Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 29 de agosto de 2022 Páx. 46079

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2022 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras dos Premios de investigación sobre VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2022.

A principios dos anos 80 do século XX irrompeu en todo o mundo o VIH (virus de inmunodeficiencia humana), que provocaba unha enfermidade mortal chamada sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida). Esta enfermidade xerou unha grande alarma social debido a que era unha enfermidade mortal, de causa e vías de transmisión descoñecidas. Desde ese momento iniciouse unha intensa actividade investigadora multidisciplinar que permitiu identificar o axente causal da enfermidade, diminuír dun xeito moi importante a súa mortalidade e aumentar a calidade de vida das persoas afectadas.

Desde o ano 2000, especialmente a partir de 2010, produciuse un incremento gradual do número de infeccións de transmisión sexual (ITS), o que se converteu nun importante problema de saúde pública no mundo. Alén do seu efecto inmediato, as ITS poden ter consecuencias graves (infertilidade, morte prenatal ou neonatal, cancros...). Por iso, son necesarias novas ferramentas para poder frear o avance destas enfermidades e os riscos que supoñen; de aí a importancia de apoiar as liñas de investigación en estratexias de prevención, tecnoloxías de diagnóstico e opcións de tratamento, entre outros aspectos, neste tipo de infeccións.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (en diante, ACIS) é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e aplícaselle a citada regulación, agás o relativo ao persoal e aos elementos da súa organización, que se rexerán polo disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e na súa normativa específica, de conformidade co previsto na disposición adicional sexta da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

A ACIS, adscrita á consellería competente en materia de sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, ten personalidade xurídica propia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía na súa xestión, nos termos que precisen as leis.

A ACIS ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar, en réxime de descentralización funcional, como un instrumento de xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, así como o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, así como a formación continuada dos profesionais das institucións sanitarias.

O artigo 19 dos estatutos da ACIS, aprobados mediante o Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, atribúe á Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria «a planificación, promoción, coordinación, execución e avaliación da investigación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia», a través do desempeño das seguintes funcións:

«Artigo 19.j) Propoñer a convocatoria de bolsas, axudas e premios, e outras medidas de fomento da investigación sanitaria, así como o seu seguimento, asesoramento, difusión de resultados e apoio a investigadores e rexistros da materia».

Por este motivo, a Presidencia da ACIS, á vista da proposta formulada pola Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria e da certificación relativa ao control polo Consello Reitor da Axencia da convocatoria dos premios, resolveu aprobar a proposta da convocatoria dos Premios de investigación do VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual 2022.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras dos Premios de investigación sobre VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2022, que se incorporan a esta resolución como anexo I.

2. Os premios son os seguintes:

– O primeiro premio constará dun certificado acreditativo e dunha dotación en metálico de tres mil euros (3.000,00 €).

– O segundo premio constará dun certificado acreditativo e dunha dotación en metálico de mil cincocentos euros (1.500,00 €).

– Dous premios accésit que contarán con cadanseu certificado aínda que sen dotación económica.

Artigo 2. Financiamento

Para o financiamento destes premios está previsto un crédito de catro mil cincocentos euros (4.500,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 12A1-411A-480.00/Proxecto 2018-00003 Premio investigación VIH e outras infeccións de transmisión sexual, dos seus orzamentos do ano 2022.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento serán tratados pola Consellería de Sanidade para ser incorporados ao sistema de tratamento Xestión económica, orzamentaria e relacións económicas con terceiros, cuxa finalidade é, entre outras, xestionar as relacións comerciais e económicas con terceiros. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Sanidade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Sanidade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Delegado de protección de datos. Consellería de Sanidade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dpd@sergas.es

Disposición derradeira primeira. Órgano responsable

A ACIS adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación, difusión e execución do premio.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2022

Julio García Comesaña
Presidente da Axencia Galega para a Xestión
do Coñecemento en Saúde

ANEXO I

Bases reguladoras dos Premios de investigación sobre VIH
e/ou outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2022

Artigo 1. Obxecto

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) promove e convoca os Premios de investigación sobre VIH e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2022.

A finalidade destes premios é promover a investigación neste eido, dar publicidade á investigación galega sobre estas enfermidades e recoñecer publicamente o labor que as persoas investigadoras veñen realizando para aumentar a calidade e a esperanza de vida das persoas afectadas.

Artigo 2. Orzamento e normativa reguladora

1. Para financiar estes premios a ACIS ten previsto un crédito de catro mil cincocentos euros (4.500,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 12A1-411A-480.00/Proxecto 2018-00003 Premio investigación VIH e outras infeccións de transmisión sexual, dos seus orzamentos do ano 2022.

2. Entregaranse un primeiro premio, un segundo premio e dous premios accésit. O primeiro premio, cun importe de tres mil euros (3.000,00 €), será concedido á primeira persoa asinante do artigo científico mellor valorado. O segundo premio, cun importe de mil cincocentos euros (1.500,00 €), concederase á primeira persoa asinante do segundo artigo científico mellor valorado, e os premios accésit concederanse á primeira persoa asinante do terceiro e do cuarto artigos científicos mellor valorados.

Estes premios son compatibles con outros premios ou distincións.

Os premios quedarán sometidos ás retencións que correspondan en concepto de imposto sobre a renda das persoas físicas.

Os premios outorgaranse sen solicitude previa das persoas beneficiarias, polo que quedan excluídas do ámbito de aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A tramitación destes premios realizarase con suxeición ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no que poida ser aplicable, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

Investigación científica sobre VIH e outras ITS realizada en institutos, centros, universidades ou axencias de investigación galegas, así como en calquera centro galego que aborde este tipo de patoloxías.

Artigo 4. Persoas candidatas

As persoas candidatas a estes premios serán as persoas físicas investigadoras que consten como primeiras autoras de artigos publicados en 2020 e que estean incluídas no ámbito de aplicación destas bases reguladoras.

As persoas candidatas propostas aos premios polo xurado deberán acreditar a súa vinculación a algún centro incluído no ámbito de aplicación destas bases, no momento da elaboración do artigo, mediante a presentación dun certificado ao xurado. Este certificado enviarase ao xurado antes do acto de entrega dos premios.

Artigo 5. Criterio de exclusión dos artigos seleccionados

Será criterio de exclusión que os artigos sexan teses doutorais, traballos fin de grao e fin de máster, cartas, editoriais, comunicacións e/ou pósters a congresos.

Artigo 6. Requisitos dos artigos seleccionados

1. Os artigos deben ter relación directa coa infección polo VIH e/ou as demais ITS.

2. Os artigos teñen que estar indexados nalgunha das seguintes bases de datos bibliográficas: Medline/PubMed, Embase, IBECS (Índice Bibliográfico de Ciencias da Saúde), CiberIndex (Fundación Index); nos Repositorios das universidades galegas: Minerva (Universidade de Santiago de Compostela), RUC (Universidade da Coruña) e INVESTIGO (Universidade de Vigo); en ÍnDICEs-CSIC, MEDES Fundación Lilly, PSICODOC, DIALNET, Scopus, WOS (Web of Science) e PsycInfo.

3. Os artigos deben estar publicados no ano 2021.

Artigo 7. Composición do xurado

Os artigos serán avaliados por un xurado composto polos seguintes membros:

– Presidente/a: persoa que exerza a titularidade do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Consellería de Sanidade, ou persoa en quen delegue, que disporá de voto de calidade.

– Secretario/a: unha persoa técnica do Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

– Os vogais serán unha persoa representante de cada unha das seguintes unidades administrativas:

1. Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (ACIS).

2. Bibliosaúde.

3. Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía (Consellería de Sanidade).

4. Rede Galega de Comités de Ética da Investigación.

5. Sociedade Galega Interdisciplinaria de Sida (Sogaisida).

6. Profesorado do ámbito das ciencias da saúde ou ciencias sociais dunha das tres universidades galegas.

Na composición dos membros do xurado procurarase acadar unha composición equilibrada entre homes e mulleres.

