Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2022 Páx. 48383

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 5 de setembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 17 de xaneiro de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e a mellora das instalacións e dos locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT211B).

O día 10 de febreiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 17 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e a mellora das instalacións e dos locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT212B).

No artigo 22.1 da devandita orde establecíase que as entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a achegar a documentación xustificativa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 31 de outubro de 2022.

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e resolución debido ás circunstancias especiais da situación económica actual, o aumento de prezo das materias primas, as dificultades nos procedementos de contratación das obras e a demora nas entregas de materiais polos provedores, xunto coa complexidade da execución dos proxectos e co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 17 de xaneiro de 2022

Modifícase o artigo 22.1 da Orde do 17 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e a mellora das instalacións e dos locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT211B), que quedaría redactado como segue:

«Artigo 22. Xustificación

1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a achegar a documentación xustificativa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 30 de novembro de 2022; unha vez transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos da xustificación das subvencións.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación de prazo son os establecidos no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a entidade beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe total do investimento subvencionable; de non alcanzarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades