Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 31 de agosto de 2022 Páx. 46587

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2022, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado mediante a Resolución do 31 de maio de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 115, do 18 de xuño), pola que se fai pública a relación de aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo pola quenda de promoción interna.

En sesión que tivo lugar o 17 de agosto de 2022, o tribunal nomeado mediante a Resolución do 16 de maio de 2022 (DOG núm. 97, do 20 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado mediante a Resolución do 31 de maio de 2021 (DOG núm. 115, do 18 de xuño),

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio consta de dúas probas e cualificarase de 0 a 30 puntos. Para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos.

Segundo o disposto na citada base, polo Acordo deste tribunal, do 7 de xullo de 2022, establecéronse os seguintes criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio:

1. A primeira proba consistirá na resolución por escrito dun cuestionario de dez (10) preguntas.

Esta primeira proba cualificarase de 0 a 15 puntos. Cada unha das 10 preguntas terá unha puntuación máxima de 1,5 puntos.

As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

O tribunal avaliará o coñecemento dos aspirantes valorando nas respostas dadas o seu grao de corrección, adecuación e precisión, así como a súa exposición estruturada e contextualizada.

O tempo máximo de duración desta proba será dunha (1) hora e trinta (30) minutos.

2. A segunda proba consistirá na resolución, á elección da persoa aspirante, de tres (3) supostos prácticos de dereito tributario ou ben de tres (3) supostos prácticos de dereito orzamentario.

Esta segunda proba cualificarase de 0 a 15 puntos.

Cada suposto práctico de dereito tributario terá a valoración de 5 puntos como máximo.

Cada suposto práctico de dereito orzamentario terá a valoración de 5 puntos como máximo.

Os supostos non contestados non penalizan nin reciben puntuación.

O tribunal avaliará o coñecemento dos aspirantes valorando nas respostas dadas o seu grao de corrección, adecuación e precisión, tanto no contido como no razoamento seguido para a resolución dos supostos, así como a súa exposición estruturada e contextualizada.

O tempo máximo de duración desta proba será de dúas (2) horas.

O primeiro exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos. Para superalo é necesario ter un mínimo de quince (15) puntos. Esta cualificación total obterase pola suma da correspondente á primeira proba e da segunda; suma que non terá lugar se a cualificación obtida en calquera das probas for inferior a seis (6) puntos, caso en que non se superará o exercicio.

Realizada a corrección das probas polo tribunal en sesións do 5 e 11 de agosto de 2022, os aspirantes que acadaron a puntuación mínima, e polo tanto superaron o exercicio, son un total de catro (4).

Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas o 14 de xullo de 2022 ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso pola quenda de promoción interna no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións, non prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2022

Juan José Rodríguez Díaz
Presidente do tribunal