Non poderán ser membros do xurado as persoas que cumpran algunha destas circunstancias:

1. Persoas autoras de artigos que cumpran os requisitos destas bases reguladoras.

2. Persoas vinculadas a elas por parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo grao.

3. Persoas que presenten conflito de intereses.

Os vogais poderán delegar a súa representación noutro dos vogais ou ben no/na presidente/a.

Artigo 8. Criterios de selección dos artigos gañadores

A elección dos artigos premiados farase con base nos criterios que se recollen a continuación, en que se valorarán os aspectos que en cada un deles se indican:

1. Calidade científico-técnica do artigo: 0-20 puntos.

A exposición clara da introdución, concreción dos obxectivos, metodoloxía científica ben definida, análise estatística dos resultados, discusión ben argumentada con bibliografía actualizada, conclusións que se adaptan aos resultados do estudo, etc.

2. Impacto positivo da investigación na calidade e esperanza de vida das persoas afectadas: 0-20 puntos.

En que medida o estudo repercutirá na calidade e/ou esperanza de vida das persoas afectadas (mellora da súa evolución clínica, creación de recomendacións para a asistencia destas persoas, etc.).

3. Éxito da investigación no cambio de actitudes en persoas con prácticas de risco para as ITS: 0-15 puntos.

Os estudos sobre técnicas de modificación de actitudes e condutas de risco que resulten efectivas.

4. Realizar a investigación en grupos de elevada prevalencia de ITS: 0-15 puntos.

Neste punto consideraranse «grupos de elevada prevalencia de ITS» as persoas que se inxectan drogas, as persoas que exercen a prostitución, os homes que teñen sexo con outros homes, as persoas internas en prisión e as persoas orixinarias de países de elevada prevalencia.

5. Aspectos innovadores na abordaxe da investigación: 0-10 puntos.

Os aspectos innovadores fan mención á incorporación de nova metodoloxía de estudo, novos enfoques, novos instrumentos, etc.

6. Carácter multidisciplinar do equipo investigador: 0-10 puntos.

Entenderase que o artigo ten carácter multidisciplinar se está elaborado por persoal de diferentes servizos, departamentos ou centros.

Artigo 9. Selección dos artigos gañadores

O xurado deste premio fará unha revisión bibliográfica de todos os artigos científicos publicados o ano anterior á concesión do premio (ano 2021) que cumpran os requisitos destas bases reguladoras.

O xurado reunirase e valorará os artigos recompilados en función dos criterios de selección establecidos no artigo 8.

O xurado elaborará unha acta en que conste o resultado motivado desta avaliación coa proposta das persoas galardoadas. Á vista da dita acta, a persoa que actúe de secretaria do xurado comunicaralles ás persoas propostas como galardoadas o acordo de concesión adoptado polo xurado xunto coas condicións e os termos en que se propón outorgar o premio.

A continuación, solicitaralles a aceptación expresa dos premios. As persoas investigadoras que acepten o premio presentarán a acreditación da súa vinculación a algún centro incluído no ámbito de aplicación destas bases no momento da elaboración do artigo. A decisión do xurado será inapelable.

Naqueles aspectos non previstos nestas bases en relación co funcionamento do xurado como órgano colexiado aplicarase o previsto nos artigos 14 a 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Resolución

Á vista da antedita acta e da aceptación expresa do premio, a persoa titular da presidencia da ACIS ditará a resolución do premio, que será inapelable e se fará pública a través do Diario Oficial de Galicia e das páxinas web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es e da ACIS www.acis.sergas.es

Artigo 11. Entrega de premios

Se a situación epidemiolóxica o permite, farase entrega dos premios nun acto público na Consellería de Sanidade.

Artigo 12. Difusión da actividade investigadora premiada

A aceptación do premio leva implícito o consentimento para que a ACIS e a Consellería de Sanidade difundan, nos medios que consideren máis axeitados, a seguinte información:

– O título dos artigos gañadores.

– A identidade das persoas autoras.

– O nome dos centros ou institucións onde se elaboraron os traballos de investigación.