Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Venres, 26 de agosto de 2022 Páx. 45960

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do IV Premio empregados/as públicos/as innovadores/as e se convoca para o ano 2022 (código de procedemento IN822D).

A Axencia Galega de Innovación (Gain) ten entre os seus fins o de fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas, a través do desenvolvemento de estratexias e programas de innovación eficientes.

O 30 de decembro de 2015 Gain asinou un convenio marco co Ministerio de Economía y Competitividad (agora, Ministerio de Ciencia e Innovación) para o fomento da Compra Pública de Innovación (CPI) en Galicia. Entre os compromisos adquiridos por Gain nese convenio estaba o de fomentar a CPI nos diversos organismos públicos de Galicia. Gain colaborou coas entidades e organismos públicos de Galicia no desenvolvemento de licitacións de CPI e actuou como elemento catalizador na aplicación dos fondos de financiamento europeos do Programa operativo plurirrexional Feder de crecemento intelixente xestionados polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (hoxe Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación), a través da Axencia Galega de Innovación, foi a responsable de levar á práctica as actuacións recollidas no Programa integral de impulso da compra pública de innovación (Programa Innpulsa CPI), do que se deu conta no Consello da Xunta do 13 de xullo de 2017. Este programa buscaba consolidar Galicia como un referente neste instrumento que fomenta a innovación a través da contratación por parte da Administración de novas solucións e produtos. Así mesmo, Gain asesorou e coordinou aos diferentes departamentos da Xunta para identificar novas iniciativas de alto impacto en áreas de interese aliñadas coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3).

Un dos obxectivos do Programa Innpulsa CPI era o de «formar ao persoal da Xunta de Galicia e outras administracións públicas no uso da CPI para contar con organizacións públicas innovadoras orientadas aos usuarios e con capacidades para anticiparse ao mercado». Ademais, o programa incluía como unha actuación específica de difusión da CPI, a convocatoria do «Premio aos/ás empregados/as públicos/as innovadores/as», co obxectivo de incentivar os comportamentos innovadores na Administración pública.

Logo do éxito das dúas tres edicións do Premio empregados/as públicos/as innovadores/as, Gain lanza a cuarta edición co obxectivo de sensibilizar e incentivar o uso da innovación para a mellora dos servizos públicos e a optimización na xestión dos recursos públicos. Esta edición, seguindo a liña das edicións anteriores, persegue novas motivacións en forma de premios que permitan recoñecer o esforzo dos empregados por implementar e desenvolver procedementos e solucións máis innovadoras. Tamén, e no que atinxe á carreira administrativa dos/das empregados/as públicos incluirase, por parte do órgano competente en materia de función pública, a concesión destes premios entre os criterios de avaliación para o seu recoñecemento.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, no exercizo das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras do Premio empregados/as públicos/as innovadores/as

Artigo 1. Finalidade

A finalidade do premio é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia xa que fai posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía.

Así mesmo, por medio desta resolución, establécense as bases reguladoras e convócase o IV Premio empregados/as públicos/as innovadores/as (código de procedemento IN822D).

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderá participar nesta convocatoria todo o persoal funcionario e laboral, incluído no artigo 4.a), 4.c) e 4.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

2. A forma de participación poderá realizarse a título individual ou conformando un equipo de traballo. O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de tres persoas e, neste caso, indicarse expresamente a persoa física designada como portavoz do equipo, que será a encargada das comunicacións.

3. Aínda cumpridos os requisitos recollidos na convocatoria, non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas nas que concorran algunhas das causas de exclusión recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nas súas normas de desenvolvemento, ou en calquera dos apartados da presente convocatoria.

4. Non poderán presentarse a este premio os proxectos que xa foran gañadores nalgunha das edicións anteriores.

Artigo 4. Categorías do IV Premio empregados/as públicos/as innovadores/as

a) Identificación de oportunidades: premiarase a identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración. A/as persoa/s interesada/s en participar nesta categoría deberán detallar e definir unha problemática no servizo que prestan á cidadanía, así como as razóns que motivan a necesidade de interese que tería a súa resolución.

b) Proxecto coa temática máis innovadora: premiaranse proxectos innovadores xa realizados ou en curso. A/as persoa/s interesada/s en participar nesta categoría deberán detallar o proceso do proxecto, expoñer os puntos considerados fundamentais e xustificar as características que outorgan carácter innovador ao seu proxecto. Premiaranse aqueles proxectos coa temática máis vangardista e innovadora.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das postulacións

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de solicitude (anexo I).

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

– Ficha de postulación (anexo II).

– Pluralidade de persoas solicitantes (anexo III), se aplica na súa solicitude.

– De xeito opcional, unha memoria que aporte máis información sobre a súa candidatura.

3. A ficha de postulación (anexo II) contará cos seguintes apartados:

– Na categoría Identificación de oportunidades: resumo da postulación; campo ou problemática que se pretende resolver; explicación do impacto, beneficios e efecto dinamizador sobre o escenario actual; e posibilidade de dar resposta á oportunidade detectada.

– Na categoría Proxecto coa temática máis innovadora: resumo da postulación; explicación do grao de innovación do proxecto; identificación da repercusión do proxecto sobre o servizo público que se ve mellorado ou sobre a efectividade ou a calidade do traballo desenvolvido polo/a empregado/a público/a; explicación das capacidades do equipo técnico; explicación da utilidade que o proxecto pode ter noutro ámbito da administración ou das sinerxias que se poden xerar con outras iniciativas.

4. Co obxecto de garantir o anonimato, no anexo II non figurará ningún dato persoal da persoa ou equipo de persoas autoras das propostas. Neste sentido, a dirección de Gain facilitará ao Comité de Avaliación, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e os datos non identificativos que a persoa solicitante incluira no anexo II e manterá custodiada a identidade da persoa autora ata que se resolva o procedemento.

5. No caso de que se trate dunha candidatura en equipo, os seus membros, exceptuando o representante, deberán cumplimentar o anexo III referente á pluralidade de persoas solicitantes.

6. A/as persoa/s interesada/s poderán achegar, de xeito opcional, xunto coa solicitude (anexo I), unha memoria en formato libre que aporte máis información sobre a súa candidatura. Esta memoria ten que cumprir o seguinte formato: tipografía Xunta Sans ou Arial, tamaño 11 puntos, entreliña de 1.5 e extensión non maior a dez páxinas.

7. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

9. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa solicitante.

d) Certificado de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa AEAT da persoa solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.

f) Certificado de non estar inhabilitado para obter subvencións e axudas.

g) DNI ou NIE das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes, no caso de tratarse de candidaturas en equipo.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes, no caso de tratarse de candidaturas en equipo.

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes, no caso de tratarse de candidaturas en equipo.

j) Certificado de non estar inhabilitado para obter subvencións e axudas.

k) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT das persoas integrantes do equipo que non actúen como solicitantes, no caso de tratarse de candidaturas en equipo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Área de Programas da Axencia Galega de Innovación, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta resolución. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, teráselle por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comité de Avaliación

1. O exame das postulacións presentadas e, se é o caso, a proposta de adxudicación dos premios corresponderalle a un Comité de Avaliación, que estará composto por tres persoas cos seguintes perfiles:

– Un/unha avaliador/a da Xefatura do Departamento de Xestión da Innovación.

– Unha personalidade de ámbito galego comprometida coa innovación na Administración.

– Unha personalidade de ámbito nacional vinculada á promoción da innovación desde a demanda.

Procurarase que no Comité de Avaliación exista unha representación equilibrada de mulleres e homes con capacitación, competencia e preparación axeitada.

2. A composición nominal do Comité de Avaliación farase pública na páxina web de Gain.

3. A proposta de adxudicación dos premios realizarase nun prazo non superior a dous meses contados desde o último día de prazo de presentación.

4. O Comité de Avaliación poderá propoñer deixar deserto o premio, cando ningunha das postulacións presentadas reúna os requisitos exixibles.

5. O Comité de Avaliación estará clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

6. O funcionamento do Comité de Avaliación regularase polas normas contidas na sección 3ª (órganos colexiados das distintas administracións públicas) do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Artigo 12. Criterios de avaliación

No proceso de avaliación, o Comité de Avaliación terá en conta os seguintes criterios de valoración segundo as categorías:

1. Identificación de oportunidades: interese da oportunidade identificada e a relevancia desta segundo o contexto ao que se fai referencia (puntuación 30 %), impacto sobre a contorna e efecto dinamizador sobre o escenario actual (puntuación 15 %), posibilidade de levar á realidade (puntuación 30 %), orixinalidade na postulación e presentación de proposta (puntuación 25 %).

2. Proxecto coa temática máis innovadora: grao de innovación e diferenciación do proxecto realizado. Entendendo a innovación como avances substanciais fronte a outras posibles solucións, se é que existen, e promovendo cambios de modelo e de hábitos cara a outros máis sostenibles e eficientes (puntuación 30 %). Impacto do proxecto sobre o escenario actual (puntuación 10 %); calidade, capacidade e compromiso do equipo técnico e promotor (puntuación 15 %); replicabilidade (puntuación 20 %); orixinalidade na postulación e presentación da proposta (puntuación 25 %).

Artigo 13. Resolución e réxime de recursos

1. A adxudicación dos premios realizarase mediante resolución da directora de Gain, de acordo coa proposta do Comité de Avaliación.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución da directora de Gain pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a directora de Gain, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46 respectivamente da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 14. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados a Gain nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 15. Publicidade e entrega do premio

Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución deste procedemento.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web e redes sociais de Gain (http://gain.xunta.gal).

Os premios entregaranse no transcurso dun acto público que se celebrará para o efecto.

A aceptación do premio leva implícito o consentimento para que a Axencia Galega de Innovación difunda nos medios de comunicación os gañadores dos premios.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Información e control

As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa normativa propia.

Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

CAPÍTULO II

Convocatoria do IV Premio empregados/as públicos/as innovadores/as
para o ano 2022

Artigo 19. Convocatoria

Convócase o IV Premio empregados/as públicos/as innovadores/as para o ano 2022.

Artigo 20. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2022.

Artigo 21. Premios

Establécense os seguintes premios:

1. As persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de 2.000 euros se se trata dunha solicitude individual. Se a solicitude e dun equipo, o importe do premio en metálico será de 3.000 euros para o conxunto do equipo.

2. A consellería competente en materia de función pública adoptará as medidas necesarias para incluír a concesión destes premios entre un dos criterios de avaliación a ter en conta para o recoñecemento do sistema de carreira administrativa da Xunta de Galicia.

3. Todas as persoas premiadas das diferentes categorías do premio gozarán de recoñecemento público a través do acto de entrega, entrevistas para publicación e diploma acreditativo de tal condición.

Artigo 22. Financiamento

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.A2.561A.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2022, ata un importe máximo de 6.000 euros.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file