Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 20 de setembro de 2022 Páx. 49097

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de setembro de 2022 pola que se establecen normas en relación coa comercialización dos produtos ecolóxicos.

A comercialización supón un importante elo na cadea de distribución dos produtos ecolóxicos que debe estar sometida a control oficial do mesmo xeito que a produción, a elaboración, a almacenaxe e a importación dos devanditos produtos. Así o dispón o Regulamento 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 834/2007 do Consello, que no seu artigo 34.1 establece que as persoas operadoras que produzan, preparen, distribúan ou almacenen produtos ecolóxicos ou en conversión, que importen os devanditos produtos dun terceiro país ou os exporten a un terceiro país, ou que comercialicen os ditos produtos, notificarán a súa actividade ás autoridades competentes do Estado membro en que leve a cabo a actividade e en que a súa empresa se someta ao sistema de control.

O citado Regulamento (UE) 2018/848 é de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2022 e establece, respecto do regulamento que derroga, un novo enfoque en relación co control da comercialización dos produtos ecolóxicos. Así, por unha banda, exime as persoas operadoras que comercializan directamente ás persoas consumidoras finais produtos ecolóxicos xa envasados da necesidade de notificar a súa actividade á autoridade competente, se se cumpren determinados requisitos. Estas persoas operadoras tamén quedan eximidas da necesidade de obter o certificado a que se refire o artigo 35 do citado regulamento, exixible en xeral ás persoas operadoras ecolóxicas. Por outra banda, o artigo 35.8 deste regulamento recolle a posibilidade de que os Estados membros establezan exencións a persoas operadoras que vendan directamente aos consumidores e ás consumidoras finais produtos ecolóxicos non envasados –comunmente denominados graneis– que non sexan pensos para que, se cumpren determinadas condicións, non teñan a obriga de obter o certificado citado. Con todo, estas persoas operadoras non están eximidas de notificar a súa actividade á autoridade competente ou, de acordo co artigo 34.4, á autoridade que esta designe ou ao organismo que autorice. Debido á repartición de competencias establecida en España, a dita referencia aos Estados membros enténdese neste contexto feita ás autoridades competentes en materia de produción ecolóxica das comunidades autónomas.

Porén, as exencións referidas no parágrafo anterior non implican deixar a actividade levada a cabo por esas persoas operadoras fóra do control oficial.

Por outra banda, o artigo 38.3 do Regulamento (UE) 2018/848 determina que todas as persoas operadoras, excepto as previstas nos dous casos mencionados anteriormente, deberán estar suxeitas a unha verificación do cumprimento das normas de produción ecolóxica polo menos unha vez ao ano, de conformidade co artigo 9 do Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017. Ademais, a verificación do cumprimento incluirá unha inspección física in situ, salvo cando se cumpran dúas condicións xa establecidas normativamente no devandito artigo.

A complexa organización do Estado español, con comunidades autónomas con competencias nesta materia, por unha banda, e a conveniencia dunhas normas comúns que faciliten a actividade comercial das empresas da distribución que operan en diferentes comunidades autónomas, por outro, levaron á elaboración no seo da Mesa de Coordinación da Produción Ecolóxica dunhas directrices para a coordinación das autoridades competentes na produción ecolóxica no relativo á comercialización destes produtos. A Mesa de Coordinación da Produción Ecolóxica, órgano colexiado creado a través do Real decreto 833/2014, do 3 de outubro, en que participan representantes das autoridades competentes en produción ecolóxica das comunidades autónomas e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, aprobou as ditas directrices en xullo de 2021.

Por outra banda, de acordo co disposto no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, esta axencia actúa como autoridade competente en materia de produción ecolóxica en Galicia. Ademais, segundo o establecido na Orde do 3 de abril de 2009 pola que se aproba o Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, a Consellería do Medio Rural ten delegadas funcións de control oficial neste consello regulador, que actúa como autoridade de control nesta comunidade autónoma, conforme o previsto no Regulamento (UE) 2017/625 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2017, e no Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018.

