Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 31 de agosto de 2022 Páx. 46456

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 22 de agosto de 2022 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN308C).

O 10 de febreiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN308C).

No artigo 21 das bases reguladoras da dita orde establécese que, para cobrar a subvención concedida, as entidades locais beneficiarias terán ata o 31 de outubro de 2022 para presentar a documentación xustificativa indicada no citado artigo. Co fin de garantir a maior eficacia posible das referidas subvencións e dado que non se causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Por canto antecede, en exercicio das competencias atribuídas no artigo 4 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación,

ACORDO:

Artigo 1

Ampliar ata o 1 de decembro de 2022 (incluído) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da citada Orde do 21 de xaneiro de 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2

Modificar o punto 1 do artigo 21 da Orde do 21 de xaneiro de 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, quedando a redacción da seguinte maneira:

«Para cobrar a subvención concedida, as entidades locais terán ata o 1 de decembro de 2022 (incluído) para presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a seguinte documentación:».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación