Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 16 de setembro de 2022 Páx. 48824

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2022, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Resolución do 31 de maio de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 115, do 18 de xuño), pola que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio do proceso selectivo pola quenda de acceso libre.

En sesión que tivo lugar o 1 de setembro de 2022, o tribunal nomeado pola Resolución do 16 de maio de 2022 (DOG núm. 97, do 20 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Resolución do 31 de maio de 2021, acordou, de conformidade co disposto na base II.1.2.6 da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición, pola quenda de acceso libre, terá lugar o día 23 de setembro de 2022, en chamamento único que se iniciará ás 15.30 horas, nas salas 2, 6, 7, 11 e na sala de exposicións da Escola Galega da Administración Pública (EGAP), no polígono das Fontiñas, rúa Madrid 2-4, en Santiago de Compostela.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. O tribunal facilitará unha calculadora ás persoas aspirantes e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

Para o desenvolvemento deste exercicio as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples, sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, está expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas e de temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022

Juan José Rodríguez Díaz
Presidente do tribunal