De acordo co anterior e no uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer normas en relación coa comercialización de produtos ecolóxicos no mercado retallista e, especificamente, establecer determinadas exencións en relación cos requisitos que, con carácter xeral, deben cumprir as persoas operadoras que realizan esta actividade, de acordo co previsto no Regulamento (UE) 2018/848.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde é de aplicación á venda ás persoas consumidoras ou usuarias finais de produtos ecolóxicos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos da aplicación desta orde, consideraranse as seguintes definicións:

a) «Produto ecolóxico»: produto resultante da produción ecolóxica, regulada mediante o Regulamento (UE) 2018/848. Para os efectos desta orde, inclúense neste concepto tamén os produtos obtidos durante o período de conversión a que se refire o artigo 10 do dito regulamento. Os produtos da caza e da pesca de animais salvaxes non se considerarán produtos ecolóxicos.

b) «Produción ecolóxica»: o uso de métodos de produción que cumpran o disposto no Regulamento (UE) 2018/848 en todas as etapas da produción, preparación e distribución.

c) «Persoa operadora»: de acordo co establecido no artigo 3 do Regulamento (UE) 2018/848, é a persoa física ou xurídica responsable de asegurar o cumprimento da normativa de produción ecolóxica en cada etapa de produción, preparación e distribución levada a cabo baixo o control da devandita persoa.

De acordo con isto, a persoa operadora é unha persoa física ou xurídica cun mesmo NIF, aínda que teña distintas actividades e diferentes localizacións.

d) «Persoa operadora comercializadora»: toda persoa operadora que comercializa produto ecolóxico.

e) «Comercialización»: de acordo co artigo 3 do Regulamento (CE) 178/2002, comercialización é a tenza de alimentos co propósito de vendelos, incluíndo a oferta de venda ou de calquera outra forma de transferencia, xa sexa a título oneroso ou gratuíto, así como a venda, distribución ou outra forma de transferencia.

f) «Persoa consumidora ou usuaria final»: persoa física ou xurídica que actúa no ámbito alleo a unha actividade empresarial ou profesional, que adquire un produto co obxecto da súa utilización final e que non empregará o dito alimento como parte de ningunha operación ou actividade mercantil no sector da alimentación.

g) «Venda directa á persoa consumidora ou usuaria final»: venda que se realiza con presenza física e simultánea da persoa operadora comercializadora ou do seu persoal comercial e da persoa consumidora ou usuaria final. Este concepto exclúe a venda a través de medios electrónicos.

h) «Alimento envasado»: de acordo co establecido no artigo 2, número 2, letra e), do Regulamento (CE) núm. 1169/2011, calquera unidade de venda destinada a ser presentada sen ulterior transformación á persoa consumidora final e ás colectividades, constituída por un alimento e o envase no cal fose acondicionado antes de ser posto á venda, xa recubra o envase o alimento de maneira total ou só parcialmente, pero de tal forma que non poida modificarse o contido sen abrir ou modificar o dito envase. A definición de «alimento envasado» non inclúe os alimentos que se envasen por solicitude da persoa consumidora no lugar da venda ou se envasen para a súa venda inmediata.

Artigo 4. Exencións para as persoas operadoras comercializadoras que venden produtos ecolóxicos envasados

De acordo co previsto no artigo 34.2 do Regulamento (UE) 2018/848, as persoas operadoras comercializadoras que vendan produtos ecolóxicos envasados directamente ás persoas consumidoras ou usuarias finais quedan exentas da obriga de notificación mencionada no número 1 do devandito artigo e da obriga de estaren en posesión do certificado a que se refire o artigo 35, número 2, do devandito regulamento, a condición de que non produzan, preparen, almacenen –salvo o almacenamento en relación co punto de venda–, nin importen os ditos produtos de terceiros países, nin subcontraten a outra persoa operadora para efectuar tales actividades.

