Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 15 de setembro de 2022 Páx. 48663

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2022, do tribunal encargado de cualificar o proceso para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, convocado pola Resolución do 16 de decembro de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 241, do 17 de decembro), pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 26 de xullo e o 6 de setembro de 2022, o tribunal nomeado pola Resolución do 16 de maio (DOG núm. 99, do 24 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, convocado pola Resolución do 16 de decembro de 2021 (DOG núm. 241, do 17 de decembro) e modificado pola Resolución do 6 de xuño de 2022 (DOG núm. 111, do 10 de xuño),

ACORDOU:

Primeiro. Unha vez revisadas, na sesión que tivo lugar o 26 de xullo de 2022, as reclamacións presentadas ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria:

Anular as preguntas 16, 87, 123, 185 e 186 do cuestionario, que pasan a ser substituídas polas preguntas de reserva 201, 203, 204, 205 e 206.

Desestimar o resto das alegacións presentadas.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas nesta quenda, sempre que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De darse o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocado nesta quenda.

Feita a corrección na sesión do 6 de setembro de 2022, e consonte os criterios anteriores, superaron o exame un total de 28 aspirantes.

Terceiro. Publicar, tal e como exixe a base II.1.2.7 da convocatoria, as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao primeiro exercicio do proceso para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Cuarto. Segundo a base II.1.1.2, os documentos que xustifiquen as exencións do segundo exercicio (orixinais ou fotocopias cotexadas) deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen o primeiro exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022

Javier Páez González
Presidente do tribunal