Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 12 de setembro de 2022 Páx. 48245

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, e se convocan para o exercicio 2022 (código de procedemento TR351B).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, e a través do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 123/2022, do 23 de xuño, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Con base no exposto, correspóndelle a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, prestando especial atención aos colectivos con especiais dificultades de inserción, no marco da Estratexia europea para o emprego, de acordo coa Axenda 20 para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e no eido da colaboración institucional.

A Estratexia española de activación para o emprego 2017-2020, aprobada polo Real decreto 1032/2017, do 15 de decembro, desenvolve os eixes das políticas activas de emprego e entre os seus principios de actuación establece o de «colaboración con axentes de interlocución social e outros axentes públicos e privados, sectoriais ou locais, incluíndo empresas e sociedades empregadoras, co obxecto de xerar redes de confianza, obter mellor información e reforzar as dimensións territorial e sectorial das políticas de activación». Entre os obxectivos do eixe 5 para o fomento do emprendemento inclúese o asesoramento integral ás persoas emprendedoras que proporcione unha mellor viabilidade dos proxectos empresariais, así como promover o desenvolvemento territorial, apoiando especialmente a creación de novas iniciativas empresariais en zonas rurais.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas a favorecer o desenvolvemento das zonas deprimidas, tendo especial relevancia o apoio ao emprego local. Ademais, a propia Unión Europea aconsella centrar os esforzos na dinamización das economías locais, a través de plans e programas que favorezan a permanencia da poboación no seu propio contorno.

A constitución dunha contorna local propicia á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais, como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuadas que lles permitan utilizar unha metodoloxía común e que poidan desempeñar diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa.

Desde esta perspectiva faise necesario potenciar o papel das entidades locais como motor da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

A Axenda 20 para o emprego contén, entre as medidas en materia de emprego de calidade, as relacionadas coa orientación a servizos na atención ás persoas demandantes e empresas, entre outras, afondar na formación continua do persoal técnico da Rede de técnicos de emprego de Galicia, desenvolvendo un currículo específico e especializado en relación cos servizos que se prestan.

Tendo en conta o exposto, nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local (en adiante, AEDL) por parte das entidades locais.

Neste contexto, a implementación da Rede de persoas técnicas de emprego de Galicia, como infraestrutura especializada na promoción do emprego, adquire precisamente o seu maior potencial grazas á súa distribución por todo o territorio da Comunidade Autónoma. Porén, esta vantaxe estratéxica precisa de canles de comunicación axeitadas que confiran fluidez ao intercambio de experiencias e de información interna, para converter en sinerxías colectivas o traballo individual realizado por cada técnico.

Para este exercicio de 2022 continúase coa implantación, en e para Galicia, dun programa autonómico, que non é outra cousa que unha adaptación do programa estatal de axentes de emprego e desenvolvemento local, coherente co momento actual e cos requirimentos específicos da realidade do noso mercado laboral.

Os servizos e programas de políticas activas de emprego serán deseñados e desenvolvidos polas comunidades autónomas e polo Servizo Público de Emprego Estatal no ámbito das súas competencias, e serán obxecto de desenvolvemento regulamentario, que incluirá un marco legal de medidas estatais de políticas activas de emprego dirixidas de maneira integrada a favorecer a inclusión laboral das persoas con discapacidade, e establecerá os contidos mínimos que serán de aplicación no conxunto do Estado.

Segundo o artigo 85 e seguintes do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema nacional de emprego, nos seus programas para o fomento territorial do emprego os servizos públicos de emprego poderán aplicar calquera das seguintes modalidades de subvención:

a) Subvencións para a contratación de persoal técnico en xestión de desenvolvemento local, para impulsar as potencialidades de desenvolvemento e emprego, a planificación estratéxica no ámbito do emprego e o desenvolvemento económico local, así como fomentar a inserción laboral das persoas participantes nos servizos e programas de activación para o emprego.

b) Subvencións para o funcionamento de unidades de promoción e desenvolvemento que teñan por obxecto colaborar na preparación, acompañamento e avaliación dos proxectos de activación que se desenvolvan nun ámbito territorial concreto, en especial nos proxectos que se executen no marco dos programas experienciais de emprego e formación, así como a implementación de proxectos de desenvolvemento nun ámbito territorial concreto.

c) Subvencións para a elaboración de plans territoriais de emprego e desenvolvemento local, así como de estudos territoriais sobre as oportunidades de emprego, que favorezan, polo menos, o pulo de proxectos integrados de reequilibrio territorial e económico.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas, e financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias contidas da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, logo dos informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e financiamento

1. Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria no exercicio 2022, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, no ámbito de colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coas entidades locais (procedemento TR351B), a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego na contorna local.

2. As aplicacións orzamentarias e os créditos destinados ás axudas e subvencións establecidas na presente convocatoria serán os que establece a Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, na aplicación 11.04.322C.460.1 (código de proxecto 2015 00490) e polo importe de 2.200.000 €.

3. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Segundo o establecido no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 30 do seu regulamento, non poderán concederse subvencións por importe superior á contía total máxima fixada na convocatoria sen que previamente se realice unha nova convocatoria, salvo que se produza un incremento dos créditos nos supostos recollidos nos devanditos preceptos.

4. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2017-2021 e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, e terá en conta, en coherencia cos programas Impulsa de Lugo e Ourense, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde as entidades locais ou, na súa falta, as entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, sempre que todas elas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As ditas entidades, para poderen ser beneficiarias destas axudas, necesariamente deben estar adheridas á Rede Xatemprego para o uso da aplicación web na xestión de actividades vinculadas á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local (https://xatemprego.gal/), na cal deberán rexistrar todas as actividades e proxectos desenvolvidos ao abeiro destas axudas.

Artigo 3. Definición e funcións das persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local (en adiante, AEDL) configúranse como persoal contratado das entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

Esta colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolveraa a entidade contratante, para o cal as persoas contratadas como AEDL analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual a aquela e colaborarán co resto dos integrantes da rede, na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.

2. As persoas contratadas como AEDL realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles persoas emprendedoras, así como prospección das necesidades de persoal das empresas co obxecto de identificar novos nichos de emprego.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas, promotoras e emprendedoras, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

c) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio ás persoas promotoras das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoas tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de actividade empresarial.

Artigo 4. Contía da subvención e período subvencionable

1. A contía máxima das subvencións que se concederán por cada axente de emprego e desenvolvemento local poderá ser, co límite máximo de 27.046 euros anuais por cada contratación subvencionada e tendo en conta a media de paro rexistrada no ano 2021 no seu ámbito territorial de acordo coas estatísticas oficiais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade:

a) A equivalente ata o 35 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrado no ano 2021 igual ou superior a 500 persoas desempregadas.

b) A equivalente ata o 25 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrada no ano 2021 inferior a 500 persoas desempregadas.

c) A equivalente ata o 80 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando se trate de entidades beneficiarias en que, aínda que teñan unha media de paro rexistrada no ano 2021 inferior a 500 persoas desempregadas, a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos, tres concellos limítrofes, ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos.

2. A subvención prevista no parágrafo anterior concederase por un período dun ano e será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

3. As subvencións previstas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Esta obriga de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de persoa usuaria e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados pola persoa que posúe a representación legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. No caso da presentación de varias solicitudes, só se terá en conta a última, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicional das presentes bases reguladoras.

5. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I) deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 3 deste artigo, poderá ser identificada pola entidade solicitante como información accesible, de xeito que a correspondente xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:

a) Certificación da persoa secretaria da entidade solicitante segundo o modelo que se publica como anexo II en que conste:

1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

2º. A disposición de financiamento para custear a parte non subvencionada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

3º. A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o cal se solicita a subvención. En caso de solicitude conxunta de tres ou máis concellos, ou de dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos, achegaranse as respectivas certificacións de todos os concellos que se agrupan.

4º. As retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

b) Memoria proxecto que desenvolverá cada AEDL ou grupo de AEDL, en que se especifique:

1º. Breve diagnose socioeconómica da zona de actuación.

2º. Definición do proxecto global.

3º. Fases de desenvolvemento do proxecto.

4º. Obxectivos operativos de cada fase e tempos estimados de execución.

5º. Instrumentos e infraestrutura que se posúe para a súa posta en práctica.

6º. Número de AEDL para contratar.

7º. Accións e actividades que desenvolverán as persoas contratadas como axentes de emprego.

8º. Tempo previsto para a realización do proxecto e duración estimada dos contratos.

9º. Custos laborais totais anuais dos contratos.

10º. Plan de adaptación das persoas contratadas como axentes de emprego ao posto de traballo.

c) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración de desenvolvemento conxunto do proxecto e referencia ás achegas económicas e ás achegas dos concellos agrupados.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nesta e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas e/ou concedidas para este mesmo proxecto e conceptos para os cales solicita esta subvención das distintas administracións públicas competentes.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nas alíneas 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Acreditación de que a entidade local solicitante, ou entidades locais no caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, cumpriron co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

h) Que en relación co establecido no artigo 2 da orde de convocatoria, a entidade solicitante dispón de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos proxectos solicitados.

i) Que a entidade solicitante dispón de financiamento suficiente para sufragar os custos do proxecto que, de ser o caso, deban ser asumidos pola dita entidade.

j) Que as copias dos documentos sinalados nos puntos 1.a) e 1.b) do artigo 6 da orde de convocatoria coinciden cos orixinais, e que se poñen á disposición da Administración actuante para achegalos cando sexan requiridos.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 desta lei.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o servizo competente en materia de emprego das respectivas xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración Central para que esta, nun acto único para todas as xefaturas territoriais, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada.

Na composición da Comisión de Valoración Central procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. Para os efectos previstos nesta orde, a Comisión de Valoración Central estará composta polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego ou quen a substitúa, que exercerá as funcións da presidencia, e serán vogais as persoas responsables de cada unha das xefaturas territoriais, e unha persoa adscrita ao Servizo de Programas de Cooperación, que realizará as funcións de secretaria.

5. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes

1. Sempre que se cumpran os requisitos establecidos na presente orde, a Comisión de Valoración prevista no artigo 10 valorará as solicitudes presentadas conforme criterios de obxectividade, igualdade e non discriminación dentro das dispoñibilidades orzamentarias, perseguindo a maior repercusión posible das subvencións no ámbito territorial e tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Número de persoas desempregadas existentes no ámbito territorial da entidade (ata 10 puntos).

b) Poboación susceptible de ser atendida (ata 5 puntos).

c) A existencia de persoas contratadas como AEDL ao abeiro da orde do ano 2021 (ata 5 puntos).

d) Grao de participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio, respectando na medida do posible o equilibrio entre homes e mulleres, na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de AEDL e vinculación dos ditos plans de acción á iniciativa, ou que conten coa participación do comité territorial de emprego competente (ata 5 puntos).

e) O grao de incidencia que na creación de postos de traballo terán as actividades que desenvolverán as persoas contratadas como axentes de emprego (ata 5 puntos).

f) O establecemento de obxectivos operativos relacionados coa creación de empresas e o fomento da cultura emprendedora (ata 5 puntos).

g) Proxectos que na súa realización posibiliten a integración laboral dos colectivos máis desfavorecidos no mercado laboral (ata 5 puntos).

h) Poboación existente no ámbito territorial da entidade, segundo as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes no ano 2021 publicadas polo Instituto Galego de Estatística o 18 de xaneiro de 2022:

1º. Concellos cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes: ata 10 puntos.

2º. Concellos cunha poboación de 5.001 a 20.000 habitantes: ata 5 puntos.

3º. Mancomunidades: ata 5 puntos.

2. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 50 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración establecidos no parágrafo anterior e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios. As entidades solicitantes terán que obter como mínimo 20 puntos para acceder ás subvencións reguladas nesta orde. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aqueles proxectos en cuxo desenvolvemento se utilice a lingua galega.

3. A puntuación final das solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local incrementarase ata un 30 %, de acordo cos seguintes criterios:

a) Pola presentación da solicitude conxunta, cando vaia acompañada dunha memoria explicativa da realización e o financiamento conxunto da actuación, incrementarase nun10 %.

b) En función do número de concellos asociados ou da poboación beneficiaria ou destinataria das obras ou servizos, poderá incrementarse ata nun 10 %.

c) Pola presentación e valoración dunha memoria de aforro de custos respecto das solicitudes presentadas de modo individual, poderá incrementarse ata nun 10 %.

4. No caso de presentación de solicitudes por parte da entidade resultante dunha fusión de concellos, a súa puntuación final poderá incrementarse ata nun 35 %.

Artigo 13. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á persoa responsable da xefatura territorial que corresponda, quen, unha vez fiscalizada a proposta pola respectiva intervención territorial, resolverá a concesión ou denegación da axuda, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, mediante resolución motivada e individualizada, que se lles deberá notificar ás persoas interesadas.

2. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, duración e data de inicio, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento, e poderá ter efecto retroactivo sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servizos pola persoa contratada como axente de emprego, cando xa estivese contratada pola entidade local.

3. O prazo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se ditou resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade, no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Requisitos e selección das persoas axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As persoas candidatas para seren contratadas e desempeñar as funcións de axentes de emprego e desenvolvemento local deberán ter superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo de educación universitaria, valorándose a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos de desenvolvemento local ou proxectos de emprego.

2. Non será preciso realizar ningún proceso de selección cando a persoa que se contrate estea a prestar servizos na entidade beneficiaria da subvención e cumpra cos requisitos establecidos no parágrafo anterior.

3. De ser necesario realizar algún proceso de selección, esta será efectuado pola entidade beneficiaria mediante o procedemento que consideren máis apropiado, sempre que se garanta a idoneidade para o posto, o cumprimento do disposto no parágrafo primeiro deste artigo e se trate de persoas demandantes de emprego, ocupadas ou non, inscritas no servizo público de emprego de Galicia (Emprego Galicia).

Se a entidade decide optar pola presentación dunha oferta na oficina de emprego correspondente ao seu domicilio, esta terá a consideración de oferta de emprego ordinaria.

A selección deberá realizarse tendo en conta a data límite para remitir a documentación xustificativa establecida na resolución de concesión da subvención.

Artigo 15. Contratación das persoas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As persoas seleccionadas como axentes de emprego de conformidade cos procedementos establecidos no artigo anterior serán contratadas a tempo completo pola entidade local ou entidade dependente ou vinculada, mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse dentro do exercicio 2022, nos termos expresados na resolución de concesión.

2. A concesión e gozo destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

3. A entidade beneficiaria debe facilitar aos AEDL os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración, conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, sen prexuízo das instrucións que para a realización das tarefas lle dirixa a Administración á persoa responsable da entidade beneficiaria das axudas. Serán as persoas responsables da entidade beneficiaria as que impartirán todas as ordes, criterios de realización do traballo e directrices ao persoal traballador, e será a entidade a responsable da calidade técnica das tarefas que desenvolva.

4. A entidade beneficiaria débelle comunicar á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, polas canles e nos prazos establecidos por esta, a incorporación destas persoas para os efectos de dalas de alta, en tempo e forma, na aplicación Xatemprego.

Artigo 16. Substitución das persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato ou a redución da xornada antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado e/ou durante a redución da xornada, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días naturais seguintes ao da baixa/redución de xornada na Seguridade Social da persoa inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días naturais, a substitución só será posible logo de autorización expresa da xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade correspondente, logo de solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con indicación da causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días hábiles desde a correspondente contratación, e achegar a seguinte documentación orixinal ou copia cotexada:

a) No caso de extinción do contrato ou redución de xornada, recollido no número 1, parte de baixa ou modificación na Seguridade Social da persoa traballadora substituída, e no suposto de baixa temporal a que fai referencia o número 2, xustificación de duración superior a 30 días naturais mediante o correspondente parte de baixa ou informe médico.

b) Parte de alta na Seguridade Social, xunto co informe de datos de cotización (IDC) da persoa traballadora substituta.

c) Contrato de traballo mediante a modalidade contractual máis adecuada.

d) Certificado de selección da persoa traballadora substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha persoa candidata que quedase en lista de espera na primeira selección.

4. Tanto no caso de extinción, como de substitución por suspensión do contrato ou por redución de xornada, a selección da nova persoa traballadora deberá levarse a cabo de acordo cos requisitos e procedemento establecidos no artigo 14.

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo sexa inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, devolverase o remanente da subvención polo importe correspondente. En ningún caso poderá producirse un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.

Artigo 17. Adaptación inicial e actualización permanente da formación das persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As entidades beneficiarias garantirán a adaptación das persoas contratadas como AEDL aos seus postos de traballo, facilitándolles o acceso á metodoloxía e a cantas técnicas sexan necesarias para o mellor desenvolvemento das súas funcións, pondo á súa disposición os equipamentos e medios materiais adecuados, tales como equipamentos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico, ademais do acceso á formación que se estableza.

2. A xefatura territorial correspondente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá comprobar, mediante visitas aos centros de traballo ou outros procedementos, a idoneidade dos mencionados procesos de adaptación.

3. Co fin de garantir a adecuada coordinación, formación e actualización permanente deste persoal técnico, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en colaboración con outros órganos e/ou entidades públicas da Xunta de Galicia, organizará, con medios propios ou alleos, cantas actuacións considere convenientes, a través de reunións de coordinación, cursos ou xornadas de traballo, presenciais, telemáticas ou por calquera outro medio, facilitándolle a este persoal regularmente información sobre normativa, desenvolvemento de plans e outras cuestións que se consideren de interese. En todo caso, priorizarase o seu desenvolvemento a través das ferramentas dispoñibles na aplicación Xatemprego.gal, así como a súa colaboración coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

4. A asistencia e a participación nestas actividades de formación, coordinación, divulgación e actualización serán obrigatorias, polo que as entidades beneficiarias da subvención deberán facilitar a participación das persoas contratadas como AEDL nas citadas actuacións durante o horario de traballo.

Artigo 18. Coordinación da Rede de técnicos de emprego de Galicia

A coordinación da Rede de técnicos de emprego de Galicia, integrada polos axentes de emprego e polos axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL), levarase a cabo desde a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 19. Avaliación das actividades levadas a cabo polas persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. Co obxecto de facilitar e axilizar o traballo diario das persoas contratadas como AEDL e de ofrecer unha información detallada sobre a xestión e os resultados acadados para cada unha das actuacións e servizos promovidos polas persoas AEDL, disponse do sistema electrónico https://xatemprego.gal/ para o rexistro e xestión da actividade e da memoria correspondente que permite avaliar as actuacións que están sendo levadas a cabo por aqueles.

2. Os datos e a información sobre os servizos e actuacións en que tomen parte deberán ser subministrados en tempo real, de xeito que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poida, en calquera momento, ter coñecemento das distintas actuacións que están a levar a cabo as persoas contratadas con cargo a estas axudas.

Artigo 20. Publicidade

1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servizo deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, no modelo normalizado establecido no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, publicado na web institucional da Xunta de Galicia https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0043.html, en que constará o cofinanciamento pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da Rede de técnicos de emprego de Galicia, cara ás persoas usuarias dos seus servizos en toda a comunidade autónoma, que permita unha mellor e máis rápida identificación deles, deberá utilizarse o conxunto de normas gráficas recollidas no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, para a utilización do logotipo da rede nos distintos elementos de comunicación, o que redundará nunha maior calidade das prestacións desenvolvidas polas persoas contratadas como axentes.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b), 18.2 e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión e, en todo caso, antes do 31 de decembro do 2022:

a) Contratos de traballo ou, se é o caso, prórroga dos respectivos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

b) Partes de alta ou certificación que acredite a alta na Seguridade Social das persoas contratadas.

c) Unha declaración responsable do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo III.

d) Os datos relativos á titulación e experiencia profesional das persoas contratadas como axentes de emprego, debidamente acreditados.

e) Se é o caso, certificación da persoa secretaria da entidade solicitante sobre os resultados da presentación da oferta ante o Servizo Público de Emprego e sobre os custos da contratación, indicando o salario bruto mensual desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, cando estes sexan inferiores aos custos certificados no momento da presentación da solicitude de subvención.

f) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 20.

g) O documento de consentimento de cesión de datos da persoa contratada como AEDL, segundo o modelo que se estableza pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

2. Se é o caso, a comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social realizarase polo servizo competente en materia de emprego da respectiva xefatura territorial a través das correspondentes aplicacións informáticas, cando a persoa estivese xa contratada pola entidade local.

3. A comprobación das actividades e proxectos executados polo persoal contratado en relación coas funcións previstas no artigo 3 desta orde realizarase directamente a través da consulta dos rexistros gravados por aquel na aplicación https://xatemprego.gal/ para o exercicio correspondente.

4. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitirlle á xefatura territorial correspondente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade unha certificación acreditativa da súa recepción. Para estes efectos deberá presentar:

a) O certificado de recepción de fondos, de acordo co modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html

b) Extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer, ao seu vencemento e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ademais facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

f) Comunicarlle, no prazo de 10 días, á xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que corresponda:

1º. As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

2º. Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que desenvolvan as persoas contratadas como AEDL, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Realizar, cando proceda e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de promoción do Emprego e Igualdade, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias das persoas mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.

h) Pór á disposición das persoas contratadas como axentes de emprego todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico.

i) Utilizar as ferramentas informáticas postas á disposición do persoal técnico, especialmente o sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades (Xatemprego) que permita avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles.

j) Presentar ante a respectiva xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizada a execución dos proxectos subvencionados, a seguinte documentación:

1º. Unha memoria descritiva sobre a experiencia e práctica profesionais adquiridas polas persoas traballadoras contratadas.

2º. Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia.

3º. Nóminas aboadas ás persoas traballadoras que se contraten e boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas) e mais o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190, en concreto, os certificados individuais das retencións e ingresos á conta do IRPF das persoas traballadoras subvencionadas).

k) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, se realicen por persoal técnico da respectiva xefatura territorial.

Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 21.1: procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

d) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 22.1.j): no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se reintegrará será proporcional ao gasto non xustificado.

e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial mensualmente: cando o importe salarial aboado fóra de prazo sexa inferior ao 50 % do gasto subvencionado, o importe que se reintegrará será equivalente ao importe aboado fóra do prazo establecido; e no suposto de que o importe salarial aboado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50 %, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 20: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

2. A obriga ao reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. O incumprimento da obriga de subministración da información establecida na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, sancionarase conforme o previsto no seu artigo 4.4 coa imposición de multas coercitivas.

Disposición adicional primeira. Límites orzamentarios

A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, e terá como límite global a cantidade de 2.200.000 € prevista na aplicación 11.04.322C.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos titulares das xefaturas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que se teña declarada a abstención ou recusación da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, segundo establece a disposición adicional segunda do Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022.

Disposición adicional terceira. Réxime de infraccións e sancións

As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional cuarta. Consentimento escrito

Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, os datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura), así como os académicos e profesionais das persoas contratadas como AEDL, serán públicos e deberán estar á disposición de quen requira dos seus servizos como tales, polo que deberán prestar o seu consentimento por escrito segundo o modelo que estableza a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que serán tratados só e exclusivamente para o correcto desenvolvemento das finalidades previstas nesta orde, e en ningún caso se utilizarán para outro fin.

Para os efectos do disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, as entidades beneficiarias das axudas para a contratación de AEDL incorporarán os datos de carácter persoal nun ficheiro propio, declarado previamente no Rexistro da Axencia Española de Protección de Datos.

A entidade beneficiaria comunicaralle á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade os datos necesarios para o seguimento, control e supervisión das accións citadas, solicitándolle previamente á persoa interesada o seu consentimento sobre a cesión dos datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura), así como os académicos e profesionais. A consellería comprométese a utilizar estes datos exclusivamente para a finalidade mencionada.

En todo caso, aplicaranse sobre os datos de carácter persoal obxecto de tratamento as medidas de seguridade establecidas no artigo 22.2 desta orde, no Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, así como na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Autorización para desenvolvemento e execución

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file