Artigo 5. Persoas operadoras comercializadoras que venden produtos ecolóxicos sen envasar

As persoas operadoras comercializadoras que vendan directamente á persoa consumidora ou usuaria final produtos ecolóxicos non envasados que non sexan pensos quedan eximidas da obriga de estar en posesión do certificado a que se refire o artigo 35 do Regulamento (UE) 2018/848, sempre que as ditas persoas operadoras non produzan, preparen, almacenen –salvo o almacenamento en relación co punto de venda–, nin importen os ditos produtos de terceiros países, nin subcontraten un terceiro para efectuar tales actividades e, ademais, cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) As ditas vendas non superen 5.000 kg ao ano.

b) As ditas vendas non representen un volume de negocios anual de produtos ecolóxicos sen envasar superior a 20.000 euros.

c) O custo potencial de certificación da persoa operadora supere o 2 % do volume de negocios total de produtos ecolóxicos sen envasar vendidos por ela.

Artigo 6. Procedemento de control

1. Todas as persoas operadoras comercializadoras, salvo as que se atopan na situación de exención que se recolle no artigo 4, deberán notificar a súa actividade ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, para o que poderán utilizar o modelo de formulario que se recolle no anexo desta orde.

2. As persoas operadoras comercializadoras que non se atopen nalgunha das situacións de exención que se recollen nos artigos 4 e 5 desta orde deberán estar en posesión do certificado a que se refire o artigo 35 do Regulamento (UE) 2018/848 e someterse ao control e certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

3. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia manterá os rexistros das notificacións a que se refire o número 1 deste artigo á disposición da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e de calquera outra autoridade que resulte competente, nun formato que permita coñecer a actividade comercializadora de produtos ecolóxicos e poder controlar a dita actividade.

Artigo 7. Controis oficiais sobre as persoas operadoras exceptuadas

Atendendo ao establecido na letra e) do artigo 38.1 do Regulamento (UE) 2018/848, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, como autoridade competente en materia de produción ecolóxica, coordinarase con aquelas autoridades competentes responsables do control oficial no mercado para establecer os protocolos, mecanismos ou procedementos oportunos co obxectivo de que as persoas operadoras exceptuadas conforme os artigos 4 e 5 desta orde sexan sometidas a control oficial. Nestes protocolos darase cabida á participación activa do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Mediante estes controis verificarase tanto o cumprimento dos requisitos para esas exencións como os produtos vendidos polas devanditas persoas operadoras.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Notificación de actividade e declaración do cumprimento dos requisitos de exención de certificado para a venda polo miúdo de produtos ecolóxicos a granel

Don/dona ________________________________________,con NIF _______________,

e enderezo en ________________________________________, en representación da empresa _________________________________________, con NIF _____________, de conformidade co establecido na Orde da Consellería do Medio Rural do 12 de setembro de 2022, declaro que:

a) As vendas de produtos ecolóxicos que realiza a empresa son exclusivamente a persoas consumidoras finais.

b) A empresa non produce nin prepara produtos ecolóxicos no punto de venda, nin importa os ditos produtos de terceiros países, nin subcontrata tales actividades a un terceiro.

c) A empresa só almacena no punto de venda os produtos ecolóxicos e non subcontrata tal actividade a un terceiro.

Así mesmo, declaro os seguintes datos da actividade da empresa referidos ao último exercicio pechado (ano _________):

– Vendas en kg de produtos ecolóxicos a granel: ________________________________

– Facturación en euros de produtos ecolóxicos a granel: __________________________

– Porcentaxe do custo de certificación teórico sobre o total de vendas de produtos ecolóxicos a granel: ___________________________________________________________

Relación de establecementos da persoa operadora comercializadora baixo o mesmo NIF:

----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Conforme o anteriormente recollido, notifico a actividade como operadora comercializadora de produtos ecolóxicos da empresa que represento nos establecementos indicados e declaro que esta empresa cumpre os requisitos establecidos no artigo 5 da Orde da Consellería do Medio Rural do 12 de setembro de 2022 para a súa exención da obtención do certificado a que se refire o artigo 35 do Regulamento (UE) 2018/848.

Así mesmo, comprométome a comunicar calquera variación nos datos aquí declarados se esta puidese afectar o cumprimento dos requisitos necesarios para a devandita exención.

En …………………………, o …… de ……………. de …………………….

CONSELLO REGULADOR DA AGRICULTURA ECOLÓXICA DE GALICIA

Ronda Mª Emilia Casas Baamonde. Edificio Multiusos. 27400 Monforte de Lemos