando Cotarelo Valledor.

Décimo. Cómputo da antigüidade

O persoal funcionario docente que, como consecuencia do Decreto 135/2022, do 14 de xullo, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional e se trasladan ensinanzas, manterá, para todos os efectos de antigüidade no novo centro, a xerada no seu centro de orixe.

O persoal que quede suprimido ou desprazado por falta de horario, cando obteña un novo destino definitivo, tamén manterá, para todos os efectos de antigüidade no novo centro, a xerada no seu centro de orixe, á cal se engadirá o tempo transcorrido como suprimido ou desprazado.

Décimo primeiro. Publicación dos destinos no DOG

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicará no Diario Oficial de Galicia os destinos do persoal docente que os obteña con carácter definitivo.

Décimo segundo. Cesamento dos equipos directivos

A dirección e restantes membros do equipo directivo do instituto de educación secundaria Fermín Bouza Brey cesarán con efectividade do 31 de agosto de 2022.

Décimo terceiro. Traslado de material

Se é o caso, a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades adoptará as medidas oportunas en relación cos traslados de material que sexa necesario efectuar.

Disposición adicional. Adscrición do profesorado do IES Manuel Ángel González Estévez

O profesorado da especialidade de Educación Física, con destino definitivo en 1 de setembro de 2022 no IES Manuel Ángel González Estévez, poderá adscribirse con carácter definitivo no centro integrado de formación profesional Fermín Bouza Brey, se quedan vacantes unha vez realizada a adscrición regulada nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO

Centro

Especialidade

Prazas

CIFP Fermín Bouza Brey

Física e Química

2

CIFP Fermín Bouza Brey

Inglés

3

CIFP Fermín Bouza Brey

Educación Física

3

CIFP Fermín Bouza Brey

Orientación Educativa

1

IES Armando Cotarelo Valledor

Latín

1

IES Armando Cotarelo Valledor

Lingua Castelá e Literatura

2

IES Armando Cotarelo Valledor

Xeografía e Historia

1

IES Armando Cotarelo Valledor

Física e Química

1

IES Armando Cotarelo Valledor

Bioloxía e Xeoloxía

1

IES Armando Cotarelo Valledor

Música

1

IES Armando Cotarelo Valledor

Lingua e Literatura Galega

1

IES Armando Cotarelo Valledor

Pedagoxía Terapéutica

1