Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 19 de setembro de 2022 Páx. 49006

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2022, da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias para a promoción singular de vivendas de protección oficial de promoción pública en Cabanelas-Viascón, concello de Cerdedo-Cotobade, en segundas e posteriores adxudicacións (expediente PO-2008/XEST01).

De acordo co que se establece no artigo 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, en sesión do 6 de setembro de 2022,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias para a promoción singular de vivendas de protección oficial de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións, do expediente PO-2008/XEST01.

O procedemento de selección desenvolverase de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

Número de vivendas: dúas e as vacantes que se produzan ao longo do ano.

Expediente: PO-2008/XEST01.

Localización das vivendas: lugar de Cabanelas, Viascón, no concello de Cerdedo-Cotobade.

Composición familiar para cada vivenda: unidades familiares ou convivenciais de 1 a 4 membros.

Segundo. Cualificación das vivendas

As vivendas foron cualificadas definitivamente mediante a Resolución do director xeral do IGVS do 28 de xullo de 2011, como promoción singular de vivendas de protección oficial de promoción pública ao abeiro da disposición adicional segunda do Decreto 253/2007, do 13 de decembro. O réxime xurídico das ditas vivendas é o establecido para vivendas cualificadas en barrio histórico neste decreto, coas especificacións determinadas na resolución de cualificación.

Terceiro. Réxime de adxudicación das vivendas da promoción

As vivendas adxudicaranse en arrendamento.

Cuarto. Condicións das persoas beneficiarias

Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar, reúnan os seguintes requisitos:

1. Na data desta resolución de inicio, estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Cerdedo-Cotobade

2.Ter ingresos ponderados por unidade familiar entre 1 e 3,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

3. Residir ou traballar no concello onde se localizan as vivendas, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

4. Carecer de vivenda en calidade de persoas propietarias, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Excepcionalmente, poderán acceder a unha vivenda protexida as persoas que sexan propietarias doutra vivenda cando estea suxeita a expediente de expropiación forzosa, as persoas separadas ou divorciadas que se atopen ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias e que fosen privadas do uso da vivenda por sentenza ou convenio regulador e as que ocupen aloxamentos provisionais como consecuencia de actuacións de emerxencia ou remodelacións urbanas que impliquen a perda da súa vivenda ou calquera outra situación excepcional declarada polo organismo competente en materia de vivenda (artigo 64.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).

b) Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto, quedarán obrigados a ofertar a dita vivenda ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007.

c) A tenza doutra vivenda respecto da cal non se posúa a súa plena propiedade e dispoñibilidade en calidade de dono, sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 30.000 € (Resolución do 23 de febreiro de 2015, do IGVS).

Quinto. Condicións xerais de carácter económico

Réxime de arrendamento.

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de sete anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibido, en todo caso, a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, se é o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Sexto. Procedemento de adxudicación

De acordo co Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, antes mencionado, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Cerdedo-Cotobade ata a data de hoxe, en réxime de arrendamento.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, mentres non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.

Sétimo. Número de solicitantes que integrarán as listas

Serán quince as persoas demandantes seleccionadas entre todas as que figuren inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia para o concello de Cerdedo-Cotobade.

A orde de confección das referidas listas virá determinada pola orde de selección que se derive do sorteo.

Oitavo. Publicidade

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias/en espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Cerdedo-Cotobade, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

Noveno. Asignación de vivendas

De acordo co establecido no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Área Provincial do IGVS procederá á determinación da vivenda que lle corresponde a cada persoa adxudicataria tendo en conta a mellor adecuación das vivendas á composición da unidade familiar e convivencial daquelas.

A Área Provincial do IGVS notificará á persoa adxudicataria definitiva as características da vivenda que se lle vai adxudicar, tal notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos:

– Tipo de vivenda.

– Superficie útil.

– Réxime de adxudicación.

– Prezo de renda.

As persoas adxudicatarias definitivas disporán dun prazo de dez días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación, e no caso de aceptaren, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.

Décimo. Data do sorteo

O sorteo celebrarase ás 10.30 horas do día 6 de outubro de 2022, ante persoa que dea fe pública.

Décimo primeiro. Vixencia da lista de espera

Ao abeiro do artigo 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a vixencia da lista de espera resultante deste sorteo será dun ano, contado a partir da data en que se aproben as listas definitivas de persoas adxudicatarias/en espera, e utilizarase por rigurosa orde de prelación, nesta promoción (expediente PO-2008/XEST01), durante a súa vixencia.

Pontevedra, 6 de setembro de 2022

José Manuel González González
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra